Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 47 Martes, 10 de marzo de 1998 Páx. 2.376

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE EDUCACIÓN E ORDENACIÓN UNIVERSITARIA

ORDE do 16 de febreiro de 1998 pola que se aproban as bases que rexerán o concurso público de doce bolsas para estadías de persoal dos departamentos de estudios galegos de universidades de fóra da Comunidade Autónoma de Galicia e a súa colaboración en proxectos de investigación no Centro Ramón Piñeiro para a investigación en humanidades.

O artigo 1º do Decreto 346/1996, do 13 de setembro, en harmonía co artigo 27 do Estatuto de autonomía de Galicia, establece a competencia da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria para a promoción e ensino da lingua galega e o fomento da investigación.

A Lei 3/1983, do 15 de xuño, de normalización lingüística, no seu artigo 22 establece que o Goberno galega asumirá a dirección técnica e o seguimento do proceso de normalización da lingua galega; asesorará a Administración e os particulares, e coordinará os servicios encamiñados a consegui-los obxectivos da presente lei.

Dentro do plan de actividades da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria para 1998 figura a convocatoria pública de bolsas de investigación para realizar proxectos concretos sobre lingüística, literatura, antropoloxía e historia galegas, no Centro Ramón Piñeiro para a investigación en humanidades, o cal debe servir de lugar de conexión e relación para os estudios que se fagan en Galicia e noutras comunidades.

O seu outorgamento enmárcase dentro das funcións atríbuídas á Consellería de Educación e Ordenación Universitaria no artigo 3º do Decreto 25/1993, do 11 de febreiro (DOG nº 34, do 19 de febreiro) de creación e posta en funcionamento do Centro Ramón Piñeiro para a investigación en humanidades, modificado polo Decreto 330/1997, do 13 de novembro (DOG nº 227, do 24 de novembro de 1997).

Na súa virtude, apróbanse as seguintes,

BASES:

Primeira.-Obxecto.

O concurso ten por obxecto a adxudicación de doce bolsas para estadías e participación en actividades de diversos proxectos de investigación no Centro Ramón Piñeiro para a investigación en humanidades, da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, destinadas a licenciados ou estudiantes dos dous últimos anos de licenciatura, vinculados ós Departamentos de estudios galegos existentes en universidades de fóra da Comunidade Autónoma de Galicia.

Segunda.-Contía das bolsas.

O importe das bolsas incluirá:

-Unha asignación mensual que será de 85.000 ptas, 100.000 ptas. ou 120.000 ptas., coa retención fiscal que corresponda, segundo procedan de universidades españolas, da Unión Europea, ou doutros países do mundo, respectivamente. Tense en conta que a percepción desta dotación será compatible coa do saldo habitual percibido, pero non con outro tipo de bolsa ou axuda para o mesmo plan de traballo.

-Seguro de asistencia médica e seguro combinado de accidentes.

Para o gasto que se proxecta habilitarase o crédito adecuado e suficiente na partida orzamentaria 07.06.353F.480.4, por unha contía máxima total de 8.500.000 ptas., correspondente ós orzamentos xerais da Comunidade Autónoma galega para o ano 1998, condicionado o citado gasto á existencia de crédito adecuado e suficiente no orzamento do exercicio do ano 1998, a teor do sinalado na Orde do 2 de xuño de 1986, modificada pola Orde do 18 de outubro de 1991, sobre «tramitación anticipada de expedientes de gasto».

Terceira.-Duración.

O período de desfrute das bolsas será dun mínimo de dous meses e dun máximo de oito.

A data de incorporación ó centro será dentro dos vinte días seguintes ó da notificación da adxudicación. O bolseiro que non se incorpore no prazo establecido perderá os dereitos inherentes á bolsa

concedida, salvo causa xustificada de atraso apreciada pola Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, a través do director xeral de Política Linguística.

Cuarta.-Solicitudes.

As solicitudes, no modelo que se xunta como anexo, irán dirixidas ó conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria e entregaranse na sede do Centro Ramón Piñeiro para a investigación en humanidades (estrada Santiago de Compostela-Noia, km 3-A Barcia, 15896 Santiago de Compostela), ou ben en calquera dos centros previstos no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

O prazo de presentación de solicitudes será de trinta días naturais contados a partir do seguinte ó da publicación da presente convocatoria no DOG.

Os impresos de solicitude deberán ir acompañados da seguinte documentación:

-Currículum vitae, acompañado de cantos documentos poidan avalalo.

-Certificación académica persoal completa.

-Fotocopia do DNI ou pasaporte.

-Declaración xurada na que conste que non dispón doutra bolsa para o mesmo fin e tamén de non ter sido separado do servicio de ningunha Administración nin institución pública como consecuencia de expediente disciplinario.

-Plan de traballo que se vai realizar (1.000 palabras de extensión máxima) e duración prevista da súa estadía no Centro Ramón Piñeiro para a investigación en humanidades.

-Informe do profesor-director do departamento universitario ou do profesor-encargado do centro de estudios galegos da súa universidade, segundo corresponda.

Tódolos documentos deberán ser orixinais ou copias cotexadas con eles, en versión galega ou castelá.

Quinta.-Selección.

A selección dos candidatos será realizada por unha comisión nomeada polo conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria. Estará presidida polo director xeral de Política Lingüística e composta por catro vocais, actuando como secretario o administrador do Centro Ramón Piñeiro.

A comisión considerará como solicitudes de especial interese aquelas presentadas por estudiantes universitarios dos últimos anos da carreira, ou xa

licenciados, que estean a participar nas actividades sobre lingua, literatura, antropoloxía ou historia galegas que se estean a desenvolver no departamento de estudios galegos da súa universidade.

A comisión non valorará aqueles méritos alegados polos solicitantes nas súas instancias que non estean acreditados documentalmente.

O presidente da comisión proporalle ó conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria a relación de candidatos seleccionados para o seu nomeamento e publicación no Diario Oficial de Galicia.

Sexta.-Obrigas.

-Os bolseiros participarán nas actividades que lles encomende a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria (a través da Dirección Xeral de Política Lingüística), tendo como centro de referencia o Centro Ramón Piñeiro para a investigación en humanidades, en horario habitual de xornada de maná ou tarde.

-O incumprimento por parte do bolseiro dalgunha das condicións recollidas nas presentes bases suporá a perda da bolsa concedida e, de se-lo caso, o reintegro das cantidades xa cobradas.

-A condición de bolseiro non dará lugar a relación laboral nin administrativa coa Xunta de Galicia.

Sétima.-A convocatoria, as súas bases e todos cantos actos administrativos se deriven dela, poderán ser impugnados polos interesados nos casos e na forma establecidos na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Oitava.-Pagamento da bolsa.

O pagamento da bolsa realizarase mensualmente, logo do informe do coordinador-científico do Centro Ramón Piñeiro para a investigación en humanidades, e o visto e prace da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, a través da Dirección Xeral de Política Lingüística, sempre que os traballos se desenvolvan con normalidade e de acordo coas bases establecidas.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Facúltase o director xeral de Política Lingüística para dictar, no ámbito das súas competencias, as resolucións precisas para o desenvolvemento desta orde.

Segunda.-A presente orde entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 16 de febreiro de 1998.

Celso Currás Fernández

Conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria

Director Xeral de Política Lingüística