Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 43 Mércores, 04 de marzo de 1998 Páx. 2.149

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DE EDUCACIÓN E ORDENACIÓN UNIVERSITARIA

ORDE do 27 de xaneiro de 1998 pola que se regula a obtención do título de graduado escolar mediante a realización de probas extraordinarias.

A Lei orgánica 1/1990, do 3 de outubro, de ordenación xeral do sistema educativo (LOXSE), dedica o seu título III á educación das persoas adultas e nel establece que o sistema educativo debe garantirlles que poidan adquirir, actualizar, completar ou amplia-la súa formación básica e acceder ós distintos niveis do sistema educativo.

A devandita lei orgánica, na súa disposición adicional cuarta, establece que durante un prazo de cinco anos se continuará convocando probas extraordinarias para a obtención do título de graduado escolar. A súa obtención permitirá acceder ó segundo ciclo da ensinanza secundaria obrigatoria e terá os mesmos efectos profesionais có título de graduado en educación secundaria. Tal disposición ten como finalidade facilitárlle-lo acceso ás novas ensinanzas e ó mundo laboral ás persoas adultas que cursaron ensinanzas no sistema regulado pola Lei 14/1970, xeral de educación. En consecuencia, as administracións educativas que teñen recoñecida competencia nos seus Estatutos de autonomía poden desenvolver esta normativa, tal e como se establece na disposición derradeira primeira da LOXSE, para que os seus cidadáns e cidadás en idade adulta poidan acada-lo máximo desenvolvemento persoal e profesional que, por diferentes razóns, non acadaron no seu día.

O Real decreto 1487/1994, do 1 de xullo, que modifica e completa o Real decreto 986/1991, do 14 de xuño, polo que se aproba o calendario de aplicación da nova ordenación do sistema educativo, dispón no seu artigo único, apartado 2.2, que no ano académico 1997/1998 deixarán de impartirse as ensinanzas correspondentes ó oitavo curso da educación xeral básica. Non obstante, e en cumprimento

do establecido na disposición adicional cuarta da Lei orgánica 1/1990, tamén establece, no seu artigo único, apartado 8, que durante os cinco anos seguintes á extinción do devandito curso da educación xeral básica se continuarán convocando probas extraordinarias para a obtención do título de graduado escolar nos termos establecidos no artigo 52.3º da mencionada Lei orgánica 1/1990.

Cómpre, polo tanto, que a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria organice periodicamente, ata a extinción do prazo establecido pola normativa citada, as probas necesarias para que os maiores de dezaoito anos e aqueles que remataran a escolaridade obrigatoria no ano 1997, no que se deixa de imparti-las ensinanzas correspondentes ó oitavo curso da educación xeral básica, poidan obter directamente o título de graduado escolar e, xa que logo, acceder a contextos educativos nos que poidan desenvolve-la súa capacidade de participación social, cultural, política e económica ou, no seu defecto, integrarse coa garantía da súa titulación no mundo social e laboral.

En consecuencia co anteriormente exposto e en virtude das atribucións conferidas polas disposicións derradeiras primeira e segunda da Lei orgánica 1/1990, a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria,

DISPÓN:

Artigo 1º.-Ámbito de aplicación.

A presente orde ten por obxecto regular, no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia, as probas extraordinarias para a obtención do título de graduado escolar, que se convocarán durante os cinco anos seguintes á extinción no ano académico 1996/1997 do oitavo curso da educación xeral básica regulada na Lei 14/1970, xeral de educación. Segundo o disposto, o remate do curso 2001/2002 deixarán de realizarse estas probas.

Artigo 2º.-Centros.

1. Mentres non estean implantadas na súa totalidade as ensinanzas de educación secundaria obrigatoria, os centros públicos de educación de persoas adultas e os centros privados autorizados a impartir estas ensinanzas poderán seguir impartindo as ensinanzas conducentes ó título de graduado escolar, tanto pola modalidade presencial como a distancia, seguindo os procedementos da avaliación que estaban establecidos para este nivel, co fin de facilita-la superación das probas extraordinarias establecidas na presente orde.

2. As probas extraordinarias realizaranse nos centros públicos de educación de persoas adultas coa proposta das delegacións provinciais e autorizados pola Dirección Xeral de Ordenación Educativa e Formación Profesional. Non obstante, cando as circunstancias así o aconsellen, poderase autoriza-la realización das probas extraordinarias noutros centros docentes da provincia.

Artigo 3º.-Acceso dos aspirantes.

Poderán inscribirse para a realización das probas extraordinarias para a obtención do título de graduado escolar as persoas que teñan 15 anos cumpridos antes do 31 de decembro de 1997 e non estean escolarizadas na educación secundaria obrigatoria.

Artigo 4º.-Características da proba.

1. A proba deberá valora-lo logro dos obxectivos establecidos para a educación xeral básica e versará sobre os ámbitos de coñecemento das áreas de lingua galega, lingua castelá, lingua estranxeira, matemáticas e ciencias da natureza e ciencias sociais.

2. A elaboración da proba corresponderalle á Dirección Xeral de Ordenación Educativa e Formación Profesional, quen convocará anualmente as probas extraordinarias para a obtención do título de graduado escolar e establecerá as condicións e datas de realización que corresponda ata a extinción dos prazos establecidos. A proba, que será única para tódolos aspirantes en cada convocatoria e provincia, realizarase nunha soa xornada en sesión de mañá e tarde. Os exercicios da proba e as datas de realización serán os mesmos para tódolos tribunais que se constitúan.

3. As probas extraordinarias establecidas na presente orde realizaranse dúas veces ó ano, durante os meses de xuño e setembro respectivamente. Cando as circunstancias así o aconsellen, a Dirección Xeral de Ordenación Educativa e Formación Profesional poderá autorizar convocatorias con carácter extraordinario.

Artigo 5º.-Matrícula.

1. A formalización da matrícula realizarase nas delegacións provinciais da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria durante o mes de maio para a convocatoria de xuño e durante o mes de xullo para a convocatoria de setembro.

2. Ó impreso de inscrición deberase xuntar fotocopia do documento nacional de identidade, libro de escolaridade e, de se-lo caso, certificación das áreas aprobadas con anterioridade.

3. Os aspirantes matriculados con data anterior ó 30 de novembro de 1997 en centros públicos ou privados de educación de persoas adultas autorizados para impartir estas ensinanzas, no caso de que estivera seguindo un proceso de avaliación continua para a preparación desta proba, poderán xuntar á documentación establecida no apartado anterior os informes individualizados, emitidos polos profesores que corresponda, nos que deberá consta-lo grao de madureza alcanzado nas distintas áreas e, se é o caso, a avaliación positiva.

4. Cada delegación provincial, a través dos medios de comunicación social, dará coñecemento público dos prazos de matrícula, así como da data e lugar de realización das probas extraordinarias, e comunicaralle á Dirección Xeral de Ordenación Educativa e Formación Profesional o número de solicitantes da provincia.

Artigo 6º.-Tribunais.

1. A avaliación das probas extraordinarias corresponderalles ós tribunais que xulgarán as probas ás que se refire a presente orde e que estarán integrados por un presidente, designado polo delegado provincial de educación e cinco vocais, un por cada unha das áreas do currículo. Todos eles serán preferentemente mestres dos centros públicos de educación de persoas adultas da provincia.

2. Os funcionarios que formen parte das comisións avaliadoras e deban trasladarse da súa localidade de destino terán dereito ás indemnizacións establecidas legalmente.

Artigo 7º.-Avaliación das probas.

1. Os aspirantes procedentes dos extinguidos centros de EXB ou centros de adultos autorizados para impartir estas ensinanzas, que acrediten a superación dalgunha das áreas establecidas no artigo 4º.1. da presente orde con anterioridade ó 30 de setembro de 1997, quedarán eximidos da realización da proba libre nestas áreas, conservando as valoracións positivas obtidas nos termos de suficiente, ben, notable e sobresaliente nas distintas áreas acreditadas.

2. Os membros que compoñan os tribunais, á hora de avalia-los aspirantes, actuarán de maneira colexiada na adopción da decisión de propoñer ou non ó aspirante para a expedición do título de graduado escolar. Os membros do tribunal non poderán absterse, debendo pronunciarse expresamente se procede ou non a proposta de título.

3. Os tribunais poderán propoñer para a expedición do título de graduado escolar aqueles aspirantes que, sendo avaliados negativamente nalgunhas das áreas que configuran a presente proba libre, á vista do informe de seguimento e avaliación continua emitido polos seus profesores alcancen os obxectivos establecidos para a extinguida educación xeral básica.

4. Os participantes que non alcancen avaliación global positiva pero superen algunha das áreas establecidas no artigo 4º.1 da presente orde, recibirán unha certificación expedida polo presidente do tribunal na que se fagan consta-las áreas superadas. Nas sucesivas convocatorias, tales certificacións eximirán os aspirantes da realización das probas correspondentes ás áreas superadas.

Artigo 8º.-Actas de avaliación e proposta de título.

1. Cada tribunal cubrirá as actas, nas que se relacionarán alfabeticamente os participantes coas cualificacións obtidas e, cando corresponda, a proposta de expedición de título de graduado escolar.

2. As actas de avaliación coas propostas de expedición do título de graduado escolar elevaranse ó delegado provincial correspondente, a través da inspección educativa para o trámite de expedición do devandito título polo procedemento e prazos establecidos para os centros docentes.

3. Cada tribunal cubrirá e enviará ó delegado provincial correspondente, a través da inspección edu

cativa, unha ficha estatística onde deberán figura-lo número de persoas matriculadas, o número de persoas presentadas e o número de persoas propostas para título segundo idade e sexo.

3. Os exercicios correspondentes ás probas extraordinarias e as actas de avaliación quedarán arquivados no centro onde aquelas se realizaron.

4. Logo de recibidos os títulos de graduado escolar, as delegacións provinciais comunicarano á dirección dos centros nos que realizaron as probas desde os que se informará os interesados.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Autorízase a Dirección Xeral de Ordenación Educativa e Formación Profesional para dictar, no ámbito das súas competencias, as instruccións oportunas para o desenvolvemento e aplicación do disposto nesta orde.

Segunda.-Esta orde entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Disposición derrogatoria

Quedan derrogadas todas aquelas disposicións de igual ou inferior rango que se opoñan ó disposto na presente orde.

Santiago de Compostela, 27 de xaneiro de 1998.

Celso Currás Fernández

Conselleiro de Educación e Ordenación

Universitaria

Sr. Director Xeral de Ordenación Educativa e Formación Profesional