Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 44 Xoves, 05 de marzo de 1998 Páx. 2.197

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DA PRESIDENCIA E ADMINISTRACIÓN PÚBLICA

RESOLUCIÓN conxunta do 13 de febreiro de 1998, da Dirección Xeral de Ordenación Educativa e de Formación Profesional da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria e do Instituto Galego de Consumo, pola que se convoca concurso público para premia-los mellores materiais curriculares sobre educación do consumidor na escola.

O Instituto Galego de Consumo ten entre as súas funcións a de promove-la formación do cidadán como consumidor e usuario, propoñéndolles ós organismos competentes a adopción de programas de educación do consumidor nos distintos niveis do ensino, e, para este respecto, ten establecidas liñas de actuación conxunta coa Consellería de Educación e Ordenación Universitaria en materia de formación do profesorado de niveis non universitarios.

Como suplemento destas actividades, faise necesaria a elaboración de materiais curriculares que sirvan de orientación ó profesorado dos distintos niveis educativos cara á introducción da educación do consumidor na escola.

Con este obxectivo, o Instituto Galego de Consumo e a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria convocan un concurso para premia-los mellores materiais curriculares para a educación do consumidor na escola.

En consecuencia co anteriormente exposto,

DISPOÑEMOS:

Artigo 1º.-Obxecto.

A convocatoria ten por obxecto a concesión de tres premios ós materiais curriculares sobre educación do consumidor na escola, de niveis non universitarios, preferentemente relacionados cos contidos dos cursos de formación que xa se impartiron ou que se impartirán no presente ano, e están dirixidos ó profesorado de niveis no universitarios.

Artigo 2º.-Dotación económica.

Outorgaranse 3 premios para os mellores traballos presentados en cada unha das diferentes etapas educativas: infantil, primaria e secundaria, coa seguinte dotación económica:

-Un premio para educación infantil de 500.000 pesetas.

-Un premio para educación primaria de 500.000 pesetas.

-Un premio para educación secundaria de 500.000 pesetas.

A orde da Consellería de Economía e Facenda do 2 de xuño de 1986, modificada pola Orde do 18 de outubro de 1991, posibilita a tramitación anticipada dos expedientes de gasto imputables ó capítulo 4, 6 e 7 no exercicio orzamentario inmediatamente anterior a aquel no que se materializa a presentación.

O pagamento dos premios farase con cargo á aplicación orzamentaria 08.50.343-A.640.0 do Instituto Galego de Consumo, existindo crédito suficiente na partida indicada no proxecto de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para 1998, de conformidade coa Orde do 2 de xuño de 1986 da Consellería de Economía e Facenda sobre tramitación anticipada de expedientes de gasto.

Artigo 3º.-Bases.

1. Poderá participar na presente convocatoria o profesorado dos centros educativos dependentes da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria que estea en activo e imparta ensino nos niveis non universitarios.

2. Os concursantes, de xeito individual ou en grupo, deberon ter participado, ou polo menos un deles se o traballo é colectivo, nalgún dos cursos de formación en consumo para o profesorado que xa se impartiron en etapas anteriores ou nos que se impartan no presente ano.

3. Poderase concursar presentando todos aqueles materiais curriculares relativos a: unidades didácticas, obradoiros, xogos, exemplificacións etc., que fosen elaborados ou experimentados na aula como máximo ata a data límite de presentación que figura no artigo 3.7 desta resolución.

4. Os traballos que concorran deberán ser orixinais e non premiados con anterioridade.

5. As solicitudes para participar no concurso presentaranse no modelo que figura no anexo I, no rexistro da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria ou do Instituto Galego de Consumo, a través das distintas delegacións provinciais ou por calquera dos medios establecidos no artigo 38.4º da Lei 30/1992, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, antes do 30 de maio de 1998.

6. As solicitudes deberán ir xunto cun resumo, cun máximo de 150 palabras, onde se detallen as características xerais do traballo: descrición, obxectivos, metodoloxía e nivel de aplicación.

7. A data de presentación dos traballadores definitivos rematará o día 15 de outubro de 1998.

8. Os concursantes deberán presenta-lo traballo en soporte informático e en soporte papel por triplicado, perante os organismos mencionados e polos medios descritos no punto 5 das presentes bases.

9. Os traballos deberán ir acompañados da seguinte documentación:

a) Fotocopia da solicitude de presentación do traballo, selada antes do 30 de xuño de 1998.

b) Certificado do director ou directora do centro educativo, no que se faga consta-la etapa en que se experimentaron, así como o destino dese profesor ou profesora nese mesmo centro.

c) Memoria descritiva na que se reflectirán os obxectivos e contidos desenvolvidos, a metodoloxía empregada, a conexión co proxecto educativo e o proxecto curricular do centro, o nivel de aplicación, os recursos empregados, o desenvolvemento da experiencia e os criterios e procedementos de avaliación segundo os obxectivos previstos.

10. A concesión dos premios farase por proposta dun xurado composto polos seguintes membros:

O director xeral de Ordenación Educativa e de Formación Profesional, ou persoa na que delegue.

O subdirector xeral de Ordenación Educativa, ou persoa na que delegue.

A xerente do Instituto Galego de Consumo, ou a persoa na que delegue.

A xefa do Servicio de Formación do Profesorado.

A xefa do Servicio de Información e Formación do IGC.

Un funcionario ou funcionaria do IGC que actuará como secretario.

11. O xurado, se o considera conveniente, poderá contar co asesoramento de especialistas.

12. A decisión do xurado que será publicada no DOG, será inapelable e poderán ser declarados desertos calquera dos premios anunciados ou, se é o caso, e se o xurado o determina, ser acumulados entre si, ou compartidos.

13. A Consellería de Educación e Ordenación Universitaria e o Instituto Galego de Consumo reservarán para si durante un ano os dereitos de publicación e difusión dos traballos premiados, sen prexuízo da propiedade intelectual dos autores/as. A reserva dos dereitos de publicación non implica compromiso de edición. Estes dereitos cederanse ós autores/as no caso de non realiza-la publicación no tempo previsto.

14. Os traballos non premiados quedarán á disposición dos concursantes ata un prazo máximo de tres meses contados a partir da data na que se faga público o veredicto do concurso.

15. A participación neste concurso supón a aceptación das súas bases.

16. A presente resolución entrará en vigor a partir do día seguinte ó da súa publicación.

Disposición derradeira

Nos aspectos non previstos na presente resolución haberá que aterse ó disposto na Lei 11/1992, do 7 de outubro, de réxime financeiro e presupostario de Galicia, e na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común e na Orde do 2 de xuño de 1986 sobre tramitación anticipada dos expedientes de gasto.

Santiago de Compostela, 13 de febreiro de 1998.

Jorge J. Rodríguez Vázquez-MolezúnJosé Luis Mira Lema

Presidente do Instituto Galego Director xeral de Ordenación

de Consumo Educativa e de Formación Profesional