Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 12 Martes, 20 de xaneiro de 1998 Páx. 466

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

ESCOLA GALEGA DE ADMINISTRACIÓN PÚBLICA

RESOLUCIÓN do 9 de xaneiro de 1998 pola que se convocan cinco cursos para a obtención do diploma de directivo da Xunta de Galicia.

O artigo 6 da Lei 3/95, do 10 de abril, pola que se redacta de novo o artigo 27 da Lei 4/88, do 26 de maio, da función pública de Galicia, establece que a expedición do diploma de directivo polo Escola Galega de Administración Pública habilita para o desempeño dos postos de traballo de libre designación que así se determinen nas relacións de postos de traballo.

De conformidade co previsto no artigo único do Decreto 319/1996, do 26 de xullo, polo que se modifica o artigo 4 do Decreto 294/1992, do 10 de setembro, na redacción ofrecida polo Decreto 1/1995, do 12 de xaneiro, polo que se regula o diploma de directivo, convócanse cinco cursos para a obtención do diploma de directivo de acordo coas seguintes bases:

Primeira.-Solicitantes.

Serán requisitos necesarios para a realización do curso:

a) Estar, na data da convocatoria, en posesión do título de licenciado ou diplomado universitario.

b) Ser funcionario de carreira ou persoal estatutario fixo do Servicio Galego de Saúde dos grupos A ou B, en situación de servicio activo ou servicios especiais en calquera das administracións públicas existentes en Galicia.

c) Ter prestado un mínimo de tres anos de servicios na Administración pública ou cinco no caso dos diplomados.

Dous tercios do total das prazas convocadas quedarán reservadas para o persoal da Administración autonómica que estea comprendido no ámbito de aplicación da Lei 4/1988, do 26 de maio, así como para o persoal comprendido no ámbito de aplicación da Lei 17/1989, do 23 de outubro, que estea ocupando postos de traballo de xestión sanitaria que non teñan carácter asistencial.

Estas prazas cubriranse de acordo coas previsións establecidas para o sistema de acceso 1.

Ás prazas do tercio restante (50 prazas) poderá opta-lo seguinte persoal:

-O restante persoal comprendido no ámbito de aplicación da Lei 17/1989, do 23 de outubro.

-O persoal estatutario fixo do Servicio Galego de Saúde.

-O persoal docente ó servicio da Comunidade Autónoma de Galicia.

-O persoal funcionario de calquera outra das restantes administracións públicas existentes en Galicia.

Estas prazas cubriranse de conformidade coas previsións establecidas para o sistema de acceso 2.

En calquera caso, cada aspirante deberá optar necesariamente par algún dos dous sistemas de acceso.

No suposto de que as prazas reservadas a calquera dos sistemas de acceso non chegaran a cubrirse na

súa totalidade, as sobrantes inerementarán o outro sistema de acceso.

Segunda.-Criterios de selección.

A selección dos aspirantes será efectuada por unha comisión designada para o efecto, de conformidade co previsto no artigo 6 do Decreto 294/1992, do 10 de setembro, e constará de dúas fases:

1ª fase: valoración de méritos:

Puntuación máxima. 5 puntos.

Sistema de acceso 1.

A.-Por experiencia en posto directivo na Xunta de Galicia:

a) De director xeral: 1 punto por ano completo de desempeño do cargo.

b) De subdirector xeral: 0,5 puntos por ano completo de desempeño do posto.

c) De xefe de servicio: o,25 puntos por ano completo de desempeño do posto.

As fraccións do ano traballado nun posto poderanse acumular a outro posto de nivel inferior. A puntuación máxima non superará os 2,5 puntos. As datas de referencia, para os efectos do cómputo do tempo, serán as que figuran na dilixencia de toma de posesión e cesamento. Esta experiencia deberá ser certificada polo responsable do servicio de persoal do que dependa o solicitante, segundo o modelo oficial que se xunta.

Sistema de acceso 2.

B.-Por experiencia en postos directivos sanitarios:

a) De xerente de atención especializada: 1 punto por ano completo de desempeño do cargo.

b) De xerente de atención primaria: 0,85 puntos por ano completo de desempeño do cargo.

c) De director de atención especializada e de director de atención primaria: 0,70 puntos por ano completo de desempeño do cargo.

d) De subdirector de atención especializada e de subdirector de atención primaria: 0,50 puntos por ano completo de desempeño do cargo.

e) De xefe de servicio de atención especializada e de xefe de servicio de atención primaria: 0,25 puntos por ano completo de desempeño do cargo.

C.-Por experiencia en postos directivos en centros públicos de educación infantil, primaria, secundaria ou formación profesional:

a) De director: 0,50 puntos por ano completo de desempeño do cargo.

b) De vicedirector, xefe de estudios, secretario ou administrador: 0,25 puntos por ano completo de desempeño do cargo.

D.-Por experiencia en postos directivos nas restantes administracións públicas existentes en Galicia.

a) De director xeral ou equivalente: 1 punto por ano completo de desempeño do cargo.

b) De subdirector xeral ou equivalente: 0,50 puntos por ano completo de desempeño do cargo.

c) De xefe de servicio ou equivalente: 0,25 puntos por ano completo de desempeño do cargo.

As fraccións do ano traballado nun posto poderanse acumular a outro posto de nivel inferior. A puntuación máxima non superará os 2,5 puntos. As datas de referencia, para efectos do cómputo do tempo, serán as que figuran na dilixencia de toma de posesión e cesamento. Esta experiencia será certificada polo responsable do servicio de persoal do que dependa o solicitante, segundo modelo oficial que se xunta.

Sistema de acceso 1 e 2.

E.-Por experiencia en posto directivo en empresas privadas.

a) Como responsable máximo: 1 punto por ano completo.

b) Como responsable sectorial: 0,5 puntos por ano completo.

A dita experiencia acreditarase mediante a presentación de copia cotexada do contrato laboral subscrito ou certificación do acordo de nomeamento expedida polo órgano competente segundo os seus estatutos, de tratarse de sociedades.

A puntuación máxima será de 1,25 puntos.

F.-Polo título de doutor universitario: 0,10 puntos. A puntuación máxima será de 0,10 puntos.

G.-Por cursos específicos para directivos:

a) Por cursos de menus de 50 horas: 0,07 puntos.

b) Por cursos de 51 a 100 horas: 0,08 puntos.

c) Por cursos de 101 a 150 horas: 0,09 puntos.

d) Por cursos de máis de 150 horas: 0,10 puntos.

A puntuación máxima será de 0,60 puntos.

Estes cursos deberán versar sobre algunha das materias que se tratan neste curso.

H.-Por publicacións de monografías ou artigos sobre temas de xestión pública:

a) Por cada monografía: 0,10 puntos.

b) Por cada artigo: 0,05 puntos.

A puntuación máxima será de 0,35 puntos.

Só se valorarán as monografías ou artigos aparecidos en publicacións con ISBN ou ISSN.

I.-Por coñecementos de idiomas:

a) Galego:

-Por licenciatura en filoloxía galega: 0,10 puntos. -Por certificado de perfeccionamento ou superior: 0,07 puntos.

-Por certificado de iniciación: 0,03 puntos.

A puntuación máxima será de 0,10 puntos. A valoración do certificado de perfeccionamento exclúe a de iniciación.

b) Idiomas comunitarios:

-Por título de licenciado no idioma respectivo: 0,10 puntos.

-Por certificado de aptitude de nivel medio: 0,07 puntos.

-Por certificado de aptitude de iniciación: 0,03 puntos.

A puntuación máxima será de 0,10 puntos. A valoración do certificado de nivel medio exclúe a de nivel de iniciación.

A comisión, unha vez concluída a fase de baremación, exporá os resultados nos taboleiros de anuncios da EGAP, do Centro de Información Adminis

trativa e Atención ó Cidadán e, se é o caso, das delegacións provinciais da Consellería da Presidencia e Administración Pública, concedéndose para o efecto un prazo de 10 días co fin de aduci-las reclamacións que se consideren oportunas. Pola súa vez, a dita comisión determinará a puntuación mínima requirida para acceder á segunda fase do proceso de selección.

2ª fase: realización dunha entrevista, na que a comisión valorará as condicións intelectuais, calidades humanas e profesionais e a capacidade de liderado e motivación dos aspirantes. A dita entrevista poderá puntuarse ata un máximo de 5 puntos.

Terceira.-Adxudicacións de prazas.

A relación de participantes admitidos para a realización do curso exporase nos taboleiros de anuncios da EGAP, do Centro de Información Administrativa e Atención ó Cidadán e, se é o caso, das delegacións provinciais da Consellería da Presidencia e Administración Pública, sen prexuízo da oportuna notificación ós seleccionados co fin de que poidan obte-lo correspondente permiso de asistencia.

Cuarta.-Substitucións.

Se unha persoa seleccionada para un curso causa baixa antes do comezo deste ou no transcurso das vinte primeiras horas lectivas, deberá comunicalo á EGAP para a súa substitución pola que corresponda segundo a orde de preferencia no proceso selectivo.

Quinta.-Características dos cursos.

Duración: 150 horas.

Lugar: EGAP. Polígono das Fontiñas. Rúa de Madrid, 2-4. 15707 Santiago de Compostela.

Datas: os cursos realizaranse ó longo de 1998.

Prazas: 30 prazas por curso.

Contido básico: o curso estará distribuído en módulos para o desenvolvemento teórico-práctico de, entre outras, as seguintes materias: a función directiva na Administración pública. Seminario de habilidades directivas. A xestión de recursos humanos na Administración pública. A xestión económica e orzamentaria na Administración pública. Organización e procedemento administrativo. A dirección por obxectivos e o control da xestión. Xestión de cambio e modernización administrativa.

As clases completaranse con conferencias a cargo de especialistas cualificados.

Sexta.-Asistencia.

É obrigatoria a asistencia e puntualidade a tódalas sesións previstas dos cursos. O interesado terá que xustificar debidamente toda inasistencia a clase, se ben a ausencia a máis de 20 horas lectivas determinará a cualificación de non apto no curso.

Sétima.-Probas e certificados de aptitude.

Valorarase a participación e dedicación dos alumnos ó longo do curso e o traballo final. A EGAP fixará as probas parciais e finais que coide pertinentes para avalia-los coñecementos adquiridos polos alumnos ó longo do curso, así como a memoria ou o traballo que se vai realizar ó seu remate.

Os declarados non aptos perderán a preferencia que lles poida corresponder nos procesos selectivos que se realicen nas tres próximas convocatorias do curso fronte ós aspirantes que se presenten por primeira vez.

Oitava.-Expedición de diploma de directivo.

Rematado o curso, o director deste elevaralle a proposta dos aptos ó director da EGAP, que dictará a resolución definitiva e expedirá o diploma de directivo.

Novena.-Valoración do curso.

Para os efectos do previsto no artigo 1, apartado D), da Orde do 10 de agosto de 1994, polo que se dictan normas sobre concursos de provisión de postos reservados a funcionarios de Administración local con habilitación de carácter nacional, en relación co establecido na resolución do INAP, do 26 de outubro de 1994, ó presente curso outórgaselle unha valoración de 2 puntos.

Do mesmo modo, recoñéceselles idéntica valoración ós cursos I ó XVIII para a obtención do diploma de directivo e ós cursos I e II para a obtención do diploma de directivo adaptado a altos cargos, convocados e realizados no seu día. Para os efectos, o dito recoñecemento levarase a cabo mediante a extensión da correspondente dilixencia de valoración nos diplomas xa expedidos.

Décima.-Modificacións.

A EGAP poderá modifica-los contidos, duración, datas e horarios mencionados para adaptalos ás necesidades da Administración e ás continxencias que poidan xurdir no desenvolvemento de cada curso.

Décimo primeira.-Instancias e prazo de presentación.

A admisión ó curso solicitarase mediante presentación da instancia, que, como modelo, se recolle no anexo I desta convocatoria, xuntando a ela, debidamente cuberto en tódolos epígrafes, o anexo II á presente resolución, no que se resumen os méritos que se pretenda sexan tidos en conta, así como a súa acreditación documental en orixinal ou copia cotexada, coa excepción daqueles xa certificados polos responsables de persoal. Por último, deberá presentarse tamén unha breve memoria escrita a máquina ou ordenador, a dobre espacio, en DIN A4, sobre as funcións e roles dos directivos na Administración pública. A EGAP poderá solicitar documentación complementaria ou aclaratoria da xa presentada no momento de solicita-lo curso. A falsidade ou ocultación de datos será motivo de exclusión automática.

As instancias presentaranse no rexistro da EGAP ou enviaranse por calquera dos medios permitidos pola normativa reguladora do procedemento administrativo.

O prazo de presentación de instancias será de vinte días hábiles contados a partir do seguinte ó da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 9 de xaneiro de 1998.

Domingo Bello Janeiro

Director da Escola Galega de Administración Pública