Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 57 Mércores, 25 de marzo de 1998 Páx. 2.933

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE AGRICULTURA, GANDERÍA E POLÍTICA AGROALIMENTARIA

ORDE do 9 de marzo de 1998 pola que se modifica a do 1 de abril de 1997 pola que se estableceu unha prima pola comercialización anticipada de xatos.

O Regulamento (CEE) 805/1968, do Consello, do 27 de xuño, establece no seu artigo 4 decies unha prima por comercialización anticipada de xatos, aplicada en Galicia mediante a Orde do 1 de abril de 1997, da Consellería de Agricultura, Gandería e Montes.

Este regulamento foi modificado polo Regulamento (CE) 2321/1997, do 18 de novembro, establecendo unhas compensacións diferentes en función dos tipos de canal presentados ó sacrificio acollido a esta réxime de axudas. Esta modificación aplicouse en Galicia mediante a orde do 25 de agosto de 1997, da Consellería de Agricultura, Gandería e Montes, que modificou a precipitada Orde do 1 de abril.

Por último, a Comisión decidiu modificar novamente os importes da prima aplicable, debido á evolución dos mercados de carne de vacún, mediante o Regulamento (CE) 2502/1997, do 15 de decembro.

Polo tanto, non obstante a aplicabilidade directa dos regulamentos comunitarios, para unha claridade e difusión da norma, semella conveniente a modificación da Orde do 1 de abril de 1997.

Con base no anterior, e de acordo co disposto no artigo 30.1º.3 do Estatuto de autonomía de Galicia, en uso das facultades que me confire a Lei 1/1983, reguladora da Xunta e o seu presidente, modificada

pola Lei 11/1988, e o Decreto 25/1998, do 22 de xaneiro.

DISPOÑO:

Artigo 1º

Modifícase o parágrafo terceiro do punto 1 do artigo 5 da orde da Consellería de Agricultura, Gandería e Montes do 1 de abril de 1997, que queda redactado do seguinte modo:

«50 ecu por animal, para animais sacrificados entre o 14 de abril e o 30 de novembro de 1997».

Artigo 2º

Engádeselle un novo parágrafo ó apartado 1º do artigo 5 da orde da Consellería de Agricultura, Gandería e Montes do 1 de abril de 1997, coa seguinte redacción:

«50 ecu por animal sacrificado a partir do 1 de decembro de 1997».

Artigo 3º

Modifícase o parágrafo primeiro do apartado 2-c) do artigo 5 da orde da Consellería de Agricultura, Gandería e Montes do 1 de abril de 1997, que queda redactado comos segue:

«Animais sacrificados entre o 1 de xullo e o 30 de novembro de 1997».

Artigo 4º

Engádese un novo apartado d) ó punto 2º do artigo 5 da orde da Consellería da Agricultura, Gandería e Montes do 1 de abril de 1997, coa seguinte redacción:

«No caso de animais sacrificados a partir do 1 de decembro de 1997:

- En 30 ecu para canais de peso igual ou inferior a 110 kg.

- En 15 ecu para canais de peso superior a 110 kg pero inferior ou igual a 120 kg.

- En 5 ecu para canais de peso superior a 120 kg correspondentes a animais sacrificados entre o 1 e o 31 de decembro de 1997».

Disposicións derradeiras

Primeira.-Facúltase o director do ILGG para que dicte as instruccións necesarias para o desenvolvemento e execución do disposto nesta orde.

Segunda.-A presente orde entrará en vigor o mesmo día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia

Santiago de Compostela, 9 de marzo de 1998.

Cástor Gago Álvarez

Conselleiro de Agricultura, Gandería e Política Agroalimentaria

2480