Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 42 Martes, 03 de marzo de 1998 Páx. 2.115

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE XUSTIZA, INTERIOR E RELACIÓNS LABORAIS

DECRETO 63/1998, do 12 de febreiro, polo que se declara a urxente ocupación, para efectos de expropiación forzosa, polo Concello de Narón (A Coruña), dos bens e dereitos necesarios para a realización das obras do proxecto de colector xeral de augas residuais ata o colector do río Freixeiro.

O Concello de Narón (A Coruña), en sesión celebrada o día 24 de xullo de 1996, aprobou o proxecto de colector xeral de augas residuais ata o colector do río Freixeiro, e na mesma sesión acordou solicitar da Xunta de Galicia a declaración de urxente ocupación dos bens e dereitos afectados pola expropiación forzosa ó abeiro do disposto no artigo 52 da Lei de expropiación forzosa. O concello remitiu documentación complementaria para a correcta tramitación do expediente con data de entrada no rexistro xeral da Consellería de Xustiza, Interior e Relacións Laborais o día 3 de outubro de 1997 baixo o número 13958.

Os bens nos que se concreta a declaración de urxente ocupación están determinados no expediente que se someteu á información pública.

A Dirección Xeral de Urbanismo da Consellería de Política Territorial, Obras Públicas e Vivenda emitiu informe favorable. O dito informe tivo entrada no rexistro xeral da Consellería de Xustiza, Interior e Relacións Laborais o día 26 de xaneiro 1998, nº 979.

Considerase necesaria a declaración de urxente ocupación dos bens e dereitos precisos para a realización das obras do proxecto técnico sinalado, porque o proxectado colector conectará os vertidos do polígono industrial co colector xeral da ría, xa que na actualidade as augas residuais do citado polígono descargan libremente nun punto do río Freixeiro e contamínano, situación esta que tende a agravarse coa implantación de novas industrias no polígono.

A competencia para a declaración da urxente ocupación corresponde ó Consello da Xunta de Galicia segundo o disposto nos artigos 27.2 e 28.2 do Estatuto de autonomía de Galicia.

Na súa virtude, por proposta do conselleiro de Xustiza, Interior e Relacións Laborais e logo de deli

beración do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día doce de febreiro de mil novecentos noventa e oito,

DISPOÑO:

Artigo único.-De conformidade co disposto no artigo 52 da Lei de expropiación forzosa, declárase a urxente ocupación, polo Concello de Narón (A Coruña), para efectos de expropiación forzosa, dos bens e dereitos concretados no expediente administrativo instruído para o efecto e necesarios para a execución das obras do proxecto de colector xeral de augas residuais ata o colector do río Freixeiro.

Santiago de Compostela, doce de febreiro de mil novecentos noventa e oito.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente

Jesús C. Palmou Lorenzo

Conselleiro de Xustiza, Interior e Relacións Laborais