Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 16 Luns, 26 de xaneiro de 1998 Páx. 655

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE ECONOMÍA E FACENDA

ORDE do 29 de decembro de 1997 pola que se convocan bolsas para proxectos específicos pertencentes ó programa Pimega, do Instituto Galego de Promoción Económica (Igape).

A Lei 5/1992, do 10 de xuño, de creación do Instituto Galego de Promoción Económica (Igape), establece como unha das funcións do Igape a de favorece-la modernización e innovación tecnolóxica e organizativa das empresas galegas.

Con tal finalidade o Igape puxo en marcha o Plan Integral de Mellora da Empresa Galega (Pimega), desenvolvido pola orde da Consellería de Economía e Facenda, do 9 de abril de 1997, de axudas para a mellora da competitividade nas empresas, que no seu artigo 6 c) prevé a posibilidade de asignación dun bolseiro ás empresas beneficiarias das axudas a proxectos de implantación de plans de mellora, que así o soliciten.

A presente orde regula a convocatoria e procedemento de concesión das ditas bolsas. Polo que antecede, esta consellería,

DISPÓN:

Artigo 1º

Convócanse ata cincuenta bolsas Pimega para titulados universitarios de colaboración na implantación de plans de mellora ou de diagnóstico en empresas e apróbanse as bases polas que se rexerá a súa convocatoria que se inclúe como anexo I á presente orde.

O obxecto destas axudas é favorece-la modernización e innovación tecnolóxica e organizativa das empresas de Galicia, asignando un bolseiro posgraduado na titulación adecuada para que colabore con aquelas empresas beneficiarias das axudas do Igape para a mellora da competitividade (Pimega) que así o soliciten.

O Igape xestionará a tramitación das bolsas. De conformidade coa delegación de facultades efectuada polo seu Consello de Dirección con data do 29 de marzo de 1996, será competente o director xeral do Igape para resolve-la súa concesión ou denegación, así como para declara-los incumprimentos que se produzan.

Artigo 2º

Para a concesión das axudas convocadas na presente orde destinarase a cantidade total de trinta e sete millóns cincocentas mil pesetas (37.500.000 ptas.), financiándose con cargo á partida 0399 71204 780 do orzamento do Igape prorrogado de 1997 para 1998.

Artigo 3º

Para os efectos establecidos no artigo 42.2 da Lei 30/1992, o prazo máximo para resolve-las solicitudes correspondentes ás bolsas especificadas nesta orde será de 9 meses; cumprido o dito prazo entenderanse desestimadas aquelas solicitudes sobre as que non recaese resolución expresa.

Artigo 4º

Durante a súa vixencia, estas bolsas son incompatibles con calquera actividade remunerada, así como con outras bolsas ou axudas para o mesmo obxecto que poidan ser concedidas por organismos públicos ou privados, nacionais ou estranxeiros, debendo o beneficiario notificarlle ó Igape calquera solicitude ou concesión obtida.

Artigo 5º

A Dirección Xeral do Igape, logo da audiencia do interesado, interpretará as bases anexas e resolverá tódalas dúbidas e incidencias que puidesen xur

dir na súa aplicación. Contra as súas resolucións, que non esgotarán a vía administrativa, poderá interpoñerse recurso ordinario ante o conselleiro de Economía e Facenda.

Disposición adicional

A adxudicación definitiva das bolsas quedará condicionada á aprobación dos orzamentos do Igape para 1998 e á consignación de crédito suficiente na partida 0399 71204 780.

Disposición derradeira

A presente orde entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 29 de decembro de 1997.

Xosé Antonio Orza Fernández

Conselleiro de Economía e Facenda

ANEXO I

Bases da convocatoria

1. Requisitos dos solicitantes.

1.1. Empresas ou entidades.

Poderán solicita-la asignación dun bolseiro aquelas empresas ou entidades beneficiarias das axudas para mellora da competitividade en empresas (Pimega) reguladas por orde da Consellería de Economía e Facenda do 9 de abril de 1997.

1.2. Titulados.

Poderán presentar solicitude para acollerse a estas bolsas aqueles titulados que cumpran os seguintes requisitos:

A. Ser nacional dun país membro da Unión Europea.

B. Cumprir algunha das seguintes condicións:

a) Ter veciñanza administrativa en Galicia.

b) Ser natural de Galicia.

c) Ser fillo de emigrantes galegos.

C. Estar en posesión dalgún dos seguintes títulos universitarios:

a) Enxeñería superior ou técnica.

b) Arquitectura ou arquitectura técnica.

c) Licenciado ou diplomado en ciencias económicas, ciencias empresariais ou administración de empresas.

d) Licenciado en ciencias físicas, ciencias químicas, bioloxía, farmacia, veterinaria ou ciencia e tecnoloxía dos alimentos.

e) Licenciado ou diplomado en informática.

Admitiranse aquelas solicitudes nas que a obtención do correspondente título se condicione unica

mente á presentación do proxecto fin de carreira. Os títulos obtidos no estranxeiro ou en centros non estatais deberán estar validados ou recoñecidos polo Ministerio de Educación e Ciencia na data na que remate o prazo de presentación de solicitudes.

D. Non ter sido adxudicatario en anos anteriores de calquera programa de bolsas do Igape.

E. Non ter 30 anos cumpridos na data na que remate o prazo de presentación de solicitudes.

F. Non estar desfrutando dalgunha outra bolsa ou axuda pública ou privada, nin estar vinculado por ningunha relación laboral no momento de presentación da solicitude.

2. Número.

2.1. Concederanse un máximo de 50 bolsas, das cales ata 25 poderán ser adxudicadas prioritariamente a favor das empresas ou entidades que cumpran o requisito da base 6.2.1.

2.2. A cada unha das empresas ou entidades seleccionadas só se lles adxudicará un titulado, e o Igape poderá declarar deserta, total ou parcialmente, a adxudicación das bolsas.

3. Duración e contía.

O período de desfrute da bolsa rematará ós seis meses como máximo desde a súa aceptación e o seu importe ascenderá a un máximo de 750.000 ptas. Durante o seu período de vixencia, estas bolsas son incompatibles con outras bolsas ou axudas que poidan ser concedidas por organismos públicos ou privados, nacionais ou estranxeiros e con calquera tipo de traballo remunerado.

4. Solicitudes e documentación.

4.1. As solicitudes dos titulados, no modelo oficial que se publica como anexo III, deberán ir inescusablemente acompañadas da documentación que se publica como anexo II.

4.2. As empresas ou entidades poderán presenta-la a súa solicitude, no modelo oficial que se publica como anexo IV.

5. Presentación de solicitudes.

5.1. As solicitudes presentaranse no Instituto Galego de Promoción Económica (Igape), en calquera das súas oficinas de:

A. Santiago de Compostela: r/ Frei Rosendo Salvado, 16, baixo. CP 15701.

B. Ferrol: Península da Cabana, s/n CP 15590.

C. Vigo: r/ Príncipe, 43, 2º E CP 36202.

Ou ben segundo o establecido na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común. A documentación presentada non lle

será devolta ó solicitante. A documentación redactada nunha lingua non oficial en Galicia deberá ir traducida por un intérprete xurado.

5.2. Os titulados terán un mes natural para presenta-la súa solicitude a partir do día seguinte ó da publicación no DOG destas bases.

5.3. As empresas ou entidades poderán presenta-la súa solicitude desde o día seguinte ó da publicación no DOG destas bases e ata o 29 de novembro de 1998. No caso de adxudicación da totalidade das bolsas convocadas con anterioridade á dita data anunciarase no DOG o esgotamento do crédito.

6. Criterios de selección.

6.1. Criterios de selección de titulados.

O Igape ordenará os titulados admitidos segundo titulación, especialidade e puntuación obtida no seguinte baremo:

Matrícula de honra: 4 puntos.

Sobresaliente: 3 puntos.

Notable: 2 puntos.

Aprobado: 1 punto.

Reducción ó mesmo número de materias

puntuación obtida x 10

nº de materias

Outra titulación universitaria adicional: 2 puntos.

Proxecto fin de carreira, grao ou tese de lincenciatura: 2 puntos.

Título de doutor: 4 puntos.

6.2. Criterios de selección de empresas e entidades:

As empresas ou entidades de destino dos bolseiros serán seleccionadas de acordo cos seguintes criterios de preferencia:

6.2.1. Ata 25 bolseiros poderán ser asignados ás empresas ou entidades se a solicitude de bolseiro se presentase no Igape con anterioridade ó 15 de febreiro de 1998, sempre e cando a súa resolución de axuda para a mellora da competitividade fose emitida con anterioridade á entrada en vigor da presente orde e fose xa aceptada. Dentro deste grupo manteranse os seguintes criterios de prioridade:

1º. Empresas con resolución de concesión de axudas a proxectos de implantación de plans de mellora, definidos no artigo 4, apartado 2 da orde da Consellería de Economía e Facenda do 9 de abril de 1997, onde a data de finalización, segundo o cadro de control do proxecto, estea comprendida entre o

31-12-1997 e o 30-4-1998. A selección entre estas realizarase por orde cronolóxica de resolución de concesión, en caso de igualdade por data de aceptación de resolución de concesión, e en caso de igualdade, por data de presentación da solicitude de asignación de bolseiro ó abeiro da presente orde.

2º. Empresas con resolución de concesión de axudas a proxectos de diagnóstico, definidos no artigo 4, apartado 1 da orde da Consellería de Economía e Facenda, que comprendan elaboración da documentación básica do sistema de calidade e onde a data de finalización, segundo o cadro de control do proxecto, estea comprendida entre o 31-12-1997 e o 30-4-1998. A selección entre estas realizarase por orde cronolóxica de resolución de concesión, en caso de igualdade, por data de aceptación de resolución de concesión, e, en caso de igualdade, por data de presentación da solicitude de asignación de bolseiro ó abeiro da presente orde.

3º. Resto de empresas con resolución de concesión de axudas a proxectos de mellora da competitividade, ó abeiro da orde da Consellería de Economía e Facenda do 9 de abril de 1997.

A selección entre estas realizarase por orde cronolóxica de resolución de concesión, en caso de igualdade, por data de aceptación de resolución de concesión, e, en caso de igualdade, por data de presentación da solicitude de asignación de bolseiro ó abeiro da presente orde.

6.2.2. Os bolseiros que non fosen asignados no procedemento anteriormente descrito e ata 25 máis poderán ser asignados a empresas con resolución de concesión, emitida con posterioridade á entrada en vigor da presente orde, ó abeiro da orde da Consellería de Economía e Facenda do 9 de abril de 1997, coas seguintes regras de prioridade:

1º. Empresas con resolución de concesión de axudas a proxectos de implantación de plans de mellora, definidos no artigo 4, apartado 2 da orde da Consellería de Economía e Facenda. A selección entre éstas realizarase por orde cronolóxica de resolución de concesión, en caso de igualdade por data de aceptación de resolución de concesión, e, en caso de igualdade, por data de presentación da solicitude de asignación de bolseiro ó abeiro da presente orde.

2º. Empresas con resolución de concesión de axudas a proxectos de diagnóstico, definidos no artigo 4, apartado 1 da orde da Consellería de Economía e Facenda do 9 de abril de 1997, que comprendan a elaboración da documentación básica do sistema de calidade. A selección entre estas realizarase por orde cronolóxica de resolución de concesión, en caso de igualdade, por data de aceptación de resolución de concesión, e, en caso de igualdade, por data de

presentación da solicitude de asignación de bolseiro ó abeiro da presente orde.

7. Procedemento.

7.1. Unha vez rematado o prazo de presentación de solicitudes de titulados e comprobado o cumprimento dos requisitos de admisión, o Igape expoñerá nas súas dependencias a lista provisional de solicitudes admitidas e excluídas, sinalará, se é o caso, as causas de exclusión, e abrirase un prazo de dez días para que os interesados poidan emenda-la súa solicitude, achegando, se é o caso, a documentación necesaria. Transcorrido este prazo sen producirse a emenda procederáse ó arquivo do expediente sen máis trámite.

Rematado o prazo de emendas, o Igape publicará nas súas dependencias unha lista definitiva de solicitudes admitidas a selección, ordenadas por titulación, especialidade e baremo.

7.2. A selección das empresas ou entidades realizarase con periodicidade mensual tódolos días 15 de cada mes ou, se é o caso, seguinte laboral, de entre tódalas solicitudes recibidas no período, ata esgota-lo o número de bolsas dispoñible. O Igape expoñerá nas súas dependencias a lista de solicitudes admitidas ordenadas por prioridade na selección.

7.3. O Igape convocará a cada empresa ou entidade seleccionada para celebrar unha entrevista con, polo menos, cinco titulados que reúnan os requisitos de titulación e especialidade solicitadas con mellor baremo de entre os candidatos dispoñibles. Na dita entrevista avaliarase o perfil dos candidatos e a súa adecuación ós labores de colaboración na implantación do plan de mellora da empresa.

7.4. Mentres dure a selección, os candidatos preseleccionados quedarán excluídos, transitoriamente, de calquera outra bolsa ofertada polo Igape.

7.5. Entenderase que desisten da súa solicitude e procederase ó arquivo do seu expediente aqueles titulados que, sendo convocados para a realización dunha entrevista, non comparezan a esta sen causa xustificada; considerarase que renuncian ós dereitos que puidesen corresponderlles ó abeiro da presente orde.

7.6. Unha vez realizadas as entrevistas, a empresa remitiralle ó Igape unha lista na que ordenará, por orde decrecente, as súas preferencias respecto ós titulados universitarios.

7.7. Os titulados que, sendo seleccionados por unha empresa segundo a base 7.6, non acepten a bolsa serán excluídos de tódalas listas de candidatos a bolsas abertas no dito momento no Igape.

7.8. No caso de que, para unha empresa seleccionada, conste a renuncia por escrito de tódolos titulados entrevistados, o Igape poderá volver convocar outra serie de entrevistas de acordo coa base 7.3.

8. Adxudicación e resolución.

Unha vez realizadas as entrevistas, e por proposta do director da Área de Innovación, Formación e Información do Igape, o director xeral do Igape resolverá a adxudicación da bolsa ó titulado que estivese dispoñible de entre os elixidos por cada empresa seleccionada.

9. Aceptación da bolsa.

O Igape comunicaralles ó beneficiario e á empresa ou entidade de destino a concesión da bolsa, que nun prazo de dez días terán que aceptala nos seus termos e comprometerse a cumprir todas e cada unha das obrigas das presentes bases. No caso contrario considerarase que renuncian ós seus dereitos.

10. Obrigas dos bolseiros.

Os beneficiarios das bolsas están obrigados a:

a) Poñerse á disposición da empresa de destino dentro dos dez días seguintes ó da súa aceptación da resolución de concesión, salvo que a dita resolución estableza un prazo distinto.

b) Comunicarlle ó Igape a data de incorporación á empresa de destino, co visto e prace desta e, unha vez incorporados, deberán encontrarse en condicións de xustifica-la súa colaboración asidua nesta. Calquera interrupción ou aprazamento do período de desfrute, dentro do prazo sinalado no artigo 3 das bases da convocatoria, deberá ser previamente autorizado pola Dirección Xeral do Igape, incorrendo noutro caso o beneficiario en causa de perda da bolsa.

c) Colaborar na implantación do plan de mellora na empresa de destino, baixo a dirección dos seus responsables.

d) Presentarlle ó Igape un informe sobre as actividades realizadas, cumpridos os tres primeiros meses de desfrute da bolsa, que deberá incluír, expresamente, a data inicial de comezo das actividades da bolsa e unha avaliación destas. Este informe deberá ser asinado polo bolseiro e polo representante legal da empresa.

e) Presentarlle ó Igape un informe sobre as actividades realizadas ó remate do período de desfrute da bolsa, que deberá incluír expresamente o período de desfrute da bolsa e unha avaliación da actividade realizada. Este informe deberá ser asinado polo bolseiro e polo representante legal da empresa.

f) Facilitarlle ó Igape calquera información que por materia se relacione co plan de mellora no que colabora e lle sexa solicitada polo Igape.

11. Obrigas das empresas ou entidades.

As empresas ou entidades de destino dos bolseiros están obrigadas a:

a) Poñeren á disposición do bolseiro os medios necesarios para desenvolve-la súa colaboración na implantación do plan de mellora da empresa.

b) Daren instruccións, supervisar e, en xeral, dirixi-las súas actividades.

c) Rubricaren, a través do seu representante legal, cadanseus informes de avaliación das actividades do bolseiro: o primeiro, ó remata-los tres primeiros meses de desfrute da bolsa, e o segundo, ó remata-lo período de desfrute da bolsa.

d) Facilitárenlle ó Igape calquera información que lle sexa solicitada en relación coas actividades do bolseiro.

12. Libramento da bolsa.

O pagamento das bolsas ós beneficiarios efectuarase en tres prazos:

-20% do seu importe, desde a aceptación da bolsa.

-40% do seu importe, desde a presentación do informe de actividades dos tres primeiros meses de desfrute da bolsa, sinalado na base 10d).

-40% do seu importe, desde a entrega do informe final sinalado na base 10e).

13. Incumprimento.

13.1. Non axustarse ós termos da convocatoria, o incumprimento dos requisitos nela establecidos, a ocultación de datos, a súa alteración ou calquera manipulación da información solicitada será causa de incumprimento. En calquera momento a Dirección do Igape poderá reclamar da empresa ou entidade de destino un informe sobre o traballo realizado polo titulado.

13.2. O incumprimento polo beneficiario de calquera das súas obrigas conforme a presente orde ou calquera outra disposición aplicable poderá dar lugar á revogación da axuda concedida e á reclamación das cantidades aboadas e os seus xuros.

13.3. Así mesmo, procederá a revogación das axudas, o reintegro das cantidades percibidas e os xuros de demora correspondentes nos casos previstos no artigo 78.5º da Lei 11/1992, do 7 de outubro, de réxime financeiro e presupostario de Galicia.

14. Incidencias.

14.1. Calquera alteración das condicións que se tiveron en conta para a concesión das axudas poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión,

ben por instancia do solicitante ou de oficio, polo Igape.

14.2. No caso de renuncia á bolsa con anterioridade á finalización do período do seu desfrute, da mesma o importe da bolsa reducirase proporcionalmente ó período efectivo de estadía na empresa de destino, computado este como a diferencia en días desde a data de incorporación á data de cesamento no período de desfrute.

15. Réxime administrativo.

15.1. A Dirección Xeral do Igape resolverá tódalas dúbidas e incidencias que puidesen xurdir na aplicación da presente convocatoria.

15.2. A concesión e desfrute dunha bolsa non supón vinculación laboral, estatutaria ou administrativa entre o Igape e os titulados que concorran á seguinte convocatoria e non se derivarán para eles outros dereitos cós que resulten do procedemento administrativo.

ANEXO II

Documentación acreditativa do cumprimento dos requisitos esixidos ós titulados:

1. Instancia de solicidtude. Anexo III.

2. Fotocopia compulsada DNI ou pasaporte do solicitante.

3. Terán que cumprir algunha das seguintes condicións:

-Ter veciñanza administrativa en Galicia. Acreditarase mediante un certificado de empadroamento.

-Ser natural de Galicia. Acreditarase mediante fotocopia compulsada do DNI ou pasaporte.

-Ser fillo de emigrantes galegos. Acreditarase mediante fotocopia compulsada do DNI do proxenitor que sexa galego.

4. Copia compulsada do título ou copia compulsada de ter pagas as taxas para a súa obtención.

5. Copia compulsada do expediente académico.

6. No caso de títulos expedidos por centros estranxeiros será preciso que os acrediten cunha fotocopia compulsada da homologación, ademais da copia compulsada do expediente académico, que en caso de estar nun idioma diferente ó galego e castelán terá que ir traducido por un intérprete xurado.

7. Currículum vitae.

8. Declaración xurada de non ter desfrutado dunha bolsa do Igape en convocatorias anteriores.

9. Para xustificar puntuación sinalada no baremo de autoavaliación; certificado que acredite especificamente a realización do proxecto fin de carreira, grao, tese de licenciatura, título de doutor ou título universitario adicional.

501