Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 48 Mércores, 11 de marzo de 1998 Páx. 2.435

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE CULTURA, COMUNICACIÓN SOCIAL E TURISMO

RESOLUCIÓN do 5 de marzo de 1998 pola que se ordena a publicación, no Diario Oficial de Galicia, do acordo do Consello da Xunta de Galicia do 5 de marzo de 1998.

Adoptado acordo polo Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día 5 de marzo de 1998, relativo á adxudicación provisional de corenta e unha emisoras, de carácter comercial, en ondas métricas con modulación de frecuencia, resulta necesario darlle publicidade ó devandito acordo, unha vez cumpridos os requisitos que se determinan no Decreto 156/1989, do 27 de xullo, modificado parcialmente polo Decreto 35/1992, do 6 de febreiro, que regula o procedemento de concesión de emisoras de radiodifusión sonora en ondas métricas con modulación de frecuencia, e de acordo co Decreto 281/1997, do 9 de outubro (DOG nº 197, do 13 de outubro), que abre o prazo de presentación de solicitudes con esta finalidade. En consecuencia,

RESOLVO:

Ordena-la publicación no Diario Oficial de Galicia do acordo do Consello da Xunta de Galicia, adoptado na súa reunión do 5 de marzo de 1998, polo que se adxudican provisionalmente 41 emisoras de radiodifusión sonora, de carácter comercial, en ondas métricas con modulación de frecuencia.

Santiago de Compostela, 5 de marzo de 1998.

José Manuel Soto Vázquez

Director xeral de Comunicación Social

e Audiovisual

Anexo á Resolución do 5 de marzo de 1998.

O Consello da Xunta de Galicia, na súa reunión do día cinco de marzo de mil novecentos noventa e oito adoptou, entre outros, o seguinte acordo:

De conformidade co establecido na Lei 31/1987, do 18 de decembro, de ordenación das telecomunicacións, modificada pola Lei 32/1992, do 3 de decembro, no Decreto 156/1989, do 27 de xullo

(DOG nº 151, do 8 de agosto), modificado parcialmente polo Decreto 35/1992, do 6 de febreiro (DOG nº 27, do 10 do mesmo mes), que regulan o procedemento de concesión de emisoras de radiodifusión sonora, no Real decreto 1388/1997, do 5 de setembro, polo que se aproba un incremento de frecuencias para a xestión indirecta de emisoras, dentro do Plan Técnico Nacional de Radiodifusión Sonora en Ondas Métricas con Modulación de Frecuencia, e no Decreto 281/1997, do 9 de outubro, polo que se aproba o procedemento de contratación da xestión indirecta do servicio de radiodifusión sonora, de carácter comercial, en ondas métricas con modulación de frecuencia en determinadas localidades da CC.AA. de Galicia (DOG nº 197, do 13 de outubro de 1997), e demais normativa estatal e autonómica, o Consello da Xunta de Galicia, por proposta do conselleiro de Cultura, Comunicación Social e Turismo, acorda adxudicarlles con carácter provisional a explotación de emisoras de carácter comercial en ondas

métricas con modulación de frecuencia ás sociedades que se relacionan no anexo adxunto, con expresión das características que corresponden a cada unha das emisoras.

Así mesmo, declárase deserto o servicio de radiodifusión na localidade de Arbo, por non se ter presentada ningunha oferta, e nas localidades de Quiroga, Avión, Lobios e Viana do Bolo, por non considerarse idóneas as ofertas presentadas para a prestación do servicio.

O outorgamento das concesións, que habilitará para a posta en funcionamento das correspondentes emisoras, estará supeditado á aprobación previa do proxecto técnico, á realización das obras e instalacións correspondentes, así como á posterior inspección e autorización da posta en funcionamento.

A Consellería de Cultura, Comunicación Social e Turismo adoptará as medidas oportunas para a execución do presente acordo, de conformidade coas funcións que lle atribúe o Decreto 8/1998, do 8 de xaneiro, polo que se desenvolve a estructura orgánica da Consellería de Cultura, Comunicación Social e Turismo.