Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 252 Mércores, 31 de decembro de 1997 Páx. 12.589

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE ECONOMÍA E FACENDA

ORDE do 26 de decembro de 1997 pola que se regula a xestión e o pagamento da taxa fiscal sobre o xogo realizado a través de máquinas recreativas con premio tipo B, ou de azar tipo C.

Os aspectos regulamentarios da xestión e o pagamento da taxa fiscal sobre o xogo realizado a través de máquinas recreativas con premios tipo B, ou de azar tipo C veñen regulados no ámbito territorial da nosa Comunidade Autónoma por dúas ordes: unha do 18 de xaneiro de 1991, do Ministerio de Economía e Facenda, que aproba o modelo de declaración-liquidación, e fixa os prazos de presentación, de ingreso da taxa, lugar ... e outra do 20 de decembro de 1994, da Consellería de Economía e Facenda, onde se establecen determinadas disposicións aclaratorias, obviamente só aplicables á Comunidade Autónoma de Galicia, ó contrario das disposicións da devandita orde antes, aplicable a tódalas comunidades ás que se cedese o tributo en cuestión.

A Lei 14/1996, do 30 de decembro, de cesión de tributos do Estado ás comunidades autónomas e de medidas fiscais complementarias, no seu artigo 13.6 establece que o alcance das competencias normativas que poden asumi-las comunidades autónomas respecto dos tributos sobre o xogo chega ata a regulación das exencións, bonificacións e o devengo, así como os aspectos de xestión, liquidación, recadación e inspección. Estas competencias foron asumidas pola nosa comunidade en virtude da Lei 32/1997, do 4 de agosto, de modificación do réxime de cesión de tributos do Estado á Comunidade Autónoma de Galicia.

No uso desa facultade e tendo como obxectivo tanto a modificación de determinados aspectos da xestión e o pagamento da taxa fiscal sobre o xogo realizado a

través de máquinas recreativas con premios tipo B, ou de azar tipo C, como a unificación das disposicións hoxe previstas en dúas normas distintas nunha soa, esta consellería,

DISPÓN:

Artigo 1º.-Modelo de declaración-liquidación.

O modelo de declaración-liquidación será o aprobado no artigo 1.1º da Orde do 18 de xaneiro de 1991, do Ministerio de Economía e Facenda, de desenvolvemento da Lei 31/1990 e aprobación de modelos da taxa fiscal sobre o xogo, sobre máquinas recreativas e que figura como anexo I da devandita orde.

Artigo 2º.-Prazos de presentación.

1. No caso de máquinas autorizadas en anos anteriores ó do devengo, os suxeitos pasivos deberán presentar nos vinte primeiros días naturais do mes de xaneiro unha declaración por cada máquina, practicando a liquidación pola cota anual legalmente establecida para o exercicio de que se trate e ingresando o primeiro dos pagamentos fraccionados a que se refire o artigo 3.5º.2 do Real decreto-lei 16/1997, do 25 de febreiro, polo que se regulan os aspectos penais, administrativos e fiscais dos xogos de sorte, envite ou azar na súa redacción dada pola Lei 31/1990, do 27 de decembro, de orzamentos xerais do Estado para 1991.

2. No mesmo prazo, a empresa operadora - suxeito pasivo deberá presentar relación de máquinas das que é titular o 1 de xaneiro e que se atopan nesa mesma data en situación de baixa temporal, ben aprobada administrativamente, ou solicitada e pendente de aprobación. Esta relación presentarase na delegación da Consellería de Economía e Facenda correspondente territorialmente en relación co domicilio social do suxeito pasivo.

3. Cando se trate de máquinas de nova autorización, ou que o día 1 de xaneiro se atopasen en situación de baixa temporal e se pretenda dalas novamente de alta, os suxeitos pasivos presentarán, con anterioridade ó outorgamento de devandita autorización ou alta, a declaración-liquidación a que se refire o apartado 1 deste artigo, practicando liquidación da cota anual e simultáneo ingreso dos trimestres xa vencidos ou correntes se se fai no primeiro semestre, ou liquidando o 50% da taxa se se fai no segundo semestre, utilizando para o ingreso o mesmo criterio.

Artigo 3º.-Troco de máquinas.

O suposto de troco de máquinas autorizado non supoñerá novo devengo da taxa e polo tanto, non se practicará liquidación; nembargantes, a empresa operadora poderá comunicarlle a circunstancia á Delegación da Consellería de Economía e Facenda onde se presentase declaración-liquidación pola autorización da máquina destruída á que substitúe a nova para os efectos de obtención do correspondente distintivo acreditativo.

Artigo 4º.-Ingreso da taxa.

Cando o ingreso sexa simultáneo á presentación da declaración liquidación, este efectuarase utilizando o modelo a que se refire o artigo 1º desta orde, na caixa da delegación ou en calquera das entidades colaboradoras autorizadas.

Cando se trate dos pagamentos fraccionados trimestrais subseguintes á presentación da declaración-liqui

dación, estes efectuaranse nos prazos fixados legalmente utilizando a carta de pagamento que para os efectos facilitará a correspondente delegación; esta carta de pagamento será única por empresa operadora - suxeito pasivo e comprenderá o total da débeda a que corresponda o prazo por tódalas máquinas das que a súa autorización motivou a presentación das declaracións-liquidacións no seu momento, e farase efectiva na caixa desa delegación territorial.

Artigo 5º.-Presentación.

As declaracións-liquidacións dirixiranse, con independencia do lugar onde se realizase o ingreso, á Delegación da Consellería de Economía e Facenda que corresponda territorialmente ó:

-Lugar onde se atope instalada a máquina o día 1 de xaneiro cando foran autorizadas en anos anteriores e teñan vixente o correspondente boletín de instalación.

No suposto de traslado dunha máquina a un lugar no territorio doutra delegación, entenderase que este se produce na data que a Consellería de Xustiza, Interior e Relacións Laborais autorice o devandito traslado.

-Lugar onde se atope a Delegación da Consellería de Xustiza, Interior e Relacións Laborais onde se solicite o servicio da explotación para aquelas máquinas en situación de suspensión provisional ou unha nova autorización.

-Lugar onde se atope a Delegación da Consellería de Xustiza, Interior e Relacións Laborais, depositaria do expediente administrativo correspondente ó día 1 de xaneiro cando se trate de máquinas autorizadas en anos anteriores, que non estean no caso anterior e que nesa data non teñan boletín de instalación vixente.

Artigo 6º.-Liquidación pola diferencia por modificación do prezo máximo autorizado para a partida.

No caso de modificación do prezo máximo autorizado para a partida en máquinas de tipo «B» producida con posterioridade ó devengo da taxa, os suxeitos pasivos que exploten máquinas con autorizacións de data anterior a aquela en que se autorice a suba, deberán autoliquida-la diferencia de cota que corresponda no modelo a que se refire o artigo 1º da presente orde, cubrindo os espacios destinados para o efecto. O incremento de cota que por esta causa corresponda ós trimestres dos que o seu prazo de presentación estivese vencido se ingresará simultaneamente á presentación da autoliquidación; os sucesivos, que incluirán o incremento que por esta razón proceda, ingresaranse consonte o disposto no segundo parágrafo do artigo 4º desta orde.

Artigo 7º.-Distintivo que acredita a presentación da autoliquidación.

Nos casos de presentación de declaración-liquidación ou autoliquidación, agás dos supostos do artigo 6, o Servicio de Xestión Tributaria da Delegación da Consellería de Economía e Facenda á que se dirixira a declaración-liquidación ou autoliquidación facilitará distintivo que acredita tal presentación, que deberá ser adherido á correspondente máquina.

O prazo en que o suxeito pasivo debe retirar do servicio correspondente o distintivo acreditativo a que se refire o parágrafo anterior será o comprendido entre o vixésimo e o derradeiro día do mes de febreiro nos casos de presentación dentro de prazo da taxa correspondente a máquinas, cando o devengo desta se pro

duciu o 1 de xaneiro, e nos 15 días naturais contados a partir da data de presentación da autoliquidación nos casos de nova autorización ou reinicio da explotación ou presentacións fóra de prazo.

O distintivo acreditativo a que se refire esta orde deberá adherirse á máquina no prazo dos quince días seguintes a súa retirada e permanecer adherido ata a súa substitución por outro novo.

Artigo 8º.-Distintivo acreditativo.

Apróbase o modelo de distintivo acreditativo a que se refire a presente orde e que será o que figura no seu anexo I.

Disposición derrogatoria

Queda derrogada a Orde do 20 de decembro de 1994, da Consellería de Economía e Facenda, pola que se dictan normas relativas ó pagamento da taxa fiscal sobre o xogo realizado a través de máquinas recreativas con premio tipo B, ou de azar tipo C.

Disposicións derradeiras

Primeira.-As disposicións contidas na orde do Ministerio de Economía e Facenda do 18 de xaneiro de 1991, de desenvolvemento da Lei 31/1990 e aprobación de modelos da taxa fiscal sobre o xogo sobre máquinas recreativas, agás do anexo I, non serán de aplicación no ámbito territorial da Comunidade Autónoma de Galicia.

Segunda.-Esta orde entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 26 de decembro de 1997.

José Antonio Orza Fernández

Conselleiro de Economía e Facenda

10534