Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 41 Luns, 02 de marzo de 1998 Páx. 2.087

VI. ANUNCIOS

DA ADMINISTRACIÓN AUTONÓMICA

CONSELLERÍA DE INDUSTRIA E COMERCIO

RESOLUCIÓN do 13 de xaneiro de 1998, da Dirección Xeral de Industria, pola que se lle autoriza a instalación dunha planta de coxeración de enerxía eléctrica á sociedade Ute Idae/Pascual II no concello de Outeiro de Rei (Lugo), se aproba o seu proxecto de execución e se inclúe a mesma no réxime especial creado polo Real decreto 2366/1994. (Expediente 4794 A.T.).

Visto o escrito presentado pola sociedade Ute Idae/Pascual II, con enderezo para efectos de notificacións en Paseo de la Castellana, 95, andar 21, 28046 Madrid, esta dirección xeral ten en conta os seguintes feitos:

Primeiro.-O día 17 de febreiro de 1997 a citada sociedade solicitou a autorización administrativa e o recoñecemento da condición de instalación acollida ó réxime especial de producción de enerxía eléctrica creado polo Real decreto 2366/1994, do 9 de decembro, sobre producción de enerxía eléctrica por instalacións hidráulicas, de coxeración e outras abastecidas por recursos ou fontes de enerxía renovables, para a planta de coxeración que ten previsto instalar na factoría que a empresa Leche Pascual, S.A. ten no concello de Outeiro de Rei (Lugo), achegando o preceptivo anteproxecto das instalacións, o estudio dos rendementos enerxéticos acadables e de aforro de enerxía que se conseguirá coa posta en servicio das instalacións proxectadas, e o resto da documentación a que fai referencia o artigo 5.4º do citado Real decreto 2366/1994.

As características técnicas básicas da planta de coxeración serán as seguintes:

-Unha turbina de gas modelo Centrax KB-7, alimentada por gas natural, de 4.646 kW.

-Un xerador síncrono trifásico de 5.800 kVA, tensión de xeración 11 kV.

-Un transformador trifásico de 7 MVA r/t 11/20 kV.

-Instalacións de interconexión coa liña eléctrica da compañía distribuidora e instalacións complementarias de aproveitamento de calor e de protección eléctrica, mando sinalización e medida.

Segundo.-Con data do 7 de outubro de 1997 foi presentado o correspondente proxecto de execución, visado polo Colexio Nacional de Enxeñeiros do ICAI e redactado conforme o esixido polo Decreto 2617/1966, do 20 de outubro, sobre autorización de instalacións eléctricas, de aplicación ó presente expediente en virtude do establecido na disposición transitoria primeira da Lei 54/1997, do 27 de novembro, do sector eléctrico, e coas demais disposicións que lle son de aplicación.

Terceiro.-De conformidade co establecido no Decreto 2617/1966, do 20 de outubro, sobre autorización de instalacións eléctricas, de aplicación ó presente expediente en virtude do establecido na disposición transitoria primeira da Lei 40/1994, do

30 de decembro, do sector eléctrico, a Delegación Provincial da Consellería de Industria e Comercio de Lugo dictou Resolución do 30 de outubro de 1997 pola que se someteu a información pública a autorización administrativa da instalación de referencia, que se publicou no Diario Oficial de Galicia do 7-11-1997 e no BOP de Lugo de 10-11-1997, sen que se presentase no período legalmente establecido para iso ningunha alegación.

Cuarto.-A solicitude obxecto deste expediente recibiu informe favorable da Delegación Provincial de Lugo.

Fundamentos de dereito

Primeiro.-A Dirección Xeral de Industria é competente para resolver este expediente con base no Estatuto de autonomía de Galicia, no Real decreto 2563/1982, do 24 de xullo, no Decreto 132/1982, do 4 de novembro e no Decreto 209/1990, do 15 de marzo, polo que se establece a estructura orgánica da Consellería de Industria e Comercio, modificado polos decretos 140/1991, do 2 de maio, 292/1995, do 3 de novembro e 187/1997, do 3 de xullo, en relación co Decreto 2617/1966, do 20 de outubro, sobre autorización de instalacións eléctricas e o Real decreto 2366/1994, do 9 de decembro, aplicables a este expediente en virtude do establecido na disposición transitoria primeira dda Lei 54/1997, do 27 de novembro, do sector eléctrico.

Segundo.-A planta de coxeración proxectada supera os rendementos enerxéticos mínimos que para o tipo de combustible se establecen no anexo do citado Real decreto 2366/1994.

Terceiro.-No expediente instruído para o efecto cumpríronse os trámites regulamentarios.

Esta dirección xeral, de acordo con todo o que antecede e no exercicio das competencias que ten atribuídas,

RESOLVE:

Primeiro.-Autorizarlle a instalación dunha planta de coxeración á sociedade Ute Idae/Pascual II, que se situará nas instalacións da factoría que a empresa Leche Pascual, S.A. ten en Outeiro de Rei (Lugo).

Segundo.-Aproba-lo proxecto de execución da dita planta de coxeración.

Terceiro.-Recoñecerlle á planta de coxeración autorizada a condición de instalación acollida ó réxime especial do Real decreto 2366/1994, e incluíla no grupo d) do Art. 2 do dito real decreto.

Como requisito necesario para a aplicación do réxime especial á dita instalación, a citada sociedade deberá inscribir aquela no Rexistro de Instalacións de Producción de Enerxía Eléctrica en Réxime Especial da Comunidade Autónoma de Galicia, creado pola orde da Consellería de Industria e Comercio

do 5 de xullo de 1995 (Diario Oficial de Galicia do 14-7-1995), para o que acreditará o cumprimento das condicións previstas no Art. 11 do Real decreto 2366/1994, e presenta-la documentación que figure nas instruccións que dicte esta dirección xeral en desenvolvemento da citada orde.

Así mesmo, a instalación interconectarase co sistema centralizado que para o réxime especial estableza, se é o caso, a Dirección Xeral de Industria.

Contra esta resolución, que non é definitiva en vía administrativa, poderase interpor recurso ordinario perante o conselleiro de Industria e Comercio da Xunta de Galicia, no prazo dun mes contado a partir do día da súa publicación ou modificación.

Santiago de Compostela, 13 de xaneiro de 1998.

Joaquín del Moral Crespo

Director xeral de Industria