Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 28 Mércores, 11 de febreiro de 1998 Páx. 1.313

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DA PRESIDENCIA E ADMINISTRACIÓN PÚBLICA

RESOLUCIÓN do 28 de xaneiro de 1998, da Dirección Xeral da Función Pública, pola que se abre o prazo de presentación de solicitudes para a elaboración das listas reguladas no Decreto 89/1997, do 10 de abril.

Base lª.-Obxecto.

O obxecto da presente convocatoria é a elaboración de listas con aquelas persoas interesadas na cobertura, con carácter temporal, mediante o nomeamento de persoal interino, de postos de traballo dos corpos ou escalas da Administración da Xunta de Galicia que se especifican no anexo I, nos que a súa cobertura se considere de urxente necesidade, mentres non sexan ocupadas polos correspondentes funcionarios, de conformidade coa normativa de aplicación.

Base 2ª.-Listas.

Polo que se refire ó ámbito territorial para cada corpo ou escala dos que figuran no anexo I, elaborarase unha lista para servicios centrais e outra para cada provincia da Comunidade Autónoma.

En canto ós apartados ós que se refire o artigo 12 do Decreto 89/1997, do 10 de abril (DOG nº 79 do 25 de abril), as listas nas que se incluirán os solicitantes serán as seguintes:

-Lista A:

Lista A) 1. Incluiranse nesta lista os aspirantes que, non superando o último proceso selectivo correspondente, aprobaron tódalas probas da fase de oposición e obtiveron puntuación na fase de concurso. Neste caso a prelación virá dada pola posición obtida na resolución das respectivas convocatorias de acceso, computándose a suma de ámbalas puntuacións, figurando aquela de maior a menor. No caso de empate prevalecerá a nota máis alta acadada no primeiro exame.

Lista A) 2. Incluiranse nesta lista aqueles aspirantes que, non superando o último proceso selectivo correspondente, aprobaron tódalas probas da fase de oposición e non obtiveron puntuación na fase de concurso, fixándose a súa prelación en función da suma das cualificacións obtidas na dita fase, ordenadas estas de maior a menor.

Así mesmo aqueles aspirantes que aínda tendo puntos correspondentes á fase de concruso desexen inscribirse na lista A)2º renunciando ós puntos da fase de concurso e polo tanto á súa inclusión na lista A)1º poderán facelo sinalándoo na instancia, debendo permanecer na dita lista, unha vez efectuada a opción durante a súa vixencia.

Se se trata de interesados ós que lle sexa de aplicación o apartado A1 deberán indicar na solicitude en cal dos dous apartados desexa figurar na lista (A1 ou A2). No seu defecto incluiranse no apartado A1.

Os aspirantes poderán elixir ser incluídos nas listas respectivas e en máis dun ámbito territorial. Unha vez chamados para prestar servicios nun dos ámbitos elixidos e previa aceptación do posto de traballo, serán excluídos dos demais ámbitos territoriais en que figuren, sen prexuízo do disposto no artigo 8 do Decreto 89/1997, do 10 de abril.

De acordo co disposto no artigo 4.2º do Decreto 89/1997, do 10 de abril, as listas que se confeccionan para os corpos que a continuación se sinalan serán únicamente as correspondentes ós apartados sinalados con anterioridade (A1 e A2), ó considerar suficiente o número de opositores que non superaron os últimos procesos selectivos pero si tódalas probas da fase de oposición:

-Corpo superior de Administración da Xunta de Galicia.

-Corpo de xestión de Administración da Xunta de Galicia.

-Corpo administrativo da Xunta de Galicia.

-Corpo auxiliar da Xunta de Galicia.

-Corpo subalterno da Xunta de Galicia.

-Lista B:

Incluiranse nesta lista os solicitantes que non reúnan as condicións para poder inscribirse nas anteriores, e a súa orde de prelación virá dada pola puntuación obtida de acordo co baremo ó que se refire o artigo 12.B) do Decreto 89/1997, do 10 de abril.

Esta lista só se aplicará ós aspirantes que se inscriban na lista da escala superior de finanzas ou escala técnica de finanzas.

Cada interesado só poderá presenter solicitude para ser incluído nunha lista concreta, e dentro desta nos ámbitos territoriais que desexe. Unha vez chamados, para prestar servicios nun dos ámbitos elixidos e logo de aceptación do posto de traballo, serán excluídos dos demáis ámbitos territoriais en que figuren, sen prexuízo do disposto no artigo 8 do Decreto 89/1997, do 10 de abril.

De conformidade co disposto no artigo 4.3º do Decreto 89/1997, do 10 de abril, a comisión permanente de valoración poderá fixar un número máximo de compoñentes das listas cando, polo número de instancias presentadas e o número de vacantes que se prevexan que poidan producirse, aquel pareza suficiente.

A presentación da solicitude nesta convocatoria suporá a exclusión inmediata nas demais listas nas que figure o interesado.

Base 3ª.-Solicitudes.

3.1. As solicitudes que presenten os interesados para a súa inclusión na correspondente lista dirixiranse ó director xeral da Función Pública da Consellería da Presidencia e Administración Pública e axustaranse ó modelo que se publica como anexo II desta convocatoria.

3.2. O prazo para a presentación de solicitudes será de 20 días contados desde a publicación da presente convocatoria no DOG e poderanse presentar no rexistro xeral da Consellería da Presidencia e Administración Pública, nas súas delegacións provinciais, oficinas comarcais da Xunta de Galicia, así como nos lugares previstos no artigo 38 da Lei de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

3.3. Todos aqueles solicitantes que foron admitidos no último proceso selectivo de acceso ós corpos ou escalas ós que se presentan, dos que figuran no anexo I, estarán exentos do pagamento da taxa por dereitos de inscrición.

Os solicitantes que non participaron nos procesos selectivos a que se refire o parágrafo anterior estarán obrigados, no prazo de dez días a partir da publicación das listas, ó pagamento das taxas que a continuación se expresan:

-Grupo A: 9.460 ptas.

-Grupo B: 8.270 ptas.

-Grupo C: 7.090 ptas.

-Grupo D: 5.910 ptas.

-Grupo E: 4.730 ptas.

Os que así non o fixeran no prazo indicado serán excluídos automaticamente das listas.

Para facer efectivo o ingreso da taxa deberá cubrirse o anexo IV. Os modelos correspondentes a este anexo facilitaranse nas dependencias da Administración da Xunta de Galicia especificadas na base 3.1, debendo cubrirse cos códigos que figuran nel. Non obstante para o cumprimento deste requisito poderase utilizar unha fotocopia do anexo IV, que se publica con esta convocatoria.

Base 4ª.-Requisitos.

Os solicitantes deberán reuni-los requisitos que para cada corpo ou escala se determinan no anexo I. Os citados requisitos deberán posuírse o último día do prazo para a presentación de solicitudes.

Así mesmo terán que acreditar no momento en que acepten o posto de traballo que se lles oferte:

-Ser español.

-Ter cumpridos os 18 anos.

-Non padecer enfermidade nin estar afectado por limitación física ou psíquica que sexa incompatible co desempeño das correspondentes funcións.

-Non estar separado do servicio de ningunha Administración pública en virtude de expediente disciplinario nin inhabilitado par sentencia firme para o exercicio de funcións públicas.

No suposto que non acrediten estes requisitos os solicitantes decaerán en tódolos seus dereitos e quedarán excluídos da lista.

Base 5ª.-Documentación.

Xunto coa solicitude deberá presentarse fotocopia do DNI.

Os méritos que invoquen os interesados e que, de acordo co baremo previsto no artigo 12 do Decreto 89/1997, desexen que se lles teñan en conta, así como o cumprimento dos requisitos esixidos para o corpo ou escala que se solicite, acreditaranse debidamente mediante documentos orixinais ou fotocopias destes que se presentarán cotexadas fidedignamente, debendo numerarse de acordo co modelo do anexo III, significándose que non se valorarán aqueles méritos que a comisión considere que non estiveran suficientemente acreditados.

Os méritos a que se refire o apartado B.3) do artigo 12 do referido decreto, servicios prestados noutras administracións públicas no mesmo corpo ou escala, acreditaranse mediante certificación xustificativa que deberá emitirse polos órganos de xestión de persoal competentes.

No suposto de alegar méritos polos apartados A) e B.1, (ter superados a totalidade ou algún dos exercicios do último proceso selectivo), non será necesario que o interesado os xustifique.

Base 6ª.-Elaboración das listas.

6.1. A comisión permanente de selección para a cobertura temporal de postos de traballo reservados a funcionarios, á que se refire o artigo 5 do Decreto 89/97 e que ten a categoría primeira das previstas no Decreto 299/1990, do 24 de maio, será a encargada de elabora-las listas correspondentes. A petición da comisión permanente, e cando o número de aspirantes así o faga aconsellable, poderán nomearse comisións colaboradoras, e a súa función

será participar na aplicación do baremo ós méritos alegados polos interesados.

6.2. Unha vez elaboradas as listas, a Dirección Xeral da Función Pública publicará no DOG o anuncio da exposición destas nos taboleiros de anuncios do servicio de información e atención ó cidadán da Consellería da Presidencia e Administración Pública, nos das súas delegacións provinciais e nas oficinas comarcais da Xunta de Galicia.

6.3. Os chamamentos realizaranse utilizando simultánea e alternativamente as listas A) 1 e A) 2 de forma que o primeiro aspirante chamado será o correspondente da lista A) 1, o segundo o da lista A) 2, e así sucesivamente ata a finalización dos chamamentos correspondentes ás dúas listas do apartado A). Todo isto en cada ámbito territorial no que existan as listas de que se trate.

6.4. A partir da data de publicación no DOG do anuncio da exposición das listas obxecto desta convocatoria quedarán sen efecto as listas elaboradas anteriormente no que se refire ós corpos ou escalas que figuran no anexo I.

6.5. Cada seis meses desde a publicación das listas estas poderán modificarse coa inclusión daquelas solicitudes que se presenten con posterioridade ó termo do prazo fixado para a presentación de instancias sempre que reúnan os requisitos dos apartados das listas que se aprobaran. Todo isto sen prexuízo do disposto na base 2.

Os ditos interesados deberán xuntar á instancia, se é o caso para a súa admisión, o xustificante de ter aboadas as taxas.

Santiago de Compostela, 28 de xaneiro de 1998.

Joaquín López-Rúa Soler

Director xeral da Función Pública

ANEXO I

GrupoCorpo ou escalaRequisitos

ACorpo superior de Administración da Xunta de Galicia.Licenciado, enxeñeiro superior, arquitecto ou equivalente.

AEscala superior de finanzas.Licenciado, enxeñeiro superior, arquitecto ou equivalente.

BCorpo de xestión de Administración da Xunta de Galicia.Enxeñeiro técnico, arquitecto técnico, diplomado universitario ou equivalente.

BEscala técnica de finanzas.Enxeñeiro técnico, arquitecto técnico, diplomado universitario ou equivalente.

CCorpo administrativo da Xunta de Galicia.Bacharelato, formación profesional de segundo grao, ter superadas as probas de acceso para maiores de 25 anos ou equivalente.

DCorpo auxiliar da Xunta de Galicia.Graduado escolar, formación profesional de 1º grao ou equivalente.

ECorpo subalterno da Xunta de Galicia.Certificado de escolaridade.