Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 35 Venres, 20 de febreiro de 1998 Páx. 1.791

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE CULTURA, COMUNICACIÓN SOCIAL E TURISMO

ORDE do 12 de febreiro de 1998 pola que se convocan subvencións á edición discográfica galega.

A orde da Consellería de Economía e Facenda do 2 de xuño de 1986 regula a tramitación anticipada

de expedientes de gasto e dispón no seu artigo 1.2 que, entre outros, os expedientes de gasto imputables ós capítulos IV e VII poderán iniciarse «no período de prórroga dos presupostos xerais da comunidade, sempre que exista crédito adecuado e suficiente no proxecto de presupostos definitivos para o citado exercicio, unha vez que ese proxecto de presupostos estea aprobado polo Consello da Xunta, cando os gastos se vaian materializar no mesmo exercicio».

A aplicación deste precepto supón un paso moi importante na axilización do proceso de execución orzamentaria coas seguintes vantaxes para os administrados e sen mingua de soberanía do Parlamento, en función do disposto no artigo 3.2 da orde de referencia, xa que non se poderán conceder efectivamente as subvencións ata a aprobación do crédito que vaia ampara-lo gasto.

A política de subvencións ás iniciativas discográficas galegas levada a cabo pola Consellería de Cultura, Comunicación Social e Turismo leva xa anos colaborando na creación dunha infraestructura empresarial, imprescindible para difusión da música realizada no noso país. O actual florecemento creativo dos grupos, compositores e intérpretes atopa camiño aberto e seguro polo que encamiña-la súa producción, conseguindo o alto nivel que na actualidade está a acada-la nosa música, podendo chegar ó recoñecemento, mesmo internacional, que no presente teñen moitos dos nosos creadores e intérpretes. A Consellería de Cultura, Comunicación Social e Turismo, sabedora da importancia que ten ese labor continuo de apoio, e segura de que a súa colaboración xoga un papel fundamental para o brillante presente e o esperanzador futuro da nosa música. Por todo isto,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Finalidade e obxecto.

Convócanse subvencións a empresas discográficas que editen música galega e interpretada en lingua galega.

Artigo 2º.-Imputación orzamentaria e contía.

2.1. A convocatoria realízase con cargo á aplicación orzamentaria 10.02.354.770.0 dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para 1998.

2.2. A contía de cada subvención non poderá supera-la cantidade de 300.000 (trescentas mil) pesetas por disco, casete ou disco compacto, consistindo no equivalente ó 75% do prezo de venda ó público (sen IVE) dun máximo do 20% dos exemplares editados, segundo os datos que constan no documento de autorización de productores fonográficos, debidamente dilixenciado pola Sociedad General de Autores de España.

Artigo 3º.-Beneficiarios.

3.1. Poderán optar a esas subvencións as persoas físicas ou xurídicas que acrediten a súa condición de productores discográficos segundo a lexislación vixente e cumpran os requisitos esixidos nesta orde.

3.2. Tódalas edicións presentadas, agás as referidas no punto seguinte (3.3), deberán ter realizado o depósito legal con data posterior ó 1 de outubro de 1997.

3.3. As solicitudes formuladas ó abeiro da Orde do 15 de novembro de 1996 (subvencións á edición discográfica galega), publicada no Diario Oficial de Galicia, número 239 do 9 de decembro de 1996, ás que non lles foi concedida a axuda solicitada por falta de dispoñibilidade orzamentaria, serán tidas en conta na presente convocatoria, salvo indicación do interesado en sentido contrario dirixida ó conselleiro de Cultura, Comunicación Social e Turismo. A tramitación dos expedientes continuará desde o trámite no que se atopaba ó remate do exercicio anterior.

3.4. Non poderán acollerse ás subvencións desta orde:

-Aqueles productores que anteriormente recibisen algunha outra subvención da Consellería de Cultura, Comunicación Social e Turismo e non xustificasen o seu investimento.

-Os productores dependentes de organismos públicos.

-As produccións destinadas a uso escolar.

-As obras subvencionadas en máis dun 30% con fondos públicos.

-As produccións de difusión gratuíta.

Artigo 4º.-Presentación de solicitudes, prazo e documentación.

4.1. Os que desexen acollerse á presente orde deberán presenta-la correspondente solicitude, a partir do día seguinte ó da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia ata o 15 de outubro de 1998, mediante instancia dirixida ó conselleiro de Cultura, Comunicación Social e Turismo segundo modelo que figura como anexo desta orde, e presentarana no rexistro xeral da Consellería de Cultura, Comunicación Social e Turismo, nos rexistros das súas delegacións provinciais, ou por calquera dos outros medios previstos no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e o procedemento administrativo común.

4.2. A solicitude irá acompañada da documentación seguinte:

-Fotocopia do DNI do solicitante e acreditación suficiente da representación que exerza.

-Fotocopia compulsada da documentación acreditativa da constitución legal da productora, da inscrición no Rexistro Mercantil e da tarxeta de identificación fiscal.

-Un exemplar da edición musical para a que se solicita a subvención, con indicación do prezo venda o público, acompañada da autorización de produc

tores fonográficos, debidamente dilixenciado pola Sociedad General de Autores de España.

Artigo 5º.-Valoración e resolución.

5.1. Recibidas as solicitudes de subvención e a súa documentación, serán analizadas e valoradas polos servicios competentes da Dirección Xeral de Promoción Cultural, segundo os criterios de valoración que se detallan a seguir:

-Importancia da obra.

-Características físicas dunha colección.

-Continuidade dentro dunha colección.

-Importancia do fondo discográfico da entidade solicitante.

-Esforzo que supón para o productor a incidencia da obra en ámbitos de especial importancia cultural pero pouca demanda comercial.

5.2. Unha vez analizadas e valoradas as solicitudes, o director xeral de Promoción Cultural elevará as correspondentes propostas, alomenos cada dous meses sempre que existan solicitudes presentadas e dispoñibilidade orzamentaria na citada aplicación orzamentaria, ó conselleiro de Cultura, Comunicación Social e Turismo, que resolverá.

Artigo 6º.-Notificación.

Concedida a subvención, a Consellería de Cultura, Comunicación Social e Turismo comunicarálle-la resolución do conselleiro ós solicitantes así como os exemplares que deberán entregar á Dirección Xeral de Promoción Cultural para a súa promoción e difusión, e que será equivalente á subvención concedida.

Artigo 7º.-Pagamentos e xustificación.

7.1. Unha vez concedida a subvención e aceptada por escrito polo solicitante, librarase a cantidade concedida de acordo co establecido na normativa orzamentaria que sexa aplicable.

7.2. A tramitación do pagamento da subvención esixirá do beneficiario a achega de certificacións acreditativas do cumprimento das obrigas tributarias e sociais e de non ter contraída ningunha débeda, por ningún concepto, coa Administración pública da Comunidade Autónoma, segundo o disposto no artigo 79 da Lei 11/1992, do 7 de outubro, de réxime financeiro e presupostario de Galicia.

7.3. Os beneficiarios da subvención quedarán obrigados a xustifica-las subvencións concedidas no prazo de 15 días contados a partir da comunicación da resolución, mediante a aportación dos exemplares equivalentes á subvención concedida que se establecen no artigo 6 da presente orde.

7.4. Recibidos os exemplares referidos no punto anterior, a Dirección Xeral de Promoción Cultural, de atopalos conformes, proporá o libramento dos fondos.

Artigo 8º.-Obrigas dos beneficiarios.

8.1. Os beneficiarios das subvencións, unha vez aceptadas estas por escrito, quedarán obrigados a destina-los fondos percibidos para o obxecto concreto para o que foron concedidos. A Dirección Xeral de Promoción Cultural da Consellería de Cultura, Comunicación Social e Turismo poderá comprobar, cando o considere conveniente, a execución dos proxectos subvencionados.

8.2. Os beneficiarios da subvención farán constar en toda a publicidade xerada que recibiron unha subvención da Consellería de Cultura, Comunicación Social e Turismo-Dirección Xeral de Promoción Cultural, utilizando a normativa de imaxe corporativa da Xunta de Galicia, cumprindo coa normativa vixente esixida para o depósito legal.

Artigo 9º.-Anulación e reintegro da axuda.

No caso de que o beneficiario da subvención incumprise algunha das condicións ou obrigas estipuladas, a Consellería de Cultura, Comunicación Social e Turismo instruirá expediente sancionador, conforme o previsto na vixente Lei de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común e, se procede, anulará os beneficios concedidos e solicitará a devolución das can

tidades percibidas, se as houber, segundo o procedemento que establece o Regulamento xeral de recadación.

Artigo 10º.-Desestimación.

De non notificarse resolución favorable no prazo de tres meses a partir da presentación da solicitude, entenderase desestimada a petición correspondente, podendo o solicitante, a partir desta data, retira-la documentación presentada nos 30 días seguintes. Transcorrido este prazo arquivarase sen máis trámite.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Facúltase o director xeral de Promoción Cultural para dictar, no ámbito das súas competencias, as resolucións precisas para o desenvolvemento desta orde.

Segunda.-Esta orde entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 12 de febreiro de 1998.

Jesús Pérez Varela

Conselleiro de Cultura, Comunicación Social e Turismo

Director Xeral de Promoción Cultural