Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 44 Xoves, 05 de marzo de 1998 Páx. 2.200

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DA PRESIDENCIA E ADMINISTRACIÓN PÚBLICA

RESOLUCIÓN conxunta do 18 de febreiro de 1998, da Dirección Xeral de Ordenación Educativa e Formación Profesional da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria e do Instituto Galego de Consumo, pola que se convoca concurso de premios entre escolares de niveis non universitarios para a elaboración de carteis ou debuxos e traballos de redacción sobre a educación do consumidor en conmemoración do Día Mundial dos Dereitos do Consumidor.

Con motivo da conmemoración, o 15 de marzo, do Día Mundial dos Dereitos do Consumidor, o Instituto Galego de Consumo e a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, a través da Dirección Xeral de Ordenación Educativa e de Formación Profesional, conscientes da necesidade de forma-los alumnos e alumnas da Comunidade Autónoma galega cara á adquisición do espírito crítico que lles permita enfrontarse ás múltiples e diversas ofertas da sociedade de consumo e optar de maneira libre e responsable, convocan para o ano 1998 un concurso de premios de carteis ou debuxos e de traballos de redacción sobre a educación do consumidor na escola invitando os escolares galegos a reflexionar sobre a sociedade de consumo e a que utilicen como medio a creación artística e literaria. Por todo isto,

DISPOÑEMOS:

Convocar un concurso de carteis ou debuxos e traballos de redacción, en materia de educación do consumidor, de acordo coas seguintes bases:

Primeira.-Poderán participar neste concurso tódolos alumnos e alumnas matriculados en centros de niveis educativos non universitarios da Comunidade Autónoma galega.

Segunda.-Os premios distribuiranse do modo seguinte:

-Un premio para o mellor cartel ou debuxo do alumnado de educación infantil, dotado con 125.000 pesetas, das cales 50.000 pesetas se investirán na adquisición de material didáctico, lúdico, etc., para o gañador ou gañadores, e 75.000 pesetas serán para o centro onde curse os seus estudios.

-Un premio para o mellor cartel ou debuxo realizado por alumnos ou alumnas do 1º e 2º ciclo de educación primaria, dotado con 150.000 pesetas, das cales 65.000 pesetas se investirán na adquisición de material didáctico, lúdico, etc. para o gañador ou gañadores, e 85.000 pesetas serán para o centro onde curse os seus estudios.

-Un premio para o mellor traballo de redacción dos alumnos e alumnas do 3º ciclo de educación primaria, dotado con 150.000 pesetas, das cales 65.000 pesetas se investirán na adquisición de material didáctico, lúdico, etc. para o gañador ou gañadores, e 85.000 pesetas serán para o centro onde curse os seus estudios.

-Un premio para o mellor traballo de redacción dos alumnos ou alumnas do 1º ciclo da ESO, dotado con 175.000 pesetas, das cales 75.000 pesetas se investirán na adquisición de material didáctico, lúdico, etc. para o gañador ou gañadores, e 100.000 pesetas serán para o centro onde curse os seus estudios.

-Un premio para o mellor traballo de redacción para o segundo ciclo da ESO, bacharelato LOXSE, ciclos formativos, formación profesional de 1º e 2º

grao, BUP e COU, dotado con 200.000 pesetas, das cales 90.000 pesetas se investirán na adquisición de material didáctico, lúdico, etc. para o gañador ou gañadores e 110.000 pesetas corresponderán ó centro onde curse os seus estudios.

-Un premio para o mellor cartel ou debuxo presentado por alumnos e alumnas de escolas de arte, dotado con 200.000 pesetas, das cales 90.000 pesetas se investirán na adquisición de material didáctico, lúdico, etc. para o gañador ou gañadores, e 110.000 pesetas serán para a escola onde curse os seus estudios.

Tódalas contías correspondentes ós centros deberán investirse na compra de material didáctico.

Terceira.-O prazo de presentación dos traballos finaliza o día 31 de maio de 1998.

Cuarta.-Os traballos deberanse presentar no modelo que figura como anexo I da presente resolución, nos servicios centrais ou provinciais do Instituto Galego de Consumo, sendo en todo caso de aplicación o disposto no artigo 38 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, dirixidos ó presidente do Instituto Galego de Consumo, acompañados dun certificado do centro onde o/os concursante/s efectúe/n os seus estudios, nos que consten os datos do alumno, nivel educativo, curso, ciclo ou modalidade que realiza.

Quinta.-Os traballos que concorran ó premio de debuxos ou carteis correspondente ó alumnado de educación infantil e 1º e 2º ciclo de educación primaria serán colectivos e terán como protagonista a mascota CAMALEO, que aprende os nenos a consumir, interpretada de xeito libre, e deberán versar sobre algún dos seguintes temas: auga, medio ambiente, xogos ou lecer.

O tema proposto para o traballo de redacción será: «O euro, unha moeda para todos».

Para os carteis presentados polas escolas de arte, os temas serán: «O día mudial do consumidor 1998» ou «O euro».

Sexta.-Os traballos serán colectivos e cunhas dimensións máximas de 0,80x0,70 m para os carteis ou debuxos e unha extensión máxima de tres follas a dobre espacio por unha soa cara para os traballadores de redacción.

Sétima.-Os premios que se concedan na súa contía de 1.000.000 de ptas. faranse efectivos con cargo á aplicacion orzamentaria 08.50.343-A.640.0 do Instituto Galego de Consumo, existindo crédito suficiente na partida indicada no proxecto de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para 1998, de conformidade coa Orde do 2 de xuño de 1986 da Consellería de Economía e Facenda sobre tramitación anticipada de expedientes de gasto.

Oitava.-A concesión dos premios farase por proposta dun xurado nomeado polo presidente do Instituto Galego de Consumo e o director xeral de Ordenación Educativa e de Formación Profesional.

Novena.-A decisión do xurado, que será publicada no Diario Oficial de Galicia, será inapelable e poderán ser declarados desertos calquera dos premios anunciados ou, se é o caso, e se o xurado o determina, ser acumulados entre si, ou compartidos segundo a súa calidade.

Décima.-A participación no concurso supón a aceptación de tódalas súas bases, así como a cesión

do dereito da propiedade no caso dos carteis ou debuxos e os traballos de redacción gañadores, nos que poderán introducirse as variacións que se consideren máis adecuadas á súa finalidade.

Disposición derradeira

Nos aspectos non previstos na presente resolución haberá que aterse ó disposto na Lei 11/1992, do 7 de outubro, de réxime financeiro e presupostario

de Galicia, na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, e na Orde do 2 de xuño de 1986 sobre tramitación anticipada dos expedientes de gasto.

Santiago de Compostela, 18 de febreiro de 1998.

Jorge J. Rodríguez Vázquez-MolezúnJosé Luis Mira Lema

Presidente do Instituto Galego Director xeral de Ordenación

de Consumo Educativa e de Formación Profesional