Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 4 Xoves, 08 de xaneiro de 1998 Páx. 164

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

MINISTERIO DE FOMENTO

ORDE do 23 de decembro de 1997 pola que se aproba o plan de utilización dos espacios portuarios do porto de Marín-Pontevedra.

A Lei 27/1992, do 24 de novembro, de portos do Estado e da mariña mercante, establece no seu artigo 15 que o Ministerio de Fomento delimitará nos portos de competencia estatal unha zona de servicio que incluirá as superficies de terra e de auga necesarias a tarefas complementarias daquelas e os espacios de reserva que garantan a posibilidade de desenvolvemento da actividade portuaria.

A delimitación da zona de servicio, engade o artigo citado, farase, por proposta da autoridade portuaria, a través dun plan de utilización dos espacios portuarios que incluirá os usos previstos para as diferentes zonas do porto, así como a xustificación da necesidade ou conveniencia dos devanditos usos.

A aprobación do plan de utilización dos espacios portuarios correspóndelle ó Ministerio de Fomento, logo de informe de Portos do Estado, da Dirección Xeral de Costas e das administracións urbanísticas sobre os aspecto da súa competencia, así como dos demais departamentos ministeriais e administracións públicas afectadas, e levará implícita a declaración de utilidade privada, así como afectación ó uso portuario dos bens de dominio público incluídos na zona de servicio que sexan de interese para o porto.

De conformidade co disposto no citado precepto formulouse e tramitouse o plan de utilización dos espacios portuarios do porto de Marín-Pontevedra, no que se tiveron en conta as necesidades de augas abrigadas, liñas de atraque e superficies de terra que son necesarias para poder atender debidamente a demanda de tráfico do porto Marín-Pontevedra nos próximos anos.

O espacio terrestre da zona de servicio do porto afecta os concellos de Marín e de Pontevedra, e aparece estructurado en cinco zonas homoxéneas ás que se asignan os usos portuarios precisos, incluíndose a rede viaria principal, cos seus accesos.

A superficie terrestre da zona de servicio non experimenta máis modificación verbo da aprobada por orde do Ministerio de Obras Públicas e Urbanismo do 3 de maio de 1989, subsistente ata a aprobación deste plan de utilización de conformidade co establecido na disposición adicional primeira da Lei de portos do Estado e da mariña mercante, que a exclusión dunha parcela destinada a aparcamientos situada na praza do Marqués de Valterra, fóra do recinto portuario e de uso urbano, a cal, ó non cumpri-la súa permanencia na zona de servicio, se desafecta do dominio público portuario estatal.

A delimitación das zonas I e II das augas portuarias non sofre ningunha modificación e mantense a actualmente existente aprobada por orde do Ministerio de Obras Públicas e Urbanismo do 11 de decembro de 1985.

Na súa virtude, proposta da Autoridade Portuaria Marín-Pontevedra, e cumpridos os trámites esixidos no artigo 15 da Lei 27/1992, do 24 de novembro, de portos do Estado e da mariña mercante,

DISPOÑO:

1º.-Apróbase o plan de utilización dos espacios portuarios do porto de Marín-Pontevedra, integrado pola súa memoria e polos correspondentes planos, que inclúe os usos previstos para as diferentes zonas do porto e a xustificación da súa necesidade ou conveniencia, así como a delimitación da zona de servicio do porto na que se inclúen as superficies de terra e auga necesarias para a execución das súas actividades e as destinadas a tarefas complementarias daquelas.

O plan de utilización dos espacios portuarios non incorporan á zona de servicio ningún espacio de reserva que garanta o desenvolvemento da actividade portuaria, toda vez que esta quedará asegurada coas ampliacións portuarias previstas no propio plan de utilización.

2º.-O espacio terrestre da zona de servicio do porto non experimenta modificación, salvo a exclusión dun terreo destinado a aparcamientos situado na praza do Marqués de Valterra, fóra do recinto portuario, que queda desafectado do dominio público portuario estatal.

Xa que logo, a superficie terrestre da zona de servicio do porto de Marín-Pontevedra comprende a zona marítimo-terrestre e os espacios delimitados, ó oeste, polas instalacións da Escola Naval Militar; ó leste, pola Punta de Praceres; ó sur, por toda a lonxitude da avenida de Ourense de Marín e o tramo da estrada de Marín a Pontevedra, que pechan o porto e o arredan das zonas urbanas.

3º.-As superficies de auga incluídas na zona de servicio do porto tampouco experimenta ningún cambio, e son as seguintes:

-Zona I: a comprendida ó leste da liña imaxinaria que une Punta Campelo, na costa norte, con Punta Tenlo Chico, na isla de Tambo, e esta mesma punta co arranque do dique oeste do porto militar de Marín, na costa sur.

-Zona II: toda a ría de Pontevedra e a enseada de Aldán, limitada pola costa e as liñas imaxinarias de unión de Punta Faxilda, na costa norte, con Punta Melide, na illa de Ons, e de Punta Fedorento, nesta illa, con Punta Couso, na costa sur, con excepción das áreas definidas como zona I dos portos que comprende.

Madrid, 23 de decembro de 1997.

Rafael Arias-Salgado Montalvo

Ministro de Fomento

Secretario de Estado de Infraestructuras e Transportes, Presidente do Ente Público Portos do Estado e Presidente da Autoridade Portuaria de Marín-Pontevedra

10459