Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 37 Martes, 24 de febreiro de 1998 Páx. 1.913

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

UNIVERSIDADE DE SANTIAGO DE COMPOSTELA

RESOLUCIÓN do 10 de febreiro de 1998 pola que se modifica a Resolución do 7 de setembro de 1994 sobre compulsa e expedición de copias de documentos na Universidade de Santiago de Compostela.

A experiencia acumulada desde 1994 na materia de expedición de copias e na compulsa de documentos así como cambios na organización administrativa fan aconsellable a modificación da Resolución do 7 de setembro de 1994 publicada no DOG do 26 de setembro no sentido do poderlles facilitar copias compulsadas ós licitadores de expedientes convocados pola Administración conforme a Lei de contratos das administracións públicas, así como aumenta-lo número de persoas que poden compulsar naqueles casos nos que as dependencias administrativas se atopan lonxe do lugar onde se facilitan as compulsas para os efectos de lles evitar ós alumnos unha peregrinaxe polas distintas oficinas de universidade.

De conformidade co anterior, acórdase a modificación da Resolución do 7-9-1994 nos seguintes termos:

Primeiro.-Incluír nos apartados décimo primeiro e décimo segundo (órganos competentes) os seguintes:

-Xefe de Servicio de Investigación (no artigo 12).

-Xefe da Sección da Oficina de División de Transferencia de Tecnoloxía (no artigo 12).

-Xefe da Sección do Terceiro Ciclo.

-Xefe de Administración do Instituto de Ciencias da Educación.

Segundo.-Incluí-los seguintes parágrafos ó final do artigo décimo noveno do seguinte teor literal:

«As empresas e contratistas que desexen presentar ofertas na universidade poderán solicitar copia compulsada de documentos orixinais necesarios para concorrer ás convocatorias da universidade segundo a Lei de contratos das administracións públicas e do Regulamento de contratación da USC.

A solicitude farase nos rexistros xerais da universidade e deberanse aboa-las contías de conformidade co procedemento establecido no artigo seguinte.

Realizada a compulsa, o documento incluirase no sobre de documentación administrativa correspondente, procedéndose á devolución dos orixinais.

En ningún caso procederá a compulsa de documentos xa compulsados».

Santiago de Compostela, 10 de febreiro de 1998.

F. Darío Villanueva Prieto

Rector da Universidade de Santiago de Compostela