Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 15 Venres, 23 de xaneiro de 1998 Páx. 631

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE FAMILIA E PROMOCIÓN DO EMPREGO, MULLER E XUVENTUDE

ORDE do19 de xaneiro de 1998 sobre delegación de atribucións nos delegados provinciais.

O achegamento da Administración ós administrados mediante o establecemento dos centros de decisión no lugar onde se producen as necesidades dia

rias é un dos principios constitucionais que deben guia-la actuación das administracións públicas co fin de acadar unha xestión máis rápida, áxil e eficaz que redunde en beneficio daqueles.

Na súa virtude, facendo uso das facultades que me confiren os artigos 43.3º e 44 da Lei 1/1983, do 22 de xuño, da Xunta e do seu presidente, na redacción dada pola Lei 11/1988, do 20 de outubro, e o artigo 13 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, así como o artigo 72.4º da Lei 11/1992, do 7 de outubro, de réxime financeiro e presupostario de Galicia,

DISPOÑO:

Artigo 1º

Deléganse nos delegados provinciais da Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude, no seu respectivo ámbito territorial, as atribucións que como órgano de contratación lle corresponden á consellería nas seguintes materias:

1. A contratación de tódolos servicios de asistencia técnica e de servicios específicos e concretos non habituais, relativos a gastos correntes con cargo ó capítulo II dos orzamentos xerais desta Comunidade Autónoma, coma os de limpeza e mantemento.

2. A contratación de subministración de bens funxibles, con cargo ó capítulo II, necesarios para o funcionamento diario dos centros e servicios xestionados polos órganos periféricos.

3. A realización de tódolos trámites previos e o asinamento dos contratos individuais para o ingreso de menores de características especiais en centros e para o ingreso en garderías infantís e o pagamento, así como toda a xestión ulterior das obrigas xurdidas do seu asinamento e da dos convenios de cooperación ou colaboración e da xestión indirecta da prestación de servicios públicos que xeren obrigas de contido económico para a Administración autonómica.

4. A contratación, baixo a modalidade de xestión de servicios públicos, por concesión administrativa, dos servicios prestados nos centros dependentes da consellería, realizados por persoas físicas ou xurídicas alleas á Administración autonómica, por conta propia delas, sen que orixine un gasto para a Administración como contraprestación á realización do servicio, como poden se-la prestación de servicios de cafetería, perruquería e outros análogos.

5. A competencia para efectua-las contratacións de persoal interino que se realicen ó abeiro do disposto no artigo 4 do Real decreto 2546/1994, do 29 de decembro, as cales serán tramitadas e subscritas por eles.

6. A autorización das comisións de servicio no ámbito provincial a todo o persoal adscrito ás delegacións.

Artigo 2º

As resolucións administrativas que se adopten facendo uso das delegacións contidas na presente orde farán constar expresamente esta circunstancia e consideraranse dictadas pola autoridade que as conferiu.

Artigo 3º

A conselleira poderá, en calquera momento, revogar e avoca-lo exercicio das competencias delegadas na presente orde, da que quedan excluídos, en todo caso, os supostos previstos no artigo 13.2º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Disposición derrogatoria

Quedan derrogadas tódalas disposicións de igual ou inferior rango que se opoñan ó disposto na presente orde.

Disposición derradeira

A presente orde entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 19 de xaneiro de 1998.

Manuela López Besteiro

Conselleira de Familia e Promoción do Emprego,

Muller e Xuventude

496