Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 53 Mércores, 18 de marzo de 1998 Páx. 2.687

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DE AGRICULTURA, GANDERÍA E POLÍTICA AGROALIMENTARIA

DECRETO 85/1998, do 26 de febreiro, polo que se establece o sistema de identificación e rexistro dos animais da especie bovina.

O Regulamento (CE) nº 820/97, do Consello, do 21 de abril, obriga ó establecemento dun sistema máis eficaz de identificación e rexistro dos animais da especie bovina co fin de reforza-las disposicións da Directiva 92/102/CEE e mellorar así a transparencia das condicións de producción e de comercialización, co obxectivo de restablece-la estabilidade do mercado da carne de vacún e garanti-la protección da saúde das persoas e dos animais. Para isto, o sistema terá que incluír necesariamente marcas auriculares destinadas a identificar cada animal de xeito individual colocadas en cada orella e autorizadas pola autoridade competente; a constitución dunha base de datos informatizada; a expedición de pasaportes que acompañen o traslado dos animais e o xeito de levar rexistros individuais e actualizados en cada explotación.

O presente decreto díctase co fin de garanti-la aplicación do devandito regulamento comunitario, establecendo medidas de control axeitadas e eficaces. Así, determínanse os procedementos de asignación, distribución e colocación das marcas auriculares nos animais, de expedición dos pasaportes e do feito de levar rexistros polos posuidores de animais.

En virtude do anterior, por proposta do conselleiro de Agricultura, Gandería e Política Agroalimentaria, e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia, na súa sesión mantida o día vinteseis de febreiro de mil novecentos noventa e oito,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Obxecto.

O presente decreto ten por obxecto a regulación no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia das medidas de control necesarias para garanti-la correcta identificación e rexistro dos animais da especie bovina, en aplicación do Regulamento (CE) 820/97, do Consello, do 21 de abril.

Artigo 2º.-Identificación.

1. O sistema de identificación incluirá necesariamente:

-A colocación de marcas auriculares, cun mesmo código para as dúas orellas, destinadas a identificar cada animal de xeito individual.

-A documentación que permita identifica-lo animal e a explotación en que nacese.

2. Para tódolos animais nacidos despois da entrada en vigor do presente decreto, as marcas auriculares deberán de ser colocadas no prazo que se determine a partir do nacemento do animal e, en todo caso, antes de que o animal abandone a explotación.

3. Non se poderá retirar nin substituír ningunha marca auricular sen a autorización da Consellería de Agricultura, Gandería e Política Agroalimentaria. No caso de perda ou deterioración da marca auricular, o animal afectado non poderá abandona-la explotación sen que se completase previamente a súa identificación.

4. As marcas auriculares autorizadas serán distribuídas pola Consellería de Agricultura, Gandería e Política Agroalimentaria entre aqueles veterinarios colaboradores que reúnan as condicións sinaladas no artigo 5º do presente decreto para garanti-la súa correcta utilización e colocación.

Artigo 3º.-Pasaporte.

1. A Consellería de Agricultura, Gandería e Política Agroalimentaria, se é o caso, a través dos veterinarios colaboradores expedirá, no momento da marcaxe, un pasaporte ou documento de identificación individual para cada animal que teña que ser identificado de acordo coa lexislación vigente. Cando sexan trasladados os animais deberán ir acompañados do seu pasaporte.

2. Para os efectos de movemento de bovinos, no ámbito xeográfico da Comunidade Autónoma, este documento de identidade ou pasaporte servirá como documento de acompañamento dos animais sempre que non existan restriccións ó seu movemento.

3. No caso de morte dun animal, o pasaporte será restituído polo posuidor á Consellería de Agricultura, Gandería e Política Agroalimentaria, dentro dos sete días seguintes á devandita morte. En caso de que o animal sexa enviado a un matadoiro, o xestor deste será responsable da restitución do pasaporte á citada consellería, coa supervisión do veterinario oficial do matadoiro.

4. Poderá autorizarse a expedición de pasaportes colectivos para a circulación de animais que teñan a mesma orixe e destino e estean acompañados do pasaporte ou documento de identificación individual.

Para os efectos sinalados, enténdese como pasaporte colectivo a autorización de traslado.

5. Cada posuidor de animais cubrirá o pasaporte de xeito inmediato ó chega-lo animal á explotación e antes de que a abandone, asegurarase de que o pasaporte acompaña ó animal.

Artigo 4º.-Rexistro da explotación.

1. Todo posuidor deberá levar un rexistro actualizado dos animais que teña na súa explotación.

2. A Consellería de Agricultura, Gandería e Política Agroalimentaria establecerá o modelo de rexistro mailos datos que deberán levarse en cada explotación.

3. A consellería terá acceso a toda a información contida no rexistro da explotación, garantindo a confidencialidade e a protección dos seus datos, de conformidade coa lexislación vixente.

4. Todo posuidor de animais informará á Consellería de Agricultura, Gandería e Política Agroalimentaria, nun prazo que se determinará, de tódolos traslados desde a explotación e cara a ela e de tódolos nacementos e das mortes de animais ocorridas na explotación, e das datas deses acontecementos.

Artigo 5º.-Veterinarios colaboradores.

1. A Consellería de Agricultura, Gandería e Política Agroalimentaria autorizará como veterinarios colaboradores ós que cumpran os requisitos establecidos na Directiva 97/12/CE do Consello, do 17 de marzo, que se incorporan como anexo ó presente decreto, e non realicen outras actividades profesionais que poidan resultar incompatibles co eficaz exercicio das súas funciones colaboradoras.

2. A consellería poderá promover un proceso de selección de aspirantes a veterinarios colaboradores, de acordo cos principios de publicidade, concorrencia, mérito e capacidade.

Así mesmo, a consellería poderá contar coa cooperación dos colexios profesionais ou outras asociacións de carácter agrario que garantan o axeitado establecemento do sistema de identificación e rexistro dos animais da especie bovina.

3. Os veterinarios colaboradores realizarán as actividades encomendadas nas condicións que determine a consellería.

4. Se a Consellería de Agricultura, Gandería e Política Agroalimentaria, considera que algún dos veterinarios colaboradores xa non cumpre as condicións sinaladas, cancelará ou retirará a autorización, sen prexuízo de calquera responsabilidade que puidese ser esixida.

Artigo 6º.-Base de datos informatizada.

1. A Consellería de Agricultura, Gandería e Política Agroalimentaria manterá e actualizará a base de datos informatizada na que se rexistrará a identidade dos animais, de tódalas explotacións existentes no territorio da Comunidade Autónoma e dos traslados de animais, ó abeiro do disposto na Directiva 97/12/CE do Consello, do 17 de marzo de 1997.

2. No caso dos animais importados de terceiros países, a identificación orixinal establecida polo país terceiro rexistrarase na base de datos informatizada ou, se aínda non fose totalmente operativa, nos rexistros a que se refire o artigo cuarto, xunto co código de identificación que lle fose asignado pola autoridade competente de destino.

3. A consellería poderá esixir ós veterinarios colaboradores, no modo que se determine, a transmisión da información conseguida no exercicio da súa función.

Artigo 7º.-Comercio.

1. Os animais importados dun país terceiro e que permanezan dentro do territorio da comunidade autónoma galega serán identificados na explotación de destino coas marcas auriculares recollidas no presente decreto, nun prazo non superior a vinte días, a partir de pasa-los controis establecidos no R.D. 1430/1992 e, en calquera caso, antes de abandona-la explotación.

Sen embargo, non será necesario identifica-los animais se a explotación de destino é un matadoiro situado na Comunidade Autónoma no que se leven a cabo os devanditos controis e se os animais son sacrificados alí o máis tardar vinte días despois dos controis.

2. Os gandeiros comunicarán nun prazo de cinco días a incorporación de novos animais na explotación.

Disposicións adicionais

Primeira.-A partir da entrada en vigor do presente decreto, a obtención de calquera axuda xestionada pola consellería estará, se é o caso, condicionada ó cumprimento da normativa vixente en materia de identificación, de rexistro de animais e controis sanitarios.

Segunda.-A Consellería de Agricultura, Gandería e Política Agroalimentaria dictará aquelas disposicións que sexan necesarias para adapta-las normas contidas no presente decreto á normativa comunitaria que sexa dictada en desenvolvemento do Regulamento (CEE) 820/97, do Consello, do 21 de abril.

Disposición transitoria

As disposicións do Real decreto 205/1996 e demais lexislación complementaria serán de aplicación ós animais da especie bovina, ata a data en que sexan identificados conforme ó presente decreto.

Disposición derragatoria

Quedan derrogadas cantas disposicións de igual ou inferior rango se opoñan ó presente decreto.

Disposición derradeira

O presente decreto entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, vinteseis de febreiro de mil novecentos noventa e oito.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente

Cástor Gago Álvarez

Conselleiro de Agricultura, Gandería e Política Agroalimentaria

ANEXO

Requisitos que, de conformidade coa Directiva 97/12/CE do Consello, do 17 de marzo, terán que cumpri-los veterinarios colaboradores, para os efectos de aplicación do presente decreto:

1. Reuni-las condicións necesarias para exerce-la profesión veterinaria.

2. Non ter relacións financeiras ou familiares co propietario ou coa persoa responsable da explotación.

3. Posuír coñecementos especializados en materia de policía sanitaria aplicable ás especies de que se trate. Isto significa que deberán:

-Actualizar periodicamente os seus coñecementos, en particular no relativo á regulamentación sanitaria correspondente;

-Cumpri-los requisitos establecidos pola autoridade competente para garanti-lo bo funcionamento da rede;

-Facilitar información ó propietario ou á persoa responsable da explotación e prestarlle asistencia co fin de que se tomen tódalas medidas necesarias para que se manteña o estatuto da explotación, en particular de acordo cos programas acordados de común acordo coa autoridade competente;

-Velar por que se cumpran os requisitos relativos a:

a) A identificación e o certificado sanitario dos animais do rabaño, os animais introducidos e os adquiridos;

b) A obriga de declara-las enfermidades infecciosas e calquera outro factor de risco para a saúde ou o benestar animal e para a saúde humana;

c) O establecemento, na medida do posible, da causa de mortalidade dos animais e o lugar onde deben ser expedidos;

d) As condicións hixiénicas do rabaño e das unidades de producción de gando.

2299