Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 47 Martes, 10 de marzo de 1998 Páx. 2.383

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE PESCA, MARISQUEO E ACUICULTURA

ORDE do 23 de febreiro de 1998 pola que se declaran e clasifican as zonas de producción de moluscos bivalvos e outros invertebrados mariños nas augas de competencia da Comunidade Autónoma de Galicia.

A Directiva do Consello 79/923/CEE, do 30 de outubro, marcaba as normas relativas á calidade esixida ás augas para a cría de moluscos. Esta directiva foi transposta ó noso ordenamento xurídico polo Real decreto 38/1989 (BOE nº 17, do 20 de xaneiro de 1989), que recollía os criterios de calidade, así como a frecuencia mínima das mostraxes que se realiza nas diferentes zonas. Desde a entrada en vigor da citada disposición, a Consellería de Pesca, Marisqueo e Acuicultura realizou controis periódicos nas zonas de producción co fin de normalizar e adecuar á lexislación comunitaria a recolección, cultivo e comercialización de moluscos.

Posteriormente, a Directiva 91/492/CEE, do 15 de xullo, estableceu a regulamentación técnico-sanitaria fixando as normas aplicables á comercialización de moluscos bivalvos vivos. A devandita directiva foi transposta polo Estado español, mediante os reais decretos 308/1993, do 26 de febreiro, e o 345/1993, do 5 de marzo (BOE nº 74, do 27 de marzo de 1993); este último incorpora á lexislación española temas relativos a normas de producción, así como as normas relativas á calidade

das augas esixida pola Directiva 79/923/CEE, establecendo desta forma as normas que deberán cumpri-las zonas de producción e as zonas de protección e mellora, así como as condicións de aplicación común ós productos e o sistema de supervisión da producción.

Co fin de lles dar cumprimento ás mencionadas normas estatais e de acordo coas análises efectuadas, a Consellería de Pesca, Marisqueo e Acuicultura publicou a Orde do 29 de xullo de 1993, na que declara e clasifica as zonas de producción de moluscos bivalvos e outros invertebrados mariños nas augas de competencia da Comunidade Autónoma de Galicia. Desde entón, e coa frecuencia de mostraxe establecida no anexo III da orde citada, seguíronse controlando tódalas zonas de producción da Comunidade Autónoma galega.

O resultado das análises efectuadas fai necesario proceder á actualización da relación e clasificación das zonas de producción.

Polo tanto, por proposta da Dirección Xeral de Recursos Mariños,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-De acordo co establecido no Real decreto 345/1993, polo que se establecen as normas de calidade das augas e da producción de moluscos e outros invertebrados mariños vivos, para as augas da Comunidade Autónoma de Galicia, a relación e clasificación de zonas de producción é a que aparece recollida no anexo I da presente orde.

Artigo 2º.-Unicamente poderán realizarse labores de recolección ou producción das especies mariñas ás que se refire esta orde naquelas zonas que aparecen recollidas no anexo I.

Artigo 3º.-Apróbanse as normas (anexo II) sobre os plans de mostraxe e os criterios que hai que ter en conta para proceder á revisión das zonas de producción.

Disposición derrogatoria

Queda derrogada a orde da Consellería de Pesca, Marisqueo e Acuicultura, do 29 de xullo de 1993 (DOG nº 217, do 11 de novembro) pola que se declaran e clasifican as zonas de producción de moluscos bivalvos e outros invertebrados mariños nas augas de competencia da Comunidade Autónoma de Galicia.

Disposición derradeira

A presente orde entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 23 de febreiro de 1998.

Amancio Landín Jaráiz

Conselleiro de Pesca, Marisqueo e Acuicultura

ANEXO II

Norma 1ª.-A Consellería de Pesca, Marisqueo e Acuicultura, a través do Centro de Control da Calidade do Medio Mariño efectuará un control de tódalas zonas de producción, conforme o establecido no anexo III da presente orde, co fin de garanti-la idoneidade dos productos extraídos nas diferentes zonas.

Norma 2ª.-Cando os controis establecidos nas zonas de producción demostren unha alteración das condicións que determinaron a súa clasificación, a Dirección Xeral de Recursos Mariños prohibirá a recolección na zona da que se trate ou procederá ó cambio de clasificación dela ata que se restablezan as condicións orixinais.

Norma 3ª.-Dado o sistema de circulación estuárico característico das rías galegas, e considerando que en determinadas épocas do ano as achegas fluviais poden provocar fluctuacións nos valores de coliformes presentes no medio mariño, a Dirección Xeral de Recursos Mariños poderá establecer un sistema de cambios de clasificación que poderá ser periódico ou cíclico dependendo dos casos.

Norma 4ª.-A Dirección Xeral de Recursos Mariños informará de maneira inmediata o delegado do Goberno en Galicia, as organizacións ou asociacións de productores, os responsables dos centros de depuración e expedición, os centros de transformación e os organismos con competencia en saúde pública de todo cambio que se produza en cada zona.

Norma 5ª.-Cando as análises e controis efectuados nas zonas de producción clasificadas como B ou C demostren o cumprimento de tódolos parámetros esixidos durante un período mínimo dun ano, a Consellería de Pesca, Marisqueo e Acuicultura procederá a revisa-la clasificación da devandita zona.

ANEXO III

Programa de control das zonas de producción.

O control da calidade microbiolóxica realizarase cunha periodicidade mínima mensual nas zonas clasificadas como A e trimestral nas clasificadas como B ou C.

O control da posible presencia de contaminantes químicos realizarase cunha periodicidade mínima anual nas zonas clasificadas como A ou B e semestral nas clasificadas como C.

O control do plancto tóxico e de biotoxinas mariñas realizarase de acordo co estipulado nos decretos 116/1995 (DOG nº 87, do 8 de maio de 1995), Decreto 98/1997 (DOG nº 82, do 30 de abril de 1997) e a Orde do 14 de novembro de 1995 (DOG nº 221, do 17 de novembro de 1995).