Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 12 Martes, 20 de xaneiro de 1998 Páx. 464

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

ACADEMIA GALEGA DE SEGURIDADE

RESOLUCIÓN do 8 de xaneiro de 1998 pola que se convoca un curso sobre medición de ruídos.

Dentro dos programas de actividades que a Academia Galega de Seguridade ten previsto realizar

no ano 1998, e conforme as funcións atribuídas pola Lei 4/1992, do 9 de abril, de creación da Academia Galega de Seguridade, anúnciase a celebración dun curso sobre medición de ruídos, que deberá desenvolverse conforme as seguintes bases:

Obxectivos.

O curso ten por obxectivo dota-los policías dunha formación teórico-práctica que lles permita realiza-las súas funcións nos temas de control e medición de ruídos nos locais públicos, así como o coñecemento e manexo dos aparellos utilizados nestas funcións.

Destinatarios.

O curso vai dirixido ós membros dos corpos das policías locais de Galicia e ós membros da unidade do CNP adscrita á Comunidade Autónoma de Galicia.

Inscrición.

A inscrición dos participantes será totalmente gratuíta.

Prazas.

O número de prazas que se ofertarán neste curso será de 40.

Solicitudes.

1. O persoal que desexe participar neste curso deberá presentar cuberta a máquina ou con letra moi clara a instancia que figura no anexo.

2. O prazo para a presentación de instancias rematará o día 16 de febreiro, ás 14 horas.

3. As instancias deberán vir asinadas polo xefe do cadro de persoal ou polo concelleiro de tráfico e seladas; será isto requisito indispensable para ser admitido no curso; o incumprimento deste requisito levará consigo a non admisión no devandito curso.

4. As instancias deberán enviarse á Academia Galega de Seguridade: rúa de Madrid, 2-4, polígono das Fontiñas, 15703, Santiago de Compostela, ou ben poden entregarse en calquera dos lugares previstos no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Contido e duración.

O curso celebrarase en sesións de tarde, de luns a venres, e nel trataranse, entre outros, os seguintes

temas: a) O son. Conceptos xerais e magnitudes fundamentais. b) Audición. O oído humano e as características da audición. c) Medida de niveis sonoros. O decibelio, suma e resta de dB. Diferentes tipos de medicións. d) O ruído e as súas características. Tipos de ruído. Fontes do ruído. e) Índices de valoración do ruído. Curvas de ponderación. Parámetros de medición. Análise en frecuencia. Ordenanzas municipais. f) Illamento acústico. Lei de masas. Paredes compostas. Illamento mixto. Cálculo do illamento. g) Vibracións. Conceptos xerais. Medida e illamento de vibracións. h) Medicións prácticas de diferentes tipos de ruídos.

Datas.

O curso celebrarase en datas do 2 ó 6 de marzo, en horario de 16.30 a 20.30 horas.

Relación de admitidos.

A relación de admitidos publicarase o día 19 de febreiro, no taboleiro de anuncios da Academia Galega de Seguridade, ou ben poden confirma-la súa asistencia chamando ó teléfono (981) 56 34 00.

Lugar.

O curso desenvolverase na sede da Academia Galega de Seguridade sita na zona deportivo-cultural do Concello da Estrada.

Certificado de asistencia.

Ó remate do curso entregaráselles un certificado de asistencia a aquelas persoas que acrediten a súa participación continuada a este, non podendo supera-las faltas de asistencia un 15% do total da duración de horas lectivas do curso; unha inasistencia superior ó 15%, aínda que sexa xustificada, levará consigo a non expedición do certificado.

Modificacións.

A Academia Galega de Seguridade poderá modifica-lo desenvolvemento do curso para adaptalo ás necesidades da Administración e ás continxencias que poidan xurdir.

Santiago de Compostela, 8 de xaneiro de 1998.

Juan José Fariñas-Ferro Rodríguez

Director xeral da Academia Galega de Seguridade

Francisco Javier Rubio Delgado

Secretario xeral da Consellería de Xustiza, Interior e Relacións Laborais