Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 28 Mércores, 11 de febreiro de 1998 Páx. 1.313

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DE ECONOMÍA E FACENDA

DECRETO 40/1998, do 5 de febreiro, polo que se modifica o Decreto 255/1996, do 14 de xuño, polo que se establece un réxime de axudas para a toma de participación no capital social de sociedades.

O réxime de axudas establecido polo Decreto 255/1996, do 14 de xuño, responde a unba das liñas da política de promoción empresarial da Xunta de Galicia na que se presta especial atención á consolidación financeira de empresas existentes. Concretamente, esta disposición desenvolve programas específicos dirixidos a fomenta-la participación no capital da empresa polos seus traballadores, propicia-la cooperación empresarial mediante a participación no capital de sociedades do mesmo sector ou de sectores complementarios da cadea de valor que comporte vantaxes recíprocas, e posibilita-la formación de maiorías de capital que permitan a súa estabilidade e a eficacia na toma de decisións na empresa.

Con posterioridade á publicación do Decreto 255/1996, o Goberno español aprobou un Programa de Modernización do Sector Público Empresarial no que se recolle, entre outras actuacións, o proceso de privatización das empresas públicas co fin de dotalas de maior solidez e competitividade. Este cambio de contorno supón unba oportunidade para a incorporación de novas accionistas con capacidade financeira que consoliden a viabilidade futura da empresa.

Os obxectivos deste programa de modernización están en sintonía coas finalidades do Decreto 255/1996, polo que parece adecuado amplia-los supostos de concesión de axudas que recolle; de maneira que poida apoiarse a forma de participación no capital de sociedades en proceso de privatización sempre e cando as características da operación así o aconsellen, tendo en conta a súa repercusión no desenvolvemento socioeconómico da nosa Comunidade Autónoma.

En virtude do exposto, por proposta do conselleiro de Economía e Facenda e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día cinco de febreiro de mil novecentos noventa e oito,

DISPOÑO:

Artigo 1º

Modifícase o apartado a) do artigo 3 do Decreto 255/1996, do 14 de xuño, a redacción do cal queda como segue:

«a) Subvencións a fondo perdido ós traballadores de sociedades en procesos de reestructuración, ou a traballadores de sociedades públicas sometidas a un proceso de privatización que fose declarado de especial interese polo Consello de Dirección do

Igape, para a toma de participación minoritaria no seu capital social, e subsidiación ó tipo de xuro dos préstamos que, se é o caso, concerten coas entidades financeiras para o financiamento da participación en capital non cuberta polo subvención a fondo perdido».

Artigo 2º

Modifícase o apartado a) do artigo 4 do Decreto 255/1996, do 14 de xuño, a redacción do cal queda como segue:

«a) As subvencións a fondo perdido establecidas no apartado a) do artigo 3 poderán acadar ata un 25% do importe subscrito na ampliación de capital ou da adquisición de participación consideradas incentivables, sendo subvencionable por cada traballador un importe máximo de 500.000 pesetas, con independencia de cal sexa o importe efectivamente subscrito na ampliación ou o importe da participación adquirida».

Disposicións finais

Primeira.-O conselleiro de Economía e Facenda poderá dicta-las normas necesarias para a aplicación do disposto no presente decreto.

Segunda.-Este decreto entrará en vigor o día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, cinco de febreiro de mil novecentos noventa e oito.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente

José Antonio Orza Fernández

Conselleiro de Economía e Facenda