Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 3 Mércores, 07 de xaneiro de 1998 Páx. 104

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE EDUCACIÓN E ORDENACIÓN UNIVERSITARIA

RESOLUCIÓN do 2 de xaneiro de 1998, da Dirección Xeral de Persoal, pola que se convoca o procedemento de acreditación para o exercicio da dirección nos centros docentes públicos non universitarios.

A Orde do 21 de maio de 1996 estableceu as normas xerais para a realización de convocatorias anuais co fin de que os profesores con destino nos centros públicos docentes no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia poidan solicita-la acreditación para o exercicio da dirección e participar nas eleccións que para estes efectos se convoquen.

Na súa virtude, esta dirección xeral resolveu convoca-lo procedemento de acreditación para o exercicio da dirección nos centros públicos docentes no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia, de acordo coas seguintes bases:

1. Convocatoria.

Convócase procedemento de acreditación para o exercicio da dirección nos centros docentes públicos no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia.

2. Requisitos de participación.

2.1. Ser funcionario de carreira, en situación de servicio activo, dos corpos ou escalas sinalados pola Lei orgánica 1/1990, do 3 de outubro.

2.2. Ter destino nun centro na actualidade dependente da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria.

3. Solicitudes.

3.1. Os participantes no presente procedemento formalizarán a solicitude en instancia axustada ó modelo recollido no anexo I desta resolución.

3.2. O prazo de presentación das solicitudes será de trinta días naturais a partir do seguinte ó da publicación desta convocatoria no Diario Oficial de Galicia.

3.3. As solicitudes, xunto coa documentación sinalada no apartado 3.4 da presente resolución, presentarase na delegación provincial da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria na que preste servicios o solicitante.

3.4. Xunto coa solicitude os interesados presentarán:

a) Documentación acreditativa do requisito de formación ou de titulación.

b) Certificación do centro no que exerceu funcións directivas coa especificación do cargo directivo e o tempo de desempeño deste co obxecto de valora-lo traballo desenvolvido no exercicio dos cargos correspondentes ós órganos unipersoais de goberno.

4. Comisións de acreditación.

4.1. En cada delegación provincial constituirase unha comisión de acreditación, designada polo delegado provincial correspondente, que estará composta por:

-O inspector xefe do servicio da inspección educativa da respectiva provincia, que actuará como presidente.

-Dous inspectores do servicio da inspección educativa da mesma provincia.

-Dous directores de centros públicos docentes da Comunidade Autónoma de Galicia de entre os acreditados para este cargo e que foran elixidos polos respectivos consellos escolares de centro.

4.2. As comisións de acreditación serán nomeadas e constituiranse no prazo de cinco días naturais a partir do día seguinte ó da publicación desta resolución. Por cada comisión titular será nomeada unha comisión suplente.

4.3. As comisións de acreditación, unha vez constituídas, terán a súa sede oficial nas dependencias da delegación provincial da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria.

5. Fases do procedemento.

O procedemento de acreditación consta de dúas fases:

5.1. Fase primeira.-Nesta fase as comisións de acreditación comprobarán que os aspirantes reúnen os requisitos de formación ou de titulación, previstos no artigo 3.2º a) do Decreto 176/1996, do 17 de maio.

5.1.1. A xustificación documental tanto do requisito de formación, como do requisito de titulación farase da forma indicada no anexo II desta resolución.

5.1.2. As comisións de acreditación, trala comprobación de que os solicitantes reúnen o requisito de formación, publicarán nos taboleiros de anuncios das delegacións provinciais a relación provisional de aspirantes que xustificaron estar en posesión deste requisito. Esta publicación realizarase nos dez días naturais seguintes ó remate do prazo de presentación de solicitudes.

Contra desta resolución os interesados poderán reclamar ante o presidente da comisión de acreditación, na delegación provincial correspondente, no prazo de cinco días naturais a partir do seguinte ó da súa publicación no taboleiro de anuncios,

Unha vez revisadas as reclamacións presentadas, as comisións de acreditación farán pública a relación definitiva dos aspirantes que reúnen o requisito de formación, dentro dos dez días seguintes ó remate do prazo de reclamación.

5.1.3. De acordo co establecido no artigo 4.1º da Orde do 21 de maio de 1996, as comisións de acreditación expedirán certificacións acreditativas da

formación ou titulación requirida de acordo co modelo recollido no anexo I da citada orde, para os efectos de que os profesores que non superen a segunda fase do procedemento poidan facelo valer en sucesivas convocatorias.

5.1.4. A superación da primeira fase é requisito para pasar á segunda fase.

5.2. Fase segunda.

5.2.1. Nesta fase realizarase a valoración do traballo desenvolvido polos solicitantes tendo en conta as obrigas e as tarefas propias do labor docente e do cargo que, se é o caso, desempeñaran.

5.2.2. A valoración da práctica docente recollerá, ademais do labor docente, as actividades relacionadas con ela, as iniciativas para mellorala, as actividades relacionadas coa coordinación pedagóxica, a participación na vida do centro, a atención ó alumnado e ás súas familias.

5.2.3. A valoración do traballo desenvolvido no exercicio dos cargos correspondentes ós órganos unipersoais do goberno considerará a eficacia na organización dos recursos, a participación na elaboración e posta en prácticas das liñas educativas do centro, así como as iniciativas adoptadas que contribuirán á mellora da calidade do ensino impartido no centro. Teranse en conta as competencias establecidas en cada cargo e as características e o contexto socioeducativo do centro.

5.2.4. A valoración desta segunda fase corresponderá á inspección educativa.

Cada inspector será o responsable da valoración dos profesores dos centros que teña asignados. A valoración realizarase segundo o procedemento establecido no artigo 6.2º da Orde do 21 de maio de 1996.

Os profesores que estean en destinos non relacionados directamente coa docencia serán valorados polos inspectores que designe a Subdirección Xeral da Inspección.

5.2.5. O Servicio de Inspección remitiralle ó solicitante, con anterioridade ó día 30 de abril de 1998, por correo certificado e con xustificante de recepción, o informe final no que consignará a puntuación total obtida en cada un dos apartados do baremo do anexo II da citada orde.

O profesor, en caso de desacordo, poderá reclamar ante o inspector-xefe do servicio provincial no prazo de cinco días naturais desde a recepción do informe.

As reclamacións serán resoltas nun prazo de cinco días naturais e o resultado da resolución deberá serlles comunicado ós interesados.

Contra desta resolución, o interesado poderá interpoñer recurso ordinario, no prazo dun mes, ante o delegado provincial, que porá fin á vía administrativa.

O inspector responsable da valoración remitiralle á comisión de acreditación correspondente os certificados de valoración, segundo o modelo publicado como anexo III da Orde do 21 de maio de 1996.

6. Resolución.

6.1. As comisións de acreditación, á vista dos certificados de valoración da inspección educativa, farán pública nos taboleiros de anuncios das delegacións provinciais, antes do día 15 de maio de 1998, unha lista provisional de candidatos que, por teren superadas as dúas fases do procedemento, obteñan a acreditación para o exercicio da dirección.

Contra desta resolución, os interesados poderán reclamar nun prazo de cinco días ante a mesma comisión. A comisión de acreditación resolverá no prazo de cinco días.

Unha vez resoltas as reclamacións presentadas, a comisión de acreditación fará pública a resolución definitiva coa relación de candidatos acreditados. Contra a resolución definitiva, os interesados poderán interpor recurso ordinario, no prazo dun mes, ante o delegado provincial, o que esgotará a vía administrativa.

6.2. O delegado provincial expedirá o documento de acreditación para o exercicio da dirección ó que fai referencia o artigo 2.2º do Decreto 176/1996 ós profesores acreditados pola comisión de acreditación e pertencentes ó seu ámbito provincial, de acordo co modelo do anexo IV da Orde do 13 de maio de 1996.

6.3. A acreditación para o exercicio da dirección será requisito imprescindible para ser candidato a director nos centros docentes públicos que impartan ensinanzas non universitarias. Así mesmo, permitirá que o interesado poida ser designado director nos termos establecidos no artigo 20 da Lei orgánica 9/1995.

7. Recurso.

Contra a presente resolución os interesados poderán interpor recurso contencioso-administrativo, no prazo de dous meses, contados a partir da súa publicación no Diario Oficial de Galicia, logo de comunicarllo ó órgano convocante, de conformidade co artigo 110.3º da Lei de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Santiago de Compostela, 2 de xaneiro de 1998.

Jaime García García

Director xeral de Persoal

ANEXO II

Requisitos ós que se refire a fase primeiraPuntos

(se é o

caso)

Documentación acreditativa

1. Formación específicaCertificación das actividades expedida polo órgano convocante na que conste a súa duración en horas e o seu contido.
2. TitulaciónFotocopia compulsada do título de licenciado en pedagoxía.

Fotocopia compulsada do título de doutor, licenciado ou diplomado xuntamente coa certificación de ter superados 12 créditos relacionados coa organización e xestión de centros educativos, ou Administración educativa.

Fotocopia compulsada do título de postgrao de duración e contidos que se axusten ó artigo 4º do Decreto 176/1996 polo que se regula a acreditación para o exercicio da dirección.

10533