Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 29 Xoves, 12 de febreiro de 1998 Páx. 1.414

VI. ANUNCIOS

DA ADMINISTRACIÓN AUTONÓMICA

CONSELLERÍA DE INDUSTRIA E COMERCIO

RESOLUCIÓN do 21 de agosto de 1997, da Delegación Provincial da Coruña, pola que se faipública a declaración de impacto ambiental da solicitude de concesión de explotación derivada dopermiso de investigación Pico d'Ouro, número 6.646.1.

En cumprimento do disposto no artigo 5º do Decreto 442/1990, do 13 de setembro, de avaliación do impacto ambiental para Galicia, faise público o acordo da Comisión Galega do Medio Ambiente do 3 de xullo de 1997, pola que se formula a declaración de impacto ambiental do proxecto de explotación da concesión mineira Pico d'Ouro, nº 6.646.1, situada no concello de Ferrol (A Coruña), e promovido por Canteras Ferrolanas, S.A., que se transcribe como anexo a esta resolución.

A Coruña, 21 de agosto de 1997.

Juan Lizaur Otero

Delegado provincial da Coruña

ANEXO

Declaración de impacto ambiental

Examinada a documentación presentada, a Comisión Galega do Medio Ambiente, establece pola presente declaración de impacto ambiental as seguintes

condicións, ademais das incluídas no estudio de impacto ambiental, de forma que se asegure a minoración dos posibles efectos ambientais negativos, co fin de que a realización do proxecto poida considerarse ambiental viable.

A presente declaración refírese, en exclusiva, ás actuacións mineiras de explotación de granito ornamental dentro da área xeográfica incluída nas cuadrículas que, cunha superficie total de 21.564 m vén definida no anexo ó proxecto de referencia.

1. Protección da atmosfera.

1.1. Considerando que o emprazamento da explotación dista menos de 500 m do núcleo de Bustelo, adoptaranse as medidas necesarias de forma que se garanta no contorno da explotación o cumprimento dos niveis de inmisión que, para partículas sedimentables, establece o Decreto 833/1975, do 6 de febreiro.

1.2. Así mesmo, prohíbese expresamente a utilización do sistema de corte de rocha mediante o denominado soprete ou lanza térmica.

2. Protección do solo.

2.1. As provisións de terra vexetal situaranse en zonas da explotación onde sexa menos probable a súa deterioración por erosión eólica e hídrica e non poidan ser afectados pola circulación da maquinaria, non podéndose mesturar coas provisións de estériles.

2.2. Así mesmo, e co fin de que a terra vexetal non perda as súas cualidades fisicoquímicas e de capacidade biolóxica, e no caso de non ser utilizada para a reconstrucción do solo nun corto espacio de tempo (menos dun ano), procederase á súa conservación mediante unha sementeira con predominio de leguminosas e engadindo mulch.

3. Vexetación e paisaxe.

3.1. Dado que a zona de explotación resulta visible, segundo o proxecto, desde a estrada Ferrol-Cobas, procederase a interceptar cunha pantalla arbórea, a base de especies presentes na zona desde o inicio da actividade, as concas visuais que partan dela.

3.2. Así mesmo, respectarase sistematicamente todo tipo de vexetación existente nas inmediacións e que sirva como pantalla visual e acústica, e como barreira contra o po.

4. Protección da fauna.

4.1. Evitarase a libre circulación de animais entre as parcelas estremeiras e a zona de explotación, mediante a instalación, na parte superior dos frontes de explotación, dun peche de malla cunha altura non inferior a 1,50 m.

5. Protección do patrimonio cultural.

5.1. Calquera achado casual de restos arqueolóxicos deberá ser comunicado, de forma inmediata á Dirección Xeral de Patrimonio Cultural.

6. Restauración.

6.1. Tódalas superficies afectadas polos labores desta explotación serán restauradas mediante o estendido da terra vexetal preservada e a sementeira e plantación dos terreos. Os noiros, dada a pendente final prevista (45º) serán tratados mediante hidrosementeira.

6.2. Os labores de restauración e revexetación iranse realizando paralelamente as labores de extracción, conforme se liberen terreos explotados en consonancia co calendario proposto no anexo ó proxecto.

6.3. As pistas de acceso á parcela deberán incluírse no plan de restauración. Deberanse pechar e anula-las pistas e camiños propios da actividade, ó rematar esta, salvo que os fins da propiedade unha vez realizada a restauración impliquen a necesidade do seu mantemento.

7. Documentación adicional.

7.1. O promotor remitirá, a través do órgano substantivo, á Comisión Galega do Medio Ambiente, e no mes de xaneiro de cada ano natural, un informe que describa, polo menos, o desenvolvemento do programa de vixilancia ambiental previsto, así como unha reportaxe topográfica que reflicta o estado da explotación así como das accións de restauración levadas a cabo.

8. Condicións adicionais.

8.1. O órgano substantivo fixará un aval, para garanti-lo cumprimento do plan de restauración, que poderá ser acumulativo se se considera axeitado. Este aval será renovado en función do cumprimento por parte do promotor do plan de restauración e o plan de labores anual.

8.2. As condicións indicadas nesta Declaración de Impacto Ambiental (DIA), son de obrigado cumprimento para o promotor.

Sen embargo, a empresa promotora, poderá solicitar ó órgano ambiental a revisión das medidas indicadas nesta declaración co obxecto de modificalas ou cambialas por outras, naqueles supostos que tecnoloxicamente presentaran graves deficiencias para a súa implantación ou implicaran modificacións importantes na actividade industrial, e sempre e cando as novas medidas propostas permitan acada-los obxectivos e fins que se indican na presente declaración.

Nesta circunstancia, a empresa promotora solicitará á Comisión Galega do Medio Ambiente, achegando documentación técnica que xustifique as novas medidas propostas. Estas solicitudes remitiranse tres meses despois de serlle enviada a presente declaración polo órgano substantivo. Unha vez recibida a solicitude e documentación mencionadas, o órgano ambiental avaliaraas, comunicando o acordo adoptado á empresa promotora.

8.3. Se unha vez emitida esta declaración, se manifestase algún outro tipo de impacto, severo ou crítico sobre o medio ambiente, o órgano substantivo, por propia iniciativa ou por solicitude da Comisión Galega de Medio Ambiente poderá suspender cautelarmente a actividade ata determina-las causas que xeran os mencionados impactos, e se corrixan aquelas.

8.4. Do mesmo xeito, o incumprimento total ou parcial, por parte do promotor, dos labores de restauración previstos, será causa suficiente para que se proceda ó peche cautelar e adopta-las medidas oportunas en cumprimento da legalidade vixente.

8.5. O presente acordo, adoptado por esta comisión, non exime ó promotor de solicitar tódolos permisos necesarios ós organismos competentes, para levar a cabo a actividade.

8.6. O promotor queda obrigado a cumprir tódalas disposicións que se dicten con posterioridade, en relación con este tipo de actividades.

Santiago de Compostela, 3 de xullo de 1997.

José Luis Aboal García Tuñón

Secretario xeral da Comisión Galega do Medio Ambiente

Visto e prace

Dositeo Rodríguez Rodríguez

Presidente da Comisión Galega do Medio Ambiente