Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 49 Xoves, 12 de marzo de 1998 Páx. 2.472

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DE PESCA, MARISQUEO E ACUICULTURA

DECRETO 79/1998, do 12 de febreiro, polo que se regula a estructura, organización e funcionamento das confrarías de pescadores de Galicia.

A Comunidade Autónoma de Galicia, ó abeiro do artigo 27.29º do seu Estatuto de autonomía, ten a competencia exclusiva en materia de confrarías de pescadores, debendo axusta-la súa organización e competencias ós principios e regras básicas establecidas na lexislación do Estado para estas entidades, de conformidade co artigo 15.2º da Lei 12/1983, do 14 de outubro, do proceso autonómico. No exercicio destas competencias, o Parlamento de Galicia aprobou a Lei 9/1993, do 8 de xullo, de confrarías de pescadores de Galicia; a súa disposición derradeira primeira faculta o Consello da Xunta de Galicia para dicta-las normas necesarias para o seu desenvolvemento e aplicación.

O presente decreto pretende completar, adecuada e suficientemente, as previsións legais, coa finalidade de constituír un marco xurídico axeitado que lles permita ás confrarías de pescadores seguir adaptándose e facer fronte ós cambios constantes que se producen no sector pesqueiro, especialmente no que se refire á xestión dos seus recursos e instalacións.

No seu capítulo I, logo de defini-las confrarías de pescadores e o réxime xurídico da súa actuación, regúlanse as funcións que estas desempeñan, establecendo a necesidade de que os seus estatutos e modificacións sexan ratificados e rexistrados pola Consellería de Pesca, Marisqueo e Acuicultura.

O capítulo II establece a súa estructura e órganos rectores. Regúlase a figura dos vicepatróns maiores, así como a constitución e funcións das comisións xestoras no caso de disolución dos seus órganos de goberno.

Os dereitos e obrigas dos socios, á parte dos que lles corresponden en virtude dos seus propios estatutos, e a determinación da súa responsabilidade veñen recollidos no capítulo III. En canto ó ámbito territorial das confrarías, no capítulo IV establécese a posibilidade da designación dunha comisión de arbitraxe cando non exista acordo entre as confrarías sobre os seus límites territoriais.

Entre os aspectos regulados con maior amplitude cabe destacar, no capítulo V, a referido ó réxime orzamentario, económico e contable das confrarías de pescadores, recolléndose a figura do retorno, práctica habitual entre estas entidades, así como a responsabilidade dos órganos rectores, administradores ou xestores das confrarías cando, no desempeño das súas funcións, realicen actos contrarios á lei ou ós estatutos dá entidade.

O capítulo VI refírese á creación, fusión e disolución das confrarías. Nel contéñense as normas procedementais e regúlanse as consecuencias xurídicas de tales acordos.

O capítulo VII supón o desenvolvemento normativo dos artigos 12 e 13 da Lei do 8 de xullo de 1993. Detalla o procedemento de creación e disolución das federacións de confrarías así como a composición dos seus órganos rectores e as funcións que hai que desempeñar. Así mesmo, establece a posibilidade de que as confrarías, para un mellor cumprimento dos seus fins, poidan subscribir acordos de asociación e convenios.

Destaca no texto normativo a regulación do procedemento electoral no capítulo VIII. Mención particular merece a comisión electoral como órgano encargado de preparar todo o proceso electoral, reservándose as funcións propias do día de celebración á mesa electoral.

Por último, establécese un período transitorio no que as confrarías e as súas federacións deberán adapta-los seus estatutos conforme o previsto no presente decreto e derrógase expresamente no Decreto 237/1991, do 4 de xullo, de medidas provisionais sobre as normas de actuación e regulación das actividades nas confrarías de pescadores.

En consecuencia, por proposta do conselleiro de Pesca, Marisqueo e Acuicultura, oídas as confrarías de pescadores de Galicia e as súas federacións, con dictame do Consello Consultivo de Galicia e logo

de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día doce de febreiro de mil novecentos noventa e oito,

DISPOÑO:

Capítulo I

Disposicións xerais

Artigo 1º.-Definición e réxime xurídico.

1. As confrarías de pescadores de Galicia son corporacións de dereito público, dotadas de personalidade xurídica e capacidade de obrar para o cumprimento dos fins e o exercicio das funcións que lles están encomendadas.

2. As confrarías desenvolverán funcións de carácter administrativo, cando actúen como órganos de consulta e colaboración coa Administración na promoción do sector pesqueiro, de acordo co previsto no presente decreto.

Para efectos da súa constitución e organización, así como cando actúan como órganos de consulta e colaboración coa Administración, as confrarías participan da natureza da Administración pública.

3. Así mesmo, as confrarías representan intereses económicos e corporativos dos profesionais do sector e dos seus asociados, sen prexuízo da representación que posúen as organizacións de empresarios e traballadores da pesca, podendo desenvolver actividades propias de organización e comercialización da producción no sector pesqueiro, marisqueiro e da acuicultura.

4. As confrarías de pescadores rexeranse polo disposto na lexislación básica do Estado, a Lei 9/1993, do 8 de xullo, de confrarías de pescadores de Galicia, o presente decreto, as disposicións que o desenvolvan e os seus respectivos estatutos debidamente ratificados.

No exercicio das súas funcións de carácter administrativo, as confrarías suxeitarán a súa actuación ó disposto na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Artigo 2º.-Da tutela.

As confrarías quedan suxeitas á tutela da Administración pública galega, que será exercida pola Consellería de Pesca, Marisqueo e Acuicultura. A tutela comprenderá o control da legalidade dos actos e acordos dos seus órganos rectores, suxeitos a dereito administrativo, a resolución dos recursos administrativos ordinarios contra actos deles e as demais que se prevén no presente decreto.

Artículo 3º.-Dos estatutos.

1. Cada confraría elaborará, aprobará e, se é o caso, modificará os seus propios estatutos, e deberá sometelos posteriormente á ratificación da Consellería de Pesca, Marisqueo e Acuicultura.

2. Os estatutos e as súas posibles modificacións acadarán eficacia xurídica unha vez inscritos no rexistro a que fai referencia o artigo seguinte.

3. O contido mínimo dos estatutos será o recollido no artigo 2.3º da Lei 9/1993, do 8 de xullo, e o referido á composición da comisión xestora, prevista no artigo 19º desta decreto.

Artigo 4º.-Do rexistro.

1. De conformidade co disposto no artigo 14 da Lei 9/1993, do 8 de xullo, inscribiranse no rexistro de confrarías e das súas federacións tódolos actos e acordos que afecten a súa estructura e funcionamento.

2. O funcionamento deste rexistro, dependente da secretaría xeral, regularase por orde da Consellería de Pesca, Marisqueo e Acuicultura.

Artigo 5º.-Das funcións das confrarías como órganos de consulta e colaboración.

As confrarías como órganos de consulta e colaboración coa Administración desenvolverán as funcións previstas no artigo 3.2º da Lei 9/1993, do 8 de xullo.

Así mesmo, e con tal carácter:

a) Velarán polo estricto cumprimento da normativa vixente en materia de pesca, de descarga, primeira venda e de comercialización dos recursos mariños.

b) Colaborarán coa Administración na elaboración das estatísticas do sector pesqueiro e marisqueiro e, en particular, remitiranlle á Consellería de Pesca, Marisqueo e Acuicultura os datos relativos á descarga e primeira venda dos recursos mariños en fresco, na forma e prazo determinados regulamentariamente.

c) Desenvolverán aqueloutras funcións que lles sexan atribuídas ou encomendadas pola Conseller1a de Pesca, Marisqueo e Acuicultura.

Artigo 6º.-Das funcións en defensa dos intereses dos profesionais.

Ás confrarías, na defensa dos intereses dos profesionais que as compoñen, correspóndenlle-las funcións previstas no artigo 3.3º da Lei 9/1993, do 8 de xullo.

Así mesmo, e para o suposto de que non se constitúa a Sección de Organización de Producción prevista no artigo 4º da devandita lei, prestarán as seguintes funcións:

a) Responsabilizarse da vixilancia das zonas de dominio público marítimo e marítimo-terrestre que lle foran confiadas para o seu aproveitamento.

b) Administra-los seus propios recursos e patrimonio.

c) Prestarlles servicios de carácter xeral ós socios.

d) Promove-la execución de plans de capturas, concentra-la oferta e regulariza-los prezos.

e) Establece-los plans de producción e comercialización co fin de mellora-la calidade dos productos e adapta-lo volume da oferta ás esixencias do mercado.

f) Adopta-las medidas necesarias para a aplicación da política pesqueira comunitaria que sexan da competencia dos productores.

g) As demais que lles confiren os seus estatutos.

Capítulo II

Estructura e órganos rectores

Sección primeira

Estructura

Artigo 7º.-Das seccións.

1. En tódalas confrarías existirá unha sección de orientación que desenvolverá as funcións definidas no artigo 5º do presente decreto.

2. En cada confraría poderá constituírse a sección de organización da producción, se así o decide a maioría absoluta dos membros da xunta xeral. Esta sección desenvolverá as funcións establecidas no artigo 6º desta decreto. A súa constitución recollerase nos estatutos e deberá axustarse ó disposto no R.D. 1429/1992, do 27 de novembro, polo que se regulan as organizacións de productores da pesca e as súas asociacións.

Da súa constitución daráselle conta á Consellería de Pesca, Marisqueo e Acuicultura, para os efectos previstos no artigo 3º.2 deste regulamento.

Sección segunda

Órganos rectores

Artigo 8º.-Dos órganos rectores.

1. Son órganos rectores das confrarías os recollidos no artigo 7.1º da Lei 9/1993, do 8 de xullo.

2. Os órganos rectores teñen as funcións que se lles atribúen no presente decreto e nos estatutos de cada corporación.

Artigo 9º.-A xunta xeral.

1. A xunta xeral é o órgano superior de goberno e decisión da confraría, na que están representados tódolos profesionais do sector afiliados a ela.

2. A xunta xeral actúa como órgano de control e fiscalización dos restantes órganos rectores da confraría. Os acordos que adopta obrigan a totalidade dos afiliados.

Artigo 10º.-Composición da xunta xeral.

1. Os membros da xunta xeral elixiranse mediante sufraxio universal, libre, igual, directo e secreto, por un período de catro anos, e poderán ser reelixidos.

2. A xunta xeral está presidida polo patrón maior, asistido polos vicepatróns maiores e o secretario da confraría que levantará acta dos acordos e resolucións adoptados.

3. A xunta xeral estará composta por un número de membros comprendido, en todo caso, entre 10 e 50. Sempre que sexa posible, respectarase a paridade entre traballadores e empresarios. Nela terán representación a totalidade dos sectores da producción que integran a confraría.

Artigo 11º.-Da xunta xeral.

1. Correspóndenlle á xunta xeral as seguintes funcións:

a) Aprobar e modificar total ou parcialmente os estatutos e regulamentos internos da confraría.

b) Acorda-la disolución dos órganos rectores e convocatoria de eleccións, por propia iniciativa ou por acordo do cabido.

c) Elixir e destituí-lo patrón maior e os membros do cabido, segundo o procedemento determinado neste regulamento.

d) Nomear e destituí-lo secretario ó que fai referencia o artigo 18º.

e) Acorda-la modificación do seu ámbito territorial, nos termos previstos no artigo 24º do presente decreto.

f) Acorda-la fusión, disolución ou federación da confraría.

g) Aproba-lo orzamento anual illado ou acumulativamente, e as súas modificacións, cando estas excedan do 10% do total del.

h) Acorda-la fixación das cotas ordinarias ou derramas extraordinarias.

i) Acordar calquera actuación que comprometa o seu patrimonio en máis do 25%.

j) Autoriza-lo patrón maior para tomar diñeiro a préstamo, concertar avais e demais instrumentos financeiros, asinar convenios, concertos ou acordos e interpoñer recursos e litixios.

k) Aproba-la memoria anual relativa ás actividades da confraría e á súa situación socioeconómica.

l) Constituí-la sección de organización da producción.

m) Autoriza-la contratación do persoal laboral propio.

n) Decidir sobre aquelas cuestións de interese que outro órgano rector someta á súa consideración.

o) Solicitar e recibir do cabido a información oportuna sobre a situación da confraría.

p) Calquera outra atribuída nos estatutos da confraría.

2. A xunta xeral poderá delegar no cabido o exercicio das funcións recollidas nas letras j) e m) do parágrafo anterior. A delegación deberá ser acordada pola maioría absoluta dos seus membros. En caso de urxencia e sen necesidade de delegación, o cabido poderá autoriza-lo patrón maior para interpoñer

recursos e litixios dándolle conta á xunta xeral na súa primeira reunión.

3. Para a válida constitución da xunta xeral, para os efectos de adopción de acordos, requirirase a presencia do patrón maior, secretario da confraría, ou, se é o caso, de quen os substitúan; e da metade alomenos dos seus membros.

4. Para seren válidos, os acordos adoptados pola xunta xeral deberán ser aprobados pola maioría dos membros presentes, agás nos seguintes casos:

-A constitución da sección de organización da producción, así como a federación con outras confrarías requirirán do apoio da maioría absoluta.

-As funcións recollidas nos apartados a) e i) requirirán do apoio dos dous tercios dos membros da xunta xeral.

-A fusión e disolución da confraría requirirá o apoio das tres cuartas partes dos membros da xunta xeral.

Artigo 12º.-O cabido e a súa composición.

1. O cabido é o órgano de goberno, xestión e administración da confraría.

2. A composición do cabido será paritaria nos mesmos termos previstos para a xunta xeral. Estará presidido polo patrón maior e composto polos dous vicepatróns maiores, por un número par de vocais, en todo caso comprendido entre seis e doce, e polo secretario da confraría, que levantará acta dos acordos e resolucións adoptados.

3. Os vocais do cabido serán elixidos polos compoñentes da xunta xeral de entre os seus membros.

Artigo 13º.-Do cabido.

1. Son funcións do cabido:

a) Dirixir e realiza-las actividades necesarias para o exercicio das facultades atribuídas á confraría.

b) Velar polo cumprimento dos acordos da xunta xeral.

c) Velar polo normal funcionamento dos servicios da confraría.

d) Elaborar e propoñerlle á xunta xeral o proxecto de orzamento e as súas modificacións, cando estas excedan do 10% do total.

e) Executa-lo orzamento aplicando o plan de contabilidade das confrarías de pescadores de Galicia, e proceder ás súas modificacións, sempre que o global destas non exceda do 10% do total, debendo darlle cumprida conta de cada un destes acordos á xunta xeral.

f) Acordar calquera actuación que non comprometa o patrimonio da confraría en máis dun 25%.

g) Elabora-la memoria anual relativa ás actividades da confraría e á súa situación socioeconómica, someténdoa á xunta xeral para a súa aprobación.

h) Resolve-las altas e baixas dos seus afiliados e, logo de instrucción do oportuno expediente, acorda-la separación deles por razóns disciplinarias.

i) Elaborar e propoñer á xunta xeral o proxecto de estatutos, así como os regulamentos internos que procedan e as súas modificacións.

j) Propoñerlle á xunta xeral a disolución dos órganos rectores e a convocatoria de eleccións.

k) Tódalas facultades non atribuídas expresamente ós demais órganos de goberno, as recollidas nos estatutos e as que lle delegue a xunta xeral.

2. Para a válida constitución do cabido, para os efectos de adopción de acordos, requirirase a presencia do patrón maior, secretario, ou, se é o caso, de quen os substitúan, e da metade alomenos dos seus membros.

Artigo 14º.-Do patrón maior.

1. O patrón maior é o órgano representativo da confraría. Preside a xunta xeral e o cabido, participando nas súas reunións con voz e voto, o cal será de calidade en caso de empate.

2. O cargo de patrón maior é incompatible con calquera outro nos órganos de goberno das agrupacións ou sectores da producción integrados na confraría.

3. O patrón maior será elixido pola xunta xeral de entre os seus membros. Unha vez elixido, a súa vacante como membro da xunta xeral será cuberta pola persoa da agrupación e sector de producción que lle corresponda en función do número de votos obtidos no proceso electoral.

Artigo 15º.-Das funcións do patrón maior.

Correspóndenlle ó patrón maior as seguintes funcións:

a) Dirección e xestión da confraría.

b) Presidi-las reunións de tódolos órganos colexiados da confraría.

c) Coordina-la actuación dos membros do cabido.

d) Ostenta-la representación legal da confraría e ser canle de relación da mesma con calquera outras entidades e institucións.

e) Colaborar coas federacións nas que se integre a confraría.

f) Ordena-los pagamentos previstos nos orzamentos.

g) Todas aquelas que lle sexan atribuídas polos estatutos e demais órganos rectores da confraría.

Artigo 16º.-Dos vicepatróns maiores.

1. Ostentará o cargo de vicepatrón maior primeiro o presidente da agrupación de empresarios ou traballadores distinta á de procedencia do patrón maior. Será vicepatrón maior segundo o presidente da agrupación á que pertence o patrón maior elixido.

2. Os vicepatróns maiores, en función da súa orde, substitúen o patrón maior nos casos de vacante, en tanto non se proceda a unha nova elección desta, ausencia ou enfermidade.

Artigo 17º.-Da provisión de vacantes nos órganos de goberno.

As baixas definitivas producidas entre os membros dos órganos de goberno cubriranse do seguinte xeito:

a) Na xunta xeral, pola persoa da mesma agrupación e sector de producción que lle corresponda en función do número de votos obtidos no proceso electoral.

b) No cabido, mediante designación efectuada pola agrupación de armadores ou traballadores que corresponda, de entre os seus representantes na xunta xeral.

c) No caso do patrón maior, elixirase pola xunta xeral na forma prevista no artigo 14º.3.

d) Polo que respecta ós vicepatróns maiores, actuarase de acordo co disposto no artigo 16º.1.

Artigo 18º.-Do secretario da xunta xeral e do cabido.

A xunta xeral e o cabido contarán cun secretario que será unha persoa ó servicio da confraría. A súa designación corresponderalle á xunta xeral.

Artigo 19º.-Da comisión xestora.

1. No suposto da demisión da maioría dos membros da xunta xeral, entenderanse disoltos os órganos de goberno da confraría.

Neste caso, o patrón maior saínte designará unha comisión xestora que deberá constituírse no prazo de quince días e que terá a composición que se estableza nos estatutos da confraría.

Os membros da comisión elixirán de entre eles un presidente, actuando como secretario o designado conforme o disposto no artigo 18º.

2. Son funcións desta comisión xestora:

a) A convocatoria de eleccións xerais nun prazo máximo de dous meses desde a súa constitución.

b) Adopta-las decisións ordinarias necesarias para o normal funcionamento da confraría ata a toma de posesión dos novos órganos de goberno.

Artigo 20º.-Da imposibilidade de constitución da comisión xestora.

1. Se non existe posibilidade de constituírse a comisión xestora nos termos previstos no artigo anterior, a federación provincial correspondente, co asesoramento da Consellería de Pesca, Marisqueo e Acuicultura, designará un órgano provisional de goberno que terá como funcións as descritas no apartado 2 do devandito artigo.

2. Se unha vez analizada a situación, o órgano provisional de goberno considerase inviable a continuidade da confraría, este, tras lle dar conta á

asemblea constituída pola totalidade dos socios armadores e traballadores da confraría afectada, elevará, a través da federación provincial correspondente, proposta de disolución á Consellería de Pesca, Marisqueo e Acuicultura, quen dictará a resolución que coide oportuna. No caso de acorda-la disolución da confraría, haberá que aterse ó disposto no artigo 15.3º da Lei 9/1993, do 8 de xullo, procedéndose a reasignar destino ós funcionarios afectados, de acordo coa normativa en materia de función pública.

Capítulo III

Os membros das confrarías

Artigo 21º.-Dos membros.

1. Poderán ser membros das confrarías de pescadores as persoas físicas ou xurídicas que voluntariamente se asocien, sempre que desenvolvan actividade empresarial ou laboral no sector e dentro do ámbito territorial da confraría.

2. A condición de membro da confraría atribúe, desde o momento da súa afiliación, a plenitude e igualdade dos dereitos e obrigas inherentes a ela, agás o de ser elixible, que poderá limitarse nos respectivos estatutos á posesión dunha determinada antigüidade na confraría, nunca superior ós dous anos.

3. Poderán mante-la súa condición de membros da confraría tódolos pensionistas do sector. A súa situación será regulada nos estatutos da confraría, aínda que non dará dereito a ser elector nin elixible, agás no caso daqueles membros que, de acordo coa lexislación vixente, poidan seguir desenvolvendo unha actividade empresarial.

Artigo 22º.-Dos dereitos dos membros.

Son dereitos dos membros das confrarías:

a) Elixir e ser elixido para postos de representación e dirección dentro da confraría e exercer, se así fosen designados, a dita representación.

b) Exercer accións e recursos en relación cos seus dereitos e insta-la confraría ó exercicio das actuacións necesarias para a defensa dos seus membros.

c) Participar en tódolos actos e reunións ós que deban ser convocados.

d) Solicitarlle ó cabido as aclaracións e informes que coiden necesarios sobre o estado da Administración, patrimonio, funcionamento e actuacións da confraría, en todo aquilo que os poida afectar.

e) Formularlles todo tipo de propostas e resolucións ós seus representantes.

f) Utiliza-los servicios da confraría.

g) Participar na constitución e desenvolvemento das correspondentes seccións.

h) Aqueloutros que lle confiran os estatutos.

Artigo 23º.-Das obrigas dos membros.

Son obrigas dos membros das confrarías:

a) Actuar conforme o disposto nos estatutos e regulamentos de réxime interior da confraría así como o establecido na legalidade vixente.

b) Acatar e cumpri-los acordos validamente adoptados polos órganos de goberno da confraría.

c) Actuar con lealdade e boa fe, non obstaculizando o normal funcionamento da confraría.

d) Todas aquelas que establezan os respectivos estatutos.

Artigo 24º.-Da responsabilidade dos membros.

1. O incumprimento das obrigas poderá dar lugar á esixencia de responsabilidade.

2. Os estatutos deberán recoller en todo caso as infraccións e sancións, así como o procedemento sancionador e réxime disciplinario, todo iso de acordo coa lexislación vixente.

3. As infraccións deberán clasificarse en leves, graves e moi graves. Na determinación das sancións gardarase a debida proporcionalidade entre a gravidade do feito constitutivo de infracción e a sanción aplicable.

4. Non poderá acordarse limitación ningunha nos dereitos dos membros sen a instrucción e resolución do correspondente expediente sancionador. O expediente incoarase por instancia do patrón maior e garantirá a audiencia do interesado.

Capítulo IV

Ámbito territorial das confrarías

Artigo 25º.-Do ámbito territorial.

1. O ámbito territorial das confrarías será o que determinen os respectivos estatutos, concretando os seus límites con referencia a puntos determinados da liña de costa.

2. En ningún caso poderán coincidir varias confrarías nun mesmo ámbito territorial, nín estenderse fóra do territorio de Galicia.

3. A alteración do ámbito territorial requirirá o acordo maioritario de tódalas confrarías implicadas, o cal deberá ser aprobado pola Consellería de Pesca, Marisqueo e Acuicultura.

De non acadarse acordo, por instancia das xuntas xerais das confrarías implicadas, a Consellería de Pesca, Marisqueo e Acuicultura designará unha comisión de arbitraxe, na que estará representada a federación provincial correspondente, que elevará proposta de resolución ó conselleiro de Pesca, Marisqueo e Acuicultura.

4. O acordo de alteración do ámbito territorial implicará unha modificación estatutaria que deberá cumpri-los requisitos de tramitación dela en cada unha das confrarías implicadas e procederase á correspondente inscrición no rexistro.

Capítulo V

Do réxime orzamentario, económico e contable

Artigo 26º.-Do orzamento e da súa elaboración.

1. As confrarías desenvolverán a súa xestión económica a través dun orzamento único de ingresos e gastos, que se estructurarán, se é o caso, de acordo coas seccións nas que estean organizadas.

2. O orzamento constitúe a expresión cifrada, conxunta e sistemática das obrigas que, como máximo, poidan recoñecer e dos dereitos que se prevexan liquidar durante o exercicio económico. O exercicio orzamentario coincidirá co ano natural.

3. O cabido elaborará o proxecto de orzamento da confraría no que se integrarán as propostas de financiamento dos proxectos que efectúen os responsables da xestión económica de cada sección.

Artigo 27º.-Da aprobación.

1. O proxecto de orzamento será aprobado pola xunta xeral, por proposta do cabido, antes do día 31 de decembro do ano anterior ó do exercicio en que deba aplicarse.

De non ser aprobado antes desta data quedará automaticamente prorrogado o do exercicio anterior, por doceavas partes.

2. O orzamento aprobado será exposto durante 20 días no taboleiro de anuncios da confraría, para coñecemento dos afiliados.

Artigo 28º.-Das modificacións orzamentarias.

O cabido poderá acordar modificacións de partidas orzamentarias, sempre que, illada ou acumulativamente, non excedan do 10% do total do orzamento; daralle coñecemento posterior á xunta xeral. As modificacións que excedan desta contía serán aprobadas pola xunta xeral, por proposta do cabido.

Artigo 29º.-Da execución orzamentaria.

1. A execución do orzamento correspóndelle ó cabido.

2. En cada sección haberá un encargado da xestión económica dela, nomeado pola xunta xeral por proposta do cabido, quen elaborará os documentos orzamentarios e contables que sexan necesarios, sendo responsable da veracidade dos datos que neles se recollan.

Artigo 30º.-Da notificación dos acordos que afecten os orzamentos.

Dos acordos de aprobación, modificación e liquidación dos orzamentos remitiráselle copia á Consellería de Pesca, Marisqueo e Acuicultura, no prazo de 15 días desde a súa adopción.

Artigo 31º.-Do réxime contable.

As confrarías de pescadores axustarán as súas prácticas contables ó plan de contabilidade das confrarías de pescadores de Galicia e reflectirán separada e explicitamente, se é o caso, os movementos que correspondan ás actividades da sección de orien

tación e da sección de organización da producción, todo iso sen prexuízo de axustarse á correspondente xestión orzamentaria de ingresos e gastos.

Artigo 32º.-Das contas anuais.

1. As contas anuais e o informe de xestión serán formulados polo cabido e aprobados pola xunta xeral.

2. A formulación e aprobación das contas anuais realizarase dentro do primeiro trimestre do ano seguinte a aquel ó que correspondan.

3. Unha vez aprobadas as contas anuais, seranlle remitidas no prazo de 15 días á Consellería de Pesca, Marisqueo e Acuicultura, quen poderá solicitar da Intervención Xeral da Comunidade Autónoma o correspondente control financeiro sobre os gastos efectuados para a xestión das funcións descritas no parágrafo segundo do artigo 3 da Lei 9/1993, do 8 de xullo.

Artigo 33º.-Dos retornos.

1. As confrarías que realicen actividade de venda, ben directamente, a través dunha organización de producción ou calquera outra entidade que realice esta función, están obrigadas a descontar da factura de venda respecto das capturas das embarcacións que non pertenzan a ela a cantidade do 1% (un por cento) do valor da pesca vendida e retornalo á confraría á que pertenza a embarcación sen prexuízo da tarifa X4 de pesca fresca.

2. Os retornos aboaranse trimestralmente e os gastos que orixinen serán descontados da cantidade que se transfira.

Artigo 34º.-Das exencións e beneficios fiscais.

As confrarías de pescadores gozarán para o cumprimento dos seus fins das exencións e beneficios fiscais que en cada momento se lle recoñezan.

Artigo 35º.-Da responsabilidade.

1. O patrón maior, membros do cabido e xerentes, como administradores ou xestores da confraría, responderán perante ela, fronte ós membros e acredores da confraría, do dano que causen por actos contrarios á lei ou ós estatutos ou polos realizados sen a dilixencia coa que deben desempeña-lo cargo.

2. Responderán solidariamente tódolos membros dos órganos da administración que realizou o acto ou adoptou o acordo lesivo. Cando os membros do órgano voten en contra ou se absteñan, quedarán exentos da respondabilidade que, de se-lo caso, poida derivarse dos acordos.

3. En ningún caso exonerará da responsabilidade a circunstancia de que o acto ou acordo lesivo fora adoptado, autorizado ou ratificado pola xunta xeral da confraría.

Artigo 36º.-Da acción de responsabilidade.

1. A acción de responsabilidade contra os administradores ou xestores será exercida pola confraría, logo de acordo da xunta xeral.

2. A aprobación das contas anuais non impedirá nin suporá o exercicio da acción de responsabilidade nin a renuncia á acción acordada ou exercitada.

Artigo 37º.-Da intervención administrativa.

1. Cando a Administración tutelante observase faltas graves na xestión económica dunha confraría que puidese poñer en perigo a súa existencia, será requirida sobre as faltas que se observasen, a súa corrección e a responsabilidade de non atendelas coas rectificacións pertinentes.

2. De non atenderse o requirimento, e cando a Administración xulgase conveniente para o interese social a continuidade da confraría, poderá intervila acordándose por decreto as medidas necesarias para garanti-la súa supervivencia.

Capítulo VI

Da creación, fusión e disolución de confrarías

Artigo 38º.-Da creación de novas confrarías.

a) A creación de novas confrarías requirirá o acordo de, polo menos, as tres cuartas partes dos profesionais legalmente habilitados no ámbito territorial en que se pretenda establecer, xa fosen ou non membros doutras confrarías.

b) A solicitude asinada pola totalidade dos profesionais que acordan a creación remitirase, acompañada do proxecto de estatuto e un estudio económico de viabilidade, á Consellería de Pesca, Marisqueo e Acuicultura, para o seu estudio e tramitación. As sinaturas dos solicitantes estarán debidamente lexitimadas.

c) A consellería pediralles informes ás confrarías territorialmente afectadas, así como á federación provincial correspondente.

d) Unha vez debidamente tramitado o expediente, a consellería elevará o correspondente acordo ó Consello da Xunta de Galicia, para a súa aprobación mediante decreto.

e) A nova confraría, os seus estatutos e as modificacións estatutarias das confrarías territorialmente afectadas inscribiranse no correspondente rexistro.

Artigo 39º.-Da fusión e disolución das confrarías.

a) O acordo de fusión ou disolución de confrarías requirirá o voto favorable das tres cuartas partes das respectivas xuntas xerais. O acordo será aprobado pola Consellería de Pesca, Marisqueo e Acuicultura.

b) A fusión ou disolución de confrarías terá as seguintes consecuencias:

1) Suporá a perda das concesións e autorizacións administrativas para o exercicio das actividades de marisqueo e cultivos mariños que posúan.

2) O persoal funcionario que presta servicio nelas será redistribuído de acordo coas normas vixentes en materia de función pública.

c) O acordo de fusión ou disolución dunha confraría deberá recolle-lo destino dos bens e do patrimonio dela, de acordo co previsto nos seus estatutos.

d) No suposto de disolución de confrarías, o seu ámbito territorial será asumido polas confrarías estremeiras logo de acordo, ratificado pola Consellería de Pesca, Marisqueo e Acuicultura. De non existir acordo sobre o ámbito territorial, procederase segundo o previsto no artigo 25º deste decreto.

Capítulo VII

Das federacións, asociacións e convenios

Sección primeira

Das federacións

Artigo 40º.-As federacións de confrarías.

1. Dentro do ámbito territorial da Comunidade Autónoma de Galicia, recoñécese o dereito á creación de novas federacións de confrarías, cando así o soliciten as xuntas xerais de, alomenos, tres confrarías de pescadores, sen prexuízo de que só poderá existir unha federación provincial en cada unha das provincias da Comunidade Autónoma.

2. As federacións de confrarías terán personalidade xurídica propia e plena capacidade de obrar para o cumprimento dos seus fins e terán que agrupar unidades territoriais homoxéneas desde o punto de vista socioeconómico. Poderán agruparse en entidades de ámbito superior.

3. A pertenza a unha federación de confrarías non implica a perda de personalidade de cada un dos seus membros.

4. A creación de novas federacións de confrarías non poderá supoñer, en ningún grao, mingua das competencias que lles corresponden ás federacións provinciais.

Artigo 41º.-Da creación da federación.

1. A iniciativa para a creación dunha nova federación correspóndelles ás xuntas xerais das confrarías interesadas, logo de acordo adoptado pola maioría absoluta dos seus membros.

2. Adoptado o acordo, constituirase unha comisión xestora formada por dous representantes de cada unha das confrarías que subscriban a iniciativa, designados pola xunta xeral. A comisión será a encargada de elabora-lo proxecto de estatutos da federación.

3. Elaborado o proxecto de estatutos, remitiráselle a cada unha das confrarías interesadas, para a súa aprobación pola maioría absoluta das respectivas xuntas xerais.

4. A solicitude de creación dunha federación de confrarías deberá serlle remitida á Consellería de Pesca, Marisqueo e Acuicultura, acompañada do proxecto de estatutos e as certificacións dos acordos previstos nos apartados 1 e 3 do presente artigo.

5. Recibida a solicitude, a Consellería de Pesca, Marisqueo e Acuicultura, logo de audiencia das fede

racións xa existentes e territorialmente afectadas, elevaralle proposta de creación ó Consello da Xunta de Galicia.

6. Aprobada mediante decreto a creación da nova federación, procederase á súa inscrición e á dos seus estatutos no rexistro ó que fai referencia o artigo 4º deste decreto.

7. Notificada a inscrición no rexistro, no prazo dun mes constituirase a xunta xeral da federación quedando disolta a comisión xestora.

Artigo 42º.-Dos estatutos das federacións.

Nos estatutos das federacións farase constar como mínimo:

-O ámbito territorial.

-Obxecto e fins.

-Prazo de duración.

-Procedemento de elección dos órganos rectores.

-Estructura organizativa nas seccións que se establezan.

-Facultades conferidas.

-Recursos económicos.

-Requisitos e procedemento para a adhesión, separación ou expulsión dalgún membro.

-Destino do patrimonio no caso da súa desaparición.

Artigo 43º.-Das funcións da federación.

1. As federacións de confrarías asumirán as funcións que se determinen nos seus estatutos e, como mínimo as seguintes:

a) Actuar como un órgano de consulta e colaboración coa Administración na defensa e promoción do sector.

b) Subministra-la información estatística que lle sexa requirida pola Consellería de Pesca, Marisqueo e Acuicultura, en relación coa súa propia actividade ou a das confrarías que a forman.

c) Representa-las confrarías que a integran naquelas materias obxecto do seu ámbito de actuación.

d) Xestionar e coordina-los intereses comúns ás confrarías nela federadas, dirimindo en cuestións ou conflictos que nesta materia se poidan suscitar.

e) Aproba-los seus orzamentos e fixa-las achegas das confrarías que a integran.

2. En ningún caso as federacións poderán asumi-la totalidade das competencias asignadas ás confrarías.

Artigo 44º.-Dos órganos rectores.

Son órganos rectores dunha federación: a xunta xeral, o comité executivo e o presidente.

Artigo 45º.-Da xunta xeral.

1. A xunta xeral estará formada polos patróns maiores e vicepatróns maiores primeiros de cada unha das confrarías federadas.

2. Son funcións da xunta xeral:

a) Elixir e destituí-los membros do comité executivo, presidente e vicepresidentes da federación.

b) Designa-lo secretario da federación.

c) Elaborar, aprobar e modifica-los seus estatutos.

d) Aproba-los orzamentos e fixa-las achegas das confrarías que a integran.

e) Autoriza-lo establecemento de convenios con outras entidades.

f) Aproba-los plans anuais de actuación e a memoria anual das actividades realizadas.

g) Calquera outra que lle veña atribuída pola legalidade vixente e polos propios estatutos da federación.

Artigo 46º.-Do comité executivo.

1. O comité executivo é o órgano de xestión e administración da federación, sendo as súas competencias as que lle atribúen os estatutos da federación e as non asignadas ós outros órganos rectores da federación.

2. Estará composto polo presidente, vicepresidentes e o número de vocais establecidos nos estatutos da federación, elixidos pola xunta xeral de entre os seus membros, representando por igual a traballadores e empresarios.

Artigo 47º.-Do funcionamento da xunta xeral e do comité executivo.

A xunta xeral e o comité executivo adecuarán o seu funcionamento ó previsto no título II, capítulo II da Lei 30/1992, do 26 de novembro.

Artigo 48º.-Do presidente e vicepresidentes da federación.

1. O presidente da federación de confrarías exerce a representación dela e preside os seus órganos colexiados, participando nas súas reunións con voz e voto, o cal será de calidade en caso de empate. Correspóndelle velar polo cumprimento dos acordos adoptados e as súas funcións virán determinadas nos estatutos da federación.

2. Os vicepresidentes, en función da súa orde, substitúen o presidente, nos casos de vacante, ausencia ou enfermidade.

3. O presidente e vicepresidentes serán elixidos polos membros da xunta xeral de entre os seus membros, por un período de catro anos, podendo ser reelixidos. O vicepresidente primeiro deberá pertencer en todo caso a unha agrupación distinta a aquela á que pertenza o presidente.

Artigo 49º.-Do secretario da xunta xeral da federación.

A xunta xeral da federación designará un secretario, quen con voz e sen voto levantará acta das reunións dos órganos colexiados dela.

Artigo 50º.-Da disolución das federacións.

1. O acordo de disolución dunha federación será adoptado pola xunta xeral dela e ratificado pola maioría absoluta das xuntas xerais das confrarías que a compoñen.

2. Remitidos os acordos á Consellería de Pesca, Marisqueo e Acuicultura, esta elevaralle proposta de disolución ó Consello da Xunta de Galicia.

3. O acordo de disolución recollerá o destino dos bens e do patrimonio da federación, segundo o previsto nos seus estatutos.

4. Se como consecuencia da separación dunha ou varias confrarías quedan federadas menos do número mínimo previsto no artigo 40º desta decreto, o Consello da Xunta de Galicia procederá á disolución da federación.

Sección segunda

Asociacións e convenios de confrarías

Artigo 51º.-Dos convenios e das asociacións de confrarías.

1. As confrarías poderán acudir a modalidades asociativas distintas da federación, destinadas á xestión de determinados servicios de interese común, de acordo coa lexislación que lles sexa aplicable.

2. Así mesmo, as confrarías ou as súas federacións están facultadas para estableceren entre si ou con outras entidades convenios de colaboración, sempre que teñan un obxecto lícito e a súa consecución redunde nun mellor cumprimento dos seus fins.

Os convenios fixarán o obxecto, as competencias dos órganos que o suscriben, os mecanismos de asistencia técnica e control, o réxime de financiamento e a duración deles.

3. Dos acordos de asociación e convenios de colaboración que se realicen deberá dárselle conta á Consellería de Pesca, Marisqueo e Acuicultura.

Capítulo VIII

O procedemento electoral

Artigo 52º.-Do réxime xurídico do procedemento electoral.

1. O proceso de elección dos órganos rectores das confrarías rexerase polo disposto neste decreto e nas disposicións que o desenvolven e supletoriamente polo establecido nos estatutos de cada unha delas.

2. As confrarías e as súas federacións virán obrigadas a adopta-las disposicións sobre réxime electoral contidas neste decreto, nos termos previstos na súa disposición transitoria primeira do mesmo.

Artigo 53º.-Da elección dos órganos de goberno.

1. O proceso de elección dos órganos de goberno das confrarías de pescadores será iniciado pola xunta xeral, por proposta do cabido.

2. Acordada a celebración de eleccións pola xunta xeral, constituirase a comisión electoral, a compo

sición da cal virá determinada nos estatutos de cada confraría.

3. Correspóndelle á comisión electoral:

a) Elaborar e propoñerlle ó cabido, para a súa aprobación, o plan, as normas e o calendario que comprenderá todo o proceso electoral.

O plan, normas e calendario electoral deberán remitírselle, con anterioridade ó inicio do proceso, á Consellería de Pesca, Marisqueo e Acuicultura, para a súa ratificación, no prazo de cinco días, contados desde a súa recepción.

b) Publicación do censo electoral, que estará exposto ó público durante un prazo de quince días, no taboleiro de anuncios da confraría, sendo susceptible de reclamacións e impugnacións por parte dos electores sobre exclusións e inclusións, diante da comisión electoral.

c) Proclama-las candidaturas.

d) Nomea-los membros da mesa electoral e os seus suplentes, de acordo co previsto no artigo 54º.

Artigo 54º.-Da mesa electoral.

1. A mesa electoral estará composta por un presidente, que será o patrón maior da confraría; por catro vocais, dos que dous serán os traballadores de maior e menor idade da entidade, e os outros dous, os armadores que reúnan iguais características; e o secretario, que será o da confraría.

2. A mesa electoral será a encargada de presidi-la votación, realiza-lo escrutinio e resolve-las reclamacións que se produzan en relación con estas. As súas resolucións serán susceptibles de recurso administrativo perante a comisión electoral, no prazo de dous días desde a celebración do proceso.

Artigo 55º.-Do recurso ordinario.

1. Tódolos actos e acordos da comisión electoral serán susceptibles de recurso administrativo ordinario perante o conselleiro de Pesca, Marisqueo e Acuicultura.

2. A resolución do conselleiro poñerá fin á vía administrativa.

Artigo 56º.-Do réxime supletorio.

En todo o non previsto no presente decreto e na orde de desenvolvemento del, serán de aplicación as normas vixentes sobre réxime electoral xeral.

Disposición adicional

Única.-Recoñécense como confrarías e federacións da Comunidade Autónoma de Galicia as existentes á entrada en vigor deste decreto.

Disposicións transitorias

Primeira.-No prazo máximo de seis meses, desde a entrada en vigor do presente decreto, as confrarías de pescadores e as federacións existentes adaptarán e aprobarán os seus estatutos conforme o previsto

nel, remitíndoos á Consellería de Pesca, Marisqueo e Acuicultura, para a súa posterior ratificación e inscrición, se procede, no rexistro de confrarías e das súas federacións.

Segunda.-Aquelas confrarías actualmente afectadas por problemas de delimitación do seu ámbito territorial, con anterioridade á aprobación dos novos estatutos, procurarán acadar acordo co fin de solucionar estes problemas. De non ser posible o acordo, solicitarán a arbitraxe da Consellería de Pesca, Marisqueo e Acuicultura, nos termos previstos no artigo 25º do presente decreto.

Disposición derrogatoria

Queda derrogado o Decreto 237/1991, do 4 de xullo, de medidas provisionais sobre as normas de actuación e regulación das actividades nas confrarías de pescadores, e cantas outras disposicións de igual ou inferior rango se opoñan ó presente decreto.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Facúltase o conselleiro de Pesca, Marisqueo e Acuicultura para dicta-las disposicións necesarias para o desenvolvemento deste decreto.

Segunda.-O presente decreto entrará en vigor no prazo de 20 días contados a partir do seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, doce de febreiro de mil novecentos noventa e oito.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente

Amancio Landín Jaráiz

Conselleiro de Pesca, Marisqueo e Acuicultura