Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 18 Mércores, 28 de xaneiro de 1998 Páx. 724

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DA PRESIDENCIA E ADMINISTRACIÓN PÚBLICA

ORDE do 26 de xaneiro de 1998 pola que se declara de interese galego a Fundación para el Desarrollo Local de Culleredo (Fundescu) e se ordena a súa inscrición no Rexistro de Fundacións, sección da Consellería da Presidencia e Administración Pública.

Con data do 23 de xaneiro de 1998 publicouse o Diario Oficial de Galicia a orde da Consellería da Presidencia e Administración Pública do 14 de xaneiro de 1998 pola que se clasifica como mixta a Fundación para el Desarrollo Local de Culleredo (Fundescu) adscribíndoa á Consellería da Presidencia e Administración Pública, que terá que exercer plenamente o protectorado sobre ela.

A fundación foi constituída en escritura pública outorgada na Coruña, o día 2 de xullo de 1997 ante o notario do Ilustre Colexio da Coruña, Ramón González Gómez, co número tres mil trescentos corenta e oito do seu protocolo, por Julio Sacristán de Diego que intervén en nome e representación do Concello de Culleredo.

Esta fundación, ó abeiro do establecido no artigo 7 dos seus estatutos, ten por obxecto impulsa-lo desenvolvemento estructurado do concello de Culleredo e facilitar unha acción coordinada do concello, institucións, entidades, empresas e asociacións da comarca.

Por todo iso, e en virtude das competencias que me confire o artigo 34.12º da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta de Galicia e do seu presidente, e segundo o establecido nos artigos 8 da Lei 7/1983, do 22 de xuño, de réxime das fundacións de interese galego, modificada pola Lei 11/1991, do 8 de novembro, e 32.3º do Decreto 248/1992, do 18 de xuño, polo que se aproba o Regulamento de organizacións e funcionamento do protectorado das fundacións de interese galego.

DISPOÑO:

Artigo único.

1. Declarar de interese galego a Fundación para el Desarrollo Local de Culleredo (Fundescu) ó cumpriren os seus estatutos as prescricións que para tal efecto sinala a vixente lexislación en materia de fundacións de interese galego.

2. Ordena-la inscrición da Fundación para el Desarrollo Local de Culleredo (Fundescu) no Rexistro de Fundacións de Interese Galego, sección da Consellería da Presidencia e Administración Pública, para os efectos constitutivos que sinala a Lei 7/1983, do 22 de xuño, de réxime das fundacións

de interese galego, modificada pola Lei 11/1991, do 8 de novembro.

Disposición derradeira

A presente orde entrará en vigor o mesmo día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 26 de xaneiro de 1998.

Dositeo Rodríguez Rodríguez

Conselleiro da Presidencia e Administración Pública

422