Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 45 Venres, 06 de marzo de 1998 Páx. 2.266

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE FAMILIA E PROMOCIÓN DO EMPREGO, MULLER E XUVENTUDE

ORDE do 20 de febreiro de 1998 pola que se regulan as axudas para mantemento de centros e servicios dedicados á atención á primeira infancia dependentes de entidades privadas de iniciativa social.

O Estatuto de autonomía de Galicia, no seu artigo 27.23º, asígnalle á Comunidade Autónoma competencia exclusiva en materia de asistencia social.

A Lei 4/1993, do 14 de abril, de servicios sociais, inclúe, no seu artigo 5.3º, como unha das áreas de actuación, os servicios sociais da familia, infancia e mocidade, atribuíndolle o Decreto 488/1997, do 26 de decembro, á Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude as competencias neste sector.

Así mesmo, a Lei 3/1997, do 9 de xuño, galega da familia, da infancia e da adolescencia establece no seu artigo 15b) que a Xunta de Galicia promoverá os recursos destinados á atención á infancia, procurando que estes dispoñan dos medios necesarios para o seu desenvolvemento integral.

A orde da Consellería de Economía e Facenda do 2 de xuño de 1986, modificada pola Orde do 18 de outubro de 1991, posibilita a tramitación anticipada dos expedientes de gasto, especialmente en exercicios nos que rexe o orzamento prorrogado do ano anterior. Así, no seu artigo 1.2, establece que «poderán iniciarse os expedientes de gastos imputables ó capítulo IV no período da prórroga dos orzamentos xerais da comunidade, sempre que exista crédito adecuado e suficiente no proxecto de orzamentos definitivos para o citado exercicio, unha vez que ese proxecto de orzamento estea aprobado polo Consello da Xunta, cando os gastos se vaian materializar no mesmo exercicio».

A Lei 11/1992, do 7 de outubro, de réxime financeiro e presupostario, establece no seu artigo 78 o réxime xeral de concesión de axudas e subvencións con cargo ós orzamentos xerais da Comunidade Autónoma, normativa á que, en consecuencia, se adaptará a presente orde, tendo en conta en todo caso os principios de publicidade, obxectividade e concorrencia, e os demais requisitos esixidos no proxecto de Lei de orzamentos xerais da comunidade galega para o ano 1998 aprobado polo Consello da Xunta de Galicia con data do 22 de xaneiro de 1998.

Con este fin, no devandito proxecto de Lei de orzamentos, na aplicación 14.02.212A.482.0 existe partida orzamentaria consignada pola contía de 204.459.000 ptas. para as axudas que se establecen no articulado da presente orde.

Na súa virtude, en uso das facultades que teño atribuídas e para a debida aplicación dos créditos orzamentarios para o fin ó que foron establecidos,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Obxecto.

A presente orde ten por obxecto a convocatoria de axudas económicas para mantemento de centros e servicios dedicados á atención á primeira infancia dependentes de entidades privadas de iniciativa social que cumpran os requisitos establecidos no Decreto 243/1995, do 28 de xullo, polo que se regula o réxime de autorización e acreditación de centros de servicios sociais e na Orde do 29 de febreiro

de 1996 da Consellería de Familia, Muller e Xuventude, pola que se regulan os requisitos específicos que deben reuni-los centros de menores e os centros de atención á infancia, e presten atención educativa e asistencial preferentemente a nenos/as de 0 a 3 anos.

Artigo 2º.-Beneficiarios.

Poderán solicitar estas axudas as entidades privadas de iniciativa social que, cumprindo os obxectivos anteriores, desenvolvan as súas actividades na Comunidade Autónoma e estean debidamente inscritas no Rexistro de entidades prestadoras de servicios sociais da Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude, de acordo co disposto no Decreto 291/1995, do 3 de novembro.

Artigo 3º.-Tipo de axuda.

A axuda destinada a estas servicios concederase en forma de subvención de mantemento, entendéndose por tal os seguintes conceptos:

-Gastos de persoal.

-Gastos de alimentación.

-Outros gastos xerais de mantemento do centro.

Artigo 4º.-Módulos de referencia para o cálculo da axuda.

1. Para cuantificar economicamente as axudas teranse en conta os seguintes módulos:

Módulo A: centros que posúan unidades de atención a nenos e nenas de 0 a 1 anos e que ofrezan servicio de comedor a estes. Estímase o custo máximo que se subvencionará por neno/mes en 18.000 ptas.

Módulo B: centros que dispoñen de unidades de atención a nenos e nenas de 1 a 3 anos e que ofrezan servicio de comedor a estes. Estímase o custo máximo que se subvencionará por neno/mes en 15.000 ptas.

Módulo C: aplicarase no caso de nenos e nenas de 1 a 3 anos que presenten minusvalidez física, psíquica ou sensorial, debidamente diagnosticadas polos Equipos de Valoración e Orientación das delegacións provinciais da Consellería de Sanidade e Servicios Sociais, e que utilicen os servicios de comedor. Estímase o custo máximo que se subvencionará por neno/mes en 18.000 ptas.

Módulo D: centros que dispoñan de unidades de atención a nenos e nenas de 1 a 3 anos e que non ofrezan servicio de comedor. Estímase o custo máximo que se subvencionará por neno/mes en 10.000 ptas.

Complemento adicional: aqueles centros que posúan servicio de transporte e/ou horario ampliado, entendendo por tal aquel que exceda en 40 horas mensuais o mínimo establecido, percibirán un complemento adicional máximo a subvencionar por neno/mes estimado en 1.000 ptas.

2. Estas axudas calcularanse en función dos nenos atendidos integrantes dunha unidade familiar cunha renda per cápita mensual inferior a 35.000 ptas., fidedignamente acreditada. Este extremo demostrarase mediante os seguintes documentos:

-Fotocopia da última declaración da renda de tódolos membros que compoñan a unidade familiar.

-Caso de non estaren suxeitos á obriga de declarar, certificación negativa de Facenda, acampañada da última nómina ou da correspondente certificación expedida polo organismo competente dos ingresos que percibe a unidade familiar.

-Certificado de convivencia.

En todo caso a concesión destas axudas está suxeita á existencia de crédito suficiente.

3. En caso de non existir crédito suficiente, deberán reducirse proporcionalmente a contía das axudas de xeito tal que estas sexan iguais por cada neno-módulo para tódalas entidades que resulten beneficiarias.

4. A Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude poderá formalizar convenio con aquelas entidades ou asociacións que concorran a esta convocatoria, reúnan as condicións nela esixidas e posúan centros ou garderías infantís que cumpran os seguintes requisitos:

a) Horario de, polo menos, 10 horas diarias ininterrompidas.

b) Que oferten servicio de comedor.

Artigo 5º

Cando as contías das axudas non sexan suficientes para cubri-lo custo total das prazas, os centros e servicios subvencionados poderán completalo con cotas dos pais. Neste caso as cotas complementarias que aboen os pais en ningún caso, poderán supera-los prezos máximos establecidos pola normativa vixente, para as garderías infantís dependentes desta consellería. (Decreto 179/1992, do 26 de xuño).

Artigo 6º.-Solicitudes e documentación.

As solicitudes presentaranse segundo modelo oficial (anexo I) xunto coa seguinte documentación:

a) Proxecto educativo do ano 97-98 e previsións ou modificacións para o ano 98-99.

b) Ficha bancaria (anexo II).

c) Certificación bancaria da conta corrente na que se ingresará, se é o caso, o importe efectivo da subvención concedida agás no caso de que se manteña unha conta anterior, xa certificada; neste caso será suficiente unha declaración xurada nese sentido.

d) Acreditación da personalidade e representación do solicitante.

e) Fotocopia compulsada da tarxeta de identificación fiscal.

f) Declaración das subvencións obtidas doutros entes públicos ou privados para a mesma finalidade ou negativa, se é o caso.

g) Fotocopia compulsada do permiso para o inicio das actividades, de acordo cos artigos 6 e 20 do Decreto 243/1995 e co artigo 5º da orde da Consellería de Familia, Muller e Xuventude do 29 de febreiro de 1996 ou certificación acreditativa de que o dito permiso está en trámite.

6.1. As entidades solicitantes deberán presentar, ademais da documentación requirida, a documentación estatística relativa á institución, debidamente cuberta, no modelo oficial conforme os anexos IV e V da presente orde.

6.2. Aquelas institucións que soliciten subvencións por primeira vez, ou as que, aínda solicitándoas en anos anteriores, sufrisen variacións estatutarias, deberán presentar ademais fotocopia compulsada dos seus estatutos ou das variacións que haxa neles.

6.3. Os documentos xa achegados en convocatorias anteriores non será necesario presentalos de novo, agás que se producisen modificacións ou variacións neles, de acordo co previsto no artigo 35.f) da Lei de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

6.4. Os documentos que se acheguen deben presentarse en orixinal ou fotocopia compulsada.

Artigo 7º.-Lugar e prazo de presentación das solicitudes.

A solicitude e maila documentación requirida presentaranse nas delegacións provinciais da Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude, sendo de aplicación, en todo caso, o disposto no artigo 38.4 da Lei de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

O prazo de presentación das solicitudes será de 30 días naturais contados a partir do día seguinte ó da publicación da presente orde.

Artigo 8º.-Tramitación dos expedientes.

1. As delegacións provinciais da consellería comprobarán que os expedientes reúnen tódolos requisitos recollidos na presente orde e procederán a reclamar por escrito ós interesados a falta e/ou os documentos preceptivos para completalos, co apercibimento de que, se non se fixese así, no prazo de dez días arquivarase o expediente sen máis trámite.

2. Revisados os expedientes e completados, se é o caso, remitiranse á Comisión Provincial de Valoración que terá a función de propoñe-la aprobación ou denegación das axudas solicitadas.

3. A composición da comisión de valoración será a seguinte:

Presidente: xefe/a do Servicio de Familia, Infancia e Menores.

Vocais: tres funcionarios da respectiva delegación designados polo delegado provincial, un dos cales actuará como secretario. Poderá asistir tamén, con voz pero sen voto, un representante da Intervención Territorial.

Artigo 9º.-Resolución.

1. A resolución das axudas, por proposta da Comisión de Valoración, e despois da súa fiscalización pola intervención, correspóndelles ós delegados provinciais da consellería, que deberán resolver no prazo dun mes contado a partir da data de finalización do prazo de solicitudes. As solicitudes non resoltas neste prazo teranse por desestimadas.

2. No caso de que segundo o artigo 4.4 a axuda se formalice mediante convenio, este será asinado pola Conselleira de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude.

3. As resolucións seranlles notificadas ós interesados, debendo ser motivadas as de carácter denegatorio.

Artigo 10º.-Pagamento e xustificación das subvencións.

1. Unha vez dictada a resolución pola que se conceda a subvención, procederase ó pagamento e xustificación, da forma que se indica a continuación, agás nos casos nos que se establezan convenios, nos que se aplicará o que neles se sinale.

2. As subvencións poderanse facer efectivas de conformidade co establecido na Lei de orzamentos xerais da Comunidade galega para o ano 1998 da seguinte forma:

Para aquelas que non superen o importe dun millón de pesetas poderá anticiparse ata un 80% da contía outorgada, librándose o 20% restante unha vez presentada pola entidade certificación na que se especifique a cantidade exacta do gasto realizado na finalidade obxecto de axuda. En todo caso, o importe do gasto certificado ha de ser igual ou superior á axuda concedida.

Nos demais casos poderá facerse efectivo o pagamento da axuda do seguinte xeito:

a) Un primeiro prazo do 50% da totalidade da subvención, no momento da súa concesión, logo da presentación pola entidade do certificado que acredite o inicio das actividades.

b) O 50% restante unha vez presentada pola entidade certificación, expedida polo órgano competente, na que se especifique a cantidade exacta do gasto realizado na finalidade obxecto da axuda. En todo caso o importe do gasto certificado ha de ser igual ou superior á axuda concedida.

3. A entidade receptora deberá presentar antes do 31 de xaneiro do exercicio seguinte, perante a delegación provincial respectiva, un balance de ingresos e gastos compresivo de todo o ano natural conforme o anexo III. O cumprimento deste trámite considérase requisito previo para a concesión das subvencións nos exercicios seguintes.

Artigo 11º.-Outras obrigas das entidades subvencionadas.

As entidades subvencionadas deberán cumprir, ademais, as seguintes obrigas:

a) Remiti-los informes e demais documentación que reclamen os órganos competentes da consellería.

b) Facilita-la inspección e control dos órganos competentes da Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude sobre os seus centros e actividades.

Artigo 12º.-Revogación.

O incumprimento total ou parcial de calquera das condicións, así como a duplicidade da axuda con cargo a outros créditos dos orzamentos xerais do Estado, da Seguridade Social, Administración institucional, autonómica ou local, constituirá causa determinante de revogación da axuda e do seu reintegro polo beneficiario ou solicitante, xunto cos xuros de demora, segundo o previsto no artigo 78.6 da Lei 11/1992, do 7 de outubro, de réxime financeiro e presupostario de Galicia.

Disposicións adicionais

Primeira.-De acordo co disposto no artigo 3.2 da orde da Consellería de Economía e Facenda do 2 de xuño de 1986, a autorización do gasto e a contracción da obriga demoraranse ata a aprobación do crédito que vai ampara-lo gasto.

Segunda.-A concesión de axudas reguladas nesta orde terá como límite global o crédito asignado nos orzamentos para estes fins. En todo caso, as actuacións que se van subvencionar deberán realizarse dentro do exercicio económico 1998.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Autorízase a directora xeral de Familia para dicta-las normas necesarias para o desenvolvemento desta orde.

Segunda.-A presente orde entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 20 de febreiro de 1998.

Manuela López Besteiro

Conselleira de Familia, Promoción do Emprego,

Muller e Xuventude