Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 31 Luns, 16 de febreiro de 1998 Páx. 1.547

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

ACADEMIA GALEGA DE SEGURIDADE

RESOLUCIÓN do 28 de xaneiro de 1998 pola que se convocan seis cursos de protección civil de segundo nivel sobre salvamento e socorrismo acuático.

Dentro do programa de actividades que a Academia Galega de Seguridade, en colaboración coa Dirección Xeral de Protección Civil, ten previsto realizar no ano 1998, conforme as funcións que ten encomendadas pola Orde do 22 de abril de 1994, pola que se regula a formación do persoal voluntario de Protección Civil, anúnciase a celebración de seis cursos de protección civil de 2º nivel sobre salvamento e socorrismo acuático, que deberán desenvolverse conforme as seguintes bases:

Obxectivos.

Dota-lo persoal voluntario de Protección Civil que asiste ós cursos dunha formación teórico-práctica que lle permita realizar satisfactoriamente as tarefas que teñen encomendadas.

Destinatarios.

Os cursos van dirixidos ós membros das agrupacións de voluntarios de Protección Civil da Comunidade Autónoma de Galicia, que previamente superaran o curso básico e teñan dominio dos tres estilos de natación seguintes: crawl, braza e costas.

Inscrición.

A inscrición dos participantes será totalmente gratuíta.

Solicitudes.

1. As persoas que desexen participar nestes cursos deberán presentar, cuberta a máquina ou con letra moi clara, a instancia que figura no anexo.

2. O prazo para a presentación de instancias rematará o día 13 de marzo de 1998, ás 14 horas.

3. As instancias serán enviadas polo presidente da agrupación correspondente á sede da Academia Galega de Seguridade: avenida da Cultura, 36680 A Estrada, ou ben poden entregarse en calquera dos lugares previstos no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Contido.

O contido dos cursos de 2º nivel sobre salvamento e socorrismo acuático divídese en tres partes:

a) Conceptos xerais.

b) Salvamento acuático.

c) Primeiros auxilios.

Duración e datas.

Os cursos celebraranse durante o ano 1998, e terán unha duración de 40 horas lectivas.

As súas datas serán en función das solicitudes feitas para cada curso.

Relación de admitidos.

A relación de admitidos publicarase o día 31 de marzo de 1998 no taboleiro de anuncios da Academia Galega de Seguridade e no da Dirección Xeral de Proteción Civil, ou ben poden confirma-la súa asistencia chamando ós teléfonos: (986) 59 00 21 ou ben (981) 54 60 00.

Lugar.

Determinarase en función das solicitudes recibidas.

Certificado de aproveitamento.

Ó remate dos cursos entregaráselles un certificado de asistencia e aproveitamento a aquelas persoss que acrediten a súa asistencia continuada a eles, e superen as correspondentes probas de coñecementos.

Modificacións.

A Academia Galega de Seguridade poderá modifica-lo desenvolvemento dos cursos para adaptalos ás necesidades da Administración e ás continxencias que poidan xurdir.

Santiago de Compostela, 28 de xaneiro de 1998.

Juan José Fariñas-Ferro Rodríguez

Director xeral da Academia Galega de Seguridade