Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 31 Luns, 16 de febreiro de 1998 Páx. 1.542

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE ECONOMÍA E FACENDA

ORDE do 4 de febreiro de 1998 pola que se modifica o artigo 2º da do 13 de xaneiro de 1993, pola que se dictan normas relativas á encomenda de funcións tributarias ás oficinas liquidadoras de distrito hipotecario.

Artigo único.

Modifícase o artigo 2º da Orde do 13 de xaneiro de 1993, pola que se dictan normas relativas á encomenda de funcións tributarias ás oficinas liquidadoras de distrito hipotecario, que quedará redactado como segue:

«Artigo 2º

1. En compensación polos gastos que lles ocasione a xestión dos impostos encomendados, os titulares das oficinas liquidadoras de distrito hipotecario competentes territorialmente percibirán o 4% sobre as cantidades ingresadas mediante autoliquidación ou liquidación polos impostos sobre transmisións patrimoniais e actos xurídicos documentados e sobre sucesións e doazóns. Esa mesma porcentaxe percibirana nos supostos que, conforme a normativa vixente, se permita o pagamento mediante a entrega de bens integrantes do patrimonio histórico español ou do patrimonio cultural de Galicia.

Así mesmo, os titulares das oficinas liquidadoras de distrito hipotecario terán dereito a percibir unha cantidade fixa de 1.000 pesetas por cada liquidación practicada pola oficina polo concepto de sucesións e doazóns que non dea lugar á esixencia de ingreso ningún e outra cantidade fixa de 1.000 pesetas por cada expediente exento ou non suxeito que tramiten polo imposto sobre transmisións patrimoniais e actos xurídicos documentados.

2. O importe das compensacións a que se refire o punto anterior non poderá ser inferior a dous millóns catrocentas mil pesetas anuais, IVE excluído, nin superior a trinta e cinco millóns de pesetas anuais para cada oficina liquidadora. Se durante un exercicio económico unha oficina liquidadora acumulase unha compensación superior a trinta e cinco millóns, terá dereito a esa cantidade e a partir dese momento a porcentaxe a que se refire o punto 1 deste artigo reducirase ó 1% suprimíndose a cantidade fixa de 1.000 pesetas por liquidación e expediente.

3. A percepción das cantidades a que se refiren os apartados anteriores realizarase polo procedemento de formalización ou retención en orixe pola oficina liquidadora, de xeito que as cantidades devengadas

nun mes serán obxecto de retención na recadación correspondente ó mes seguinte».

Disposición derradeira

A presente orde entrará en vigor o día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia e producirá efectos a partir do 1 de xaneiro de 1998.

Santiago de Compostela, 4 de febreiro de 1998.

José Antonio Orza Fernández

Conselleiro de Economía e Facenda