Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 31 Luns, 16 de febreiro de 1998 Páx. 1.538

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DA PRESIDENCIA E ADMINISTRACIÓN PÚBLICA

RESOLUCIÓN do 5 de febreiro de 1998, da Secretaría Xeral da Consellería da Presidencia e Administración Pública, pola que se ordena a publicación, no Diario Oficial de Galicia, do convenio marco entre a Administración xeral do Estado e a Comunidade Autónoma de Galicia para a colaboración na progresiva implantación dun sistema intercomunicado de rexistros entre a Administración xeral do Estado, a Administración da Comunidade Autónoma de Galicia e as entidades locais do ámbito territorial da devandita Comunidade Autónoma.

De conformidade co disposto na cláusula novena do convenio marco entre a Administración xeral do Estado e a Comunidade Autónoma de Galicia para a colaboración na progresiva implantación dun sistema intercomunicado de rexistros entre a Administración xeral do Estado, a Administración da Comunidade Autónoma de Galicia e as entidades locais do ámbito territorial da devandita Comunidade Autónoma, que se asinou con data do vinteún de xuño de mil novecentos noventa e sete, entre o presidente da Xunta de Galicia e o ministro de Administracións Públicas,

A Secretaría Xeral da Consellería da Presidencia e Administración Pública,

ACORDA:

Dispoñe-la súa publicación no Diario Oficial de Galicia, que figura como anexo á presente resolución.

Santiago de Compostela, 5 de febreiro de 1998.

Pablo Figueroa Dorrego

Secretario xeral da Consellería da Presidencia e Administración Pública

Convenio marco entre a Administración xeral do Estado e a Comunidade Autónoma de Galicia para a colaboración na progresiva implantación dun sistema intercomunicado de rexistros entre a Administración xeral do Estado, a Administración da Comunidade Autónoma de Galicia e as entidades locais do ámbito territorial da dita Comunidade Autónoma

En Santiago de Compostela o vinteún de xuño de mil novecentos noventa e sete.

REUNIDOS

Mariano Rajoy Brey, ministro das Administracións Públicas, en representación do Goberno da Nación, de conformidade co establecido no punto primeiro do acordo do Consello de Ministros do 21 de xullo de 1995, e

Manuel Fraga Iribarne, presidente da Xunta de Galicia, en representación da Comunidade Autónoma de Galicia.

Actúan no exercicio das competencias que respectivamente teñen atribuídas, o primeiro, polo Real decreto 1892/1996, do 2 de agosto, de estructura orgánica básica do Ministerio de Administracións Públicas (Boletín Oficial del Estado nº 189, do 6 de agosto de 1996) e polo acordo do Consello de Ministros do 4 de abril de 1997 para a progresiva implantación dun sistema intercomunicado de rexistros entre a Administración xeral do Estado, as administracións das comunidades autónomas e as entidades que integran a Administración local; e o segundo, no exercicio das súas funcións e de conformidade co acordo adoptado polo Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día vintenove de maio de mil novecentos noventa e sete.

As partes recoñécense mutuamente a calidade coa que cada un intervén, así como a capacidade legal suficiente para o outorgamento deste convenio-marco, e para o efecto

EXPOÑEN:

As dúas administracións asumiron nos seus respectivos ámbitos o firme compromiso de mellora-la calidade na prestación dos servicios públicos mediante a adopción de medidas que articulen un modelo de funcionamento administrativo caracterizado polos principios de economía e eficacia, así

como por estar definitivamente orientado ó cidadán como suxeito activo e protagonista principal na actividade das administracións públicas.

Para o logro do expresado obxectivo común as dúas administracións asinantes, conscientes da importancia que ten o principio constitucional de cooperación nun Estado no que coexisten diversas administracións públicas, desexan establecer, de mutuo acordo, mecanismos de colaboración que redunden en beneficio dos cidadáns. As dúas administracións asinantes, sabedoras do papel fundamental que desempeñan os concellos na súa calidade de administracións máis próximas e inmediatas ó cidadán consideran indispensable a participación nos ditos mecanismos das entidades mencionadas. Ámbalas administracións consideran, ademais, como un mecanismo fundamental para articular esta colaboración a aplicación do principio de Administración única ou común de forma que o protagonismo administrativo no territorio galego o teña a Administración da Xunta de Galicia.

Para tales efectos, as administracións asinantes propóñense aproveita-los instrumentos que ofrece a normativa vixente, e en particular o artigo 38 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común (BOE nº 285, do 27 de novembro de 1992), que no seu apartado 4 establece que «as solicitudes, escritos e comunicacións dirixidos ós órganos das administracións públicas poderán presentarse nos rexistros de calquera órgano administrativo que pertenza á Administración xeral do Estado, á de calquera Administración das comunidades autónomas ou á dalgunha das entidades que integran a Administración local se, neste último caso, se subscribise o oportuno convenio», dispoñendo ademais que «mediante convenios de colaboración subscritos entre as administracións públicas se establecerán sistemas de intercomunicación e coordinación de rexistros que garantan a súa compatibilidade informática e a transmisión telemática dos asentos».

Con esa finalidade, subscriben o presente convenio marco ó que poderán adherirse as entidades locais da Comunidade Autónoma de Galicia.

A mencionada regulación supón un evidente avance na liña de facilita-las relacións dos cidadáns coa pluralidade de administracións públicas que coexisten no noso país e un importante instrumento da necesaria cooperación entre aquelas.

Para iso, a Administración xeral do Estado achega as experiencias resultantes de ter subscrito nos últimos meses máis de dous centenares de convenios con entidades locais que converten os rexistros das ditas entidades en virtuais portelos únicos; proceso que -no ámbito territorial de Galicia- se verá potenciado e enriquecido coa participación da Comunidade Autónoma de Galicia.

Pola súa parte, a Comunidade Autónoma de Galicia achega, así mesmo, a experiencia de ter subscrito un convenio marco coa FEGAMP ó que se adheriron

multitude de concellos para efectos de establecemento de portelo único, información ó cidadán e rexistro de contratistas, os servicios dos cales xa están funcionando.

En consecuencia, as administracións intervenientes proceden á formalización do presente convenio de colaboración de acordo coas seguintes

CLÁUSULAS:

Primeira.-Obxecto.

O presente convenio de colaboración ten un dobre obxecto:

Por unha parte, a determinación de medidas e instrumentos de colaboración que permitan un proceso coordinado de implantación dun sistema intercomunicado dos rexistros administrativos; o intercambio das bases de datos e instrumentos de información e atención ó cidadán das respectivas administracións e a simplificación e integración dos trámites e procedementos administrativos en que participen as administracións intervenientes.

E por outra, o establecemento dun marco xeral de obrigas para permitir, de conformidade co disposto no artigo 38.4º b da Lei 30/1992, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, que os cidadáns poden presentar, nos rexistros das entidades locais que se adhiran voluntariamente ós convenios, as solicitudes, escritos e comunicacións que dirixan ós órganos e entidades de dereito público da Administración xeral do Estado e da Administración da Comunidade Autónoma de Galicia.

Segunda.-Aplicación de criterios comúns no funcionamento dos rexistros.

A Administración xeral do Estado e a Administración da Comunidade Autónoma de Galicia elaborarán conxuntamente criterios relativos á expedición de recibos de presentación, copias seladas e copias compulsadas. Os ditos criterios deberán aplicarse de maneira uniforme nos seus respectivos rexistros, así como nos das entidades locais que se adhiran ó presente convenio marco.

Terceira.-Coordinación e interconexión informática de rexistros.

1. A Administración xeral do Estado e a Administración da Comunidade Autónoma de Galicia comprométense a emprender actuacións que conduzan:

-Á implantación coordinada de tecnoloxías, sistemas e aplicacións que garantan a compatibilidade informática e a coordinación dos seus respectivos rexistros; para este efecto deberán comunicarse mutuamente as medidas que se adopten e formalizar no seu momento un novo convenio de colaboración, que asegure a compatibilidade e a transmisión telemática dos asentos, de conformidade co disposto no artigo 38.4º da Lei 30/1992, de réxime xurídico das

administracións públicas e do procedemento administrativo común.

-O establecemento de criterios comúns en relación ós requisitos e validez das comunicacións que se emprendan a través de técnicas e medios electrónicos, informáticos e telemáticos entre ámbalas dúas administracións (e entre estas e as entidades locais que se adhiran), así como cos cidadáns, no marco establecido polo artigo 45 da Lei 30/1992, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

-O desenvolvemento, nos seus respectivos ámbitos, das accións que permitan no futuro a transmisión telemática, non só dos asentos rexistrais, senón das solicitudes, escritos, comunicacións e documentos depositados en calquera dos seus rexistros.

2. A Administración xeral do Estado, a Comunidade Autónoma de Galicia e as entidades locais que se adhiran ó convenio marco comprométense a comunicarse mutuamente calquera medida de informatización dos seus rexistros que poida afecta-la compatibilidade dos sistemas de intercomunicación e e a negociar e formalizar no seu momento o correspondente convenio de colaboración que garante a compatibilidade e a coordinación dos ditos rexistros.

Cuarta.-Información ó cidadán.

As administracións estatatal e autonómica, así como as entidades locais que se adhiran, comprométense a promover intercambios de información sobre as súas respectivas organizacións e competencias, así como as funcións, prestacións e servicios ó cidadán. O dito intercambio deberá implicar que se permita o acceso das administracións intervenientes ós respectivos instrumentos e bases de datos de información e atención ó cidadán que se determinen, e mesmo a súa interconexión así como o desenvolvemento de accións coordinadas para a constitución de puntos de información.

Quinta.-Simplificación de trámites e procedementos.

A Administración xeral do Estado e a Administración da Comunidade Autónoma de Galicia, así como as entidades locais que se adhiran, comprométense a determina-los trámites e procedementos susceptibles de simplificación e/ou integración. A dita obriga afectaría progresivamente a procedementos de tramitación compartida e a aqueloutros responsabilidade da Administración, entre os que exista unha conexión material.

Sexta.-Efectos en canto a prazos.

A data de entrada nos rexistros das entidades locais que se adhiran ó convenio marco das solicitudes, escritos e comunicacións dirixidos ós órganos ou entidades da Administración xeral do Estado e da Administración da Comunidade de Galicia será válida para efectos do cumprimento de prazos polos interesados, sendo de aplicación o disposto no artigo 48 da Lei de réxime xurídico das administracións

públicas e do procedemento administrativo común e, especialmente, no segundo parágrafo da súa alínea cuarta.

Sétima.-Obrigas das entidades locais que se adhiran.

As entidades locais que se adhiran ó presente convenio marco comprométense a:

a) Admitir nos seus rexistros calquera solicitude, escrito ou comunicación dirixidos ós órganos da Administración xeral e da Administración da Comunidade Autónoma de Galicia ou das entidades de dereito público vinculadas ou dependentes daquelas, con independencia da súa localización territorial.

b) Deixar constancia nos seus rexistros de entrada das ditas solicitudes, escritos e comunicacións, con indicación nos seus asentos do seu número, epígrafe expresivo da súa natureza, data de entrada, a data e hora da súa presentación, interesado ou órgano administrativo ó que se dirixe, así como unha referencia ó contido do escrito ou comunicación que se rexistra.

c) Remitirlles inmediatamente os documentos, unha vez rexistrados, e en todo caso dentro dos tres días seguintes ó da súa recepción, directamente ós órganos ou entidades destinatarios deles. A dita remisión efectuarase polos medios máis apropiados para que a súa recepción se produza coa maior brevidade posible, con especial utilización de medios informáticos, electrónicos e telemáticos nos supostos en que sexa posible e se cumpran os requisitos e garantías esixidos pola Lei 30/1992, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Oitava.-Obrigas da Administración xeral do Estado e da Administración da Comunidade Autónoma de Galicia.

A Administración xeral do Estado e a Administración da Comunidade de Galicia comprométense a:

a) Proporcionar información sobre os órganos que integran as súas respectivas administracións e sobre as súas entidades vinculadas ou dependentes ás entidades locais que se adhiran ó convenio marco, así como a actualizala periodicamente.

b) Facilitar instrumentos de información ó cidadán sobre as funcións e actividades dos órganos das súas respectivas administracións e das súas entidades vinculadas ou dependentes ás entidades locais que se adhiran ó convenio marco.

c) Prestar asistencia técnica e colaboración sobre organización ou informatización dos rexistros ás entidades locais que se adhiran ó convenio marco.

Novena.-Vixencia e extinción do convenio marco.

O prazo de vixencia do presente convenio marco é de seis anos contados desde o día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia prazo que será automaticamente prorrogado por outros catro anos

agás denuncia expresa dalgunha das administracións intervenientes realizada cunha antelación mínima de tres meses á data de extinción.

Tamén poderá extinguirse a vixencia do convenio marco polo mutuo acordo das administracións intervenientes, así como por decisión unilateral dunha delas cando se produza pola outra incumprimento grave e acreditado das obrigas asumidas.

Tanto a formalización do convenio marco como calquera dos supostos da súa extinción serán obxecto de publicación no Boletín Oficial del Estado e no Diario Oficial de Galicia.

Décima.-Vixencia e extinción das adhesións ó convenio marco.

As obrigas asumidas entre as administracións intervenientes e as entidades locais que se adhiran ó convenio marco entenderanse vixentes desde a publicación da adhesión no Diario Oficial de Galicia ata a extinción do convenio marco polo transcurso dos prazos ou pola concorrencia dalgunha das circunstancias previstas na cláusula anterior.

En todo caso, a adhesión das entidades locais quedará sen efecto por denuncia expresa realizada cunha antelación mínima de tres meses á data de extinción, por mutuo acordo entre as ditas entidades e as administracións intervenientes ou por decisión unilateral dalgunha delas cando se produza por outra un incumprimento grave e acreditado das obrigas asumidas, se ben a extinción das obrigas derivadas da adhesión dunha entidade local non afectará a vixencia do convenio marco.

Décimo primeira.-Convenios anteriores.

Os convenios de colaboración subscritos entre as entidades locais que se adhiran ó presente convenio marco e a Administración xeral do Estado, en aplicación do artigo 38.4º b) da Lei de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común e ó abeiro do disposto no Acordo do 23 de febreiro de 1996, do Consello de Ministros, vixentes no momento da publicación da adhesión no Diario Oficial de Galicia, extinguiranse no dito momento e serán substituídos polo presente convenio marco. A extinción dos convenios mencionados será obxecto de publicación simultánea á adhesión ó convenio marco que a orixina.

Sen prexuízo do mantemento da vixencia dos convenios formalizados entre a Comunidade Autónoma de Galicia e as entidades locais do seu ámbito territorial, as ditas entidades poderán adherirse ó presente convenio marco logo de petición expresa e acordo favorable do órgano competente da entidade local.

Décimo segunda.-Procedemento para a adhesión de entidades locais.

As entidades locais interesadas deberán remitirlle á Comunidade Autónoma de Galicia (Consellería da Presidencia e Administración Pública) o protocolo

de adhesión que figura como anexo ó presente convenio marco, xunto cos seguintes documentos:

a) A certificación do acordo do órgano correspondente da entidade local polo que se adopta a decisión de solicita-la adhesión ó convenio marco.

b) O cuestionario que se lle facilitará debidamente cuberto, con obxecto de achega-la información necesaria para comprobar que a entidade local de que se trate dispón dos medios e da capacidade de xestión necesaria para asumi-las obrigas derivadas do convenio.

A consellería citada comunicaralle á entidade local solicitante, no prazo de quince días, a aceptación ou denegación da adhesión e procederá, no primeiro dos casos, á publicación da adhesión no Diario Oficial de Galicia.

Decimoterceira.-Comisión de seguimento e avaliación do convenio marco.

Créase unha comisión de seguimento e avaliación do convenio marco, copresidida polo director xeral da Inspección Xeral de Servicios da Administración Pública e polo director xeral de Organización e Sistemas Informáticos da Consellería da Presidencia e Administración Pública e integrada, en representación da Administración xeral do Estado, polo subdirector xeral de Procedemento e Racionalización da Xestión, o subdirector xeral de Coordinación Informática, o subdirector xeral de Cooperación Sectorial con Comunidades Autónomas e o xefe da Área Informática da Inspección de Servicios da Administración Pública; e, en representación da Administración da Comunidade Autónoma de Galicia, polo subdirector xeral de Planificación e Coordinación Informática, a subdirectora xeral do Centro de Información Administrativa e Atención ó Cidadán, o subdirector xeral de Servicios e un inspector de Servicios. A dita comisión terá as súas sedes na Inspección Xeral de Servicios da Administración Pública, do

Ministerio das Administracións Públicas, en Madrid; e na sede da Dirección Xeral de Organización e Sistemas Informáticos da Consellería da Presidencia e Administración Pública, en Santiago de Compostela.

Correspóndenlle á comisión mencionada as seguintes funcións:

a) A proposta de adopción de cantas medidas consideren adecuadas para o mellor desenvolvemento e cumprimento dos compromisos e obrigas establecidos no convenio marco e para unha adecuada coordinación entre as administracións participantes; así como a súa elevación ás administracións intervenientes.

b) A elaboración dun informe anual de seguimento e avaliación do convenio marco e a súa elevación ás administracións intervenientes.

c) A avaliación das solicitudes de adhesión ó convenio marco efectuadas polas entidades locais do ámbito territorial da Comunidade Autónoma de Gali

cia e, se é o caso, a ratificación da adhesión correspondente.

d) A resolución con carácter executivo das cuestións de interpretación e aplicación do convenio marco presentadas polas entidades locais adheridas a el.

e) O exame e resolución dos problemas de interpretación e cumprimento do convenió que sexan suscitados pola Administración xeral do Estado á Administración da Comunidade Autónoma de Galicia.

Decimocuarta.-Resolución de dúbidas e controversias.

Contra as resolucións dictadas con carácter executivo pola comisión establecida na cláusula anterior, referidas ás cuestións de interpretación e aplicación do convenio marco presentadas polas entidades locais adheridas a este poderase recorrer perante a orde xurisdiccional contencioso-administrativa.

Igualmente poderán ser obxecto de recurso ante a dita xurisdicción as cuestións litixiosas que poidan presentarse entre a Administración xeral do Estado e a Comunidade Autónoma de Galicia.

E, en proba de conformidade, asínase o presente convenio na súa versión galega e castelá e en duplicado exemplar, quedando un de cada versión en poder de cada parte, no lugar e data arriba indicados.

Mariano Rajoy BreyManuel Fraga Iribarne

Ministro de AdministraciónsPresidente da Xunta

Públicasde Galicia

ANEXO

Solicitude de adhesión

Don/a (nome e cargo), en representación de (entidade local),

DECLARO:

Que o (órgano competente) de (entidade local) acordou, con data..., solicita-la adhesión ó convenio marco do (data), publicado no Boletín Oficial del Estado nº..., do... de... de 199..., e no Diario Oficial de Galicia nº... do... de... 199..., subscrito entre a Administración xeral do Estado e a Comunidade Autónoma de Galicia, para a colaboración na progresiva implantación dun sistema intercomunicado de rexistros entre a Comunidade Autónoma de Galicia e as entidades locais do ámbito territorial da dita Comunidade Autónoma.

En consecuencia,

MANIFESTO:

A vontade de (entidade local), a representación da cal ostento, de adherirse ó convenio marco mencionado, asumindo as obrigas derivadas deste e con suxeición a tódalas súas cláusulas.

(Lugar e data)

(Antesinatura e sinatura)