A Comisión Coordinadora para a Normalización Lingüística, na súa sesión do 4 de maio de 1990, acordou impulsa-la normalización lingüística na Administración local mediante un plan que ten por obxectivo que en tódalas corporacións locais galegas exista, polo menos, un funcionario que se responsabilice da traducción dos documentos a que se refire o artigo 1 da Lei 5/1988, do 21 de xuño, de uso do galego como lingua oficial de Galicia polas entidades locais.
En execución deste plan, correspóndelle á EGAP o desenvolvemento dos cursos de especialización en linguaxe administrativa galega.
De conformidade co disposto no artigo 24 da Lei 3/1983, do 15 de xuño, de normalización lingüística, e na Lei 4/1987, do 27 de maio, de creación da EGAP, modificada pola Lei 10/1989, do 10 de xullo, que no seu artigo 3.1ºi) lle atribúe á escola a difusión e a normalización do idioma galego na Adminis
tración pública, a capacitación lingüística do persoal e maila participación na fixación da linguaxe técnica, administrativa e xurídica galega, resolvo convoca-lo referido curso, que se desenvolverá segundo as seguintes bases:
1ª Obxectivos:
Completa-la formación dos alumnos que superaron o curso de nivel medio, prestando especial atención ó coñecemento das linguaxes administrativa e xurídico-administrativa local.
2ª Destinatarios:
Poderán participar tódolos funcionarios que presten servicios nas entidades locais e obtivesen a cualificación de apto nos cursos de nivel medio convocados entre os anos 1990 e 1997 dentro do plan integral de estudios iniciado pola orde da Consellería da Presidencia e Admón. Pública, do 23 de maio de 1990.
3ª Desenvolvemento dos cursos:
3.1. Duración: 100 horas, distribuídas do seguinte xeito:
-75 horas lectivas.
-10 horas de exames.
-15 horas de elaboración e defensa de traballos.
3.2. Número de prazas: 30 por curso. En función do número de solicitudes, organizaranse un ou varios grupos en cada localidade.
3.3. Lugares de realización.
A Coruña, Santiago de Compostela, Lugo, Ourense e Pontevedra. A EGAP reserva para si a facultade de modifica-los lugares de realización en cada provincia así como a de anular aqueles cursos nos que o escaso número de solicitudes non xustificase a súa realización.
3.4. Datas: as clases darán comezo o día 2 de marzo de 1998 e rematarán o día 27 de abril do mesmo ano, tendo lugar tódolos luns, mércores e xoves laborables. A continuación os profesores establecerán para cada grupo os días de exame e exposición e defensa de traballos.
3.5. Horarios: en sesións de tarde, de 17 a 20 h.
4ª Solicitudes:
Os interesados en participar neste curso deberán presentar, cuberta en tódolos epígrafes que lles correspondan, a instancia que figura como anexo desta convocatoria, xuntando fotocopia da certificación acreditativa de ter superado o nivel medio dos cursos ós que se fai referencia na base 2ª.
O prazo de presentación de solicitudes será de 15 días naturais contados a partir da publicación desta resolución.
A dita documentación dirixiráselle ó director da Escola Galega de Administración Pública, polígono das Fontiñas, s/n, 15707 Santiago de Compostela, e presentarase no rexistro da escola ou por calquera dos medios previstos no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro.
5ª Notificacións:
A escola publicará a lista dos seleccionados no seu taboleiro de anuncios e nos das delegacións provinciais da Consellería de Presidencia e Administración Pública, sen prexuízo de comunicárllelo directamente ós interesados.
6ª Certificacións:
Ós alumnos que, no prazo e nas condicións que se establezan, acrediten un coñecemento adecuado das materias obxecto deste curso, poderá outorgárselle-lo diploma que os habilite para exerce-las tarefas de traducción dos documentos sinalados no artigo 1 da Lei 5/1988.
A avaliación dos coñecementos realizarase a través da realización das probas e da presentación dos traballos que se determinen, en tódolos casos en lingua galega.
A inasistencia ó vinte por cento das horas lectivas programadas, sexa cal sexa a causa, impedirá a emisión do diploma.
7ª Axudas ós alumnos:
Para facilita-la participación no curso dos alumnos que se teñan que desprazar fóra do municipio onde radique o seu posto de traballo establécense as seguintes axudas, para tódolos conceptos, que percibirán os asistentes ó remate do curso e que se reducirán nun 50% para os que o realicen por segunda vez:
Distancias desde o concello ou deputación de orixe ata o lugar de realización do curso:
-Inferior a 30 km: 20.000 ptas.
-Entre 30 a 60 km: 40.000 ptas.
-Máis de 60 km: 50.000 ptas.
8ª Contido: a linguaxe xurídico-administrativa. Análise lingüística e xurídica da linguaxe administrativa: especial referencia ós documentos sinalados no artigo 1 da Lei 5/1988 do 21 de xuño, de uso do galego como lingua oficial de Galicia polas entidades locais. A traducción xurídico-administrativa.
Santiago de Compostela, 16 de xaneiro de 1998.
Domingo Bello Janeiro
Director da Escola Galega de Administración Pública
334