Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 34 Xoves, 19 de febreiro de 1998 Páx. 1.750

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE XUSTIZA, INTERIOR E RELACIÓNS LABORAIS

RESOLUCIÓN do 19 de xaneiro de 1998, da Delegación Provincial de Pontevedra, pola que se dispón o rexistro, depósito e publicación, no Diario Oficial de Galicia, do convenio colectivo da empresa Carchidea, S.L.

Visto o expediente do convenio colectivo para a empresa Carchidea, S.L., que tivo entrada nesta delegación provincial o día 16-1-1998, subscrito en representación da parte económica pola representación da empresa, e da parte social, polos delegados de persoal, en data 9-12-1997. De conformidade co disposto no artigo 90.2º e 3º, do Real decreto lexislativo 1/1995, do 24 de marzo, polo que se aproba o texto refundido da Lei do Estatuto dos traballadores, Real decreto 1040/1981, do 22 de maio, sobre rexistro e depósito de convenios colectivos de traballo e Real decreto 2412/1982, do 24 de xullo, sobre traspaso de funcións e servicios da Administración do Estado á Comunidade Autónoma de Galicia, en materia de traballo, esta delegación provincial,

ACORDA:

Primeiro.-Ordena-la súa inscrición no libro de rexistro de convenios colectivos de traballo que consta nesta delegación provincial, e a notificación ás representacións económica e social da comisión negociadora.

Segundo.-Ordena-lo seu depósito no Servicio de Relacións Laborais, Sección de Mediación, Arbitraxe e Conciliación.

Terceiro.-Dispoñe-la súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Vigo, 19 de xaneiro de 1998.

Antonio Coello Bufill

Delegado provincial de Pontevedra

Convenio colectivo da empresa Carchidea, S.L.

Título I

Ámbito de aplicación

Artigo 1º.-Ámbito funcional.

O presente convenio regulará as relacións laborais entre a empresa Carchidea, S.L., sita na rúa Coutada

Nova, 20-A de Vigo e tódolos traballadores que presten servicios nela.

Artigo 2º.-Ámbito temporal.

Este convenio entra en vigor a partir da súa publicación no BOP e en calquera caso no prazo de quince días a partir da súa sinatura.

A súa vixencia será de tres anos, desde o 1-1-1997, data a que se retrotraerán os efectos económicos ata o 31-12-1999.

Artigo 3º.-Denuncia.

Extinguido o período de vixencia, o convenio entenderase prorrogado de ano en ano, salvo que algunha das partes que o subscriben o denunciasen con antelación mínima dun mes á extinción da súa vixencia ou algunha das súas prórrogas.

Artigo 4º.-Vinculación á totalidade.

Para tódolos efectos este convenio colectivo constitúe unha unidade indivisible polo que non se poderá pretende-la aplicación dunha ou varias das súas cláusulas desbotando o resto, senón que deberá ser aplicado e observado na súa integridade e considerado globalmente.

Título II

Contratación: cadro de persoal: ascensos e cesamentos

Artigo 5º.-Contratación.

Por razón das características do servicio na empresa, os traballadores clasifícanse en fixos, contratados por tempo determinado, eventuais e interinos, contratados a tempo parcial, en aprendizaxe e prácticas.

Poderase celebrar calquera tipo de contrato de traballo cunha modalidade que estea recollida na lexislación laboral vixente en cada momento.

Os traballadores contratados por tempo determinado terán os mesmos dereitos e igualdade de trato nas relacións laborais cós demais traballadores do cadro, agás as limitacións que se deriven da natureza e duración do seu contrato.

Os contratos de aprendizaxe formalizados de acordo coa lexislación vixente estarán dirixidos a favo

rece-lo adestramento profesional e a formación naqueles postos que pola súa natureza requiran un coñecemento e experiencia determinados.

Co fin de potencia-la contratación e evitar no posible a utilización de persoal contratado a empresas de traballo temporal, acórdase crear un contrato de obra ou servicio determinado segundo o previsto no artigo 15 do E.T., modificado en virtude da Lei 11/1994, do 19 de maio.

Estes contratos de obra ou servicio determinado poderán cubrir todas aquelas tarefas ou traballos suficientemente diferenciados polo volume adicional de traballo que representan, que limitados no tempo e dos que se poida preve-la duración, estean directa ou colateralmente relacionados co proceso productivo da empresa, sendo a duración máxima posible a de doce meses nun período de dezaoito.

A presente inclusión neste convenio non poderá entenderse en ningún caso como unha limitación á modalidade de contractual prevista no referido Art. 15.1º.a) do ET.

Artigo 6º.-Período de proba.

Toda admisión de persoal para as actividades comprendidas neste convenio considerarase provisional dentro dun período de proba variable, conforme a categoría que o traballador detente e que non poderá ser superior á que se establece na seguinte escala:

* Titulados superiores: 2 meses.

* Oficiais e especialistas: 1 mes.

* Peóns e aprendices: 15 días.

Durante o período de proba a empresa poderá dar por finalizada a relación laboral, sen alegar máis causa que a non superación do citado período de proba.

A situación de incapacidade laboral transitoria durante o período de proba non interrompe o período de proba.

Título III

Clasificación profesional

-Mobilidade funcional e xeográfica.

Artigo 7º.-Clasificación profesional.

As clasificacións de persoal que figuran neste convenio son meramente enunciativas e non supoñen a obriga de ter cubertas tódalas prazas enumeradas, se as necesidades e volume da empresa non o precisan.

Sen embargo, desde o mesmo momento en que exista na empresa un traballador, que realice as funcións específicas dunha categoría determinada, terá que ser remunerado polo menos, coa retribución que para esa categoría se estableza neste convenio.

* Persoal administrativo:

Oficial de 1ª

Oficial de 2ª

Auxiliar

Aprendiz

* Persoal de fábrica:

Encargado

Oficial 1ª taller

Oficial 2ª taller

Oficial 3ª taller

Especialista

Peón

Aprendiz

* Persoal administrativo:

1) Oficial de 1ª: é a persoa cun sector de tarefas ó seu cargo que con iniciativa e responsabilidade, con ou sen outros traballadores ó seu cargo, executa, baixo a dependencia do xefe, unha ou varias das seguintes funcións: manexo e custodia dos caudais principais da empresa: formulación, cálculo extensión de facturas complexas: realización de estatísticas nas que interveñan cálculos de importancia e esixan, á mesma persoa análises e conclusións, imputacións contables e nivel equivalente á de libros oficiais de comercio, redacción de correspondencia, con plena e propia iniciativa, en asuntos que excedan os de mero trámite: taquimecanografía. E ademais o que presta outros servicios, con importancia, iniciativa e responsabilidade, teñan analoxía cos antes citados.

2) Oficial de 2ª: é a persoa que, cunha iniciativa á subordinación doutras categorías superiores, se as houbese efectúa unha ou varias das seguintes operacións: estatísticas e contabilidade que requiran cálculos medios, manexo e utilización de ficheiros e arquivos complexos: redacción e correspondencia con iniciativa propia en asuntos que excedan os de trámite; taquimecanografía. E que preste outros servicios de mérito importante, iniciativa e responsabilidade, teñan analoxía cos antes citados.

3) Auxiliar: é o que, sen iniciativa especial, realiza operacións auxiliares de administración e, en xeral repetitivas, como son a título orientativo: os traballos de mecanografía realizados con pulcritude e corrección: a facturación simple que non requira moitos cálculos, busca e clasificación de ficheiros e arquivos, que só precisen simples anotacións preestablecidas e outras similares.

* Persoal de fábrica:

1) Oficial de 1ª: é aquel operario que executa traballos cualificados dunha especialidade, que esixen unha habilidade particular e coñecemento profesional, que non pode ser adquirido máis ca por unha intensa práctica da especialidade ou por unha aprendizaxe metódica, sancionando, se existise, por un certificado de aptitude profesional.

Realizará as funcións propias da súa especialidade cunha habilidade consumada, espírito de iniciativa e completa responsabilidade, executando calquera tipo de labor que se lle encomende dentro da súa especialidade.

2) Oficial de 2ª: é aquel operario que executa os traballos cualificados dunha especialidade, que esixen unha habilidade particular e coñecemento profesional que non pode ser adquirido máis ca por unha intensa práctica da especialidade ou por unha aprendizaxe metódica, pero sen chegar a adquirir a totalidade dos coñecementos e pericia do oficial de 1ª.

3) Oficial de 3ª: é aquel operario que executa os traballos cualificados dunha especialidade, que esixen unha habilidade particular e coñecemento profesional, que non pode ser adquirido máis ca por unha intensa práctica da especialidade ou por unha aprendizaxe metódica, sancionando se existise, por certificado de aptitude profesional, pero sen chegar a adquiri-la totalidade de coñecementos e pericia do oficial de 2ª.

4) Peón: é o maior de 18 anos a quen se lle confían traballos elementais, para os que non require preparación ningunha, nin coñecementos teórico-prácticos de ningunha clase, requiríndolle predominantemente unha achega de esforzo físico, a atención debida e a vontade de levar a cabo o traballo que se lle ordene. Os traballadores só poderán permanecer nesta categoría un máximo de dous anos.

5) Aprendiz: considéranse aprendices aqueles traballadores que teñan vixente un contrato de aprendizaxe. Realizarán os labores correspondentes ó oficio que estean aprendendo. Disporán dun 15% da xornada para formación.

Artigo 8º.Bis.-Traslado de centro de traballo.

No suposto de que a empresa prenteda traslada-lo centro a outra zona dentro da localidade ou a outra localidade, sen prexuízo das disposicións vixentes nesta materia, a empresa virá obrigada a comunicalo coa seguinte antelación:

Dentro da mesma provincia: dous meses.

Fóra da provincia: tres meses.

Desde a data da comunicación o traballador terá un mes para aceptar ou rexeita-lo traslado. En calquera caso o persoal terá dereito a:

a) Traslado do centro da mesma cidade: non sufrirán modificación ningunha as condicións pactadas neste convenio, con excepción da quilometraxe que en todo caso sería a tratar.

b) Traslado do centro fóra do termo municipal pero dentro da mesma provinica: aboaríaselle ó persoal un plus extrasalarial denominado de distancia, que cubrise a diferencia no gasto de desprazamento desde o antigo centro ata o novo centro, a razón de vinte pesetas por quilómetro e día traballado.

Esta mellora considérase condición particular e só afectará ó persoal que aceptase ser trasladado e en ningún caso ó persoal contratado para o novo centro unha vez realizado o traslado.

c) Traslado do centro fóra da provincia: rexerá o establecido no E.T.

Se o traballador renunciase ó traslado percibirá as compensacións que a lexislación laboral vixente en cada momento sinale.

Artigo 9º.-Mobilidade.

Se por necesidades de producción subcontratase algunha tarefa con empresas auxiliares, co fin de axilizar ó máximo os traballos que esta realice para Carchidea, S.L., a dirección poderá designa-los traballadores que coide oportuno para que acudan ó centro a realiza-los traballos propios da súa categoría, nas tarefas subcontratadas por Carchidea, S.L., e sempre baixo o seu ámbito e dirección, quedando os traballadores designados obrigados a iso.

Nestes casos, sempre que o desprazamento fose fóra do termo municipal de Vigo, a empresa obrígase a paga-la quilometraxe e se procedese a súa manutención.

Título IV

Sistema retributivo

Artigo 10º.-Aumento salarial e táboas salariais.

As retribucións de persoal comprendido neste convenio estarán constituídas por:

-Salario base de cada categoría profesional segundo táboa anexa.

-Plus asistencia.

-Plus puntualidade.

-Plus responsabilidade de zona (se é o caso).

-Retribución voluntaria (se é o caso).

-Horas extras.

Para o ano 1997 aplicaranse os salarios que figuran na táboa anexa.

Para o ano 1998 e 1999 aplicarase un aumento do IPC previsto polo Goberno para eses anos máis un punto sobre a táboa anexa do ano 1997.

Os traballadores terán dereito a percibir anticipos a conta, polo importe do traballo xa realizado. Este dereito farase efectivo no momento de formaliza-la solicitude.

Artigo 11º.-Plus de responsable de zona.

Denomínase responsable de zona aquel traballador que, independentemente da súa categoría e logo de nomeamento pola dirección, ademais da súa tarefa, se responsabiliza do control e vixilancia dunha zona determinada da fábrica, o seu persoal e traballo que se desenvolva nela.

Quen fose designado para este cargo percibirá mentres o desempeñe un plus de responsable de zona consistente no 5% do soldo base do convenio vixente en cada momento.

A revogación deste cargo poderaa realiza-la dirección en calquera momento e o traballador perderá a partir do mes seguinte o dereito á percepción do citado plus de responsable de zona.

Artigo 12º.-Plus de asistencia e puntualidade.

Establécese un plus de asistencia, consistente en 3.000 ptas. e un plus de puntualidade, consistente nun 4% sobre o soldo base, ambas mensuais para tódalas categorías.

Perderase o dereito a percibir estes pluses nos seguintes casos:

* Cando no mes se produzan tres ou máis ausencias xa sexan ou non xustificadas ou motivadas por situación de ILT derivada de enfermidade común.

* Cando no mes se produzan tres ou máis faltas de puntualidade xa sexan ou non xustificadas.

A perda do dereito á percepción deste plus non impedirá á empresa que ademais proceda ós descontos e sancións oportunas en cada caso.

Artigo 13º.-Antigüidade.

Establécense cuadrienios ó 5% do soldo base vixente en cada momento co tope máximo legal establecido.

Artigo 14º.-Gratificacións extraordinarias.

Establécense dúas pagas extraordinarias de trinta días de soldo base máis antigüidade, denominadas de verán e Nadal.

As pagas extras de xullo e Nadal aboaranse entre os días quince e vintetrés de xullo e de decembro respectivamente.

Título V

Xornada, horarios, horas extras e vacacións

Artigo 15º.-Xornada laboral.

Os traballadores afectados por este convenio terán unha xornada anual máxima de mil oitocentas horas de traballo efectivo, distribuídas en 40 horas semanais.

Establécese un tempo de 15 minutos de descanso (bocadillo) que se considerará tempo efectivo de traballo.

Artigo 16º.-Horas extraordinarias.

Terán a consideración de horas extraordinarias aquelas que excedan da xornada anual pactada de 1.800 horas, é dicir, as traballadas fóra do horario establecido no calendario laboral salvo as horas flexibles que resulten de aplicación do artigo anterior.

As horas extraordinarias poderanse compensar por descansos, sempre a criterio da dirección da empresa, logo de acordo individual co traballador e sen que en ningún caso resulte perturbado o proceso productivo da empresa.

As horas extraordinarias compensadas por descansos dentro dos tres meses seguintes á súa realización non computarán para efectos do tope máximo anual de horas extraordinarias establecido no artigo 35.2º do ET.

Artigo 17º.-Vacacións.

Establécese un período de vacacións de 30 días naturais, que se levará a efecto do xeito seguinte:

* 15 días entre o 17 de agosto e o 31 de agosto.

* 15 días entre o 17 de decembro e o 31 de decembro.

Limítanse as quendas de vacacións a un 20% do persoal.

Título VI

Seguridade e saúde laboral

Artigo 18º.-Seguridade e hixiene.

A protección da saúde dos traballadores constitúe un obxectivo prioritario das partes asinantes. Considerando que para acadalo se require o establecemento dunha acción preventiva na empresa que teña por fin a eliminación ou reducción dos riscos na súa orixe, a partir da súa avaliación, adoptando as medidas necesarias tanto na corrección da situación existente coma na evolución técnica e organizativa da empresa para adapta-lo traballo á persoa e protexe-la súa saúde.

Para estes efectos, ámbalas partes acordan dar cumprimento ó establecido na Lei de prevención de riscos laborais creando a figura do delegado de prevención, que será elixido de entre os representantes dos traballadores e con competencias e facultades sinaladas no artigo 36 da Lei 31/1995.

A dirección da empresa, de acordo co establecido no R.D. 39/1997, polo que se aproba o Regulamento dos servicios de prevención elaborará:

a) Avaliación dos riscos nos centros de traballo.

b) Un plan xeral de prevención.

Artigo 19º.-Roupa de traballo.

A empresa proverá a tódolos traballadores de dúas batas de traballo, das coñecidas e típicas para a realización das distintas actividades que o seu uso vén aconsellando e pantalóns para aqueles que realicen traballos que así o requiran.

Os traballadores pola súa parte obríganse a levar posta unha de tales pezas de roupa durante a xornada de traballo, a mantelas limpas e, fóra das horas de traballo, a gardalas no armario correspondente.

Título VII

Licencias e permisos ILT

Artigo 20º.-Licencias.

O traballador, avisando coa antelación posible, pdoerá faltar ó traballo con dereito a remuneración por algún dos motivos e durante o tempo que a seguir se expón:

* Matrimonio: 16 días.

* Enfermidade grave ou operación cirúrxica de familiar ata o 2º grao por consanguinidade ou afinidade que esixa dous días de hospitalización: 3 días.

* Ídem con desprazamento: 4 días.

* Falecemento de pais, fillos ou cónxuxe: 5 días.

* Nacemento de fillo: 3 días.

* Falecemento de familiar ata o 2º grao: 2 días.

* Ídem con desprazamento: 4 días.

* Traslado de domicilio: 2 días.

* Voda de fillos ou irmáns: 1 día.

b) Tempo necesario e imprescindible:

* Deber inescusable de carácter público e persoal.

* Matricularse ou examinarse en centros oficiais ou recoñecidos.

* Asistir ó ambulatorio médico.

Para a aplicación deste artigo terán igual consideración as parellas de feito.

Artigo 21º.-Baixas por enfermidade ou accidente de traballo.

Os traballadores en situación de ILT por accidente de traballo percibirán con cargo á empresa a partir do décimo quinto día de baixa, a diferencia existente entre as prestacións económicas de Seguridade Social ou a entidade e o 100% do salario base do mes anterior ó da baixa.

Terán consideración de accidentes de traballo os accidentes in itínere. Enténdese por tales os que se producen no traxecto entre o domicilio habitual e o centro de traballo e viceversa, nun espacio de tempo razoable.

Título VIII

Traballos por quendas

Artigo 22º.-Quendas.

Enténdese por quendas un proceso continuo de traballo que debido a necesidades técnicas ou organizativas se realiza durante un período non inferior a dezaseis horas ó día nos períodos do ano denominados de producción punta e eventualmente para reparacións, mantemento, cambio de ciclo ou de producto ou calquera outro motivo alleo ós traballadores, así como por causas de forza maior.

Cando a dirección da empresa o considere, poderá establecerse que o persoal, con independencia do seu horario, e sen exceder da xornada máxima legal establecida, traballe a quendas por un período máximo de tres meses. En tal caso, o horario sería de 7 a 15 horas para a primeira quenda e de 15 a 23 horas para a segunda.

As partes acordan que esta situación non supón modificación ningunha nas condicións de traballo.

Título IX

Comisión mixta e lexislación aplicable

Artigo 23º.-Comisión mixta.

Durante a vixencia do presente convenio actuará unha comisión de seguimento e interpretación que, sen prexuízo das atribucións que en cuestión de vixencia teñen os delegados de persoal, terá por funcións:

a) Vixilancia do cumprimento do pactado.

b) Actuar como órgano de interpretación, arbitraxe e conciliación, sen prexuízo da posibilidade de reclamación perante a xurisdicción administrativa e contenciosa prevista na lexislación vixente.

c) Por parte dos traballadores a comisión estará composta por catro persoas, dous representantes dos traballadores: o delegado de persoal máis outro elixido pola asemblea de traballadores; e dúas persoas en representación da empresa.

Artigo 24º.-Lexislación aplicable.

No que non está expresamente disposto neste convenio rexerá o que determine o Estatuto dos traballadores, Lei orgánica de liberdade sindical e demais disposicións concordantes.

Artigo 25º.-Comisión negociadora.

Este convenio foi negociado entre a dirección da empresa, José Piñón Fernández, e a parte social formada polos abaixo mencionados, sendo refrendada por tódolos traballadores:

Nome e apelidos e afiliación:

Carlos Alberto Costas Dopazo: CIG.

Ana María Martínez Alonso: independente.

María Lourdes Rey Garrido: independente.

Táboa salarial 1997

CategoríaSalario base

Persoal administrativo:
Oficial 1ª administrativo88.589 pesetas
Oficial 2ª administrativo81.502 pesetas
Auxiliar administrativo71.443 pesetas
Aprendiz Admon. ata 17 anos50.252 pesetas
Aprendiz Admon. ata 18 anos50.252 pesetas

Persoal de fábrica:
Encargado98.305 pesetas
Oficial 1ª taller84.588 pesetas
Oficial 2ª taller80.016 pesetas
Oficial 3ª taller74.031 pesetas
Especialista71.442 pesetas
Peón68.586 pesetas
Aprendiz 17 anos50.252 pesetas
Aprendiz 18 anos50.252 pesetas