Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 6 Luns, 12 de xaneiro de 1998 Páx. 228

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DE EDUCACIÓN E ORDENACIÓN UNIVERSITARIA

ORDE do 17 de decembro de 1997 pola que se regula a avaliación e acreditación académica do alumnado que cursa as ensinanzas artísticas de artes plásticas e deseño na Comunidade Autónoma de Galicia.

A Lei orgánica 1/1990, do 3 de outubro, de ordenación xeral do sistema educativo, atribúelle, no seu artigo 4º.2, ó Goberno do Estado a fixación dos elementos básicos do currículo das distintas ensinanzas, co fin de garantir unha formación común para tódolos alumnos e alumnas e para dar validez ós títulos correspondentes en todo o territorio español.

A organización das ensinanzas de artes plásticas e deseño en ciclos de formación específica de grao medio e de grao superior estableceuse na mencionada lei. Así mesmo, a disposición adicional quinta do Real decreto 676/1993, do 7 de maio, polo que se establecen as directrices xerais sobre os títulos e as correspondentes ensinanzas mínimas de formación profesional, dispón que as ensinanzas de artes plásticas e deseño se organizará en ciclos formativos de acordo co disposto no mencionado real decreto.

Estas disposicións, xunto co Real decreto 389/1992, do 15 de abril, polo que se establecen os requisitos mínimos dos centros que imparten ensinanzas artísticas, constitúen o contido normativo básico regulador dos ciclos de formación específica das ensinanzas de artes.

O Real decreto 1763/1982 regula o traspaso de funcións e servicios da Administración do Estado á Comunidade Autónoma de Galicia, correspondéndolle á Administración educativa galega completa-los currículos dos correspondentes ciclos formativos e, polo tanto, os obxectivos e criterios que se terán en conta no proceso de avaliación dos ciclos formativos, no seu ámbito competencial.

Pola súa parte, a Orde do 16 de febreiro de 1996 (BOE do 23), estableceu os elementos básicos dos informes de avaliación do alumnado que curse os ciclos formativos de artes plásticas e deseño, así como os requisitos formais derivados do proceso de avaliación que son precisos para garanti-la mobilidade do alumnado.

Na súa virtude, a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, facendo uso das competencias que lle confire o Decreto 346/1996, do 13 de setem

bro, que establece a estructura orgánica desta consellería,

DISPÓN:

I. Obxecto.

Artigo 1º

A presente orde ten por obxecto regula-la avaliación e a acreditación académica do alumnado de artes plásticas e deseño que cursa estudios, na Comunidade Autónoma de Galicia, en centros públicos ou privados que estean autorizados para impartir ciclos formativos de grao medio ou superior.

II. Aspectos xerais da avaliación.

Artigo 2º

A avaliación das ensinanzas dos ciclos formativos é un proceso continuo ó longo de toda a aprendizaxe, aínda que diferenciado segundo os módulos que compoñen o currículo. A aplicación deste proceso require a asistencia regular do alumnado ás clases e demais actividades programadas.

Artigo 3º

A avaliación realizarase tendo en conta as tarefas máis significativas características do título, que constitúen a referencia para defini-los obxectivos xerais do ciclo formativo así como obxectivos dos módulos profesionais, expresados en termos de capacidades terminais que o conforman. Estes referentes para a avaliación serán os establecidos no correspondente currículo.

Así mesmo, dado que os centros docentes deben completar e desenvolve-lo currículo, tamén se terán en conta no proceso de avaliación destas ensinanzas os obxectivos, capacidades e criterios de avaliación que para cada ciclo se concretasen no proxecto curricular do centro. Neste proxecto deberán especificarse as actuacións, estratexias e instrumentos de avaliación máis axeitados para valora-los logros acadados.

Artigo 4º

Os criterios de avaliación fixados para cada capacidade terminal establecen o nivel de consecución desta e, polo tanto, os resultados mínimos que deben ser acadados no proceso de ensino-aprendizaxe. En consecuencia, constitúen o referente inmediato para o proceso de avaliación das capacidades.

Artigo 5º

Cando o progreso dun alumno/a non responda globalmente ós obxectivos programados, o equipo docente adoptará as oportunas medidas de reforzo educativo ou adaptación curricular. Neste caso, a valoración do rendemento do alumno/a realizarase

tomando como referencia inmediata os criterios de avaliación establecidos de forma individualizada para este.

Artigo 6º

A fase de formación práctica en empresas, estudios ou talleres e a obra ou proxecto final realizaranse unha vez superados os restantes módulos profesionais que constitúen o ciclo formativo.

O equipo docente poderá revoga-la autorización concedida ós alumnos/as para realizaren a súa formación práctica en empresas, estudios ou talleres cando manifesten durante o seu desenvolvemento un baixo rendemento contrastado ou fosen sancionados en expediente disciplinario.

III. Titoría.

Artigo 7º

Cada grupo de alumnos/as contará cun profesor titor nomeado polo director do centro, que será membro do equipo docente, escollido preferentemente entre os que impartan docencia ó longo de todo o ciclo. En relación coa avaliación desenvolverá as seguintes funcións:

a) Coordinar, orientar e asesora-la avaliación, os procesos de ensino-aprendizaxe, así como a orientación profesional do alumnado en relación á súa evolución académica, métodos de traballo, técnicas de estudio e de busca de emprego, saídas académicas e profesionais e posibles validacións.

b) Organizar e presidi-las correspondentes sesións de avaliación do seu grupo.

c) Informar do seu proceso educativo ós alumnos e alumnas e ós seus pais ou titores legais, a través do procedemento que o centro determine.

d) Realiza-lo seguimento educativo da fase de formación práctica en empresas, estudios ou talleres.

e) Realiza-la avaliación da fase de formación práctica en empresas, estudios ou talleres.

Artigo 8º

A coordinación da obra ou proxecto final deberá ser exercida por algún dos membros do equipo docente do ciclo formativo.

IV. Proceso avaliativo.

Artigo 9º

Denomínanse sesións de avaliación as reunións, de carácter colexiado, realizadas polo equipo de profesores dun grupo de alumnos/as para contrasta-las súas informacións académicas e valora-lo progreso destes en relación cos obxectivos educativos correspondentes.

Artigo 10º

As sesións de avaliación dos módulos que integran a formación no centro educativo realizaranse cunha

frecuencia mínima trimestral, segundo o establecido no proxecto curricular do ciclo formativo; a última destas terá carácter final. As cualificacións do alumnado expresaranse en cifras de 1 a 10, sen decimais, considerándose positivas as cualificacións iguais ou superiores a cinco puntos e negativas as restantes. O resultado de cada sesión de avaliación reflectirase nunha acta como a do anexo I.

Artigo 11º

A avaliación da fase de formación práctica en empresas, estudios ou talleres será realizada realizada polo titor do centro educativo ó remate deste período, e contará coa colaboración do responsable do centro de traballo. A cualificación expresarase en termos de «apto» ou «non apto». O resultado reflectirase na mesma acta que corresponda á avaliación final dos módulos, indicada no artigo anterior.

Artigo 12º

A avaliación da obra ou proxecto final será a última que se realice, unha vez superados tódolos módulos e a fase de formación práctica en empresas, estudios ou talleres. Estará a cargo dun tribunal constituído polo director do centro ou profesor en que delegue, tres profesores dos que dous, como mínimo, impartirán docencia no ciclo formativo e o secretario do centro que actuará con voz pero sen voto.

Os membros do tribunal cualificarán cada un dos apartados que se establezan no currículo do ciclo formativo expresando o resultado en cifras de 1 a 10 sen decimais. A nota do proxecto será a media aritmética das anteriores expresada cun só decimal e o seu resultado reflectirase nunha acta como a do anexo II.

Artigo 13º

A cualificación do ciclo obterase como media aritmética da media aritmética das cualificacións de tódolos módulos con cualificación numérica e a cualificación da obra ou proxecto final, expresada cunha cifra decimal. Non se terán en conta no cómputo da media os módulos que fosen obxecto de validación ou de correspondencia coa práctica laboral. O resultado reflectirao o secretario do centro no expediente individual do alumno.

Artigo 14º

Nas sesións de avaliación finais do ciclo formativo o equipo docente elaborará un consello orientador dirixido a cada un dos alumnos, co fin de asesoralo sobre a súa incorporación ó mundo do traballo.

Artigo 15º

Os alumnos que teñan módulos non superados deberán ser informados das condicións e actividades de recuperación que lles permitan acceder a unha avaliación e cualificación extraordinaria deles. A

data da avaliación extraordinaria será establecida polo centro no seu proxecto curricular que, en todo caso, nunca será posterior ó 15 de setembro.

Artigo 16º

Co fin de garanti-la función formativa que ten a avaliación e o dereito do alumnado a que o seu rendemento escolar sexa avaliado con plena obxectividade conforme o establecido na normativa vixente, para cada módulo profesional deberán ser informados dos criterios de avaliación que permitirán evidencia-la adquisición das capacidades correspondentes, así como o nivel mínimo que se considera suficiente para acada-la avaliación positiva. Contra as cualificacións os alumnos/as poderán reclamar segundo o procedemento establecido para os centros de ensino secundario.

Artigo 17º

Os módulos que, segundo o currículo do ciclo formativo, sexan considerados requisito básico para poder cursar con aproveitamento outros módulos do ciclo, deben ser superados con antelación a aqueles para os que son formación de base. En caso contrario, estes últimos non poderán ser cualificados e figurarán na acta co termo «non cualificado» e non consumirán convocatoria.

V. Titulacións e certificacións.

Artigo 18º

A superación dun ciclo formativo de grao medio ou superior dará dereito á obtención do título de técnico ou técnico superior respectivamente. Para iso será necesario ter cualificación final positiva en todos e cada un dos módulos que o compoñan, na fase de formación práctica en empresas, estudios ou talleres e na obra ou o proxecto final.

Artigo 19º

O alumno/a que obteña cualificación positiva nun ou máis módulos dun ciclo terá dereito a que se lle expida a correspondente certificación.

VI. Convocatorias.

Artigo 20º

Para a cualificación final de cada módulo o alumnado disporá dun máximo de 4 convocatorias, incluídas as extraordinarias. Para a realización da fase práctica en empresas, estudios ou talleres e da obra ou proxecto final o número máximo de convocatorias será de dúas.

Artigo 21º

O alumnado poderá solicita-la renuncia á convocatoria dun ou varios módulos cando concorran cir

cunstancias que o xustifiquen, como incorporación laboral, servicio militar ou prestación social substitutoria, enfermidade grave e aquelas que a dirección do centro coide pertinentes por proposta do equipo docente.

As solicitudes deberán presentarse ante o director/a do centro nun prazo de dous meses antes da avaliación final do módulo ó que se pretende renunciar. O director/a resolverá no prazo máximo de 10 días.

Artigo 22º

O alumnado que teña esgotadas as convocatorias ás que ten dereito, poderá solicitar, nos quince días anteriores ó comezo do curso, ante a dirección do centro, unha convocatoria extraordinaria por motivos de enfermidade que lle impedise o normal desenvolvemento dos estudios ou outras causas que merezan igual consideración, sen que a falta de rendemento escolar poida considerarse como tal.

Os centros remitirán á delegación provincial, no prazo de 5 días, as solicitudes presentadas polos alumnos acompañadas dun informe da xefatura de estudios, co visto e prace do director, no que constarán cantas circunstancias sexan relevantes. As delegacións provinciais, logo de informe da Inspección, remitirán no prazo de 5 días os expedientes á Dirección Xeral de Ordenación Educativa e de Formación Profesional, que resolverá sobre cada solicitude individualmente.

VII. Documentación do proceso de avaliación.

Artigo 23º

Considéranse documentos do proceso de avaliación dos estudios de artes plásticas e deseño o expediente académico, as actas de avaliación, os informes de avaliación individualizados e o libro de cualificacións. Destes documentos, teñen a condición de básicos e garanten a mobilidade académica dos alumnos e alumnas o libro de cualificacións e os informes de avaliación individualizados.

Artigo 24º

Toda a información relativa ó proceso de avaliación recollerase de maneira sintética no expediente académico, no que figurarán, xunto cos datos identificativos do centro e os datos persoais do alumno, o número e data de matrícula, as medidas de adaptación, así como os resultados da avaliación e as decisións de titulación. O expediente académico dos alumnos/as axustarase ó modelo que figura no anexo III da presente orde e deberá ser cuberto pola escola

de artes na que se matricule, correspondéndolle a custodia e arquivo ó secretario.

Artigo 25º

As actas de avaliación cubriranse ó termo de cada sesión e comprenderán a relación nominal dos alumnos que compoñen o grupo, xunto coas cualificacións de avaliación. Levará a sinatura de tódolos profesores que constitúen o equipo educativo do grupo de alumnos ou dos membros do tribunal, se fose o caso, facendo consta-lo visto e prace do director do centro.

Artigo 26º

As escolas de artes remitirán copia das actas de avaliación final do ciclo formativo ó servicio de inspección no prazo de 15 días a partir da data de celebración da correspondente sesión.

Os centros privados remitirán, no prazo máximo de 15 días ó remate da avaliación, dous exemplares das actas e o seu informe correspondente dos resultados finais á escola de artes á que estean adscritos. Estas arquivarán un dos exemplares e o outro enviarano ó servicio de inspección provincial nun prazo de 15 días.

Artigo 27º

O libro de cualificacións de artes plástica e deseño ten valor acreditativo dos estudios realizados polo alumno e constitúe o documento oficial básico que reflicte as cualificacións obtidas, os módulos validados ou que fosen obxecto de correspondencia coa práctica laboral. Recollerá, se fose o caso, a información referida ós cambios de centro, así como a renuncia á matrícula e á solicitude, por parte do alumno, da expedición do título correspondente, unha vez superados tódolos módulos do ciclo formativo cursado. Unha vez superados os correspondentes estudios, entregaráselle ó alumno/a, facéndose constar esta entrega no propio libro mediante a correspondente dilixencia, da que se gardará copia no expediente do alumno.

No centro haberá un libro paxinado para facer consta-las saídas e entradas dos libros de cualificacións. As saídas serán asinadas polo secretario/a do centro ou persoa autorizada e o titular do libro ou representante en quen delegue.

Artigo 28º

Cando un alumno ou alumna se traslade a outro centro sen ter concluído o ciclo formativo, o centro de orixe remitirá ó de destino, a petición deste, o libro de cualificacións do alumno, facendo constar na dilixencia correspondente que as cualificacións concordan coas actas que constan no centro. Cando o libro de cualificacións corresponda a alumnos de

centros privados, esta dilixencia será realizada polo centro ó que estean adscritos.

O centro receptor abrirá o correspondente expediente académico do alumno ó que incorporará os datos do libro de cualificacións.

No caso do alumnado incorporado desde plans de estudios anteriores á nova ordenación do sistema educativo, xuntarase certificado de estudios sobre as ensinanzas cursadas conforme os devanditos plans.

Artigo 29º

Cando o alumno se traslade a outro centro sen ter concluído o curso, consignarase nun informe de avaliación individualizado toda aquela información que resulte necesaria para a continuidade do proceso de aprendizaxe. Será elaborado polo titor do grupo, a partir dos datos facilitados polos profesores e conterá, polo menos, os seguintes elementos:

a) Apreciación sobre o grao de consecución dos obxectivos xerais en canto ás ensinanzas de artes plásticas e deseño, así como das capacidades terminais dos módulos.

b) Cualificacións parciais ou valoracións da aprendizaxe, segundo os trimestres en que se organizou a avaliación.

c) Aplicación, se fose o caso, de medidas educativas complementarias.

Corresponde á Inspección educativa supervisa-lo proceso de cobertura e custodia do libro de cualificacións.

VIII. Avaliación dos procesos de ensino e da práctica docente.

Artigo 30º

O profesorado, ademais da aprendizaxe dos alumnos e alumnas, avaliará os procesos de ensino e a súa propia práctica docente en relación co logro dos obxectivos educativos do currículo. Igualmente, avaliará a programación docente e o proxecto curricular.

A avaliación das programacións dos módulos profesionais corresponde ós profesores e profesoras das especialidades correspondentes que, á vista dos informes das sesións de avaliación, procederán ó finaliza-lo curso á revisión das súas programacións iniciais. As modificacións que se tivesen acordado incluiranse na programación para o seguinte curso.

Os elementos da programación sometidos á avaliación serán, polo menos, os seguintes:

a) Oportunidade da selección, distribución e secuenciación dos contidos ó longo dos módulos profesionais.

b) Idoneidade dos métodos pedagóxicos empregados e dos materiais didácticos propostos para uso dos alumnos e alumnas.

c) Adecuación dos criterios de avaliación.

d) Resultados das medidas de atención á diversidade adoptadas.

As modificacións do proxecto curricular derivadas do proceso de avaliación incorporaranse ó proxecto curricular seguinte. Entre os elementos do proxecto curricular sometidos á avaliación figurarán:

a) Idoneidade dos itinerarios académicos propostos ós alumnos e alumnas.

b) Adaptación do desenvolvemento do currículo ás características dos arredores do centro e ás necesidades do alumnado.

c) Racionalización dos espacios e da organización do horario escolar.

d) Funcionamento da orientación educativa e profesional do alumnado.

IX. Correspondencia coa práctica laboral.

Artigo 31º

Poderán ser obxecto de correspondencia coa práctica laboral aqueles módulos que así o dispoñan os reais decretos, nos que se establecen os respectivos títulos.

Así mesmo, a fase de formación práctica en empresas, estudios ou talleres é susceptible de exención a partir da experiencia laboral no campo profesional directamente relacionado co ciclo formativo que se vai cursar.

Artigo 32º

O alumnado poderá solicitar na secretaría do centro a correspondencia coa práctica laboral ou a posible exención, indicadas no artigo anterior, dentro dos quince primeiros días do comezo do ciclo formativo correspondente.

Xunto coa solicitude será preciso acreditar unha experiencia laboral de, cando menos, doce meses, no mesmo campo profesional directamente relacionado co ciclo formativo que se vai cursar. Esta acreditación consistirá nunha certificación de cotización da tesourería da seguridade social e/ou mutualidade laboral onde conste a empresa e a duración do contrato, a máis dun certificado da empresa no que se indiquen as funcións, actividades e tarefas desenvolvidas, así como a súa duración.

No caso de persoas traballadoras por conta propia, presentarán certificación de alta no imposto de actividades económicas e o xustificante de pagamento do dito imposto. A certificación da empresa substituirase por unha declaración do propio interesado/a acompañada de canta outra documentación de apoio á súa solicitude considere oportuna.

Artigo 33º

O titor/a do ciclo realizará un informe de cada unha das solicitudes presentadas, sobre a idoneidade das actividades desenvolvidas, contrastando a documentación achegada pola persoa solicitante coas capacidades terminais que se deben acadar segundo o caso. Para elabora-lo informe recadará a información precisa do profesor ou profesora que imparta o módulo para o que se solicita validación.

Artigo 34º

No caso de informe favorable, a persoa que solicita a exención terá que superar unha proba que permita evidencia-la competencia profesional establecida nos obxectivos de cada módulo do que se solicita a exención. Para determina-las características da proba, deberán terse en conta os contidos e os criterios de avaliación establecidos no currículo. Esta proba será realizada por unha comisión constituída por tres membros, presidida polo director/a do centro educativo e da que formarán parte o titor/a do ciclo e o profesor/a do módulo correspondente.

A exención, a partir da experiencia laboral, da fase de formación práctica en empresas, estudios ou talleres e as correspondencias coa práctica laboral non precisará da proba indicada no parágrafo anterior.

Artigo 35º

Os módulos e, se fose o caso, a fase de formación práctica en empresas, estudios ou talleres que fosen obxecto de correspondencia coa práctica laboral consignaranse co termo de «exento».

IX. Disposicións derradeiras.

Primeira.-Autorízase a Dirección Xeral de Ordenación Educativa e de Formación Profesional para desenvolve-lo contido da presente orde.

Segunda.-A presente orde entrará en vigor ó día seguinte da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 17 de decembro de 1997.

Celso Currás Fernández

Conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria

10128