Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 5 Venres, 09 de xaneiro de 1998 Páx. 190

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE AGRICULTURA, GANDERÍA E POLÍTICA AGROALIMENTARIA

ORDE do 26 de decembro de 1997 pola que se aproba o Regulamento da denominación de orixe Arzúa-Ulloa e do seu consello regulador.

Por Orde do 20 de outubro de 1995, a Consellería de Agricultura, Gandería e Montes da Xunta de Galicia recoñeceu a denominación de orixe Queixo Arzúa-Ulloa, para os queixos elaborados nas comarcas galegas da Ulloa e Arzúa e áreas limítrofes, con leite de vaca, que reúnan as características tradicionais dos queixos galegos coñecidos cos nomes da Ulla, A Ulloa, Chantada, de Lugo ou País, nas condicións que determine o seu regulamento particular.

Entre as funcións asignadas a este consello figuraba a redacción do proxecto de Regulamento da denominación, que elevaría á Consellería de Agricultura, Gandería e Montes para a súa aprobación.

Por outra banda, considérase innecesario que a indicación protexida conteña o nome do producto, xa que este aparece abundantemente recollido no propio regulamento, sendo suficiente para identifica-la denominación de orixe co seu nome xeográfico exclusivo.

En consecuencia, de acordo coas consideracións expostas e co disposto no artigo 30.I. 3 e 4 do Estatuto de autonomía de Galicia, e no uso das competencias que me confire a Lei 1/1983, reguladora da Xunta de Galicia e do seu presidente,

DISPOÑO:

Artigo 1º

Modifícase a Orde do 20 de outubro de 1995, pola que se recoñeceu con carácter provisional a denominación de orixe Queixo Arzúa-Ulloa, e se nomeou o seu consello regulador provisional. As ditas modificacións son as seguintes:

a) O artigo 1º queda redactado desta forma: Recoñécese a denominación de orixe Arzúa-Ulloa para os queixos elaborados con leite de vaca nas comarcas galegas de Arzúa e A Ulloa e áreas limítrofes, sempre que reúnan as características tradicionais dos queixos galegos coñecidos cos nomes da Ulla, A Ulloa, Chantada, de Lugo ou País, e que cumpran as condicións establecidas no seu regulamento particular.

b) No texto da citada orde o anterior nome denominación de orixe Queixo Arzúa-Ulloa será substituído polo seguinte denominación de orixe Arzúa-Ulloa.

Artigo 2º

Recoñécese con carácter definitivo a denominación de orixe Arzúa-Ulloa, e apróbase o seu regulamento co texto articulado que figura como anexo á presente orde.

Disposición transitoria

Única.-O consello regulador provisional da denominación de orixe Arzúa-Ulloa asumirá a totalidade das funcións que lle correspondan segundo o capítulo VII do seu regulamento, continuando os seus compoñentes nos seus cargos respectivos ata que o dito consello regulador quede constituído de acordo co establecido no artigo 33 do mencionado regulamento.

Disposición derrogatoria

Única.-Quedan derrogadas cantas normas de igual ou inferior rango se opoñan á presente orde.

Disposicións finais

Primeira.-Facúltase o director xeral de Industrias e Alimentación para dicta-las normas precisas para o desenvolvemento da presente orde.

Segunda.-Esta orde entrará en vigor ó día seguinte da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 26 de decembro de 1997.

Cástor Gago Álvarez

Conselleiro de Agricultura, Gandería

e Política Agroalimentaria

Regulamento da denominación de orixe Arzúa-Ulloa

Capítulo I

Xeneralidades

Artigo 1º

De acordo co disposto na Lei 25/1970, do 2 de decembro, do Estatudo da viña, do viño e dos alcois, e no

seu regulamento aprobado polo Decreto 835/1972, do 23 de marzo; no Decreto 3711/1974, do 20 de decembro, e no Real decreto 728/1988, do 8 de xullo, que establece a normativa á que deben axustarse as denominacións de orixe, específicas e xenéricas dos productos agroalimentarios non vínicos; no Regulamento (CEE) 2081/1992, do Consello, do 14 de xullo, relativo á protección das indicacións xeográficas e das denominacións de orixe dos productos agrícolas e alimenticios; na orde do Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación, do 25 de xaneiro de 1994, pola que se precisa a correspondencia entre a lexislación española e o regulamento (CEE) 2081/1992, en materia de denominacións de orixe e indicacións xeográficas dos productos agroalimentarios, quedan protexidos coa denominación de orixe Arzúa-Ulloa os queixos que, reunindo as características definidas neste regulamento, cumprisen na súa producción, elaboración e maduración tódolos requisitos esixidos nel e na lexislación vixente.

Para a aplicación da normativa anterior terase en conta o que establece o Real decreto 4189/1982, do 29 de decembro, de transferencia de servicios da Administración do Estado á Comunidade Autónoma de Galicia en materia de denominacións de orixe, viticultura e enoloxía.

Artigo 2º

1. A protección outorgada esténdese ó nome da denominación de orixe Arzúa-Ulloa, así como ós nomes dos termos parroquiais, municipais e comarcais que compoñen a zona de producción, elaboración e maduración, de acordo co disposto nos artigos 81 e seguintes da Lei 25/1970, do 2 de decembro, e demais lexislación concordante.

2. Queda prohibida a utilización noutros queixos ou productos lácteos de nomes, marcas, termos, expresións ou signos que pola súa similitude fonética, gráfica ou semántica cos nomes protexidos poidan inducir a confusión cos que son obxecto deste regulamento, aínda nos casos de que vaian precedidos polas expresións tipo, estilo, gusto, sabor, producido en, elaborado en, madurado en ou outras análogas.

Artigo 3º

A defensa da denominación de orixe Arzúa-Ulloa, a aplicación do seu regulamento, a vixilancia do cumprimento del, así como o fomento e control da calidade do leite e dos queixos amparados, quedan encomendados ó consello regulador da denominación de orixe Arzúa-Ulloa, á Consellería de Agricultura, Gandería e Política Agroalimentaria da Xunta de Galicia e ó Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación, no ámbito das súas respectivas competencias.

Capítulo II

Da producción de leite

Artigo 4º

A zona de producción de leite apta para a elaboración de queixos amparados pola denominación de orixe Arzúa-Ulloa está constituída pola área xeográfica que abrangue os concellos seguintes:

-Provincia da Coruña: Arzúa, Boimorto, Boqueixón, Curtis, Frades, Melide, Mesía, Ordes, Oroso, O Pino, Santiso, Sobrado, Toques, Touro e Vilasantar.

-Provincia de Lugo: Antas de Ulla, Carballedo, Chantada, Friol, Guntín, Monterroso, Palas de Rei, Portomarín e Taboada.

Artigo 5º

1. O leite que se utilice para a elaboración do queixo Arzúa-Ulloa será leite de vaca procedente das razas frisona e os seus cruzamentos, pardo alpina e rubia galega.

2. A alimentación do gando realizarase de acordo coas prácticas tradicionais, sendo obxectivo do consello regulador favorecer e impulsa-lo aproveitamento directo dos pastos, valorándose positivamente o emprego de especies forraxeiras características da área protexida, como o nabo forraxeiro (Brassica rapa) e a col forraxeira (Brassica olerácea), polas súas cualidades influenciadoras na proteolise do leite.

O consello regulador poderá dictar normas complementarias co fin de que o leite destinado á elaboración do queixo Arzúa-Ulloa responda ás súas características peculiares de calidade.

3.-O manexo e as instalacións para a explotación do gando vacún dedicado á producción de leite con destino á elaboración de queixo Arzúa-Ulloa cumprirán as condicións establecidas neste regulamento e na lexislación vixente ó respecto.

Artigo 6º

1. Para a elaboración do queixo protexido por esta denominación empregarase leite natural e enteiro, procedente da muxidura de vacas pertencentes a explotacións inscritas no rexistro do consello regulador, sempre que fosen saneadas no período correspondente, o que se acreditará mediante as follas de saneamento da explotación.

2. O leite utilizado debe cumpri-las seguintes condicións:

a) Non conterá costros, nin conservantes, nin inhibidores ou productos medicamentosos que poidan incidir na elaboración, maduración e conservación do queixo.

b) Na súa composición cumprirán os mínimos seguintes:

Proteína: 3,1%.

Graxa: 3,5%.

Extracto seco: 8,4%.

c) En canto á calidade do leite, deberá cumpri-la lexislación hixiénico-sanitaria vixente e ser apta para a fabricación de queixo.

d) Prohíbese todo tipo de estandarización.

e) O leite que se empregue na elaboración dos queixos que se van protexer non debe superar, ó comezo do proceso de elaboración, os 17 graos Dornic, podendo adicionarse unicamente cloruro de calcio segundo a normativa ó respecto.

3. A muxidura farase en condicións que garantan a obtención hixiénica do leite, de acordo co que establece a Directiva 92/46/CEE, do Consello, do 16 de xuño de 1992, pola que se establecen as normas sanitarias aplicables á producción e comercialización de leite cru, leite tratado termicamente e productos lácteos; e o Real decreto 1679/1994, do 22 de xullo, do Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación, que establece as condicións sanitarias aplicables á producción e comercialización de leite cru, leite tratado termicamente e productos lácteos.

4. O leite conservarase convenientemente para evita-lo desenvolvemento de microorganismos e a contaminación medioambiental. A temperatura de conservación non superará os 4ºC.

5. A recollida e o transporte organizaranse e realizaranse nas mellores condicións hixiénicas posibles, ben en cisternas isotérmicas ou frigoríficas, ben mediante calquera outro sistema que garanta que a calidade do leite non se deteriore.

6. O consello regulador vixiará e controlará a obtención, conservación, recollida e transporte do leite, podendo dictar normas que garantan que estas operacións non mingüen as súas cualidades hixiénico-sanitarias e, en todo caso, con carácter complementario ó establecido nesta materia pola normativa vixente.

Capítulo III

Da elaboración e maduración

Artigo 7º

A elaboración e maduración do queixo amparado pola denominación deberá efectuarse en instalacións adecuadas, situadas dentro da zona de producción de leite delimitada no artigo 4º deste regulamento, e inscritas nos correspondentes rexistros do consello regulador.

Artigo 8º

As técnicas empregadas na manipulación do leite e dos queixos, así como o control dos procesos de producción, elaboración, maduración e conservación, axustaranse á lexislación vixente e ás prácticas tradicionais sinaladas nos artigos seguintes, co obxecto de obter productos da máxima calidade, conservando as características tradicionais dos queixos amparados pola denominación de orixe Arzúa-Ulloa.

Artigo 9º

Na elaboración do queixo que se vai amparar por esta denominación seguirase o seguinte proceso:

1) Coagulación. A coagulación do leite provocarase con extracto de callo animal e usaranse os fermentos lácticos seguintes: lactococos lactis nas súas diferentes variedades, streptococos lactis e streptococos crémoris.

O consello regulador potenciará a recuperación e o uso de cepas autóctonas, e poderá autoriza-lo uso doutros fermentos, sempre que favorezan a calidade do queixo Arzúa-Ulloa.

2) Corte e lavado da callada. Para que o queixo adquira as características que lle son propias e que se sinalan no artigo 11º, a callada debe ser sometida ós tratamentos seiguintes:

a) Corte. Faranse os necesarios para que a granulometría da callada sexa do tamaño dun gran de millo (5-10 mm de diámetro).

b) Lavado. Con auga potable, para baixa-la acidez da callada ata alcanzar entre 4º e 6º Dornic.

3) Moldeado. Farase en moldes de formas e dimensións adecuadas para consegui-las que se describen no artigo 11º.

4) Prensado. Efectuarase en prensas axeitadas, permanecendo nelas por un tempo variable, en función da presión que se vaia aplicar e do tamaño das pezas. O tempo de prensado non será inferior a 2 horas.

5) Salgado. O salgado dos queixos realizarase na cuba sobre a callada e/ou introducindo os queixos en salmoira. A salmoira terá unha concentración de 17º a 18º Baume, e os queixos permanecerán nela por un espacio de tempo non superior ás 24 horas.

6) Maduración. A maduración dos queixos realizarase en locais ou instalacións axeitadas, nas que haberá unha humidade relativa comprendida entre o 80 e o 90 por cento e unha temperatura inferior ós 15º centígrados.

O período mínimo de maduración será de seis días, contados a partir da finalización do prensado, ou do salgado se este se realiza en salmoira.

No caso dos queixos curados, o período mínimo de maduración será de catro meses.

Durante o tempo que dure a maduración os queixos serán sometidos ás prácticas de volteo e limpeza necesarias para que adquiran as súas peculiares características.

Artigo 10º

Para a elaboración de queixos protexidos pola denominación de orixe Arzúa-Ulloa, queda prohibido:

1. Utilizar calquera tipo de caseinatos, caseína, leite en po, materias graxas, incluída a manteiga, así como calquera tipo de aditivos, incluso os autorizados legalmente cando non sexan expresamente autorizados polo consello regulador.

2. Calquera manipulación que tenda a modifica-las características da codia do queixo.

Capítulo IV

Tipos e características dos queixos

Artigo 11º

Os tipos de queixos amparados pola denominación de orixe Arzúa-Ulloa e as súas características, son os que a continuación se describen:

a) Queixo Arzúa-Ulloa.

Elaborado con leite pasteurizado de vaca.

Período de maduración: seis días, como mínimo.

Forma: lenticular ou cilíndrica.

Peso: oscila entre 0,5 e 3,5 kg.

Dimensións: o seu diámetro está comprendido entre 100 e 250 mm, e a súa altura entre 50 e 120 mm.

Codia: fina e elástica, de cor amarela media a escura, brillante, limpa e lisa. Pode presentarse recuberta dunha emulsión plástica antimofo, transparente e incolora.

Pasta: de cor uniforme, entre branca marfim e amarela pálida, de aspecto brillante, sen gretas, podendo presentar ollos en número baixo, pequenos, angulosos ou redondeados e de distribución irregular.

Aroma: lácteo, lembrando o olor da manteiga e do iogur, con matices de vainilla, nata e noz, de intensidade débil.

Sabor: elemental de leite, lixeiramente salgado e de ácido medio ou baixo.

Textura: pouco fina, pouco ou medianamente húmida, pouco firme, elasticidade media, pouco firme en boca, medianamente fundente e soluble, e de gomosidade media.

Características analíticas en producto terminado:

Graxa:mínimo 45%, sobre extracto seco.

Proteína: mínimo 35%, sobre extracto seco.

Ph: entre 5 e 5,5.

Extracto seco: mínimo 45%.

Porcentaxe de auga en materia non graxa: entre o 68% e o 73%.

b) Queixo Arzúa-Ulloa de granxa:

Elaborado con leite cru ou pasteurizado, coa particularidade de que esta procede de vacas da propia explotación na súa totalidade.

As características deste tipo de queixo coinciden coas descritas no apartado anterior.

c) Queixo Arzúa-Ulloa curado:

Elaborado con leite de vaca, cru ou pasteurizado.

Período de maduración: catro meses, como mínimo.

Forma: lenticular ou cilíndrica, con cara horizontal superior convexa.

Peso: oscila entre 0,5 e 2 kg.

Dimensións: o seu diámetro está comprendido entre 120 e 200 mm, e a súa altura entre 30 e 100 mm.

Codia: non diferenciada, de cor amarela moi intensa, brillante e de aspecto graxo. Pode presentarse recuberto dunha emulsión plástica antimofo, transparente e incolora.

Pasta: amarela intensa, máis pálida no centro, moi compacta, podendo presentar escasos ollos.

Aroma: moi intenso, de tipo lácteo, resaltando un forte olor a manteiga lixeiramente rancia. A sensación olorosa é penetrante e de picor.

Sabor: salgado, de baixa acidez e amargor medio a baixo. O sabor é a manteiga predominantemente, con lixeiras notas a vainilla e froitos secos, podendo fluctuar entre o centro e a codia. Sobresae unha sensación de picor. O regusto é amargo, a manteiga e a vainilla.

Textura: nas súas características mecánicas é dura, de corte difícil, podendo presentar fractura por crebamento, principalmente cara ás beiras, que están máis secas. Ó tacto é homoxénea e moi compacta. Na súa composición presenta un grao elevado de graxa e unha humidade moi baixa.

Características analíticas en producto terminado:

Graxa: mínimo 50%, sobre extracto seco.

P.H.: entre 5,1 e 5,4.

Extracto seco: mínimo 65%.

Artigo 12º

1. Tódolos queixos elaborados e madurados nas queixerías e locais de maduración inscritos no consello, para poder facer uso da denominación de orixe Arzúa-Ulloa, deberán superar un proceso de cualificación.

2. O consello regulador elaborará o programa de control de calidade, que presentará ante a Consellería de Agricultura, Gandería e Política Agroalimentaria para a súa aprobación.

3. O consello regulador establecerá un comité de cualificación e dictará as normas para a súa constitución e funcionamento. Tamén se preverá a constitución dun comité de apelación.

4. O proceso de control e cualificación efectuarase por partidas ou lotes homoxéneos, e constará dun exame analítico e un exame organoléptico, que darán lugar á cualificación, emprazamento ou descualificación da partida ou lote de queixos controlados, correspondéndolle ó Pleno do Consello Regulador resolver ó respecto, á vista dos informes técnicos emitidos polo comité de cualificación.

5. Os queixos cualificados deberán cumprir en todo momento as características citadas no artigo anterior, presentando a tipicidade, tradicionalidade e cualidades organolépticas propias dos diferentes tipos de queixo Arzúa-Ulloa definidos anteriormente, especialmente en canto á cor, aroma e sabor.

No caso de que se constate calquera tipo de alteración que prexudique a súa calidade, ou que na súa producción, elaboración ou maduración non se cumprisen os preceptos deste regulamento e da demais lexislación que lles afecte, os queixos serán descualificados polo consello regulador, logo dos informes técnicos pertinentes, o cal implica a perda do dereito ó uso da denominación.

6. As resolucións adoptadas serán comunicadas ós interesados, que poderán impugnalas de acordo co previsto na lexislación vixente.

7. Os queixos descualificados, ademais de perderen o dereito ó uso da denominación, deberán permanecer inmobilizados e perfectamente identificados, baixo o control do consello regulador. Para realiza-lo seu movemento será necesario comunicárllelo ó consello con antelación suficiente, para que este poida adopta-las medidas de control que considere oportunas.

Capítulo V

Rexistros

Artigo 13º

1. O consello regulador levará os seguintes rexistros:

a) Rexistro de explotacións gandeiras.

b) Rexistro de productores do queixo Arzúa-Ulloa de granxa.

c) Rexistro de queixerías ou industrias de elaboración.

d) Rexistro de locais de maduración.

2. O consello regulador poderá establecer subcensos dentro dos rexistros citados anteriormente, se así o considera oportuno para un mellor control dos inscritos.

Artigo 14º

1. As peticións de inscrición nos rexistros correspondentes dirixiranse ó consello regulador, nos impresos por el establecidos, xuntando os datos, documentos e comprobantes que en cada caso sexan requiridos, segundo as disposicións e normas vixentes.

Formulada a petición, as explotacións e industrias serán inspeccionadas por persoal técnico do consello regulador, co obxecto de comprobar se reúnen as condicións esixidas no presente regulamento.

2. O consello regulador denegará, de forma motivada, as inscricións que non se axusten ós preceptos deste regulamento ou ós acordos adoptados polo propio consello sobre as condicións complementarias de carácter técnico e sanitario que deban reuni-las explotacións gandeiras, queixerías e instalacións de maduración.

3. As empresas que realicen máis dunha fase do proceso deberán ter inscritas as súas ganderías e instalacións nos rexistros correspondentes.

4. A inscrición nestes rexistros non exime os interesados da obriga de inscribirse naqueles outros que, con carácter xeral, estean establecidos legalmente, debendo acreditalo no momento de solicita-la súa inscrición nos rexistros da denominación de orixe.

5. A inscrición nos rexistros é voluntaria, igual que a correspondente baixa. Unha vez producida esta, deberá transcorrer un período de dous anos para proceder a unha nova inscrición, salvo cambio de titularidade, de conformidade co que establece o artigo 20.2º, en relación co 11.2º, do Real decreto 728/1988, do 8 de xullo.

6. Para a vixencia das inscricións nos correspondentes rexistros, será indispensable cumprir en todo momento cos requisitos que impón o presente regulamento, debendo comunicar ó consello regulador no prazo de quince días, calquera variación que afecte ós datos subministrados na inscrición, cando a dita variación se produza. En consecuencia, o consello regulador poderá suspender cautelar ou definitivamente as inscricións cando os titulares destas non se ativesen a tales prescricións, logo da instrucción do procedemento que se substanciará polas normas do procedemento administrativo común.

A suspensión cautelar acordarase de forma motivada, xunto coa providencia da apertura do procedemento, por un prazo non superior a tres meses.

7. O consello regulador efectuará inspeccións periódicas para comproba-la efectividade de canto se dispón neste artigo.

8. Tódalas inscricións nos diferentes rexistros serán renovadas no prazo e forma que determine o consello. No caso particular do Rexistro de Explotacións Gandeiras, os seus datos deberán ser actualizados tódolos anos na data que se determine.

Artigo 15º

1. No Rexistro de Explotacións Gandeiras inscribiranse todas aquelas que, estando situadas na zona de producción e reunindo as condicións establecidas neste regulamento, queiran destinar toda ou parte da súa producción de leite para a elaboración de queixo Arzúa-Ulloa amparado pola denominación.

2. Na inscrición figurará: nome do propietario e, se é o caso, do colono, parceiro, arrendatario ou calquera outro titular de dereito real ou persoal que o faculte para xestiona-la explotación; o nome da dita explotación, lugar, parroquia e concello no que estea situada; o código de explotación agraria (C.E.A.), o número de femias reproductoras, así como a folla de saneamento gandeiro; e cantos datos se consideren necesarios para a cualificación, localización e adecuada identificación da gandería inscrita, e declaración anual de producción de leite destinada á elaboración de queixo amparado pola denominación.

3. O consello regulador debe entregar ó titular un certificado acreditativo da inscrición, indicando as actividades para as que está inscrito.

4. A inscrición no Rexistro de Explotacións Gandeiras é voluntaria, igual que a súa baixa, sendo necesario cumpli-las obrigas pendentes co consello.

Artigo 16º

1. No Rexistro de Productores do Queixo Arzúa-Ulloa de Granxa inscribiranse todos aqueles que, tendo situadas conxuntamente dentro da zona de producción e elaboración a súa explotación gandeira e a súa queixería, cumpran as condicións establecidas neste regulamento.

2. Será condición indispensable para poderse inscribir neste rexistro, que a totalidade do queixo producido sexa elaborado exclusivamente con leite procedente do gando da propia explotación.

3. Os requisitos citados no artigo 15.2 seranlle de aplicación no que respecta á gandería, mentres que os citados no artigo 17.2 e 3 seranlle de aplicación no referente á queixería.

4. O consello regulador entregará ó titular un certificado acreditativo da inscrición, indicando as actividades para as que está inscrito.

5. A inscrición no Rexistro de Productores do Queixo Arzúa-Ulloa de Granxa é voluntaria, igual que a súa baixa, sendo necesario cumpri-las obrigas pendentes co consello.

Artigo 17º

1. No Rexistro de Queixerías ou Industrias de Elaboración inscribiranse todas aquelas instalacións que

estean situadas na zona de elaboración e así o soliciten, sempre que o consello regulador as considere aptas para elaborar queixos que poidan optar a ser protexidos pola denominación de orixe Arzúa-Ulloa.

2. Na inscrición figurará a denominación ou razón social da empresa, domicilio legal desta, localidade e concello onde estean situadas as súas instalacións, sistema e capacidade de elaboración, número e capacidade das cámaras frigoríficas, características técnicas da maquinaria, e cantos datos se consideren necesarios para a cualificación, localización e identificación da queixería.

No caso de sociedades, esixirase inscrición rexistral, información fiscal e nome do xerente ou responsable.

Se a empresa non é propietaria dos locais e instalacións farase constar na solicitude de inscrición, acreditando documentalmente esta circunstancia e o título de uso, así como a identidade do propietario.

3. Coa solicitude de inscrición xuntaranse planos ou esbozos acotados de situación, planta e alzados, a escala conveniente, onde se reflicten tódolos detalles significativos de construccións e instalacións, cunha breve descrición.

Tamén se achegará copia do certificado do Rexistro de Industrias Agrarias, así como de calquera outro establecido pola lexislación vixente.

4. O consello regulador entregará ó titular un certificado acreditativo da inscrición, indicando as actividades para as que está inscrito.

5. A inscrición no Rexistro de Queixerías ou Industrias de Elaboración é voluntaria, igual que a súa baixa, sendo necesario cumpri-las obrigas pendentes co consello.

Artigo 18º

1. No Rexistro de Locais de Maduración inscribiranse todas aquelas instalacións que estean situadas na zona de elaboración, e que o consello regulador considere que reúnen condicións para a maduración e curación do queixo Arzúa-Ulloa e, en particular, do queixo Arzúa-Ulloa Curado. Tamén se inscribirán as instalaciones anexas destinadas á conservación dos queixos.

2. Os locais de maduración deben te-las condicións necesarias para que a súa temperatura, grao higrométrico e ventilación sexan as adecuadas para que, sobre todo o queixo Arzúa-Ulloa Curado, adquira as características descritas no artigo 11º deste regulamento.

3. Os requisitos citados nos apartados 2, 3, 4 e 5 do artigo 17 do presente regulamento, son aplicables á súa vez neste caso.

4. Os locais de maduración inscritos poderán conter queixos non amparados pola denominación, sempre que fosen elaborados na propia queixería e que polo seu aspecto exterior e formato sexan facilmente identificables e non dean lugar a confusión cos queixos protexidos.

O consello regulador dictará as normas que permitan o perfecto control de tódolos queixos, e incluso tamén das pezas defectuosas ou descualificadas, garantindo

a orixe, pureza e calidade dos queixos amparados pola denominación de orixe Arzúa-Ulloa.

Artigo 19º

1. Nas queixerías inscritas só se admitirá leite procedente de gando vacún censado no Rexistro de Explotacións Gandeiras do consello regulador.

2. Para a inscrición dunha cooperativa no Rexistro de Queixerías ou Industrias de Elaboración será condición necesaria que o gando de tódolos seus socios, o leite dos cales poida ser destinado á elaboración de queixos protexidos pola denominación, estea inscrito no Rexistro de Explotacións Gandeiras.

Artigo 20º

1. As queixerías que posúan liñas de elaboración de queixos distintos do queixo Arzúa-Ulloa farano constar expresamente no momento da súa inscrición, e ademais someteranse ás normas que estableza o consello regulador para controlar estes productos e garanti-la correcta elaboración dos queixos amparados pola denominación.

2. Nas queixerías inscritas no correspondente rexistro do consello regulador poderanse elaborar outros tipos de queixos diferentes dos protexidos pola denominación de orixe Arzúa-Ulloa, sempre e cando pola súa forma e/ou características non dean lugar a confusión cos queixos amparados.

3. Nas queixerías inscritas, todo o queixo Arzúa-Ulloa que se elabore e que sexa susceptible de ser amparado pola denominación de orixe, debe ser sometido ó proceso de cualificación establecido neste regulamento, previamente á súa comercialización.

4. Os queixos Arzúa-Ulloa que sexan descualificados polo consello regulador poderán ser comercializados para obter outros productos ou para consumo directo, pero utilizando outras marcas e distintivos, sen o amparo da denominación e sempre baixo o control do consello.

Capítulo VI

Dereitos e obrigas

Artigo 21º

1. Só as persoas físicas ou xurídicas con ganderías inscritas no correspondente rexistro, poderán producir leite con destino á elaboración de queixo que poida optar a ser protexido pola denominación de orixe Arzúa-Ulloa.

2. Só as persoas físicas ou xurídicas que teñan os locais de elaboración e de maduración inscritos nos rexistros previstos no artigo 13º deste regulamento, poderán elaborar e/ou madura-los queixos que opten a ser amparados pola denominación, e a ser expedidos ó mercado debidamente identificados para a súa comercialización.

3. As sinaturas inscritas só poderán almacena-los queixos nos locais declarados na inscrición, durante a súa fase de maduración e ata o seu contraetiquetado, de forma que se distingan claramente os queixos protexidos dos que non o son.

Artigo 22º

1. Só se poderá aplica-la denominación de orixe Arzúa-Ulloa ós queixos procedentes das instalacións inscritas nos rexistros do consello regulador, que fosen elaborados e madurados conforme as normas esixidas por este regulamento, e que sexan cualificados como aptos pola comisión de cualificación nomeada polo consello, con base nas condicións analíticas e organolépticas que deben caracterizalos.

2. O dereito ó uso da denominación de orixe Arzúa-Ulloa e dos seus símbolos, anagramas ou logotipo, en propaganda, publicidade, documentación, precintas e etiquetas, é exclusivo das firmas inscritas nos diferentes rexistros do consello regulador, e baixo a aprobación deste.

3. Polo mero feito da inscrición nos rexistros da denominación, as persoas físicas ou xurídicas inscritas quedan obrigadas ó cumprimento das disposicións do presente regulamento e dos acordos que, dentro das súas competencias, dicten a Consellería de Agricultura, Gandería e Política Agroalimentaria, o Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación e o consello regulador, así como a satisface-las exaccións que lles correspondan.

4. Para o exercicio de calquera dereito outorgado por este regulamento ou para poder beneficiarse dos servicios prestados polo consello regulador, as persoas físicas ou xurídicas que teñan inscritas as súas ganderías e instalacións deberán ter actualizadas as inscricións nos correspondentes rexistros e estar ó día no pagamento das súas obrigas co consello.

Artigo 23º

As marcas autorizadas, símbolos, emblemas, lendas publicitarias ou calquera outro tipo de propaganda que se utilice, aplicados ós queixos protexidos pola denominación de orixe Arzúa-Ulloa, non poderán ser empregados baixo ningún concepto, nin sequera polos propios titulares, na comercialización de derivados lácteos nin doutros queixos non amparados por esta denominación.

Excepcionalmente admítese o uso das marcas autorizadas noutros productos lácteos, por petición do interesado, e sempre que o consello regulador entenda que o dito uso non prexudica os queixos amparados e expresamente o autorice.

Artigo 24º

1. As etiquetas deben ser autorizadas polo consello regulador previamente á súa utilización, para os efectos que se relacionan neste regulamento. Será denegada a aprobación daquelas etiquetas incorrectas ou que por calquera causa poidan confundi-lo consumidor. Tamén poderá ser revogada a autorización dunha xa concedida anteriormente cando variasen as circunstancias da firma propietaria dela, logo da audiencia ó interesado.

En todo caso, respectaranse as competencias que correspondan a outras institucións en materia de supervisión do cumprimento das normas xerais de etiquetado.

2. Nas etiquetas correspondentes ás marcas propias de cada elaborador, utilizadas nos queixos amparados,

debe figurar obrigatoriamente e de forma destacada a mención denominación de orixe Arzúa-Ulloa, ademais dos datos que con carácter xeral se determinan na lexislación vixente. Tamén se fixará a data límite de consumo preferente, contada desde a data de acondicionamento do queixo para a súa expedición.

No caso de que os queixos sexan Arzúa-Ulloa de Granxa ou Arzúa-Ulloa Curado, farase constar esta circunstancia na súa etiqueta, así como con que tipo de leite, cru ou pasteurizado, foron elaborados.

Artigo 25º

1. Os queixos amparados pola denominación de orixe Arzúa-Ulloa levarán un precinto de garantía, contraetiqueta ou calquera outro distintivo que estableza o seu consello regulador, numerado e expedido por este, que deberán ser colocados nas propias queixerías e locais de maduración ó termo deste proceso e sempre antes da súa expedición ó mercado, salvo perda do dereito ó uso da denominación, de acordo coa normativa que estableza para estes efectos o consello regulador, e de forma que non sexa posible a reutilización de tales distintivos.

2. O consello regulador adoptará e rexistrará un emblema ou logotipo como símbolo da denominación de orixe Arzúa-Ulloa, logo da aprobación da Consellería de Agricultura, Gandería e Política Agroalimentaria da Xunta de Galicia.

3. O consello regulador poderá facer obrigatorio que no exterior dos locais de elaboración e de maduración inscritos, nun lugar destacado, figure unha placa onde se reproduza o logotipo da denominación.

Artigo 26º

1. Toda expedición de queixos que se realice entre firmas inscritas, aínda pertencentes á mesma razón social, deberá ir acompañada por un volante de circulación expedido polo consello regulador, ademais da documentación establecida pola lexislación vixente en cada momento.

2. O establecido no punto anterior tamén será esixible no caso de expedicións que teñan lugar dunha firma inscrita a outra non inscrita.

Artigo 27º

1. O queixo amparado pola denominación de orixe Arzúa-Ulloa só poderá comercializarse se a súa codia conserva as características externas e naturais da maduración. Nos casos en que pola súa distribución comercial o requiran e segundo estableza o consello regulador, permitirase o recubreminto dos queixos cunha emulsión plástica, transparente e incolora autorizada,sempre que non se prexudique a súa calidade e prestixio, e que a codia conserve o seu aspecto e cor naturais.

2. Os queixos amparados pola denominación só poderán elaborarse e madurarse nas instalacións encravadas dentro da área de elaboración e que se encontren inscritas no correspondente rexistro do consello.

3. Os queixos protexidos pola denominación só poderán circular e ser expedidos polas queixerías e instalacións de maduración inscritas en envases autorizados

que non perxudiquen a súa calidade e imaxe, se así o decide previamente o consello regulador e de acordo coa lexislación vixente.

4. A comercialización dos queixos con denominación farase por pezas enteiras, aínda que o consello poderá autoriza-la comercialización do queixo amparado en porcións, admitíndose o seu corte e troceado nos puntos de venda, sempre que se estableza para tal efecto o adecuado sistema de control que garanta a procedencia do producto, a súa orixe e calidade, así como a súa perfecta conservación e correcta presentación ó consumidor, evitando calquera posibilidade de confusión.

5. Para a súa comercialización, incluso fóra da área de elaboración, o consello regulador poderá establecer convenios de colaboración con grandes superficies, tendas especializadas e outras canles de distribución, acordando con estes as condicións de colaboración, para que baixo a supervisión do propio consello se garanta a orixe e a calidade dos queixos comercializados coa contraetiqueta da denominación de orixe Arzúa-Ulloa.

Artigo 28º

1. O consello regulador controlará semestralmente as cantidades de queixo protexido pola denominación que foron expedidas ó mercado por cada firma inscrita nos correspondentes rexistros do consello, para verificar que é correcta a súa relación co volume de leite adquirido ás explotacións censadas, coas propias existencias e coas adquisicións de queixo amparado a outras firmas inscritas.

2. O consello regulador establecerá os acordos oportunos coas explotacións gandeiras e queixerías pertencentes á denominación, para lograr que o programa de actuación dos seus servicios de inspección sexa totalmente operativo.

3. O incumprimento das normas establecidas neste regulamento dará lugar á descualificación por parte do consello regulador do leite e/ou do queixo, que a partir dese momento serán debidamente controlados ata a resolución do expediente en cuestión, non podendo ser transferidos a outra explotación nin industria inscrita nos rexistros do consello, nin tampouco ser comercializados baixo o amparo da denominación.

Artigo 29º

Toda expedición de queixos con indicativo de calidade destinados á exportación deberá ir acompañada polo correspondente certificado da denominación de orixe Arzúa-Ulloa expedido polo seu consello regulador, ademais de cumprir coas normas establecidas na lexislación vixente ó respecto.

Artigo 30º

1. Co obxecto de poder controla-los procesos de producción, elaboración, maduración e expedición, así como os volumes de existencias e canto sexa necesario para poder acredita-la orixe e a calidade dos queixos amparados pola denominación, as persoas físicas ou xurídicas titulares das ganderías, queixerías e locais de maduración estarán obrigadas a cumpri-las seguintes formalidades:

a) Tódolos propietarios de explotacións gandeiras inscritas presentarán ó consello regulador, na primeira quincena de cada semestre, declaración da producción leiteira procedente dos animais censados obtida no semestre anterior, indicando tamén o destino do leite e o nome do comprador en caso de venda.

b) Tódolos productores do queixo Arzúa-Ulloa de Granxa levarán un libro de control, segundo modelo admitido polo consello regulador, no que figurarán diariamente os datos de cantidade de leite transformado e o número de unidades e peso total dos queixos elaborados e expedidos ó mercado ó amparo da denominación.

c) Tódalas firmas inscritas no Rexistro de Queixerías levarán un libro de control, segundo modelo adoptado polo consello regulador, no que figurarán diariamente os datos de cantidade e procedencia do leite recibido, número de unidades e peso total dos queixos elaborados, locais ou cámaras de maduración a onde se envíen os queixos con dereito á denominación de orixe Arzúa-Ulloa e calquera outro dato que no seu momento o consello poida considerar necesario.

Así mesmo, na primeira quincena de cada semestre presentarán ó consello regulador unha declaración onde se reflictan tódolos datos do semestre anterior, sendo suficiente con fotocopia compulsada dos asentos que figuren no dito libro.

d) Tódalas firmas inscritas no Rexistro de Locais de Maduración que maduren queixo Arzúa-Ulloa Curado acollido á denominación, levarán un libro de control, segundo modelo adoptado polo consello regulador, no que diariamente anotarán os datos referentes ó número de unidades e procedencia dos queixos que inician o proceso de maduración, así como o total de queixos que se expiden ó mercado protexidos pola denominación.

Tamén, na primeira quincena de cada semestre, presentarán ó consello regulador unha declaración onde se recollan tódolos datos do semestre anterior, sendo suficiente con fotocopia compulsada dos asentos que figuren no dito libro.

2. Tódalas declaracións especificadas no presente artigo teñen efectos meramente estatísticos e están sometidas ás normas legais vixentes ó respecto.

Capítulo VII

Do consello regulador

Artigo 31º

1. O Consello Regulador da Denominación de Orixe Arzúa-Ulloa é un organismo dependente da Consellería de Agricultura, Gandería e Política Agroalimentaria da Xunta de Galicia, con carácter de órgano desconcentrado, e con atribucións decisorias en cantas funcións se lle encomendan neste regulamento, de acordo co que determina o artigo 87 da Lei 25/1970, do 2 de decembro.

2. O seu ámbito de competencia estará determinado:

a) No territorial, pola respectiva zona de producción, elaboración e maduración.

b) En razón dos productos, polos protexidos pola denominación de orixe en calquera das súas fases de producción, elaboración, maduración e comercialización.

c) En razón das persoas, tanto físicas como xurídicas, polas inscritas nos diferentes rexistros.

Artigo 32º

É misión principal do consello regulador aplica-los preceptos deste regulamento e velar polo seu cumprimento, para o cal exercerá as funcións que se lle encomendan nel e no ordenamento xurídico vixente.

Artigo 33º

1. O consello regulador estará constituído por:

a) Un presidente.

b) Un vicepresidente.

c) Cinco vocais en representación do sector productor, elixidos democraticamente por e entre os titulares de explotacións gandeiras inscritas nos rexistros do consello, que subministran leite para a elaboración de queixo Arzúa-Ulloa, debendo estar representados os gandeiros individuais e as entidades asociativas, proporcionalmente ó volume de leite entregado para tal fin.

d) Cinco vocais en representación do sector elaborador, elixidos democraticamente por e entre os titulares de queixerías e locais de maduración inscritos nos correspondentes rexistros do consello, que elaboren e maduren queixo Arzúa-Ulloa, sendo a representación proporcional a cantidade de queixos expedidos ó mercado baixo o amparo da denominación.

e) Dous vocais técnicos en representación da Consellería de Agricultura, Gandería e Política Agroalimentaria, designados por esta.

2. O presidente será nomeado, por proposta dos vocais electos, polo conselleiro de Agricultura, Gandería e Política Agroalimentaria.

O vicepresidente será designado polo conselleiro de Industria e Comercio.

3. Por cada un dos vocais do consello regulador designarase un suplente, elixido da mesma maneira que o titular.

4. Os cargos de vocais do consello regulador serán renovados cada catro anos, podendo ser reelixidos.

5. En caso de cesamento dun vocal por calquera causa legal, a súa vacante será cuberta polo seu substituto, se ben o mandato do novo vocal só durará ata que se celebre a seguinte renovación do consello.

6. O prazo para a toma de posesión dos vocais será como máximo dun mes, contado desde a data da súa proclamación.

7. Causará baixa o vocal que durante o período de vixencia do seu cargo sexa sancionado por infracción grave nas materias que regula este regulamento, ben persoalmente ou ben a firma á que represente. Igualmente causará baixa por ausencia inxustificada a dúas sesións consecutivas ou a tres alternas no período dun ano, por causar baixa nos rexistros do consello regulador,

ou por perde-la súa vinculación co sector que o elixiu ou coa razón social á que pertenza.

Artigo 34º

1. Os vocais elixidos na forma que se determina anteriormente deberán estar vinculados ós sectores que representan, ben directamente ou ben por ser representantes das sociedades que se dedican ás actividades aquí reguladas. Non obstante, unha mesma persoa natural ou xurídica inscrita en varios rexistros do consello regulador non poderá ter neste dobre representación, unha no sector productor e outra no sector industrial, nin directamente nin a través de firmas filiais ou socios dela.

2. Os vocais elixidos por pertencer en calidade de directivos ou representantes dunha firma inscrita, cesarán no seu cargo ó cesar como tales na dita firma, aínda que sigan vinculados ó sector por pasaren a outra empresa. No dito caso procederase a designa-lo seu substituto.

Artigo 35º

1. Ó presidente correspóndelle:

a) Representa-lo consello regulador. Nos casos en que sexa necesario, esta representación poderá ser delegada de forma expresa no vicepresidente, ou na súa ausencia, en calquera outro membro do consello.

b) Cumprir e facer cumpri-las disposicións legais e regulamentarias.

c) Administra-los ingresos e fondos do consello regulador e ordena-los pagamentos, de acordo coas decisións tomadas polo pleno.

d) Convocar e presidi-las sesións do consello regulador, sinala-la orde do día, someter á decisión deste os asuntos da súa competencia e executa-los acordos adoptados.

e) Organiza-lo réxime interior do consello regulador.

f) Propor ó consello a contratación, suspensión ou renovación do seu persoal.

g) Organizar e dirixi-los servicios.

h) Informar á Administración pública correspondente das incidencias que ocorran na producción, elaboración e comercialización.

i) Remitir á Consellería de Agricultura, Gandería e Política Agroalimentaria da Xunta de Galicia, e a outros organismos interesados, aqueles acordos que para cumprimento xeral adopte o consello en virtude das atribucións que lle confiere este regulamento e aqueloutros que pola súa importancia considere deban ser coñecidos por estes.

j) Aqueloutras funcións que o consello acorde, ou que lle encomende a Consellería de Agricultura, Gandería e Política Agroalimentaria en consonancia cos fins encomendados.

2. A duración do mandato do presidente será de catro anos, podendo ser reelixido.

3. O presidente cesará:

a) Ó expira-lo termo do seu mandato.

b) Por petición propia, unha vez aceptada a súa dimisión.

c) Por decisión da Consellería de Agricultura, Gandería e Política Agroalimentaria, logo da incoación e resolución do expediente para o efecto, por incorrer nalgunha das causas xerais de incapacidade establecidas na lexislación vixente, ou por perda da confianza do pleno, manifestada en votación secreta por maioría de dous tercios dos seus membros.

d) Polas demais causas recoñecidas no ordenamento xurídico.

4. No caso do seu cesamento ou falecemento, o consello regulador no prazo dun mes proporá un candidato para a designación de novo presidente, comunicándollo á Consellería de Agricultura, Gandería e Política Agroalimentaria para o seu nomeamento.

5. As sesións de constitución do consello regulador, e as que teñen por obxecto a elección de presidente, serán presididas por unha mesa de idade, composta polo vocal de maior idade e os dous máis novos.

Artigo 36º

Correspóndelle ó vicepresidente do consello regulador substituílo ó presidente nos casos de ausencia, enfermidade e nos demais previstos neste regulamento.

No exercicio das súas funcións en defecto do presidente, o vicepresidente terá as mesmas competencias e obrigas daquel.

Artigo 37º

1. O consello reunirase cando o convoque o presidente, ben por iniciativa propia ou ben por petición da metade dos vocais, sendo obrigatorio celebrar sesión polo menos unha vez cada trimestre.

2. As sesións do consello regulador convocaranse polo menos con oito días de antelación, debendo acompañar á citación a orde do día para a reunión, na que non se poderán tratar máis asuntos que os previamente sinalados.

Para a inclusión na orde do día dun asunto determinado, non incorporado polo presidente, será necesario que o soliciten polo menos tres vocais, con catro días de antelación como mínimo.

No caso de necesidade, cando así o requira a urxencia do asunto a xuízo do presidente, citarase os vocais polos medios adecuados, con vintecatro horas de anticipación como mínimo.

Na falta de convocatoria e con carácter excepcional, o consello regulador quedará validamente constituído cando estean presentes a totalidade dos seus membros e así o acorden por unanimidade.

3. Cando un titular non poida asistir a unha sesión notificarao ó consello regulador, expresando a causa da súa ausencia, para o efecto de que poida ser substituído polo seu suplente.

4. Os acordos do consello regulador da denominación de orixe Arzúa-Ulloa adoptaranse por maioría dos membros presentes, e para que estes sexan válidos será

necesario que estean máis da metade dos seus membros. O presidente terá voto de calidade.

5. Para resolver cuestións de trámite ou naqueles casos en que se considere necesario poderá constituírse unha comisión permanente, que estará formada polo presidente do consello regulador e polo menos dous vocais titulares designados polo pleno, un en representación de cada sector.

Na sesión en que se acorde a constitución da dita comisión permanente aprobaranse tamén as misións específicas que lle competen e as funcións que exercerá.

6. O pleno do consello regulador poderá nomear, sen contravi-la lexislación vixente, unha comisión de cualificación, coa misión específica de acorda-la cualificación, descualificación ou emprazamento das partidas de queixo sometidas ó control do consello, de acordo cos informes técnicos correspondentes.

7. Así mesmo, o pleno poderá establecer outras comisións para tratar ou resolver asuntos concretos.

8. Tódalas resolucións que tome a comisión permanente, a comisión de cualificación ou outras comisións, serán comunicadas ó pleno do consello na primeira reunión que este celebre.

Artigo 38º

1. Para o cumprimento dos seus fins, o consello regulador contará co persoal necesario, de acordo co cadro de persoal aprobado polo pleno e que figure dotado no seu orzamento.

2. O consello regulador terá un secretario designado polo propio consello por proposta do presidente, do que dependerá directamente, e que terá como cometidos específicos os seguintes:

a) Prepara-los traballos do consello e tramita-la execución dos seus acordos.

b) Asistir ás sesións con voz pero sen voto, cursa-las convocatorias, levanta-las actas e custodia-los libros e documentos do consello.

c) Os asuntos relativos o réxime interior do consello, tanto de persoal como administrativos, exercendo a xefatura inmediata sobre o persoal.

d) Actuar como instructor nos expedientes sancionadores incoados polo consello regulador.

e) As demais funcións que lle encomende o presidente, relacionadas coa preparación e instrumentación dos asuntos da competencia do consello.

3. Para as funcións técnicas que ten encomendadas, o consello regulador contará cos servicios técnicos necesarios, recaendo a súa dirección en técnico competente designado polo consello por proposta do presidente.

4. Para os servicios de control e vixilancia contará con vedores propios, encadrados dentro dos servicios técnicos. Estes vedores serán designados polo consello regulador e habilitados pola Consellería de Agricultura, Gandería e Política Agroalimentaria, logo da solicitude do consello.

Terán as seguintes funcións inspectoras:

a) Sobre as explotacións gandeiras situadas na zona de producción e inscritas no correspondente rexistro da denominación de orixe.

b) Sobre as queixerías e locais de maduración situados na zona de elaboración e inscritos no correspondente rexistro da denominación.

c) Sobre o leite e queixos na zona de producción, elaboración e maduración.

d) Sobre os queixos protexidos pola denominación.

5. O consello regulador poderá establecer acordos coas explotacións gandeiras e queixerías, para lograr que o programa de actuación dos seus servicios de inspección sexa totalmente operativo.

6. O consello regulador poderá contrata-lo persoal necesario para efectuar traballos urxentes, sempre que teña aprobada no seu orzamento dotación para este concepto.

7. A todo o persoal do consello, tanto de carácter fixo como eventual, aplicaráselle a lexislación laboral vixente.

8. O consello regulador poderá contar coa axuda dun equipo de asesoramento formado por profesionais do sector de recoñecido prestixio no seu ámbito de traballo, e elixidos polo propio consello. Os informes dictados por este equipo non serán en ningún caso vinculantes.

Artigo 39º

1. O financiamento das obrigas do consello regulador efectuarase cos seguintes recursos:

1.1. Co producto das exaccións parafiscais que se fixan no artigo 90 da Lei 25/1970, do 2 de decembro, ás que se aplicarán os seguintes tipos:

a) Ata o 1%, á exacción sobre o valor do leite entregado ás queixerías inscritas para elabora-lo queixo Arzúa-Ulloa.

b) Ata o 1,5%, á exacción sobre o valor dos queixos cualificados aptos para ser protexidos pola denominación.

c) Pola expedición de certificados ou visados de facturas haberá que aterse ó establecido en cada caso pola normativa vixente.

d) O dobre do prezo do custo, sobre as contraetiquetas ou precintos.

Os suxeitos pasivos de cada unha destas exaccións son:

Da a), os titulares das explotacións gandeiras inscritas.

Da b), os titulares das queixerías e locais de maduración inscritos que expidan queixos ó mercado amparados pola denominación de orixe Arzúa-Ulloa.

Da c), os titulares das empresas inscritas que soliciten certificados ou visados de facturas.

Da d), os titulares das queixerías e locais de maduración inscritos que soliciten contraetiquetas ou precintos.

1.2. As subvencións, legados, donativos e demais transmisións de bens e dereitos a título gratuíto, das que sexa beneficiario o consello regulador.

1.3. As cantidades que puidesen percibirse en concepto de indemnización por danos e perdas ocasionados ó consello regulador ou ós intereses que representa.

1.4. Os bens que constitúen o seu patrimonio e os productos e vendas del.

2. Os tipos impositivos fixados neste artigo poderán ser variados, por proposta do consello regulador, pola Consellería de Agricultura, Gandería e Política Agroalimentaria, dentro dos límites sinalados no artigo 90 da Lei 25/1970, do 2 de decembro, e no seu regulamento aprobado polo Decreto 835/1972, do 23 de marzo, cando as necesidades orzamentarias do consello así o recomenden.

3. A xestión dos ingresos e gastos que figuren no orzamento correspóndelle ó consello regulador.

4. A aprobación do orzamento do consello regulador e da súa contabilidade será efectuada pola Consellería de Agricultura, Gandería e Política Agroalimentaria da Xunta de Galicia, de acordo coas normas establecidas por este organismo, e coas atribucións e funcións que lle asigne a lexislación vixente na dita materia.

Artigo 40º

1. Os acordos do consello regulador que non teñan carácter particular e afecten a unha pluralidade de suxeitos relacionados coa producción, elaboración e maduración do queixo Arzúa-Ulloa, poderán notificarse mediante o envío de circulares ós seus inscritos e expoñéndoas nas oficinas do consello. Tamén se remitirán ás organizacións do sector legalmente constituídas e ás casas dos concellos incluídos na área xeográfica desta denominación de orixe, e/ou a exposición das ditas circulares publicarase polo menos nun dos medios seguintes: Diario Oficial de Galicia ou xornal de maior tirada na dita Comunidade Autónoma.

2. Contra os acordos e resolucións que adopte o consello regulador poderase interpor recurso, en todo caso, ante a Consellería de Agricultura, Gandería e Política Agroalimentaria da Xunta de Galicia, dentro do prazo dun mes contado desde a comunicación daqueles, tal como prevén os artigos 114 e concordantes da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Capítulo VIII

Das infraccións, sancións e procedemento

Artigo 41º

Tódalas actuacións que sexa necesario desenvolver en materia de expedientes sancionadores axustaranse ás normas deste regulamento; ás da Lei 25/1970, do 2 de decembro, do Estatuto da viña, do viño e dos alcois, e do seu regulamento aprobado polo Decreto 835/1972, do 23 de marzo; o Real decreto 1945/1983, do 22 de xuño, que regula as infraccións e sancións en materia de defensa do consumidor e da producción agroalimentaria, en canto lles sexa de aplicación; á Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común; ó Regulamento do procedemento para o exercicio da potestade sancionadora, aprobado polo Real decreto 1398/1993, do 4 de agosto; e a cantas disposicións xerais estean vixentes no seu momento sobre a materia.

Artigo 42º

1. Ás infraccións do disposto no presente regulamento e dos acordos deste consello regulador serán sancionadas con apercibimento, multa, comiso da mercadoría, suspensión temporal no uso da denominación de orixe ou baixa no correspondente rexistro ou rexistros desta, conforme se expresa nos artigos seguintes, sen prexuízo das sancións que por contravi-la lexislación xeral sobre a materia poidan ser impostas.

2. As bases para a imposición de multas determinaranse de acordo co artigo 120 do Decreto 835/1972, do 23 de marzo.

Artigo 43º

1. As infraccións cometidas polas persoas inscritas nos rexistros da denominación de orixe contra o presente regulamento e os acordos do consello regulador clasifícanse en:

a) Faltas administrativas.

b) Infraccións do establecido neste regulamento sobre producción, elaboración, maduración e características dos queixos protexidos.

c) Infraccións por uso indebido da denominación ou por actos que poidan causarlle prexuízo ou desprestixio.

d) Infraccións por obstrucción das tarefas inspectores ou de control do consello regulador ou dos seus axentes autorizados, conforme o establecido no artigo 5.2º do Real decreto 1945/1983, do 22 de xuño.

Artigo 44º

1. Son faltas administrativas, en xeral, as inexactitudes e omisións nas declaracións, documentos comerciais autorizados, asentos, libros de rexistro, fichas de control e demais documentos e, especialmente, as seguintes:

a) Inexactitudes e omisións de datos e comprobantes, nos casos en que sexan necesarios para a inscrición nos distintos rexistros, sempre que non sexan determinantes para a inscrición.

b) Non comunicarlle antes dun mes ó consello regulador, desde o momento no que se produza, calquera variación que afecte ós datos subministrados no momento da inscrición nos rexistros.

c) O incumprimento por inexactitude ou omisión do establecido neste regulamento e nos acordos do consello regulador sobre declaracións de producción e/ou recollida de leite para obter queixo Arzúa-Ulloa, e sobre declaracións de elaboración, maduración e/ou existencias do citado queixo.

d) O incumprimento da normativa vixente na expedición de productos, en referencia ó citado no artigo 26º deste regulamento.

e) Na falta de libros de rexistro, fichas de control, ou cantos outros documentos sexan obrigatorios conforme o presente regulamento.

f) Ás restantes infraccións do regulamento ou dos acordos do consello regulador na materia á que se refire este artigo.

2. As faltas administrativas sancionaranse con apercibimento, ou con multa do 1 ó 10% do valor dos productos afectados.

Artigo 45º

1. Son infraccións das normas establecidas neste regulamento sobre producción, elaboración, maduración e características dos queixos amparados, as seguintes:

a) O incumprimento das normas sobre prácticas de producción, conservación e transporte do leite.

b) Expedir ou utilizar para a elaboración dos queixos a amparar, leite que non cumpra a normativa vixente ou previamente descualificado.

c) Empregar na elaboración dos queixos protexidos leite procedente de especies ou razas distintas das aquí recollidas.

d) Empregar na elaboración do queixo Arzúa-Ulloa de Granxa leite procedente doutras explotacións gandeiras distintas da propia.

e) Incumpri-las normas de elaboración e maduración dos queixos.

f) Empregar na elaboración do queixo a protexer productos non autorizados neste regulamento.

g) Incumpri-lo tempo mínimo de maduración, sobre todo no queixo Arzúa-Ulloa curado.

h) Expedir queixos previamente descualificados ou emprazados sen autorización do consello.

i) Subministrar información ou documentación falsa.

j) As restantes infraccións que se produzan contra o disposto no regulamento ou contra os acordos do consello regulador na materia á que se refire este artigo.

2. Estas infraccións sancionaranse con multa do 2 ó 20% do valor dos productos afectados. Ademais neste caso poderá ser aplicado o comiso.

Artigo 46º

1. Son infraccións por uso indebido da denominación de orixe ou por actos que poidan causarlle prexuízo ou desprestixio, as seguintes:

a) A utilización de nomes comerciais, marcas, símbolos ou emblemas que fagan referencia á denominación de orixe Arzúa-Ulloa ou ós nomes protexidos por ela, na comercialización doutros queixos non protexidos, de derivados lácteos ou doutros productos de similar especie, así como as infraccións dos artigos 24º e 25º do regulamento.

b) O uso da denominación de orixe en queixos que non fosen producidos, elaborados, madurados e comercializados conforme as normas establecidas pola lexislación vixente e por este regulamento, ou que non cumpran as condicións analíticas e organolépticas que deban caracterizalos.

c) O emprego de nomes comerciais, marcas ou etiquetas non aprobados polo consello regulador.

d) As infraccións do disposto no artigo 21º deste regulamento.

e) A indebida tenza, negociación ou utilización dos documentos, precintas, etiquetas, contraetiquetas, selos, etc., propios da denominación ou do consello regulador.

f) A existencia de leite ou queixos nos locais de elaboración e maduración inscritos, sen a preceptiva documentación que ampare a súa orixe como producto protexido pola denominación; ou a presencia nestas instalacións de documentación que acredite unhas existencias de leite ou queixos protexidos pola denominación, sen a contrapartida destes productos. A cantidade de queixo nas ditas instalacións debe coincidir coas existencias declaradas documentalmente, se ben o consello regulador non entenderá como infracción diferencias inferiores ó 2%, tanto por exceso como por defecto.

g) A expedición de queixos que non correspondan ás características de calidade mencionadas nos seus medios de comercialización.

h) A expedición, circulación ou comercialización de queixos amparados cun recobremento superficial ou en tipos de envases non aprobados polo consello regulador.

i) A expedición, circulación, ou comercialización de queixos amparados pola denominación de orixe desprovistos das precintas ou contraetiquetas numeradas, ou carentes dos medios de control establecidos polo consello.

j) Efectua-lo envasado, etiquetado ou contraetiquetado dos queixos protexidos en industrias queixeiras que non sexan as inscritas e autorizadas polo consello regulador, ou non axustarse ós acordos do consello nesta materia.

k) O incumprimento do establecido neste regulamento ou nos acordos do consello regulador, no referente á presentación, documentación, precintado e transporte de queixos para a exportación.

l) Falsear ou omitir nas declaracións para a inscrición nos diferentes rexistros os datos e/ou comprobantes que en cada caso sexan necesarios, sempre que sexan determinantes para a inscrición.

ll) A manipulación, traslado ou disposición en calquera forma de productos intervidos cautelarmente polo consello.

m) Non estar ó día de pagamento das exaccións parafiscais previstas no artigo 39º, por parte dos suxeitos pasivos de cada unha das exaccións.

n) En xeral, calquera acto que contraveña o disposto no presente regulamento ou nos acordos do consello regulador, e que prexudique ou desprestixie a denominación de orixe Arzúa-Ulloa ou supoña un uso indebido dela.

2. Estas infraccións sancionaranse con multa que irá desde vinte mil pesetas ata o dobre do valor da mercadoría ou productos afectados, sempre e cando este valor supere a dita cantidade, levando aparellado o comiso do producto ou productos en cuestión.

Artigo 47º

1. Son infraccións por obstrucción ás tarefas inspectoras ou de control do consello regulador, as seguintes:

a) A negativa ou resistencia a subministra-los datos, facilita-la información ou permiti-lo acceso á docu

mentación requirida polo consello regulador ou os seus axentes autorizados, para o cumprimento das funcións de información, vixilancia, investigación, inspección, tramitación e execución, nas materias ás que se refire o presente regulamento; ou as demoras inxustificadas para facilita-los ditos datos, información ou documentación.

b) A negativa á entrada ou permanencia dos vedores do consello nas explotacións gandeiras, salas de muxidura, queixerías, locais de maduración e demais instalacións inscritas, e nos seus anexos.

c) A resistencia, coacción, ameaza, represalia ou calquera outra forma de presión ós vedores ou representantes do consello regulador, así como a tentativa de exercer tales actos.

2. Estas infraccións sancionaranse de acordo co establecido no Real decreto 1945/1983, do 22 de xuño.

Artigo 48º

1. As infraccións cometidas polas persoas non inscritas nos rexistros do consello regulador, son:

a) Usar indebidamente a denominación de orixe Arzúa-Ulloa.

b) Utilizar nomes comerciais, marcas, expresións, signos ou emblemas que pola súa identidade ou similitude gráfica, fonética ou semántica cos nomes protexidos pola denominación de orixe Arzúa-Ulloa, ou con signos ou emblemas característicos dela, poidan inducir á confusión sobre a natureza e a orixe dos productos, sen prexuízo dos dereitos adquiridos que sexan debidamente recoñecidos polos organismos competentes.

c) Emprega-los nomes xeográficos protexidos por esta denominación de orixe en etiquetas e propaganda de queixos ou outros derivados lácteos que non teñan dereito ó seu uso, aínda que vaian precedidos polo termo tipo ou outros análogos.

d) Calquera acción que cause prexuízo ou desprestixio á denominación de orixe Arzúa-Ulloa e tenda a producir confusión no consumidor con respecto a ela.

2. Estas infraccións sancionaranse con multa que irá desde vinte mil pesetas ata o dobre do valor da mercadoría ou productos afectados cando este valor supere a dita cantidade, e ademais co seu comiso.

Artigo 49º

Para a aplicación das sancións previstas nos artigos anteriores teranse en conta as seguintes normas:

1. Aplicaranse no seu grao mínimo cando:

a) Se trate de simples irregularidades na observancia das regulamentacións, sen transcendencia directa para os consumidores ou que non supoñan especial beneficio para o infractor.

b) Se emenden os defectos no prazo establecido para iso polo consello regulador.

c) Se probe que non existiu má fe.

2. Aplicaranse no seu grao medio cando:

a) A infracción teña transcendencia directa sobre os consumidores ou supoña un beneficio especial para o infractor.

b) Non se emenden os defectos no prazo sinalado polo consello.

c) A infracción se produza por unha actuación neglixente, con inobservancia das normas de actuación expresamente acordadas polo consello regulador.

d) En tódolos demais casos en que non proceda a aplicación dos graos mínimo ou máximo.

3. Aplicaranse no seu grao máximo cando:

a) Se produza reiteración na negativa a facilitar información, prestar colaboración ou permiti-lo acceso á documentación esixida neste regulamento ou nos acordos do consello regulador.

b) Se probe manifesta má fe.

c) Se deriven da infracción graves prexuízos para a denominación, os seus inscritos e/ou os consumidores.

d) Se producise obstrucción ós vedores do consello na investigación da infracción.

4. Poderase aplica-la suspensión temporal do uso da denominación ou a baixa nos rexistros dela, sempre que se respete o establecido no artigo 129 da Lei 30/1992, e no título V da Lei 25/1970 e do Decreto 835/1972.

A suspensión do dereito ó uso da denominación de orixe levará consigo a suspensión do dereito a obter e utilizar certificados de orixe, precintas, contraetiquetas e demais documentos do consello regulador, así como a utilización de todos aqueles símbolos, emblemas, etc., que supoñan unha vinculación coa denominación.

A baixa suporá a exclusión do infractor nos rexistros do consello e, como consecuencia, a perda dos dereitos inherentes á denominación de orixe.

Artigo 50º

Considérase que hai reincidencia cando o infractor fose sancionado, mediante resolución firme, por unha infracción das comprendidas no presente regulamento, durante os cinco anos anteriores.

En caso de reincidencia as multas serán superiores nun 50% ás máximas establecidas neste regulamento. Se o reincidente cometera unha nova infracción, as multas poderán ser elevadas ata o triple dos ditos máximos.

Artigo 51º

1. Poderá ser aplicado o comiso dos productos como sanción única ou como accesoria doutra principal, se é o caso, ou o pagamento do importe de seu valor cando o comiso non sexa factible.

2. No caso de desaparición, cambio ou calquera manipulación efectuada sobre a mercadoría retida, intervida ou comisada aplicarase disposto no Código Penal.

Artigo 52º

1. O procedemento sancionador poderá iniciarse en virtude das actas levantadas polos vedores do consello regulador, por comunicación dalgunha autoridade ou órgano administrativo, ou por denuncia formulada polos particulares sobre algún feito ou conducta que poida ser constitutivo de infracción.

2. As actas de inspección levantaranse por triplicado e serán asinadas polo vedor e polo dono ou representante da explotación gandeira, queixería ou local de maduración, ou polo encargado da custodia da mercadoría, en poder do cal quedará unha copia do acta.

Ambos asinantes poderán facer constar na acta cantos datos ou manifestacións consideren convenientes para a estimación dos feitos que se consignan nela, así como cantas incidencias ocorran no transcurso do acto de inspección ou levantamento da acta.

As circunstancias que o vedor consigne na acta consideraranse feitos probados, salvo que pola outra parte se demostre o contrario.

Se o interesado na inspección se negara a asina-la acta farao constar así o vedor, procurando a sinatura dalgún axente da autoridade ou testemuña.

3. No caso de que o vedor, o dono da mercadoría ou o representante desta o consideren conveniente tomaranse mostras do producto obxecto de inspección. Cada mostra tomarase polo menos por triplicado e en cantidade suficiente para o seu exame e análise. Precintarase e etiquetarase, quedando unha como testemuña en poder do interesado.

4. Cando o vedor que levante a acta o considere necesario poderá dispor que a mercadoría, etiquetas, contraetiquetas e outros artigos queden retidos ata que o instructor do expediente dispoña o pertinente, dentro do prazo máis breve posible, cun máximo de quince días hábiles a partir da data de levantamento da acta de inspección.

Os productos retidos consideraranse como productos en depósito, non podendo por tanto ser trasladados, manipulados, ofrecidos en venda ou vendidos. No caso de que se considere procedente, poderán ser precintados.

Artigo 53º

1. A incoación e instrucción dos expedientes sancionadores corresponderalle ó consello regulador cando o infractor estea inscrito nalgún dos seus rexistros.

Nos demais casos, o consello porao en coñecemento dos órganos competentes da Consellería de Agricultura, Gandería e Política Agroalimentaria.

2. Con anterioridade á iniciación do procedemento sancionador o consello regulador poderá realizar actuacións previas, solicitando os informes necesarios das persoas que considere convenientes, co fin de determinar se concorren circunstancias que xustifiquen tal iniciación.

3. A resolución dos expedientes incoados polo consello regulador correspóndelle ó propio consello cando a sanción non exceda de cincuenta mil pesetas. Se excedese desta cantidade elevará proposta sobre a súa resolución á Consellería de Agricultura, Gandería e Política Agroalimentaria.

Para o efecto de determina-la competencia a que se refire o apartado anterior, adicionarase o valor do comiso ó importe da multa.

4. Nos expedientes de carácter sancionador incoados polo consello regulador deberá actuar como instructor o secretario do consello, e como secretario exercerá o seu letrado ou no caso de non habelo unha persoa

ó seu servicio, asegurando sempre a adecuada separación entre as fases de instrucción e resolución, de acordo coa Lei 30/1992, do 26 de novembro.

5. A decisión sobre o comiso definitivo dos productos ou o destino destes corresponderalle a quen teña atribuída a facultade de resolve-lo expediente.

Artigo 54º

Das infraccións en productos etiquetados e/ou contraetiquetados será responsable a firma ou razón social da que o seu nome figure na etiqueta. Sobre as que se producisen en productos a granel, o posuidor destes. As que se deriven do transporte da mercadoría, recaerá a responsabilidade nas persoas que determine a lexislación vixente.

Artigo 55º

Nos casos en que a infracción concirna ó uso indebido da denominación, o consello regulador, sen prexuízo das actuacións e sancións administrativas pertinentes, poderá acudir ós tribunais de xustiza, exercendo as accións civís e penais oportunas debidamente recoñecidas pola lexislación vixente.

80