Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 28 Mércores, 11 de febreiro de 1998 Páx. 1.334

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

INSTITUTO GALEGO DE PROMOCIÓN ECONÓMICA

RESOLUCIÓN do 30 de decembro de 1997 pola que se fai pública a addenda ó convenio de apoio financiero para a renovación da flota galega subscrito con distintas entidades financeiras o día 21 de maio de 1996.

Con data do 26 de decembro de 1997, o Instituto Galego de Promoción Económica (Igape) e as entidades financeiras asinaron unha addenda ó convenio de apoio financeiro para a renovación da flota galega, asinado o 21 de maio de 1996, co obxecto de prorroga-lo prazo para a resolución dos expedientes de axuda financeira presentados ó amparo deste, así como a ampliación da liña de financiamento pola contía necesaria para cubri-la demanda existente.

En virtude do exposto, de conformidade coa Lei 5/1992, do 10 de xuño, de creación do Igape e o seu regulamento, aprobado polo Decreto 317/1992, do 12 de novembro, e en virtude das facultades que teño conferidas,

RESOLVO:

En cumprimendo do disposto no artigo 78 da Lei 22/1992, do 11 de outubro, de réxime financeiro e presupostario de Galicia, e co obxecto de darlle

unha adecuada difusión, faise público o texto da addenda ó convenio e a relación de entidades que a subscribiron, que figura como anexo I.

Santiago de Compostela, 30 de decembro de 1997.

José Antonio Orza Fernández

Presidente do Instituto Galego de Promoción

Económica

Addenda ó convenio de apoio financeiro para a renovación da flota galega asinado entre o Igape e as entidades financeiras, o 21 de maio de 1996.

No convenio asinado entre o Igape e as entidades financeiras o 21 de maio de 1996, co obxecto de establecer unha liña de apoio financeiro para a renovación da flota galega, establécese que o prazo de presentación de solicitudes no Igape finaliza o 28 de novembro de 1997, e a súa vixencia para a concesión de novas operacións de subsidiación será ata o 31 de decembro de 1997. Dado que os expedientes de solicitude de axuda financeira presentados en prazo superaron as previsións iniciais, tanto no referente ó número coma ó importe total, faise necesario prorroga-lo prazo para a concesión, así como a ampliación da liña de financiamento pola contía necesaria para cubri-la demanda existente.

Por isto, convense, de mutuo acordo entre o Igape e as entidades financeiras, en subscribi-la addenda

ó convenio asinado o 21 de maio de 1996 coas seguintes:

CLÁUSULAS

Primeira.-Prorrógase o prazo de vixencia para a concesión de novas operacións de subsidiación ata o 30 de xuño de 1998.

Segunda.-As condicións financeiras das disposicións de fondos ata o límite de 3.600 millóns de pesetas, contía recollida na cláusula cuarta, apartado 3 do convenio subscrito o 21 de maio de 1996, permanecen invariables nos termos establecidos no mencionado convenio.

Terceira.-De acordo coa addenda ó convenio Igape, ICO e a Consellería de Pesca, Marisqueo e Acuicultura, subscrita o día 23 de decembro de 1997, o ICO amplía os fondos de financiamento por un importe de ata 900 millóns de pesetas, nas seguintes condicións:

O tipo de xuro (TAE) de cesión de fondos polo ICO á entidade financeira podera ser fixo ou variable, por petición dos beneficiarios, e cun prazo de ata 12 anos desde a data en que os fondos sexan aceptados polas entidades financieras nas condicións ofertadas polo ICO.

O ICO Ofertará, nos termos recollidos no contrato de financiamento asinado coas entidades financeiras, e en función das modificacións establecidas nesta addenda, os tipos de xuro TAE máximos que serán aplicables ás disposicións de fondos solicitadas. Esta oferta indicará o tipo de cesión á entidade financeira que será o tipo de partida ICO, sen bonificación, o cal poderá ser incrementado en ata 1,75 puntos durante os sete primeiros anos, e en ata 1,50 puntos durante os cinco anos restantes.

Nos préstamos formalizados a tipo de xuro variable, o tipo aplicable ó beneficiario final, a partir do segundo ano e durante os seis anos seguintes, revisarase de acordo, ó tipo de partida ICO, sen bonificación, maila marxe de intermediación de 1,75 puntos, ós tipos establecidos pola entidade financeira, con base exclusiva no MIBOR a 1 ano (TAE), coas súas propias datas e referencias, máis ata 1,75 puntos porcentuais.

Durante os cinco últimos anos, o tipo de xuro aplicable revisarase anualmente de acordo ó tipo de cesión do ICO sen bonificación, ó que se lle aplicará unha marxe de ata 1,50 puntos porcentuais, ou ós tipos establecidos pola entidade financeira con vase exclusiva no MIBOR a 1 ano (TAE) coas súas propias datas e referencias máis ata 1,50 puntos porcentuais.

Enténdese por MIBOR para efectos deste contrato o tipo de xuro no Mercado Interbancario de Madrid, obtido da cotización reflectida na pantalla REUTER MBOR ás 11 horas, ou outra que no futuro a puidera substituír. Se á data de revisión non fora posible obter esta cotización, tomaríase a do primeiro día hábil seguinte.

O Igape subsidiará cun máximo de ata 4 puntos porcentuais o tipo de xuro das operacións de préstamo.

En consecuencia co anterior, e no que se refire á ampliación do financiamento ata 900 millóns de pesetas, as condicións financeiras aquí establecidas substitúen as fixadas na cláusula cuarta, apartado 3 e 6 do convenio subscrito o 21 de maio de 1996.

Para o resto das condicións non recollidas nesta addenda, observarase o especificado no convenio subscrito o 21 de maio de 1996.

E en proba de conformidade, así o din, asinan e outorgan por duplicado exemplar e para único efecto, en Santiago de Compostela, 26 de decembro de 1997.

ANEXO I

Relación de entidades financeiras que subscriben a addenda ó convenio de apoio financeiro para a renovación da flota galega.

CaixasBancos

Caixa GaliciaBanco Bilbao Vizcaya

CaixavigoBanco Pastor

Banco Popular