Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 8 Mércores, 14 de xaneiro de 1998 Páx. 299

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE XUSTIZA, INTERIOR E RELACIÓNS LABORAIS

ORDE do 30 de decembro de 1997 pola que se determinan os horarios de peche de espectáculos e establecementos públicos na Comunidade Autónoma de Galicia.

A Lei orgánica 16/1995, do 27 de decembro, ampliou as competencias da Comunidade Autónoma de Galicia, transferíndolle, con carácter exclusivo, a relativa a espectáculos públicos. Polo Real decreto 1640/1996, do 5 de xullo, prodúcese o traspaso de funcións e servicios da Administración do Estado á Comunidade Autónoma de Galicia na dita materia.

A Comunidade Autónoma de Galicia mediante o Decreto 336/1996, do 13 de setembro, asumiu as competencias na citada materia, asignándollas á Consellería de Xustiza, Interior e Relacións Laborais. Neste decreto facúltase o conselleiro de Xustiza, Interior e Relacións Laborais para dictar cantas disposicións sexan necesarias para o seu desenvolvemento e adopta-las medidas precisas para a plena efectividade e executividade práctica das funcións traspasadas.

Na súa virtude véñense regulando, mediante as correspondentes ordes, os horarios de peche de espectáculos e establecementos públicos na Comunidade Autónoma de Galicia.

Seguindo o criterio fixado por esta consellería para lles dar audiencia ós sectores afectados, co fin de compatibiliza-los intereses sociais e económicos implicados co interese público xeral, ó abeiro do que dispón o artigo 105 a) da Constitución española e demais normativa aplicable ó respecto e tendo en conta a experiencia que se deriva da aplicación, durante este tempo, dos horarios establecidos por esta consellería, procede fixa-los horarios que rexerán no período de inverno. Por todo o anterior,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Fixación de horarios.

Os espectáculos e festas rematarán e os establecementos públicos pecharán, como máximo, ás horas sinaladas a continuación:

Cinematógrafos: 1.00 h.

Teatros: 1.00 h.

Circos: 0.00 h.

Frontóns: 0.30 h.

Boleiras: 0.00 h.

Canódromos: 0.30 h.

Espectáculos ó aire libre: 1.00 h.

Verbenas e festas populares: 2.30 h.

Restaurantes: 1.30 h.

Cafés e bares: 1.30 h.

Cafeterías: 2.00 h.

Tabernas: 0.30 h.

Salas de festas e discotecas de xuventude: 22.00 h.

Bares especiais e pubs: 3.00 h.

Discotecas, salas de festas e salóns de baile: 4.30 h.

Cafés teatro, cafés concerto e cafés cantante: 4.00 h.

Tablaos flamencos: 4.30 h.

Artigo 2º.-Ampliación do horario máximo.

Os xoves, venres, sábados e vésperas de festivos, estes horarios ampliaranse media hora.

Artigo 3º.-Horario de apertura.

Os bares especiais, pubs, discotecas, salas de festas, salóns de baile, cafés teatro, cafés cantante, cafés concerto e tablaos flamencos non poderán ser abertos antes das 10 horas da mañá.

Artigo 4º.-Infraccións e sancións.

As infraccións ó disposto na presente orde serán corrixidas coas sancións previstas na lexislación vixente.

Disposición derrogatoria

Queda derrogada a orde desta consellería do 3 de xullo de 1997 pola que se determinaron os horarios de peche de espectáculos e establecementos públicos na Comunidade Autónoma de Galicia.

Disposición derradeira

A presente orde manterá o seu vigor desde o mesmo día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia ata que, tamén por orde desta consellería, se modifiquen os horarios establecidos para o período de verán.

Santiago de Compostela, 30 de decembro de 1997.

Jesús C. Palmou Lorenzo

Conselleiro de Xustiza, Interior e Relacións

Laborais

107