Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 45 Venres, 06 de marzo de 1998 Páx. 2.259

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE XUSTIZA, INTERIOR E RELACIÓNS LABORAIS

RESOLUCIÓN do 26 de novembro de 1997, da Delegación Provincial de Lugo, pola que se dispón a inscrición no rexistro e publicación, no Diario Oficial de Galicia, do laudo dictado no procedemento de mediación e arbitraxe, AGA, no convenio colectivo de ámbito provincial para a empresa Urbaser, S.A.

En relación co artigo 2.f) do Real decreto 1040/1981, do 22 de maio, sobre rexistro e depósito de convenios colectivos de traballo, faise público o laudo dictado no procedemento de mediación e arbitraxe, AGA, no conflicto xurdido entre a parte empresarial e social respecto da interpretación do artigo 34 do convenio colectivo provincial da empresa Urbaser, S.A. (expediente 10/1997). Esta delegación provincial,

ACORDA:

Primeiro.-Ordena-la inscrición do citado laudo no rexistro de convenios desta delegación, así como o seu depósito.

Segundo.-Remiti-lo texto do citado laudo á Dirección Xeral de Relacións Laborais da Xunta de Galicia.

Terceiro.-Dispoñe-la súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Lugo, 26 de novembro de 1997.

(Decreto 13/1994, do 22 de xaneiro)

Rafael Díaz Iglesias

Secretario provincial de Lugo

Laudo arbitral

José Vázquez Portomeñe, árbitro designado polas partes na acta de compromiso arbitral asinada o 29

de outubro de 1997 no procedemento de solución de conflictos, expediente AGA tramitado co número 12/1997, como consecuencia das diverxencias suscitadas na empresa Urbaser S.A. de Lugo, no trámite establecido no capítulo III, sección terceira do Acordo Interprofesional Galego sobre Procedementos Extraxudiciais de Solución de Conflictos de Traballo, sendo partes interesadas: a dita empresa Urbaser, S.A. e o comité de empresa, en representación dos traballadores daquela, así como os sindicatos UGT e CC.OO.

Oídas as alegacións das partes e vistos os elementos documentais achegados polas elas, na sesión celebrada o día 29-10-1997, coa presencia do árbitro designado, das representacións da empresa Urbaser, S.A., do comité de empresa dela, dos sindicatos de traballadores UGT e CC.OO, procede emiti-lo presente laudo. Para tal efecto, tivéronse en conta os seguintes antecedentes.

Primeiro.-A Federación de Servicios da Unión Xeral de Traballadores de Lugo, por escrito do 17-10-1997, diríxese ó Consello Galego de Relacións Laborais, promovendo arbitraxe de dereito, con fundamento no artigo 20.2.b) do Acordo Interprofesional Galego sobre Procedementos Extraxudiciais de Solución de Conflictos de Traballo, sendo obxecto do conflicto a interpretación do artigo 34 e concordantes do convenio colectivo da empresa Urbaser, S.A., subscrito o día 24-2-1997 e publicado no BOP de Lugo do 30-6-1997.

Segundo.-O mesmo día 17-10-1997, a representación da empresa Urbaser, S.A. dirixe escrito ó Consello Galego de Relacións Laborais, poñendo de manifesto diversas circunstancias concorrentes no contorno do conflicto, en particular, que considera que na xestión dos aspectos contractuais non infrinxe as previsións neste eido que se conteñen no texto articulado do convenio, concluíndo que procede que efectúe o propio AGA as citacións e comunicacións para o efecto.

Terceiro.-A Asesoría Xurídica do Servicio de Solucións de Conflictos do Consello Galego de Relacións Laborais comunica por escrito do 23-10-1997 que, para resolve-las discrepancias existentes entre a parte empresarial e social respecto da interpretación do artigo 34 do convenio colectivo da empresa, solicitaron o procedemento arbitral e que existe acordo na designación do árbitro.

Cuarto.-O día 29-10-1997 formalízase a acta de compromiso, con designación formal da persoa que emite o presente laudo.

Quinto.-O mesmo día 29-10-1997 comparecen diante do árbitro designado as representacións das partes: empresa Urbaser, S.A., do comité de empresa dela e dos sindicatos de traballadores UGT e

CC.OO., quen manifestan o que consideran procedente e achegan ó expediente os seguientes elementos documentais:

-Nota sobre o posicionamento da parte social, co seguiente contido: a representación dos traballadores considera que os parámetros básicos tidos en conta á hora de negociar foron: a fixeza do cadro de persoal, xornada completa e o limiar mínimo de 103 traballadores en tales condicións; que o actual artigo 34 reflicte o mesmo teor e espírito do convenio precedente; que tanto o anterior cadro de persoal de Relusa como a de Urbaser, S.A. estaban integradas exclusivamente por persoal a xornada completa, situación que se deu especificamente desde a última adxudicación do servicio a Urbaser, S.A. ata a data de peche das negociacións do convenio, o 24-12-1996; que o acordo entre as partes se xerou na data anteriormente sinalada, asinándose o 24-2-1997, sendo publicado o 30-6-1997; que a oferta presentada por Urbaser, S.A. para o concurso implicaba un número de traballadores igual a 110,55 para facer fronte, en xornada completa e durante 238 días efectivos ó ano, ás necesidades derivadas da

reutilización dos servicios programados, recollida, limpeza, vertedoiro e servicios comúns; que o limiar de 103 traballadores implica flexibiliza-la cláusula anterior correspondente ó convenio con Relusa, na que se comprometía a manter, como mínimo o actual cadro de persoal; que, na actualidade, Urbaser, S.A. ten 107 traballadores fixos, se ben este colectivo debe quedar reducido a 98, porque 8 deles prestan servicios para o Ministerio de Xustiza, non estando incluídos no concurso, e que perciben as súas retribucións polo convenio provincial do sector; considera que a empresa mantén 98 traballadores fixos, cando adquiriu o compromiso de ter 103, non procédendo o cómputo doutros 10 contratos a tempo parcial, de 11.30 horas, feitos especificamente para un servicio distinto, que se prestaría en sábados e domingos, con cargo a unha partida orzamentaria adicional.

-Nota sobre o posicionamento da parte empresarial, que achega criterios nos seguintes aspectos: a medida de nivel de emprego na empresa, en relación coa interpretación do artigo 34 do convenio, baséase exclusivamente no compromiso de establece-lo número de traballadores fixos en 103, a través das facultades previstas nos artigos 36 e 37; que en ningún momento se fala, e así consta por omisión expresa, incluso nas actas de negociación do convenio, de que os traballadores fixos teñan que ser, a maiores, a xornada completa, polo que procede unha interpretación literal, de acordo co artigo 1281 e seguintes do Código Civil; que a situación actual é de 98 traballadores fixos e 10 contratados eventuais que, de acordo coas previsións do artigo 37 do convenio, acadarán proximamente a condición de fixos, o que totaliza o número de 103; que só a comisión

paritaria é a competente para introducir novos artigos no convenio; considera que non é tóxico que se suscite o conflicto, en caso de que tivese base, practicamente 10 meses despois do asinamento do convenio; sobre o contorno da negociación, sinala que Urbaser, S.A. se atopa nun impás, en canto á negociación colectiva se refire, cun convenio asinado no ano 1995 pola anterior concesionaria, denunciado pola parte social e prorrogado, consonte o seu artigo 6, iniciándose en novembro do 96 a negociación dun novo convenio, cunha duración e vixencia de 2 anos, entre o 1 de xaneiro do 96 e o 31 de decembro do 1997; que as negociacións finalizaron en decembro de 1997 (debe entenderse decembro do 1996).

Ámbolos dous elementos documentais anteriormente citados son achegados por proposta feita ás partes polo árbitro, con anterioridade á comparecencia, concretamente no momento de formalizarse a sinatura da acta de compromiso arbitral.

-Copia do convenio da empresa Residuos de Lugo, S.A., publicado no BOP de Lugo, número 257, ó abeiro da resolución do delegado da Consellería de Xustiza, Interior e Relacións Laborais, do 23-10-1995.

-Copia do convenio da empresa Urbaser, S.A., publicado no BOP de Lugo, número 148, ó abeiro da resolución do delegado Provincial da Consellería de Xustiza, Interior e Relacións Laborais, do 18-3-1997.

-Copia da acta da comisión mixta paritaria do convenio de Urbaser, S.A., do 30-9-1997.

-Copia de diversos elementos documentais relativos á adxudicación do servicio de limpeza por parte do Concello de Lugo á dita empresa Urbaser, S.A.

-Copia dos contratos de traballo a tempo parcial, celebrados ó abeiro do Real decreto 2317/1993, pola empresa Urbaser, S.A. coas persoas e nas datas que se indican:

-Julio Moreira Silva, o 1-2-1997.

-Luis Bargados Torneiro, o 1-2-1997.

-Dionisio Delgado Rodríguez, o 1-2-1997.

-Daniel Burgo Vidal, o 1-2-1997.

-José Antonio García Orozco, o 1-2-1997.

-Carlos Lodeiro Souto, o 1-2-1997.

-Eutimio Pérez Díaz, o 1-2-1997.

-José Morandeira Lamas, o 1-2-1997.

-José Ramón Fernández Fernández, o 4-2-1997.

-José Luis Rodríguez Dieguez, o 8-2-1997.

Sexto.-O árbitro designado, o propio día da comparencia a que se retire o parágrafo anterior, dá

traslado á contraparte das notas de posicionamento presentadas por cada unha das partes, a fin de que, se o consideran procedente, poidan efectuar novas alegacións, sobre os contidos delas, remitíndoas, en tal caso, por fax, antes do día 7-10-1997.

Sétimo.-Dentro da previsión anterior, tiveron entrada os dous elementos documentais, cos seguintes contidos:

-A parte social formaliza un longo e detallado escrito de alegacións ós correlativos adversos, co seguinte posicionamento: que durante toda a negociación, ata a sinatura do acordo, a vontade das partes foi en todo momento garantir uns niveis mínimos de emprego a xornada completa respecto ós traballadores adscritos pola empresa ós servicios de limpeza obxecto da adxudicación polo Concello de Lugo; que o anterior se deduce dunha serie de consideracións: o pretendido por ámbalas partes foi o mantemento dun limiar mínimo de emprego en relación co xa existente, que o único aspecto que se estimou oportuno expresar no texto do precepto litixioso foi o relativo á natureza do vínculo laboral, de aí a expresión de fixos, considerándose superflua unha maior concreción sobre outros extremos da relación laboral, por non poder ser outros distintos dos existentes; que non foi controvertido o feito de que, durante o tempo en que o servicio de limpeza urbana foi asumido polas anteriores

adxudicatarias, sempre se deu unha situación de emprego a tempo completo; que durante a negociación do convenio, ata o seu peche, o 24-12-1996, tódolos traballadores estaban prestando servicios a tempo completo; que tal circunstancia operou como presuposición ou condición implícita, cando se procedeu á redacción da norma pactada, de tal xeito que a empresa podería desenvolverse con absoluta liberdade por riba do limiar negociado, amortizando as vacantes ou cubríndoas do modo que lle conveña; que o número de 103 traballadores, referente mínimo, non pode precarizarse; que a parte social nunca asinaría un convenio en caso de que sobre tal extremo existise algunha dúbida; todo o anterior debe entenderse, con independencia do previsto nos artigos 41 e 51 do Estatuto dos traballadores; que, de pretenderse un pacto sobre outros réximes de xornada laboral distintos dos xa existentes, dentro da garantía de emprego concertada, o tóxico sería que se tivesen singularizado, na medida que se

apartaban das pautas normais de emprego na empresa, constituíndo así unha excepción á regra; a expresión mantemento do emprego, no seu teor literal, implica conservar, garantir algo que xa existía, e, por iso, nas condicións existentes, aínda que existan niveis cuantitativos diferentes ós que no seu día presidiu a redacción do mesmo artigo en convenios precedentes nos que o dito compromiso abranguía o cadro de persoal xa existente no momento da sinatura do acordo; considera que non resulta ilóxica a dita cláusula de garantía, por comportar

maior estabilidade para a actividade productiva dunha empresa que presta un servicio esencial para a comunidade, como é a limpeza urbana: que as empresas precedentes tamén asumiron o mantemento do emprego a xornada completa e que no momento da subrogación non existía ningún contrato a tempo parcial, polo que non se concertou tal fórmula de xornada; que Urbaser S.A., coa finalidade de mante-lo compromiso adicional de limpeza durante domingos e festivos, para o que dispón dunha partida específica, minorou os niveis de emprego existentes na prestación do servicio diario de limpeza, mesmo por debaixo do mínimo comprometido, cubrindo as vacantes mediante contratos a tempo parcial; que foi a conducta empresarial, ó contravi-lo pactado, con posterioridade á sinatura, o que determinou a promoción da arbitraxe.

-A parte empresarial tamén formula alegacións en detalle, baixo o seguiente contido: entende que está cumprindo o artigo 34 do convenio; que en ningún momento aparece reflectido no convenio colectivo e concretamente no artigo 34 a obriga de que os traballadores fixos teñan que ser a xornada completa; que a redacción do actual artigo 34 pretendeu supera-la ambigüidade do texto do convenio anterior, que conclúe unha discusión sobre o seu contido; refírese ó artigo 82.4º do Estatuto de traballadores, no sentido de que un convenio pode dispor sobre os dereitos recoñecidos nun convenio anterior e que, en tal caso, se aplicará integramente ó regulado no novo convenio; que a oferta presentada no seu día diante do Concello de Lugo reflectía 98 traballadores para a prestación do servicio obxecto do concurso, sendo intención da empresa incentiva-lo emprego a través de contratacións a tempo parcial, o que permitiu eleva-lo censo de traballadores ata 103; que o contido do artigo 34 resulta claro

e non deixa lugar a dúbida sobre a intención dos contratantes; que os 10 traballadores contratados a tempo parcial polo período de 12 meses irán adquirindo a condición de fixos co que se cumpre a previsión de 103.

Oitavo.-O presente laudo emítese dentro do prazo establecido.

Feitos que se declaran probados.

Primeiro.-O actual convenio colectivo da empresa Urbaser, S.A., inscrito e publicado por Resolución do 18 de marzo de 1997 (DOG nº 148, do 30-6), consta como aprobado formalmente o día 24-2-1997. A pesar disto, tanto a representación da empresa como as da parte social manifestan no acto de comparecencia ante o árbitro o nos seus escritos de posicionamento que, de feito, o seu contido quedou pechado o día 24-12-1996, posiblemente pendente dalgún retoque.

Segundo.-O citado convenio ten o seu antecedente inmediato no convenio colectivo da empresa Resi

duos de Lugo, S.A., inscrito e publicado por Resolución do 23-10-1995 (DOG nº 257, do 9-11), debido a que, coas particularidades que se indicarán, Urbaser, S.A. se subrogou na concesión da limpeza municipalizada de Lugo.

Tal circunstancia dedúcese da simple observación do código dos mesmos, coincidente na clave 2700452, dos contidos dos mesmos, así como das manifestacións coincidentes das partes diante do árbitro, na comparecencia do 29-10-1997 e nos escritos de posicionamento.

Terceiro.-O artigo 34 do convenio vixente de Urbaser, S.A., principal obxecto da controversia que se dirimire co presente laudo, ten o seguinte contido:

«Artículo 34º.-Mantemento de emprego.

Establécese que o número de traballadores fixos é de 103 traballadores, sen que sexa necesario que o novo posto de traballo fixo sexa para cubrir exactamente a vacante creada; no obstante, en caso de que sexa un posto susceptible de promoción interna, aplicarase o establecido no artigo 36.

Antes de facer fixo a un traballador, a empresa poderá acollarse ó establecido no artigo 37 desta convenio».

O artigo 36 deste convenio di:

«Artigo 36º.-Ascensos.

a. Os ascensos realizaranse internamente.

b. Terase en conta a antigüidade e as condicións idóneas, realizándose unha proba para o efecto».

O artigo 37 do presente convenio ten o seguinte contido:

«Artigo 37º.-Contratos.

A empresa poderá realizar un primeiro contrato de 12 meses, ó final do cal o traballador que o supere será fixo, salvo ofertas específicas de duración determinada por necesidades de servicio que se lle comunicarán ó comité de empresa».

Cuarto.-A actual composición do cadro de persoal da empresa Urbaser, S.A., computando exclusivamente os traballadores integrados no ámbito funcional do convenio sinalado no feito primeiro, comprende un total de 108 operarios, coas seguintes desagregacións:

-96 fixos a tempo completo, subrogados, xa que proveñen de Relusa.

-2 eventuais, a tempo completo, non subrogados da empresa anterior.

-10 eventuais. A duración inicial dos seus contratos é de 12 meses e, ó seu final, pasará a ser indefinida; a dedicación prevista é de 11.30 horas semanais, sendo a xornada habitual na actividade

de 39 horas semanais, segundo o convenio colectivo. A prestación de servicios por parte deles terá lugar en sábados e domingos, cunha dedicación de 6.30 horas e 5, respectivamente. É de destacar que, segundo a cláusula segunda do contrato de recollida de residuos de limpeza viaria e explotación do vertedoiro, evidentemente de data anterior á sinatura do convenio de Urbaser, S.A., existen dúas previsións: a actividade ordinaria, para que se consigna a dotación correspondente á oferta, e a opción de limpeza en domingos e festivos, que será pagada ó contratista mediante certificación específica; distingue a previsión contractual dous elementos: servicios ordinarios, doceavas partes do canon de adxudicación e servicios extraordinarios no seu caso, facturados ós prezos unitarios de adxudicación.

Quinto.-A composición do cadro de persoal anteriormente citada ten relación coa subrogación do cadro de persoal de Relusa, coas seguintes particularidades:

-A dita subrogación de actividade non é total, xa que se segregou, en favor de Urbaser S.A., unicamente a limpeza viaria, a recollida de residuos sólidos urbanos e o mantemento do vertedoiro municipal.

-Como consecuencia do anterior, Urbaser S.A. non asume a totalidade do cadro de persoal de Relusa, integrada no momento da subrogación por 119 traballadores, segundo a base dezanove do prego de condicións facultativas que rexerán na contratación por concurso dos servicios de recollida de residuos, limpeza viaria, e explotación do vertedoiro municipal.

-Examinada a relación de persoas contida da mesma base dezanove do prego de condicións facultativas, obsérvase que na composición do cadro de persoal relacionada, para os efectos da subrogación prevista na lexislación aplicable (da que se cita expresamente a Ley 7/1975, reguladora das bases do réxime local, texto refundido das disposicións legais vixentes, Regulamento de servicios das corporacións locais, do 17 de xuño do 1955, dos 119 traballadores incluídos), 104 figuran como fixos, 5 eventuais (cunha antigüidade de 2 anos) e outros 10 con contrato de obra ou servicio determinado.

-Na mencionada base dezanove do prego de condicións facultativas non consta a existencia de traballadores a tempo parcial.

Sexto.-O acordo que dá lugar ó actual texto articulado do convenio de Urbaser, S.A. veu precedido dunha tensión nas fases de negociación que, sen dúbida, adquiriu relevancia cualificada á hora de fixa-lo contido do artigo 34, ata o punto de estar formalizada unha convocatoria de folga, que non chegou a iniciarse precisamente por acadarse o consenso das partes sobre o contido daquel.

En relación co anterior, as outras materias a que se refire o convenio non conteñen singularidades dignas de mención especial, para os efectos de seren relevantes para xerar unha conflictividade potencial na fase de negociación (é significativa neste eido a previsión de crecemento retributivo para o ano 1997, o IPC real, entregando a conta o 2,6%).

Sétimo.-A materia regulada no artigo 34 do convenio de Urbaser, S.A., tamén estaba recollida no mesmo ordinal do inmediato precedente, o convenio de Relusa, que ten un contido claramente diferenciado, polo menos nun aspecto importante para a substanciación do presente laudo, precisamente o factor de referencia para a concreción do mantemento de emprego pactado:

«Artigo 34º.-Mantemento de emprego.

A empresa Relusa comprométese a manter, como mínimo, o actual cadro de persoal. No suposto de que o traballador se xubile, ou cause baixa por calquera outra natureza a empresa contratará outro traballador para cubri-la dita vacante».

Oitavo.-Do exame dos artigos que figuran cos ordinais 35, 36 e 37 nos convenios de Relusa e Urbaser, dedúcese que coinciden literalmente.

Noveno.-Sintetizando os puntos que parecen requirir pronunciamento arbitral, en interpretación do artigo 34 e concordantes do vixente convenio colectivo para a empresa Urbaser, S.A. e os seus traballadores, debe concretarse que afectan ós seguientes aspectos:

-O número de traballadores que debe actuar de referente.

-O nivel de emprego e o seu módulo de cómputo.

-A cualificación do emprego resultante.

Décimo.-O presente laudo, que é de interpretación de dereito, díctase no prazo legalmente establecido, de 10 días hábiles, contados a partir do da acta de compromiso arbitral.

Fundamentos xurídicos.

Primeiro.-O obxecto real do presente laudo arbitral, de interpretación de dereito, concretamente dos artigos 34 e concordantes do convenio colectivo que rexe as relacións laborais entre a empresa Urbaser, S.A. e os seus traballadores, implica unha complexa interpretación, que debe segui-los criterios previstos nos artigos 1281 e seguintes do Código Civil, en relación coa doutrina científica e a xurisprudencia na materia.

Efectivamente, do simple exame do contido do artigo en cuestión, en relación cos que con el teñen relación, obsérvase que, no seu conxunto, os elementos que agora poden suscitar dúbida, concretamente o número de traballadores que debe actuar

de referente, o nivel de emprego o seu módulo de cómputo, así como a cualificación do emprego resultante, non resultan claros, debido a que a formalización escrita do acordado no resultou afortunada.

Refírese o artigo 34, na súa literalidade, ós seguintes elementos:

-Mantemento de emprego, título ou epígrafe da norma, que (igual que outros contidos do resto do artigo 34), pode ter un dobre significado, (anuncia a materia a que se refire ou especifica o que pode ser un obxectivo programático ou finalidade para a que se instrumentalizan os contidos propios do artigo); no primeiro suposto, non tería alcance significativo para obter unha interpretación, no segundo, clarificaría contidos, ó implicar un referente claro.

-Establécense que o número de traballadores fixos é de 103 traballadores, sen que sexa necesario que o novo posto de traballo fixo sexa para cubrir exactamente a vacante creada; no obstante no caso de que sexa un posto susceptible de promoción interna, aplicarase o establecido no artigo 36.

Obsérvase unha peculiar redacción, que se ten que cualificar de asistemática, confusa e redundante de forma innecesaria. Instrumentaliza como parámetro determinante do mantemento de emprego exclusivamente o número de traballadores fixos, sen que se refira, como sería lóxico, (incluíndo ou excluíndo) a outros (que son de utilización máis primaria ou frecuente neste tipo de cláusulas) como serían: o módulo de cómputo e a súa secuenciación temporal, a cualidade do emprego xerado (modalidades contractuais utilizables ou habilitadas), o número de horas de dedicación por contrato, a dedicación total ou parcial, as tipoloxías contractuais convencionais (negociables ó abeiro das facultades que confire a normativa sectorial específica), etc.

En función do anterior, procede unha primeira conclusión: que non se está no suposto dun contido pactado con claridade; en tal caso a intepretación non tería razón de ser, como postula o adaxio clásico «Quum in verbis nulla ambigüitas est, non debet admitti voluntatis questio».

Sería pois desexable que as partes tivesen dado ó texto en cuestión un significado máis adecuado para o propósito que tiveron ó contratar.

Segundo.-Resulta evidente que, chegado o momento de cumpri-las prescricións pactadas no convenio, as partes disinten respecto do seu alcance, non sendo conformes co que di ou supón unha delas.

En tal circunstancia, por moito valor que se queira outorgar á letra do corpo do convenio, tense que dar entrada ó seu espírito, ou ó que se supón que foi a vontade dos que pactaron o texto en cuestión, utilizando as regras interpretativas consagradas por

unha práctica secular e que, de seguido, se sintetizan, no que atinxe ó suposto que nos ocupa:

-Para interpreta-lo sentido do pactado debe atenderse á vontade dos contratantes, mellor ca ás súas palabras, «In conventionibus contrahentium voluntatem potius, quam verba spectari placuit».

-No ambiguo debe atenderse preferentemente á intención, «In ambiguis arationibus máxime sententia spectanda est eius, qui eas protulisset».

-De acordo co artigo 1281 do Código Civil, cando as verbos ou termos perezan contrarias á intención dos contratantes, debe prevalecer esta sobre aquelas (Sentencia do Tribunal Supremo do 16-6-1915).

-Na interpretación dos contratos, máis ben que á aceptación rigorosa e gramatical dos verbos, debe atenderse ó espírito, dándolles a significación que os contratantes quixeron que tivese, consonte a súa intención e co obxecto que se propuxeron, pois, aínda que é exacto o principio do dereito de que as palabras usadas nos contratos deben entenderse sinxelamente e como soan, isto só ten lugar cando non se suscita dúbida sobre a súa xenuína intelixencia (Sentencia do Tribunal Supremo de 19-6-1913).

-É un principio xeral do dereito, sancionado pola constante xurisprudencia do Tribunal Supremo, que, cando se suscitan dúbidas sobre a intelixencia do pactado ou se pretende descoñece-lo seu alcance e verdadeiro obxecto, resulta indispensable consulta-los feitos anteriores que os precederon, o conxunto de circunstancias que os acompañaron, a intención e propósitos dos outorgantes e os feitos subseguintes destes mesmos que se relacionen con eles (Sentencia do Tribunal Supremo do 3-4-1909).

-0 pactado constitúe un todo, sendo o molde no que se baleirou o pensamento dos seus autores ó celebralo; en consecuencia debe atenderse a tódalas súas partes cando algunha delas ofreza escuridade, de tal xeito que o conxunto é o que ofrece o verdadeiro significado (Sentencia do Tribunal Supremo de 19-6-1913).

Terceiro.-A interpretación que ofrecen as partes nos seus posicionamentos é claramente diverxente; en síntese:

-Postula a parte social que o referente de 103 traballadores implica a súa condición de fixos e a tempo completo, non resultando computables, para tal efecto, os correspondentes a programas específicos (limpeza en domingos e festivos), en número de 10, nin os que, vinculados laboralmente coa empresa Urbaser, S.A., non están comprendidos nos ámbitos do seu convenio específico, concretamente os 8 traballadores que prestan servicios no ámbito da xustiza, nin o caso dunha traballadora, María del Pilar Gómez Casas, que presta os seus servicios para a dita empresa en Ferrol. De aceptarse o criterio anterior, a

empresa tería, para os efectos do cómputo sinalado no artigo 34 do convenio, unicamente 98 traballadores, co alcance de incumprimento do pactado.

Pola contra, a empresa entende que cumpre integramente o pactado, xa que dispón neste momento de 108 traballadores computables para os efectos sinalados no artigo 34: os 98 fixos e os 10 contratados temporalmente, en réxime de tempo parcial, que acadarán a condición de fixos, unha vez que transcorran os doce meses previstos no artigo 37; ten claro, por outra banda, que non lle é esixible que as contratacións que se efectúen no sucesivo teñan que ser a tempo completo.

A función do árbitro designado non é outra que dirimi-las diferencias, pola vía do dereito, tendo como instrumento principal as normas interpretativas das que se fixo referencia anteriormente.

Neste eido, entrando no fondo do asunto, posiciónanse sobre os aspectos suscitados, en termos concretos:

-Sobre o número de traballadores que debe actuar de referente para os efectos de determina-lo mantemento de emprego pactado, debe entenderse o de 103, aspecto que, se ben resulta fundamental como base de calquera cómputo que se adopte, non aparece cuestionado por ningunha das partes, sendo claro neste aspecto o teor do artigo 34 do convenio, polo que, en aplicación do adaxio citado no penúltimo parágrafo do fundamento xurídico primeiro, non procede interpretación, por tratarse dun aspecto claro, para tódolos efectos, no seu contido.

-Caso distinto é o nivel de emprego e o seu módulo de cómputo. Efectivamente, partindo do referente de 103 traballadores, existe unha coincidencia de apreciación de ámbalas dúas partes, sobre a condición de fixos ou, o que é o mesmo, vinculados á empresa por relación laboral indefinida, o que, sen lugar a dúbida, debe estimarse correcto; pola contra, existe unha profunda discrepancia, respecto de se os traballadores computables teñen que ser a tempo completo, como sostén a parte social, ou, como propugna a parte empresarial, débese atender á literalidade estricta do texto, non resultando esixible a utilización de tal modalidade contractual de a tempo completo.

En relación co anterior, con independencia da lexitimidade das liñas argumentais utilizadas, ámbalas dúas partes parecen esquecer dous aspectos, ós que non dan unha explicación coherente:

-Sustentar que procede a interpretación literal «estrictu sensu», de tal xeito que se entenderían cumpridas as previsións de mantemento de emprego co exclusivo requisito de utilizar contratacións indefinidas, sen ter en conta para nada o nivel de dedicación horaria delas, implica que, polo menos en

teoría, podería baixarse o número de horas traballadas e cobradas polo conxunto do cadro de persoal ata aproximadamente un tercio do nivel actual (suposto de que os 103 traballadores de referencia, nun momento determinado, estivesen contratados a tempo parcial, coa dedicación de 11.30 horas) o que é dificilmente compatible co enunciado do artigo 34, que consigna a obriga de mantemento de emprego. Non puido, pois, ser ese o espírito do pacto e sería inusitado que tal resultado fose da vontade da parte social. Os precedentes da negociación, de tensión e de precedente de emprego fixo e a tempo completo, son dificilmente conciliables cun resultado final na liña exposta.

-Resulta, así mesmo, dificilmente asumible a imposición dunha condición, non pactada expresamente, a de que a empresa teña que contratar, para os efectos do computo do número de 103 traballadores a que se refire o artigo 34, necesariamente na modalidade de a tempo completo, cando o texto non fai mención ningunha a tal extremo; un aspecto tan singular e importante, a pesar dos precedentes existentes de emprego fixo e a tempo completo, non se obvia, non aparece por vía implícita ou presuposta; normalmente explicítase, xa que se trata da consignación dunha carga. O anterior encontra apoio no feito de que, á hora de concreta-la expresión mantemento de emprego, o texto do artigo 34 contén un elemento cualitativo, a palabra fixo, polo que, de existir outro, como podería se-lo caso de a tempo completo, parece lóxico que se citase tamén, e non que se esquecese. Tamén pode resultar significativa a evidente diferencia de contidos entre os artigos 34 dos convenios de Relusa e Urbaser, S.A.; o

primeiro manexa como referente do cómputo de emprego como mínimo, o actual cadro de persoal, o que é o mesmo que dicir, a tempo completo, xa que todo o cadro de persoal de Relusa estaba contratado a tempo completo; o convenio Urbaser, S.A. refírese unicamente ó referente fixos, obvia no contido calquera mención ó concepto tempo completo.

-Por outra banda, o mantemento de emprego non necesariamente ten que implicar fórmulas de contratación a tempo completo. Esa é unha das vías, posiblemente a máis desexada, especialmente para a parte social, pero existen outras.

Rexéitanse, en consecuencia, os dous posicionamentos anteriores, por considerar que non teñen correlación coas regras interpretativas aludidas no fundamento xurídico segundo, en relación cos feitos declarados probados, polo que, máis aló das palabras, haberá que acada-la vontade dos contratantes, a súa intención, o espírito e o obxecto que se propuxeron, tomando como referencia os feitos anteriores, o conxunto de circunstancias concorrentes e, se é posible os feitos subseguintes destes mesmos que se relacionan con eles.

Así pois, nesta vía, enténdese que nivel de emprego e o seu módulo de computo é a esultante da totalización da ocupación na empresa, ponderando tódolos contratos indefinidos (e os que se asinen en exercicio da facultade prevista expresamente polas partes no artigo 37) existentes no ámbito do convenio de Urbaser, S.A., sempre e cando se acade o equivalente, en cómputo, a 103 traballadores a tempo completo. Cando as partes asinan o pactado, en aplicación lóxica das regras interpretativas citadas, son conscientes de que, cando menos, o traballo na empresa non baixará dun nivel equivalente a 103 traballadores a tempo completo, non se atopa outro sentido ás palabras mantemento de emprego e este título non pode ser exclusivamente anunciador dun contido material, nese caso diría emprego, obviando a palabra mantemento, que ten carácter finalista, con significación de conservación ou garantía respecto de algo que xa existe.

Non procede, por tanto que, para acada-lo nivel previsto se inclúan traballadores integrados nos ámbitos doutro convenio ou que prestan servicios, sexa cal sexa a razón, fóra do ámbito da concesión da que é beneficiaria Urbaser, S.A. por parte do Concello de Lugo, como podería se-lo suposto dos que prestan servicios en xustiza ou noutra cidade, sen que teñan relación coa dita concesión.

Procede, pola contra, pola mesma razón, xa exposta e detalladamente argumentada, de que ningunha prevención ou reserva en contra se fixou no convenio, computa-los traballadores correspondentes a programas específicos ou xenéricos, sempre e cando estean funcionalmente integrados na concesión administrativa que rexe as condicións de prestación entre o Concello de Lugo e a empresa Urbaser, S.A. Resulta claro que, no momento en que se acada o acordo que dá lugar ó actual texto do convenio, as partes xa coñecen o contido de contrato de concesión do servicio e a existencia deste servicio específico para sábados e domingos, polo que, de querer facer exclusión deles para os efectos do cómputo dos 103 traballadores, constaría de xeito expreso no artigo 34, o que non sucede.

En calquera caso, por estar claramente pactado, para que os contratos en cuestión sexan computables para os efectos da previsión do artigo 34, deben reuni-la condición de indefinidos, sendo viable, así mesmo, a previsión contida no artigo 37.

Os traballadores que actualmente prestan servicios en Urbaser, S.A., que proveñen da subrogación non poden ver afectados os seus dereitos xa consolidados, especialmente os de vinculación laboral estable e a tempo completo.

Pola contra, os traballadores que no sucesivo se contraten poderán te-la dedicación que se pacte, sempre e cando, ponderando tódolos contratos inde

finidos (e os que se asinen en exercicio da facultade prevista expresamente polas partes no artigo 37) existentes no ámbito do convenio de Urbaser, S.A., se acade o equivalente, en cómputo, a 103 traballadores a tempo completo.

-En canto á cualificación do emprego resultante, á vista das consideracións anteriores, resulta aceptable a utilización das modalidades contractuais legalmente previstas, sempre que se cumpran as condicións sinaladas anteriomente, para acadar, en cómputo, a dedicación equivalente a 103 traballadores a tempo completo, ponderando tódolos contratos indefinidos (e os que se asinen en exercicio da facultade prevista expresamente polas partes no artigo 37) existentes no ámbito do convenio de Urbaser, S.A. Esta consideración é coherente coa precedente composición do cadro de persoal de Relusa, no momento en que se produce a subrogación, que é de 119 traballadores, dos que 104 constan como fixos, 5 como eventuais (cunha antigüidade de 2 anos) e outros 10 con contrato de obra ou servicio determinado.

Tamén resulta aceptable a modalidade prevista no artigo 37 do convenio.

Á vista dos antecedentes, os feitos que se declaran probados e os fundamentos xurídicos expostos, emítese a seguinte decisión:

-Sobre o número de traballadores que debe actuar de referente, para os efectos de determina-lo mantemento de emprego pactado, debe entenderse o de 103.

-Sobre o nivel de emprego e o seu módulo de cómputo, debe entenderse como a resultante da totalización da ocupación na empresa, ponderando exclusivamente os contratos indefinidos (e os que se asinen en exercicio da facultade prevista expresamente polas partes no artigo 37) existentes no ámbito do convenio de Urbaser, S.A., sempre e cando se acade o equivalente, en cómputo, a 103 traballadores a tempo completo.

-Sobre algúns supostos específicos suscitados, relacionados co parágrafo anterior, aclárese que:

-Non procede que, para acada-lo nivel previsto, se inclúan traballadores integrados nos ámbitos doutro convenio ou que presten servicios fóra do ámbito da concesión da que é beneficiaria Urbaser, S.A. por parte do Concello de Lugo.

-Procede computa-los traballadores correspondentes a programas específicos ou xenéricos, sempre e cando estean funcionalmente integrados na concesión administrativa que rexe as condicións de prestación entre o Concello de Lugo e Urbaser, S.A.

-En calquera caso, para que os contratos sexan computables para os efectos da previsión do artigo

34, deben reuni-la condición de indefinidos, sendo viable a aplicación do artigo 37.

-Os traballadores de Urbaser, S.A., que proveñan da subrogación, non poden ver afectados os seus dereitos consolidados, especialmente os de vinculación contractual indefinida e a tempo completo.

-Os traballadores que no sucesivo se contraten poderán te-la dedicación que se pacte, sempre e cando, ponderando exclusivamente os contratos indefinidos (e os que se asinen en exercicio da facultade prevista expresamente polas partes no artigo 37) existentes no ámbito do convenio de Urbaser, S.A., se acade o equivalente, en cómputo, a 103 traballadores a tempo completo.

-Sobre a cualificación do emprego resultante, é aceptable utiliza-las modalidades contractuais legalmente previstas, sempre que se cumpran as condicións sinaladas anteriomente, para acadar, en cómputo, a dedicación equivalente a 103 traballadores a tempo completo, ponderando exclusivamente os contratos indefinidos (e os que se firmen en exercicio da facultade prevista polas partes no artigo 37) existentes no ámbito do convenio de Urbaser, S.A.

-Sobre o nivel de cumprimento do pactado, resulta a obriga inmediata para a empresa de completa-lo nivel de emprego, ata acada-lo nivel previsto, tendo en conta as decisións interpretativas adoptadas no presente laudo, debendo, así mesmo, no futuro, estar e pasar polo seu contido.

O presente laudo poderá ser impugnado, consonte o previsto no artigo 24.4º do Acordo Interprofesional Galego sobre Procedementos Extraxudiciais de Solución de Conflictos de Traballo, diante da xurisdicción do social, segundo a modalidade procesual de impugnación de convenios colectivos, que se tramitará segundo o procedemento de conflictos colectivos, da Lei de procedemento laboral, aprobada por Real decreto lexislativo 521/1990, do 27 de abril.

Dado en Lugo o seis de novembro de mil novecentos noventa e sete.

José Vázquez Portomeñe

Árbitro designado