Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 42 Martes, 03 de marzo de 1998 Páx. 2.115

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE XUSTIZA, INTERIOR E RELACIÓNS LABORAIS

DECRETO 64/1998, do 12 de febreiro, polo que se declara a urxente ocupación, para efectos de expropiación forzosa, polo Concello de Samos (Lugo), dos bens e dereitos necesarios para a realización das obras do proxecto de acondicionamento de camiños en Samos (camiño 13 e ramais en Reiriz).

O Concello de Samos (Lugo), en sesión celebrada o día 15 de abril de 1996, aprobou o proxecto de acondicionamento de camiños de Samos (camiño 13 e ramais en Reiriz), e na sesión celebrada o día 27 de xuño de 1997 acordou solicitar da Xunta de Galicia a declaración de urxente ocupación dos bens e dereitos afectados pola expropiación forzosa ó abeiro do disposto no artigo 52 da Lei de expropiación forzosa. O concello remitiu a documentación complementaria para a correcta tramitación do expediente con data de entrada no rexistro xeral da Consellería de Xustiza, Interior e Relacións Laborais o día 9 de xaneiro de 1998 baixo o número 199.

Os bens nos que se concrea a declaración de urxente ocupación están determinados no expediente que se someteu á información pública.

A Dirección Xeral de Urbanismo da Consellería de Política Territorial, Obras Públicas e Vivenda emitiu informe favorable. O dito informe tivo entrada no rexistro xeral da Consellería de Xustiza, Interior e Relacións Laborais o día 30 de xaneiro de 1998, nº 1226.

Considérase necesaria a declaración de urxente ocupación dos bens e dereitos precisos para a realización das obras do proxecto técnico sinalado, porque as obras de referencia están incluídas e son financiadas con cargo ó FEDER precisándose os terreos para inicia-las obras dentro dos prazos sinalados pola normativa ó respecto ó que hai que engadir

que coa súa realización se mellora a comunicación de catro entidades de poboación entre si, así como o acceso ós pasteiros do lugar de Reiriz, na actualidade incomunicados en canto ós accesos de maquinaria se refiere, contribuíndo con todo isto a favorece-la economía da zona.

A competencia para a declaración da urxente ocupación corresponde ó Consello da Xunta de Galicia segundo o disposto nos artigos 27.2 e 28.2 do Estatuto de autonomía de Galicia.

Na súa virtude, por proposta do conselleiro de Xustiza, Interior e Relacións Laborais e logo de deliberación do Conselleo da Xunta de Galicia na súa reunión do día doce de febreiro de mil novecentos noventa e oito,

DISPOÑO:

Artigo único.-De conformidade co disposto no artigo 52 da Lei de expropiación forzosa, declárase a urxente ocupación, polo Concello de Samos (Lugo), para efectos de expropiación forzosa, dos bens e dereitos concretados no expediente administrativo instruído para o efecto e necesarios para a execución das obras do proxecto de acondicionamento de camiños en Samos (camiño 13 e ramais e Reiriz).

Santiago de Compostela, doce de febreiro de mil novecentos noventa e oito.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente

Jesús C. Palmou Lorenzo

Conselleiro de Xustiza, Interior e Relacións Laborais