Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 11 Luns, 19 de xaneiro de 1998 Páx. 418

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE CULTURA, COMUNICACIÓN SOCIAL E TURISMO

ORDE do 12 de xaneiro de 1998 sobre delegación de competencias para a concesión do título licencia para axencias de viaxe e para autoriza-los novos establecementos e dependencias auxiliares das axencias de viaxes xa autorizadas.

O Decreto 155/1989, do 22 de xuño, polo que se aproba o Regulamento das axencias de viaxes de Galicia, nos seus artigos 5º e 6º, vén establece-la competencia para outorgar título licencia a favor do conselleiro competente en materia de turismo. O mesmo cabe dicir en función do artigo 10º, no que atinxe ás autorizacións de novos establecementos e dependencias auxiliares xa autorizadas.

Á luz da nova estructura orgánica da Xunta de Galicia consagrada polos Decretos 347/1997, do 9 de decembro, e 351/1997, do 10 de decembro, as anteriores facultades correspóndenlle ó conselleiro de Cultura, Comunicación Social e Turismo.

Por Orde do 15 de decembro de 1997, procedeuse a unha delegación xenérica de competencias no secretario xeral da Consellería de Cultura, Comunicación Social e Turismo, relativos ó despacho e resolución daqueles expedientes e asuntos de índole administrativa que estean atribuídos ó titular da consellería. A especificidade que as autorizacións referidas teñen, dada a sua índole turística e o volume da actividade administrativa da Consellería de Cultura, Comunicación Social e Turismo, fan aconsellable a delegación de competencias no director xeral de Turismo por mor do ámbito funcional que lle é propio.

En consecuencia, facendo uso das facultades que confiren os artigos 43.3º da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e do seu presidente modificada pola Lei 11/1988, do 20 de outubro, e 13 da Lei 30/1992, de 26 de novembro, de réxime xuridico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, e demais disposicións de xeral aplicación,

DISPOÑO:

Artigo 1º

Deléganse no director xeral de Turismo as seguintes competencias:

a) A concesión de títulos licencia de axencias de viaxe, no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia.

b) A autorización de novos establecementos e depencias auxiliares das axencias de viaxe xa autorizadas.

Artigo 2º

As resolucións administrativas que se adopten facendo uso da delegación conferida por esta orde

farán constar expresamente esta circunstancia e consideraranse dictadas pola autoridade delegante.

Artigo 3º

En calquera momento, o conselleiro poderá reclama-lo exercicio da competencia que se delega pola presente orde, da que quedan excluídos, en todo caso, os supostos previstos no artigo 13.2º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, e no artigo 42.2º da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e do seu presidente.

Disposición derrogatoria

Quedan derrogadas cantas disposicións de igual ou inferior rango se opoñan ó establecido na presente orde.

Disposición derradeira

A presente orde entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 12 de xaneiro de 1998.

Jesús Pérez Varela

Conselleiro de Cultura, Comunicación Social

e Turismo

98-281