Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 16 Luns, 26 de xaneiro de 1998 Páx. 648

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE ECONOMÍA E FACENDA

ORDE do 29 de decembro de 1997 pola que se convocan bolsas-contratos en prácticas do Instituto Galego de Promoción Económica (Igape).

Unha das funcións do Igape, establecida na súa lei de creación (Lei 5/1992 do 10 de xuño), é a de promover actividades creadoras de emprego, favorecendo a innovación tecnolóxica e organizativa das empresas galegas.

A crecente necesidade das empresas, asociacións e fundacións galegas de dotarse de recursos humanos especializados con alta cualificación técnica a un custo razoable e a conveniencia de completa-la capacitación dos xoves posgraduados, mellora-la súa formación práctica e coadxuvar á súa integración no mundo empresarial mediante a promoción do seu primeiro emprego, xustifican a concesión das bolsas-contratos en prácticas. A presente orde regula a convocatoria e procedemento de concesión das ditas bolsas.

Polo que antecede, esta consellería,

DISPÓN

Artigo 1º

Convócanse ata 100 bolsas-contratos en prácticas destinadas a minora-los custos laborais de titulados universitarios contratados por empresas e outras entidades sen ánimo de lucro domiciliadas en Galicia e apróbanse as bases polas que se rexerá a súa convocatoria que se inclúen como anexo I á presente orde.

O Igape xestionará a tramitación das bolsas. De conformidade coa delegación de facultades efectuada polo seu Consello de Dirección con data do 29 de marzo de 1996, será competente o director xeral do Igape para resolve-la súa concesión ou denegación, así como para declara-los incumprimentos que se produzan.

Artigo 2º

O financiamento farase con cargo á partida 0114 37000 481 do orzamento do Igape prorrogado de 1997 para 1998.

Artigo 3º

Para os efectos establecidos no artigo 42.2º da Lei 30/1992, o prazo máximo para resolve-las soli

citudes correspondentes ás bolsas especificadas nesta orde será de 6 meses desde a presentación de solicitudes; cumprido o dito prazo entenderanse desestimadas aquelas solicitudes sobre as que non recaese resolución expresa.

Artigo 4º

Durante a súa vixencia, estas bolsas son incompatibles con outras bolsas ou axudas para o mesmo obxecto que poidan ser concedidas por organismos públicos ou privados, nacionais ou estranxeiros, e deberá o beneficiario notificarlle ó Igape calquera solicitude ou concesión obtida.

Artigo 5º

A Dirección Xeral do Igape, logo da audiencia do interesado, interpretará as bases anexas e resolverá tódalas dúbidas e incidencias que puidesen xurdir na súa aplicación; contra as súas resolucións, que non esgotarán a vía administrativa, poderá interpoñerse recurso ordinario ante o conselleiro de Economía e Facenda.

Disposición adicional

A adxudicación definitiva das bolsas queda condicionada á aprobación dos orzamentos do Igape para 1998 e á consignación neles de crédito suficiente na partida 0114 37000 481.

Disposición derradeira

A presente orde entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 29 de decembro de 1997.

Xosé A. Orza Fernández

Conselleiro de Economía e Facenda

ANEXO I

Bases da convocatoria

1. Requisitos dos solicitantes.

1.1. Empresas ou entidades:

Poderán solicitar esta axuda aquelas empresas ou entidades que cumpran os seguintes requisitos:

a) Empresas que desenvolven a súa actividade no ámbito da Comunidade Autónoma galega e que conten cun mínimo de tres traballadores fixos. O requisito do emprego non será necesario nas empresas de nova creación, entendendo por estas as que non teñan máis dun ano de antigüidade desde a data de constitución.

b) Entidades sen ánimo de lucro representativas dos sectores ou subsectores empresariais, que teñan

personalidade xurídica propia e domicilio en Galicia (federacións, asociacións, fundacións).

c) As empresas ou entidades anteriores deberán realiza-la a súa actividade nos ámbitos que a continuación se relacionan:

-Transformación e comercialización de produccións agrícolas, pesqueiras, gandeiras, forestais e minerais.

-Producción e distribución de enerxía.

-Artes gráficas e edición.

-Actividades pertencentes ó sector téxtil.

-Servicios de apoio industrial, entendéndose por tales as actividades de mantemento, enxeñería, deseño, investigación, ensaios e en xeral todas aquelas actividades que, incorporando un coñecemento diferenciado, poidan ter algunha incidencia en procesos productivos. Exclúense expresamente as actividades de consultoría, de xestión e servicios de persoal.

-Sociedades de garantía recíproca e sociedades de capital-risco.

-Actividades de electrónica, biotecnoloxía, medio ambiente, robótica, telecomunicacións e calquera outra de avanzada tecnoloxía.

-Actividades pertencentes ó sector do automóbil e á súa industria auxiliar.

-Fabricación de bens de equipo.

-Transporte e construcción.

-Comercio por xunto.

1.2. Titulados:

Poderán presentar solicitude para acollerse a estas bolsas aqueles titulados que cumpran os seguintes requisitos:

a) Ser nacional dun país membro da Unión Europea.

b) Cumprir algunha das seguintes condicións:

-Ter veciñanza administrativa en Galicia.

-Ser natural de Galicia.

-Ser fillo de emigrantes galegos.

c) Estar en posesión dunha titulación universitaria (superior ou media) outorgada por unha institución docente oficialmente recoñecida dalgún país membro da Unión Europea na data en que remate o prazo de presentación de solicitudes e, ter obtido o título con posterioridade ó 30 de xuño de 1994 (salvo que se acredite haber realizado o servicio militar obrigatorio ou a prestación social substitutoria; neste caso ampliarase o prazo de finalización de estudios na mesma medida cá duración da prestación dos ditos servicios).

No caso de títulos expedidos por centros estranxeiros ou privados será preciso que estean homologados polo Ministerio de Educación e Ciencia, previamente ó remate do prazo de presentación de solicitudes.

d) Non ter sido seleccionado en resolucións de concesión de convocatorias anteriores de bolsas-contratos en prácticas, nin ter sido adxudicatario en anos anteriores de calquera programa de bolsas do Igape.

e) Non ter 30 anos cumpridos na data en que remate o prazo de presentación de solicitudes.

f) Non ter desempeñado con anterioridade algún traballo profesional para o que se requirise a mesma titulación esixida nesta convocatoria, en virtude de calquera tipo de contrato laboral de duración igual ou superior a doce meses.

2. Número.

2.1. Establécese un número máximo de 100 bolsas, das cales ata 80 poderán ser adxudicadas a favor das empresas sinaladas na base 1.1.a) e ata 20 poderán ser adxudicadas a favor das entidades sinaladas na base 1.1.b).

2.2. A cada unha das empresas ou entidades seleccionadas só se lles adxudicará un titulado, e o Igape poderá declarar deserta total ou parcialmente a adxudicación das bolsas.

3. Duración e contía.

3.1. A duración da bolsa será de 12 meses desde a data do contrato laboral do titulado contratado en prácticas.

3.2. A contía máxima das bolsas polo período total de 12 meses será de 1.500.000. Esta cifra será a contía máxima que o Igape lle aboará á empresa ou entidade beneficiaria, sen prexuízo da obriga desta de lle aboar ó titulado, como mínimo, a retribución que fixe o convenio colectivo aplicable para os traballadores en prácticas.

3.3. Cando o convenio laboral non regule a cuestión, a retribución do contratado en prácticas non poderá ser inferior ó 60% do salario fixado no convenio colectivo aplicable para un traballador que desempeñe o mesmo ou equivalente posto de traballo, sempre que isto non resulte inferior ó SMI, se se dá este caso, aplicarase a contía deste e minorarase proporcionalmente a contía da bolsa.

3.4. No caso de que o salario bruto de convenio, unha vez efectuada a reducción legal, fose inferior a 1.500.000 ptas., o beneficiario poderá optar por acollerse a el, minorándose en tal caso o importe da bolsa na contía proporcional que resulte da diferencia entre o salario bruto aboado e 1.500.000 ptas.

3.5. No contrato deberá pactarse a xornada completa, salvo casos excepcionais de empresas que, con carácter xeral, teñan establecida unha reducción de xornada para a maioría dos traballadores da empresa. Neste último caso, o importe da bolsa reducirase na mesma proporción que a reducción da xornada.

4. Solicituades e documentación.

4.1. Empresas ou entidades: as solicitudes deberán presentarse no modelo oficial do anexo III, xunto da documentación descrita no anexo II e dunha memoria asinada polo solicitante onde polo menos se indique: titulación e especialidade preferente do contratado en prácticas, funcións e actividades que vai desempeñar na empresa

4.2. Titulados: as solicitudes deberán presentarse no modelo oficial do anexo IV, xunto da documentación descrita no anexo V.

5. Presentación de solicitudes.

5.1. As solicitudes presentaranse no Instituto Galego de Promoción Económica (Igape), en calquera das súas oficinas de:

a) Santiago de Compostela: rúa Frai Rosendo Salvado 16, baixo. C.P. 15701.

b) Ferrol: Península da Cabana s/n. C.P. 15590.

c) Vigo: rúa Príncipe 43, 2º E. C.P. 36202

Ou ben segundo o establecido na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

A documentación presentada non lle será devolta ó solicitante. A documentación redactada nunha lingua non oficial de Galicia terá que ir traducida por un intérprete xurado.

5.2. As empresas ou entidades poderán presenta-la súa solicitude desde o día seguinte ó da publicación no DOG destas bases e ata o 31 de marzo de 1998.

Os titulados terán un mes natural para presenta-la súa solicitude a partir do día seguinte ó da publicación no DOG destas bases.

6. Criterios de selección.

6.1. Criterios de selección de empresas ou entidades: as empresas ou entidades serán seleccionadas por orde cronolóxica de rexistro de entrada no Igape das solicitudes, debidamente cubertas e acompañadas da correspondente documentación.

6.2. Criterios de selección de titulados: o Igape ordenará os titulados admitidos segundo titulación,

especialidade e puntuación obtida no seguinte baremo de autoavaliación:

Matrícula de honra: 4 puntos.

Sobresaliente: 3 puntos.

Notable: 2 puntos.

Aprobado: 1 punto.

Reducción ó mesmo número de materias:

Puntuación obtida x 10

nº de materias

Outra titulación universitaria adicional: 2 puntos.

Proxecto fin de carreira, grao ou tese de licenciatura: 2 puntos.

Título de doutor: 4 puntos.

7. Procedemento.

7.1. Unha vez ramatado o prazo de solicitude e comprobado o cumprimento dos requisitos de admisión, o Igape expoñerá no taboleiro de anuncios das súas sedes as listas provisionais de solicitudes de titulados admitidos e excluídos e sinalará, se é o caso, as causas de exclusión; abrirase un prazo de dez días para que os interesados poidan emenda-la súa solicitude achegar, se é o caso, a documentación necesaria. Transcorrido este prazo sen producirse a emenda procederase ó arquivo do expediente sen máis trámite.

7.2. Finalizado o prazo de emenda, o Igape publicará no taboleiro de anuncios das súas sedes a lista definitiva de titulados admitidos, sinalando a titulación, especialidade e baremo.

7.3. O Igape convocará a cada empresa ou entidade solicitante que acreditase o cumprimento dos requisitos da convocatoria para celebrar unha entrevista con polo menos cinco titulados que reúnan os requisitos de titulación e especialidade solicitadas con mellor baremo de entre os candidatos dispoñibles. Na dita entrevista avaliarase o perfil dos candidatos e a súa adecuación ó posto de traballo ofertado.

Mentres dure a selección, os candidatos preseleccionados quedarán excluídos, transitoriamente, de calquera outra bolsa ofertada polo Igape.

7.4. Unha vez realizadas as entrevistas, a empresa remitiralle ó Igape unha lista na que ordenará por orde decrecente a súas preferencias respecto ós titulados entrevistados.

7.5. No caso de que conste a renuncia por escrito de tódolos titulados entrevistados, o Igape volverá

convocar outra serie de entrevistas de acordo co punto 7.3.

7.6. Os titulados que, tras seren seleccionados por unha empresa segundo a base 7.4, non acepten a bolsa, serán excluídos de tódalas listas de candidatos a bolsas abertas no dito momento no Igape.

8. Adxudicación e resolución.

Unha vez realizadas as entrevistas, e por proposta do director da área de innovación, formación e información do Igape, o director xeral do Igape resolverá a adxudicación da bolsa á empresa ou entidade, asignándolle o titulado que estivese dispoñible de entre os elixidos.

9. Aceptación da bolsa.

O Igape comunicaralle ó beneficiario a concesión da bolsa, quen terá que aceptala nos seus termos e comprometerse a cumprir todas e cada unha das condicións recollidas nas presentes bases.

10. Formalización dos contratos.

10.1. Unha vez aceptada a bolsa, o beneficiario dispoñerá de 15 días hábiles para formaliza-lo contrato de traballo co titulado asignado, segundo o modelo oficial vixente, onde terá que consta-la retribución salarial expresamente contificada en número. Transcorrido o dito prazo entenderase que o beneficiario renuncia ós seus dereitos e arquivarase o expediente sen máis trámite.

No caso de que o contrato non chegue a formalizarse por causas imputables ó titulado, este perderá os seus dereitos e a empresa ou entidade poderá comunicarlle por escrito ó Igape tal situación, solicitando que lle sexa asignado o titulado seguinte na orde de preferencia sinalado na súa lista de selección.

10.2. Se non estivese dispoñible ningún dos titulados preseleccionados, o Igape realizará unha nova selección convocando os titulados dispoñibles para a realización da entrevista coa empresa de acordo co procedemento da base 7.3.

10.3. A empresa ou entidade remitiralle ó Igape fotocopia compulsada dos contratos e da alta na Seguridade Social, así como os datos bancarios para o aboamento da bolsa, dentro dos 10 días seguintes ó da formalización do contrato, entendéndose a súa renuncia en caso de non recibirse esta documentación no Igape sen que mediase xustificación escrita por parte da empresa ou entidade.

11. Obrigas das empresas ou entidades.

a) Formalizar co/s titulado/s asignado/s un contrato de traballo en prácticas segundo modelo oficial e

mante-lo vixente polo menos 12 meses ininterrompidos. No caso de cesamento da relación contractual a bolsa reducirase proporcionalmente ó período contractual efectivamente realizado, salvo o establecido na base 13.

b) Aboarlles ó/s titulado/s asignado/s, como mínimo, a retribución de convenio que lle/s corresponda atendendo á súa categoría profesional e modalidade de contratación. Sen prexuízo do anterior, deberán aboarlle ó titulado, en concepto de salario, un mínimo de 1.500.000 ptas. brutas anuais, salvo en caso de pactarse contractualmente unha xornada reducida ou que o convenio aplicable estableza un salario inferior, minorándose en ámbolos casos a contía da bolsa.

c) Dar de alta o titulado no grupo de cotización que legalmente lle corresponda segundo a súa titulación e aboa-la cota empresarial da Seguridade Social; a dita cota será pola súa conta e entenderase non incluída no importe da bolsa. Non serán obxecto de bolsa aqueles contratos laborais que sexan encadrados pola Seguridade Social no Réxime Especial de Traballadores Autónomos.

Estar ó corrente nos pagamentos á Seguridade Social e Facenda, así como carecer de débedas coa Comunidade Autónoma de Galicia.

Entregarlle ó Igape a seguinte documentación:

-Copia compulsada do contrato e alta na Seguridade Social.

-Datos bancarios da empresa.

-Copia das nóminas aboadas e dos boletíns de cotización á Seguridade Social.

-Memoria de actividades do titulado.

f) En xeral, cumprir coa normativa laboral vixente en materia de contratos en prácticas.

12. Réxime de pagamentos.

12.1. Unha vez recibida no Igape a copia compulsada do contrato e da alta do titulado na Seguridade Social, así como os datos bancarios da empresa ou entidade, o Igape aboará a conta o vinte por cento da contía total da bolsa.

12.2. Unha vez vencido cada trimestre, a empresa remitiralle ó Igape copia das nóminas e dos boletíns de cotización á Seguridade Social correspondente ós traballadores que desfruten da bolsa de traballo en prácticas e unha vez comprobados será aboado o vinte por cento da bolsa.

12.3. Ó finaliza-lo período da bolsa, a empresa ou entidade terá que entregalle ó Igape copia das nóminas e dos boletíns de cotización á Seguridade

Social correspondentes ó último trimestre, así como unha memoria das actividades realizadas durante o período da bolsa e asinada polo representante da empresa e polo titulado.

12.4. As empresas ou entidades subvencionadas xuntarán a documentación citada no parágrafo anterior e unha vez recibida e comprobada no Igape aboaráselle o vinte por cento correspondente ó último trimestre.

13. Incumprimento.

13.1. Non axustarse ós termos da convocatoria, o incumprimento dos requisitos nela establecidos, a ocultación de datos, a súa alteración ou calquera manipulación da información solicitada será causa de incumprimento. En calquera momento a Dirección do Igape poderá reclamar da empresa ou entidade de destino un informe sobre o traballo realizado polo titulado.

13.2. O incumprimento polo beneficiario de calquera das súas obrigas conforme a presente orde ou calquera outra disposición aplicable poderá dar lugar á revogación da axuda concedida e á reclamación das cantidades aboadas e ós seus xuros.

13.3. Así mesmo, procederá a revogación das axudas, o reintegro das cantidades percibidas e os xuros de demora correspondentes nos casos previstos no artigo 78.5º da Lei 11/1992, do 7 de outubro, de réxime financeiro e presupostario de Galicia.

14. Incidencias.

14.1. Calquera alteración das condicións que se tiveron en conta para a concesión das axudas poderá dar lugar á modificación polo Igape da resolución de concesión, ben por instancia do solicitante ou de oficio.

14.2. As renuncias dos titulados que se produzan durante os tres primeiros meses desde a formalización do contrato, poderán ser substituídas pola Dirección Xeral do Igape, logo da solicitude do beneficiario e seguindo o procedemento establecido na base 7.

14.3. No novo contrato en prácticas, o beneficiario só recibirá bolsa do Igape polo tempo que, unha vez deducido o tempo de vixencia do contrato laboral substituído, reste para cumpri-los 12 meses de contrato.

15. Réxime administrativo.

15.1. A Dirección Xeral do Igape resolverá tódalas dúbidas e incidencias que puidesen xurdir na aplicación da presente convocatoria.

15.2. As concesión e desfrute dunha bolsa non supón vinculación laboral, estatutaria ou administrativa entre o Igape e os titulados que concorran a esta convocatoria; non derivarán para eles outros dereitos cós que resulten do procedemento administrativo.

ANEXO II

Documentación empresas e entidades

1. Instancia solicitude. Anexo III.

2. Copia compulsada do DNI do solicitante ou do seu representante.

3. No caso de sociedades: copia compulsada de escritura de constitución e, se é o caso, adaptación á normativa vixente, xunto de poder de representación do asinante da solicitude, debidamente inscritos no Rexistro Mercantil.

4. No caso doutras entidades: copia compulsada da acta de constitución e estatutos debidamente inscritos no rexistro oficial que corresponda, acompañada de poder de representación do asinante da solicitude.

5. Copia compulsada do CIF.

6. Copia compulsada da alta e último recibo do IAE ou certificado administrativo de estar exento do imposto.

7. Acreditación dun mínimo de tres traballadores fixos. Fotocopia compulsada do último TC2, salvo no caso de empresas de nova creación e entidades representativas empresariais.

8. Certificado actualizado de estar ó corrente nos pagamentos á Seguridade Social e obrigas tributarias.

9. Certificado actualizado de non ter débedas coa Comunidade Autónoma de Galicia.

10. Fotocopia convenio aplicable ó titulado que se pretende contratar.

ANEXO V

Documentación titulados.

1. Instancia de solicitude. Anexo IV.

2. Fotocopia compulsada DNI ou pasaporte do solicitante.

3. Terán que cumprir algunha das seguintes condicións:

-Ter veciñanza administrativa en Galicia: acreditarase mediante un certificado de empadroamento.

-Ser natural de Galicia: fotocopia compulsada do DNI ou pasaporte.

-Ser fillo de emigrantes galegos: fotocopia compulsada do DNI do proxenitor que sexa galego.

4. Copia compulsada do título ou copia compulsada do resgardo de ter pagas as taxas para a súa obtención.

5. Copia compulsada do expediente académico.

6. No caso de títulos expedidos por centros estranxeiros será preciso que os acrediten cunha fotocopia compulsada da homologación, ademais da copia compulsada do expediente académico, que no caso de estar nun idioma diferente ó galego e castelán terá que ir traducido por un intérprete xurado.

7. Currículum vitae.

8. Declaración xurada de non ter desfrutado dunha bolsa do Igape en convocatorias anteriores.

9. Para xustificar puntuación sinalada no baremo de autoavaliación: certificado que acredite especificamente a realización do proxecto fin de carreira, grao, tese de licenciatura, título de doutor ou título universitario adicional.

269