Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 53 Mércores, 18 de marzo de 1998 Páx. 2.690

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE ECONOMÍA E FACENDA

DECRETO 87/1998, do 5 de marzo, polo que se acepta a cesión a título gratuíto á Comunidade Autónoma de Galicia do inmoble da casa cuartel, situado na avenida de América da Pobra de Trives (Ourense) para edificio de xulgados.

O Pleno da Corporación Municipal da Pobra de Trives acordou en sesión celebrada o día 18 de xuño de 1996, a cesión á Comunidade Autónoma de Galicia do inmoble da casa cuartel situado na avenida de América da Pobra de Trives (Ourense) para edificio de xulgados desa vila.

Conforme os artigos 17.1º da Lei 3/1985, do 12 de abril, do patrimonio da Comunidade Autónoma galega, e 34 do seu regulamento aprobado polo Decreto 50/1989, do 9 de marzo, a adquisición pura e simple de bens a título gratuíto ou lucrativo requirirá decreto do Consello da Xunta de Galicia, por proposta da Consellería de Economía e Facenda. Asemade, os artigos 23.1º da mesma lei e 38.1º do regulamento establecen que non se poderán adquirir bens ou dereitos a título lucrativo cando o valor dos gravames, cargas ou afeccións impostos sobre eles exceda o seu valor intrínseco; se ben non se consideran carga, gravame ou afección os investimentos que teña que realiza-la Comunidade Autónoma para da-lo destino de uso xeral ou servicio público da súa competencia que fixe o cedente ou doador.

Na súa virtude, de conformidade coa proposta da conselleiro de Economía e Facenda, feita nos termos nos que o Concello da Pobra de Trives acordou a cesión e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día cinco de marzo de de mil novecentos noventa e oito,

DISPOÑO:

Artigo 1º

Acéptase a cesión gratuíta á Comunidade Autónoma de Galicia do inmoble da casa cuartel, situado na avenida de América da Pobra de Trives. Mide

802,16 m e linda ó norte, Julio Corzo e Orentino Fernández; sur, Nicasio Álvarez; leste, Raquel López, e oeste, rúa Avda. de América.

O inmoble descrito atópase inscrito no Rexistro da Propiedade da Pobra de Trives, no tomo 340, folio 183, do libro 62, predio nº 8228, inscrición terceira.

Artigo 2º

O inmoble cedido destinarase á construcción do edificio de xulgados na Pobra de Trives.

Artigo 3º

A Consellería de Economía e Facenda, a través da Secretaría Xeral e do Patrimonio, procederá á formalización da cesión no correspondente documento público e á inscrición do ben no Rexistro da Propiedade a nome da Comunidade Autónoma.

Disposición derradeira

A Consellería de Economía e Facenda, a través da Secretaría Xeral e do Patrimonio, levará a cabo tódolos trámites necesarios para a efectividade do presente decreto.

Santiago de Compostela, cinco de marzo de mil novecentos noventa e oito.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente

José Antonio Orza Fernández

Conselleiro de Economía e Facenda

2295