Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 29 Xoves, 12 de febreiro de 1998 Páx. 1.391

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE PESCA, MARISQUEO E ACUICULTURA

RESOLUCIÓN do 2 de febreiro de 1998, da Dirección Xeral de Formación Pesqueira e Investigación, pola que se convoca un curso de formación de formadores para impartir cursos de titulacións menores náutico-pesqueiras e actividades formativas afíns.

De conformidade co exposto no artigo 32 do Decreto 428/1993, do 17 de decembro, polo que se regula e refunde a normativa en materia de formación náutico-pesqueira na Comunidade Autónoma de Galicia, a Dirección Xeral de Formación Pesqueira e Investigación habilitará, para imparti-los cursos de formación non regrada náutico-pesqueira, os profesores que superen os cursos específicos que se convoquen para o efecto.

Dada a demanda existente no sector pesqueiro de participación en cursos de formación, especialmente aqueles orientados á obtención dos títulos esixibles para o exercicio da profesión nas súas diferentes modalidades, coñecidos como titulacións menores, resulta necesario amplia-lo número de profesores habilitados para impartir estes cursos. Por todo o exposto,

DISPOÑO:

Primeiro.-Obxecto.

Convocar un curso de formación de formadores que capacite para a impartición dos cursos de titulacións menores náutico-pesqueiras e outras actividades formativas afíns, organizados pola Dirección Xeral de Formación Pesqueira e Investigación.

Segundo.-Destinatarios.

Preferentemente serán destinatarios os profesionais do sector interesados que estean en posesión do título de capitán de pesca ou do de mecánico naval maior. No seu defecto poderanse seleccionar outros titulados náutico-pesqueiros ou da mariña mercante relacionados co sector pesqueiro.

Terceiro.-Organización.

O número de prazas máximo admisible será de 20 formandos.

A duración do curso será de 140 horas lectivas.

O curso celebrarase no Instituto Galego de Formación en Acuicultura, na Illa de Arousa.

As datas previstas de realización están comprendidas entre o 20 de abril e o 29 de maio de 1998. A súa determinación definitiva será comunicada ós candidatos seleccionados.

Celebrarase en sesións de mañá e tarde, a razón de 8 horas diarias.

A asistencia ás sesións do curso será en todo caso obrigatoria.

Os aspectos de organización relativos a calendario e distribución horaria poderían sufrir reaxustes en función de circunstancias e necesidades imprevistas.

Cuarto.-Selección de aspirantes.

Á vista do currículo presentado por cada aspirante, a Dirección Xeral de Formación Pesqueira e Investigación realizará unha preselección na que se terán en conta os seguintes criterios:

1. Tipo de titulacións profesionais e académicas.

2. O lugar de residencia, que terá a consideración de base operativa do formador para os efectos de planificación e de mellor cobertura xeográfica do programa de formación continuada.

3. Experiencia profesional.

4. Experiencia docente.

5. O grao de coñecemento do idioma galego.

6. Cursos de formación complementaria relevantes para o exercicio da actividade de formación continuada náutico-pesqueira.

Unha vez valorado o currículo presentado, poderá realizarse unha entrevista persoal ós aspirantes preseleccionados.

A lista definitiva de admitidos farase pública cunha antelación de dez días naturais ó comezo de curso.

Quinto.-Presentación de solicitudes.

Os interesados en participar no curso deberán presentar na Consellería de Pesca, Marisqueo e Acuicultura a solicitude que se publica como anexo desta resolución, debidamente cuberta e dirixida ó director xeral de Formación Pesqueira e Investigación.

Xuntaráselle á solicitude fotocopia cotexada do DNI así como dos títulos profesionais e demais documentos que acrediten os datos que se aleguen como méritos persoais. Os datos que non se acrediten debidamente non se valorarán no proceso de selección.

O prazo de presentación de instancias será de 14 días naturais, contados a partir do día seguinte ó da publicación desta resolución.

Sexto.-Certificados de aptitude.

Ó remate do curso expedirase un certificado de aptitude a aqueles participantes que superasen con aproveitamento o curso de acordo coa avaliación do equipo de profesores. O dito certificado terá validez diante da Consellería de Pesca, Marisqueo e Acuicultura como documento acreditativo da habilitación á que se refire o artigo 32 do Decreto 428/1993.

Santiago de Compostela, 2 de febreiro de 1998.

Joaquín Mariño Cadarso

Director xeral de Formación Pesqueira

e Investigación