Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 48 Mércores, 11 de marzo de 1998 Páx. 2.429

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DE MEDIO AMBIENTE

DECRETO 72/1998, do 30 de xaneiro, polo que se crean os comités de Integración e Coordinación Ambiental.

As directrices do quinto programa da Unión Europea en materia de medio ambiente e desenvolvemento sostible recollen os principios de integración do referente ambiental en toda a política sectorial, de responsabilidade compartida, así como o decisivo papel que se outorga ás administracións nacionais, rexionais e locais; a importancia da calidade e difusión dos datos relativos ó medio ambiente e a extensión da avaliación ambiental a tódalas actividades que atinxan a toda política.

Pola outra banda, se ben se concentraron na Consellería de Medio Ambiente as principais competencias relacionadas co tema ambiental, as actuacións e programas doutras consellerías poden ter influencia ou afecta-lo medio ambiente.

O proceso de desconcentración de competencias unido ás que nestes momentos corresponden á Administración local nos temas ambientais, esixen a coordinación nas actuacións que se desenvolverán neste campo.

De conformidade con todo o exposto, considérase precisa a creación duns órganos que promovan e impulsen a integración do referente ambiental e a coordinación administrativa de tódalas actuacións sectoriais tanto a nivel autonómico como local, que poidan ter algunha repercusión no medio ambiente.

En consecuencia, por proposta do conselleiro de Medio Ambiente, logo do informe das consellerías da Presidencia e Administración Pública e de Economía e Facenda e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día trinta de xaneiro de mil novecentos noventa e oito,

DISPOÑO:

Artigo 1º

Créase o Comité Galego de Integración e Coordinación Ambiental como órgano consultivo en materia de medio ambiente con carácter administrativo dependente da Consellería de Medio Ambiente.

Artigo 2º

2.1. Serán funcións do comité:

a) Elaborar propostas de integración da política ambiental nas políticas sectoriais.

b) O estudio e análise das directrices da política da UE en materia de medio ambiente.

c) Formular suxestións sobre a aplicación da lexislación ambiental europea e da Administración xeral do Estado.

d) Elaboración de informes sobre os temas que se tratarán pola Conferencia Sectorial de Medio Ambiente.

e) A formulación de suxestións ó desenvolvemento da política ambiental da Xunta de Galicia.

f) Impulsa-la coordinación administrativa das actuacións sectoriais que poidan ter incedencias no medio ambiente.

g) A análise da política ambiental municipal e a formulación de iniciativas para a súa implantación operativa.

h) Elaborar propostas sobre a mellora da calidade ambiental, no medio urbano e rural, para a súa posible integración nas políticas municipais.

i) Emitir informes sobre asuntos de carácter ambiental que lle sexan solicitados pola Consellería de Medio Ambiente.

j) Aqueloutras funcións que lle encomenden ó presidente.

2.2. Cando os temas a tratar polas comisións provinciais teñan unha especial transcendencia ou unha incidencia supraprovincial, poderán ser reclamados polo comité galego, por proposta do seu presidente.

Artigo 3º

1. O Comité Galego de Integración e Coordinación Ambiental estará presidido polo conselleiro de Medio Ambiente.

2. O vicepresidente será o secretario xeral da Consellería de Medio Ambiente e substituirá o presidente en caso de ausencia, vacante ou enfermidade.

3. O comité estará composto polos seguintes vocais, con voz e voto:

* Director xeral de Urbanismo.

* Director xeral de Obras Públicas.

* Director xeral de Ordenación Educativa e Formación Profesional.

* Director xeral de Industria.

* Director xeral de Desenvolvemento Rural.

* Director xeral de Industrias e Alimentación.

* Director xeral de Saúde Pública.

* Director xeral de Patrimonio Cultural.

* Director xeral de Turismo.

* Director xeral de Recursos Mariños.

* Director xeral de Xustiza e Administración local.

* Director xeral de Fomento do Emprego.

* Director xeral de Xuventude.

* Director xeral de Avaliación e Calidade Ambiental.

* Director xeral de Montes e Medio Ambiente Natural.

* Director do Centro de Información e Tecnoloxía Ambiental.

* O presidente da FEGAMP.

* Dous representantes da FEGAMP designados polo seu presidente.

4. Tamén poderán formar parte do comité dous representantes, que, se é o caso, designe o Ministerio de Medio Ambiente.

5. Actuará como secretario do comité o asesor xurídico da Consellería de Medio Ambiente, con voz, pero sen voto.

Artigo 4º

O Comité Galego de Integración e Coordinación Ambiental reunirase en sesión ordinaria unha vez cada tres meses e en sesión extraordinaria sempre que sexa convocado polo seu presidente, por iniciativa propia, ou por petición das dúas terceiras partes dos vocais que o integran.

Artigo 5º

A convocatoria das sesións será efectuada polo secretario por orde do presidente, remitindo ós vocais, cunha antelación mínima de 48 horas, a orde do día que contará a relación dos asuntos que se tratarán e a documentación necesaria para a súa deliberación.

Artigo 6º

1. Para a preparación e elaboración de información e documentación correspondente ás funcións do comité, créanse as seguintes comisións de traballo con carácter permanente.

* De avaliación ambiental.

* De normativa e relacións institucionais.

* De conservación da natureza e biodiversidade.

* De cambio climático.

* De calidade ambiental.

* De medio ambiente mariño.

* De augas continentais.

* De educación ambiental.

Os compoñentes das comisións serán designados polo comité, por proposta do seu presidente.

2. Para o mellor cumprimento das súas funcións o Comité Galego de Integración e Coordinación Ambiental, por proposta do seu presidente, poderá acorda-la creación de comisións de traballo de carácter temporal, que desempeñarán as tarefas que lles sexan encomendadas por este.

Artigo 7º

Créanse os comités provinciais de integración e coordinación ambiental.

Artigo 8º

Serán funcións dos comités provinciais no respectivo ámbito territorial:

a) Coñece-la política ambiental da Xunta de Galicia, e facer suxestións para a súa aplicación.

b) Propoñer medidas para minimiza-la incidencia que certas actividades poidan ocasionar no medio ambiente.

c) Dispoñer de información sobre temas ambientais, para o seu coñecemento e preparación de informes, se é o caso.

d) Fomenta-las iniciativas para a mellora da calidade ambiental, especialmente a nivel municipal.

e) Impulsa-la coordinación en tódolos temas relacionados co medio ambiente, en especial os relativos á inspección ambiental.

f) Formular suxestións para os programas de educación ambiental.

g) Emitir informes sobre asuntos de carácter ambiental que lle sexan solicitados pola Consellería de Medio Ambiente.

h) Aqueloutras que lle encomende o Comité Galego de Integración e Coordinación Ambiental.

Artigo 9º

Os comités provinciais de integración e coordinación ambiental estarán compostos por:

-Presidente: o delegado provincial de Medio Ambiente.

-Vicepresidente: o delegado provincial da Consellería da Presidencia e Administración Pública.

- Vocais: os delegados de Política Territorial, Obras Públicas e Vivenda; de Educación e Ordenación Universitaria; de Industria; de Agricultura, Gandería e Política Agroalimentaria; de Cultura, Comunicación Social e Turismo; de Sanidade e Servicios Sociais; de Pesca, Marisqueo e Acuicultura; de Xustiza, Interior e Relacións Laborais; e de Familia, Promoción do Emprego, Muller e Xuventude.

-Un representante da deputación provincial.

-Seis alcaldes dos concellos da provincia, designados pola FEGAMP.

Tamén poderán formar parte dos comités un representante, que, se é o caso, designe o Ministerio de Medio Ambiente.

-Secretario: o secretario da delegación de Medio Ambiente.

Artigo 10º

1. Para a preparación e elaboración de información e documentación correspondente ás funcións dos comités provinciais, créanse as seguintes comisións de traballo con carácter permanente:

a) De incidencia ambiental.

b) De inspección ambiental.

Os compoñentes das comisións serán designados polos respectivos comités, por proposta dos seus presidentes.

2. Para o mellor cumprimento das súas funcións os comités provinciais de integración e coordinación ambiental, por proposta do seu presidente, poderán acorda-la creación de comisións de traballo, de carácter temporal, que desempeñarán as tarefas que lles sexan encomendadas por este.

Artigo 11º

Os comités provinciais de integración e coordinación ambiental reuniranse en sesión ordinaria unha vez cada tres meses e en sesión extraordinaria sempre que sexan convocados polos seus presidentes por iniciativa propia, ou por petición das dúas terceiras partes dos vocais que as integran.

Artigo 12º

A preparación da orde do día das sesións dos comités provinciais, así como a tramitación da documentación elaborada polas comisións de traballo corresponderalle ó seu secretario.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Autorízase o conselleiro de Medio Ambiente para dicta-las disposicións precisas para o desenvolvemento deste decreto.

Segunda.-O presente decreto entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Calicia.

Santiago de Compostela, trinta de xaneiro de mil novecentos noventa e oito.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente

José Carlos del Álamo Jiménez

Conselleiro de Medio Ambiente