Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 12 Martes, 20 de xaneiro de 1998 Páx. 464

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

ACADEMIA GALEGA DE SEGURIDADE

RESOLUCIÓN do 8 de xaneiro de 1998 pola que se convoca un curso de reciclaxe.

Dentro dos programas de actividades que a Academia Galega de Seguridade ten previsto realizar no ano 1998, e conforme as funcións atribuídas pola Lei 4/1992, do 9 de abril, de creación da Academia Galega de Seguridade, anúnciase a celebración dun curso de reciclaxe para policías locais, segundo o previsto no artigo 23 da Lei 3/1992, do 23 de marzo, de coordinación das policías locais, que deberá desenvolverse conforme as seguintes bases:

Obxectivos.

O curso ten por obxectivos dota-los policías dunha formación complementaria en materia de actualización policial, que lles sexa útil no desempeño posterior da súa profesión.

Destinatarios.

O curso vai dirixido a todos aqueles policías locais de Galicia que non ingresasen no corpo de policía local a través da Academia Galega de Seguridade.

Inscrición.

A inscrición dos participantes será totalmente gratuíta, debéndose comunicar esta, antes do 17 de febreiro de 1998, para efectua-la correspondente reserva de praza.

Prazas.

Sen límite.

Solicitudes.

1. Os policías que desexen asistir a este curso deberán remitirlle un escrito, a través dos concellos, á Academia Galega de Seguridade, solicitando a participación no curso de reciclaxe para policías locais; para efectua-la correspondente reserva de praza para a realización do devandito curso.

2. O prazo para a remisión de escritos rematará o día 17 de febreiro de 1998.

3. Os escritos deberán enviarse á Academia Galega de Seguridade: rúa de Madrid, 2-4, polígono das Fontiñas, 15703 Santiago de Compostela.

Contido e duración.

O curso celebrarase na Academia Galega de Seguridade, sita na zona deportivo-cultural do Concello da Estrada, os xoves en horario de mañá e tarde, e terá unha duración de 180 horas lectivas.

O curso está composto polas seguintes áreas:

-Área xurídica.

-Área humanística.

-Área técnica policial.

-Área operativa policial.

Datas.

O curso principiará no vindeiro mes de marzo de 1998, quedando por determina-la súa data de comezo, que se comunicará coa suficiente antelación.

O horario será de 10 a 14 horas, e de 16 a 20 horas.

Desenvolvemento do curso.

Os alumnos da Academia Galega de Seguridade, durante o seu período de permanencia na academia, rexeranse polo regulamento de réxime interior desta, publicado no DOG do 28-7-1995, nº 114.

Certificado.

Ó remate do curso entregaráselles un certificado a aquelas persoas que acrediten a súa participación continuada a este, que non poderán supera-las faltas de asistencia un 15% do total da duración de horas lectivas do curso, e que superen as correspondentes probas de coñecementos.

Modificacións.

A Academia Galega de Seguridade poderá modifica-lo desenvolvemento do curso para adaptalo ás necesidades da Administración e ás continxencias que poidan xurdir.

Santiago de Compostela, 8 de xaneiro de 1998.

Juan José Fariñas-Ferro Rodríguez

Director xeral da Academia Galega de Seguridade

Francisco Javier Rubio Delgado

Secretario xeral da Consellería de Xustiza, Interior

e Relacións Laborais