Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 31 Luns, 16 de febreiro de 1998 Páx. 1.544

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE XUSTIZA, INTERIOR E RELACIÓNS LABORAIS

RESOLUCIÓN do 26 de xaneiro de 1998, da Delegación Provincial de Ourense, pola que se dispón a inscrición e a publicación, no Diario Oficial de Galicia, do convenio colectivo de ámbito provincial para a empresa Burgas Distribución, S.A. de Ourense.

Visto o texto do convenio colectivo da empresa Burgos Distribución, S.A.(código nº 3200052) de Ourense, con entrada nesta delegación provincial subscrito en representación da parte económica pola empresa e da parte social polo delegado de persoal, en xuntanza celebrada o día 20-12-1997, e de conformidade co disposto no artigo 90.2º e 3º, do Estatuto dos traballadores, texto refundido aprobado por Real decreto 1/1995, do 24 de marzo, Real decreto 1040/1981, do 22 de maio, sobre rexistro e depósito de convenios colectivos de traballo Real decreto 2412/1982, do 24 de xullo, sobre traspaso de funcións e servicios da Administración do Estado á Comunidade Autónoma de Galicia, en materia de traballo, esta delegación provincial,

ACORDA:

Primeiro.-Ordena-la súa inscrición no rexistro de convenios colectivos desta delegación provincial, con notificación á representación económica e social da comisión negociadora.

Segundo.-Ordena-lo seu depósito no Servicio de Relacións Laborais, Unidade de Mediación, Arbitraxe e Conciliación desta delegación.

Terceiro.-Dispoñe-la súa publicación no Diario oficial de Galicia.

Ourense, 26 de xaneiro de 1998.

José Lage Lage

Delegado provincial de Ourense

Convenio colectivo para a empresa Burgas Distribución, S.A., 1997

Artigo 1º.-Ámbito territorial.

O presente convenio será de aplicación para a empresa Burgas Distribución, S.A. e os seus traballadores.

Artigo 2º.-Ámbito persoal.

Queda comprendido neste convenio todo o persoal relacionado coa actividade de distribución de gas butano e propano, agás o que exerza funcións de alta dirección ou alto consello e excluénse expresamente as persoas sen contrato laboral que exercen funcións de distribución con carácter de autónomos.

Artigo 3º.-Vixencia, duración, prórroga e denuncia.

O presente convenio entra en vigor o día 1 de xullo de 1997, sexa cal for a data da súa publicación no BOP e no DOG, e a súa duración é de dous anos, é dicir, ata o 30 de xuño de 1999.

Este convenio prorrogarase de ano en ano se non é denunciado con tres meses de antelación ó termo da sua vixencia.

A denuncia do presente convenio realizarase de acordo co que está establecido no capítulo 3 da Lei 11/1994, do Estatuto dos traballadores, desenvolvido mediante Real decreto lexislativo 1/1995, do 24 de marzo, e demais disposicións de xeral aplicación.

A táboa salarial anexa establécese con vixencia do 1 de xullo de 1997, e con efectos retroactivos desde o 1 de xaneiro de 1997, cun incremento do 3,5% ata o 30 de xuño de 1998.

O incremento salarial para o segundo ano con vixencia desde o 1 de xullo de 1998 será do 3% e con efectos retroactivos desde o 1 de xaneiro de 1998 ata o 30 de xuño de 1999.

Artigo 4º.-Garantía (ad personam).

As cantidades superiores pactadas a título persoal ou calquera outra mellora como premio de cobranza por botella ou revisión, ou calquera outra mellora que teña establecida na empresa, serán respectadas na súa totalidade.

Artigo 5º.-Compensación e absorción.

As melloras do presente convenio poderán ser compensadas ou absorbidas con calquera outra mellora voluntaria ou por disposición legal en cómputo anual, agás que expresamente se pacte o contrario. Todo iso conforme co disposto na orde ministerial do 22

de novembro de 1973, no seu artigo 10.2º, que desenvolve o Decreto 2300/1973, sobre ordenación do salario.

Artigo 6º.-Xornada de traballo.

Establécese unha xornada de traballo, para todo o persoal de 40 horas semanais. Entre a empresa e a representación dos traballadores poderá pactarse unha distribución irregular da xornada sen exceder das horas fixadas neste convenio, sempre e cando se dean circunstancias de climatoloxía, temporada e/ou producción.

Artigo 7º.-Vacacións.

Establécese un mínimo de vacacións de 30 días naturais. Incluirase no salario correspondente as vacacións o plus de transporte estipulado no presente convenio.

Artigo 8º.-Retribucións.

Establécese un sistema retributivo para todo o persoal composto de salario base e complementos salariais (plus de transporte), segundo se recolle nos anexos I e II.

Artigo 9º.-Antigüidade.

O complemento persoal de antigüidade estará composto por cuadrienios na contía do 4% (catro por cento) do salario base.

Artigo 10º.-Plus de transporte.

Establécese un plus de transporte pagadoiro mensualmente e na contía indicada nas táboas salariais anexas. A este plus aplicaráselle a seguinte táboa de penalizacións en caso de faltas de asistencia ou puntualidade.

1. Por cada (2) dúas faltas de puntualidade inxustificadas perderase a parte correspondente ó plus de (3) días.

2. Por cada (4) catro faltas de puntualidade inxustificadas perderase o plus correspondente a (7) sete días.

3. Por cada (5) cinco faltas de puntualidade inxustificadas perderase o total do plus mensual.

Cada (2) dúas faltas de puntualidade considerarase unha de asistencia, tendo en conta que para efectos de penalización deste plus se considerará como falta de asistencia a puntualidade superior a media hora.

Artigo 11º.-Gratificacións extraordinarias.

Consistirá en tres mensualidades compostas por salario base, plus de transporte máis antigüidade, pagadoiras unha en xullo, unha en decembro e outra no período comprendido entre xaneiro e marzo de cada ano polos anos vencidos e como participación en beneficios.

Artigo 12º.-Horas extraordinarias.

As horas extras pagaranse incrementadas nun 75% (setenta e cinco por cento) sobre o salario que corresponde a cada hora ordinaria, agás as realizadas en

días festivos e domingos en que o incremento será do 100% sobre a hora ordinaria.

Artigo 13º.-Roupa de traballo.

A empresa dotará os traballadores de roupa de traballo adecuada ó tipo de labor e á época do ano.

Artigo 14º.-Excedencias.

O traballador con polo menos unha antigüidade dun ano na empresa terá dereito a que se lle recoñeza a posibilidade de situarse en excedencia voluntaria por un prazo maior de dous anos e non maior de cinco. Este dereito só poderá ser exercido outra vez polo mesmo traballador se transcorreron catro anos desde o final da anterior excedencia.

O traballador declarado en situación de excedencia conserva só un dereito preferente ó reingreso nas vacantes de igual ou similar categoría á súa, que houbese ou se producisen na empresa.

Artigo 15º.-Invalidez provisional.

O traballador declarado en situación de invalidez provisional terá dereito á reincorporación ó traballo en canto cese a devandita situación. O prazo de reincorporación ó traballo será de dous meses a partir do cesamento en situación de invalidez provisional.

Artigo 16º.-Incapacidade laboral transitoria.

En caso de accidente laboral e hospitalización, a empresa está obrigada a satisface-lo complemento necesario para que, computando o que con cargo á Seguridade Social percibe o traballador, por prestación económica de ILT, alcance o 100% do salario establecido no presente convenio, ata que se produza a súa reincorporación ó traballo.

Artigo 17º.-Servicio de garda Repsol Butano.

1. O servicio de garda (servicio 24 horas) realízano os traballadores que desempeñen as categorías de oficial mecánico, mecánico instalador e mecánico visitador.

2. O dito servicio efectúao con carácter semanal cada un dos mecánicos e a súa realización faise por quenda rotativa.

3. En caso de que por incapacidade transitoria, desfrute das vacacións anuais ou calquera outro permiso a que teña dereito por lei, calquera dos mecánicos non puidese realiza-lo dito servicio, realizarao (ata a súa reincorporación), o mecánico que por quenda lle corresponda e, en consecuencia, percibirá a asignación económica correspondente á dita semana.

4. A cantidade que percibirá cada un dos mecánicos que realizan o servicio de garda, é de 7.725 pesetas por cada unha das semanas que lles corresponda realizar no mes, que se percibirá desde o día 1 de xaneiro de 1998.

5. A contía que se percibirá semanalmente por efectua-lo servicio de garda increméntase anualmente na mesma porcentaxe cós demais conceptos salariais que recolle o convenio.

6. O importe percibido pola realización dos servicios de garda non será absorvible nin compensable por futuras melloras.

7. A todos aqueles traballadores que viñesen percibindo por este concepto cantidades superiores á anteriormente citada, respéctaselle-lo dito importe.

Cláusulas adicionais.

Primeira.-Establécese como rendemento normal de reparto o seguinte: botellas de 12,5 kg: 75 botellas/día; botellas de 35 kg: 40 botellas/día, para un equipo de dous.

Para efectos de revisións establécese como rendemento normal o de 20 revisións por día.

Os ditos rendementos deberán ser considerados en condicións normais en canto a climatoloxía, estado de vehículos e tempada, ou calquera outro motivo non imputable ó traballador.

Segunda.-Para efectos económicos o presente convenio entra en vigor o 1 de xaneiro de 1997, co que aqueles se retrotraerán á dita data.

Terceira.-O presente convenio é asinado polo representante legal dos traballadores e a dirección da empresa, de conformidade coa lexitimación prevista na Lei 8/1980, do 10 de marzo, do Estatuto dos traballadores.