Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 251 Martes, 30 de decembro de 1997 Páx. 12.550

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE XUSTIZA, INTERIOR E RELACIÓNS LABORAIS

RESOLUCIÓN do 17 de novembro de 1997, da Delegación Provincial de Pontevedra, pola que se dispón o rexistro, depósito e publicación, no Diario Oficial de Galicia, do convenio colectivo da empresa Real Aero Club de Vigo.

Visto o expediente do convenio colectivo para a empresa Real Aero Club de Vigo, que tivo entrada nesta delegación provincial o día 13-11-1997, subscrito en representación da parte económica por unha representación da empresa, e da parte social, polo delegado de persoal, en data 24-10-1997. De conformidade co disposto no artigo 90.2º e 3º, do Real decreto lexislativo 1/1995, do 24 de marzo, polo que se aproba o texto refundido da Lei do Estatuto dos traballadores, Real decreto 1040/1981, do 22 de maio, sobre rexistro e depósito de convenios colectivos de traballo e Real decreto 2412/1982, do 24 de xullo, sobre traspaso de funcións e servicios da Administración do Estado á Comunidade Autónoma de Galicia, en materia de traballo, esta delegación provincial,

ACORDA:

Primeiro.-Ordena-la súa inscrición no libro de rexistro de convenios colectivos de traballo, desta delegación provincial, e a notificación ás representacións económica e social da comisión negociadora.

Segundo.-Ordena-lo seu depósito no Servicio de Relacións Laborais, Sección de Mediación, Arbitraxe e Conciliación.

Terceiro.-Dispoñe-la súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Vigo, 17 de novembro de 1997.

Antonio Coello Bufill

Delegado provincial de Pontevedra

Convenio colectivo de traballo para a

empresa Real Aero Club de Vigo

Condicións xerais

Artigo 1º.-Ámbito de aplicación.

O presente convenio regulará a partir da data da súa entrada en vigor as relacións laborais entre a empresa Real Aero Club de Vigo e os seus productores.

Artigo 2º.-Vixencia.

Sen prexuízo da entrada en vigor por aprobación da autoridade laboral e publicación no BOP, os seus efectos económicos comezarán a rexer a partir do 1 de xaneiro de 1997.

Artigo 3º.-Duración e prórrogas.

A duración deste convenio será dun ano contado a partir da data da súa entrada en vigor, ata o 31 de decembro de 1997. Este convenio entenderase denunciado para tódolos efectos a partir do 1 de outubro de 1997, data en que as partes se comprometen a inicia-las negociacións dun novo convenio. Se no transcurso deste ano 1997 se asinase un convenio de ámbito provincial no sector de espectáculos e deportes, a partir desta data sería necesaria unha nova negociación.

Condicións laborais

Artigo 4º.-Vacacións.

O persoal comprendido no presente convenio desfrutará dun período anual de vacacións de trinta días naturais.

Artigo 5º.-Días non recuperables.

Os días non recuperables considéranse como horas extras e deberán ser aboados nos meses que corresponda ó 175%. Terán esta mesma consideración os días 24 e 31 de decembro.

Artigo 6º.-Horario laboral.

O horario de traballo nas distintas seccións do club estenderase, con carácter xeral, desde as 8.30 da mañá, ata as 12 da noite de luns a venres e 1.30 horas da madrugada os sábados. Dentro destas horas desenvolverase a xornada legal de 40 horas semanais por traballador. Para tal efecto e con referencia a cada unha das actividades que o club desenvolve, establécese o cadro horario específico para cada unha daquelas, que se lle xunta ó presente convenio.

Artigo 7º

Os traballadores que presten os seus servicios en domingos terán dereito a desfrutar un domingo de cada tres.

Artigo 8º.-Uniformes.

A empresa dotará o persoal con uniforme completo, incluído calzado adecuado, cada dous anos. Ós traballadores que realicen o seu traballo no campo a empresa proveraos con roupa de abrigo e de auga.

Artigo 9º.-Vestiario e aseos.

A empresa porá ó servicio do persoal vestiarios e aseos dotados de armarios, ducha e demais accesorios propios destes servicios, nas instalacións de Peinador, así como no local da r/ Reconquista.

Artigo 10º.-Excedencias.

O persoal afectado polo presente convenio que leve 2 anos ó servicio efectivo na empresa terá dereito a solicita-la excedencia voluntaria por un prazo non inferior a un mes nin superior a 5 anos, estando obrigada a empresa ó reingreso do excedente que o solicite, alomenos, cun mes de antelación da terminación do tempo de excedencia, e non poderá volver á situación de excedencia voluntaria ata transcorridos dous anos da terminación da anterior, continuando no momento do reingreso ou reincorporación coa mesma antigüidade que tiña no momento de pasar á situación de excedencia. Ben entendido que a obrigatoriedade a cargo da empresa de reincorpora-lo excedente é inescusable, contratándose para estes supostos unha persoa que substitúa o excedente cun contrato da mesma duración da excedencia.

Artigo 11º.-Licencias.

O persoal terá dereito a que se lle conceda permiso, con percepción dos salarios correspondentes, nos seguintes casos e polo tempo que se expresa:

1) Catro días por falecemento do cónxuxe, pais, fillos e pais do cónxuxe.

2) Dous días por falecemento de irmáns, irmáns políticos, netos e avós.

3) Un día por voda de fillos ou irmáns.

4) Catro días por parto de esposa.

5) Vinte días por voda do interesado.

6) Dous días por enfermidade grave, internamento en centro hospitalario ou falecemento de parentes ata o 2º grao de consanguinidade ou afinidade. En desprazamentos fóra da provincia, dous días máis.

Artigo 12º.-Revisión médica.

A empresa efectuaralles ós seus traballadores unha revisión médica cada ano, sempre e cando esta veña solicitada a través do delegado de persoal.

Artigo 13º.-Comedores.

A empresa porá á disposición do persoal que teña que comer no centro de traballo un local adecuado.

Condicións económicas

Artigo 14º.-Retribucións.

Na táboa salarial anexa sinálanse as retribucións correspondentes a cada categoría do persoal. As ditas retribucións serán consideradas como base do cálculo para tódolos efectos.

Artigo 15º.-Antigüidade.

Os aumentos periódicos por anos de servicio consistirán en trienios do 10% para o primeiro e o 6% para o segundo, ata un máximo do 60%. O tanto por cento calcúlase sobre o salario base, sempre dentro dos límites que marca a lei.

Artigo 16º.-Pagas extraordinarias.

O persoal afectado polo presente convenio recibirá anualmente tres pagas extraordinarias, polo importe dunha mensualidade, que serán efectivas nos días 31 de marzo, 17 de xullo e 15 de decembro.

Artigo 17º.-Incapacidade temporal.

Nos casos de enfermidade ou accidente que produza internamento en centro asistencial, a empresa aboaralles ós traballadores afectados unha cantidade que, engadida ás prestacións que aboa a Seguridade Social, complete o 100% do seu salario real, por incapacidade temporal. Tamén se aboará o dito 100% nos casos de incapacidade laboral en que a xunta directiva e os representantes laborais, logo dos oportunos asesoramentos, así o determinen.

Artigo 18º.-Nocturnidade.

Establécese un plus de nocturnidade polos traballos realizados despois das 22 horas, con exclusión dos correspondentes ó serenos, nunha cantidade de 6.551/7.736 ptas. mensuais, facéndose constar en nómina dos traballadores afectados por aquela circunstancia. Este plus incrementarase cada ano co tanto por cento acordado na táboa salarial.

Artigo 19º.-Manutención.

A empresa aboará por este concepto 25.625 ptas. mensuais. Esta cantidade incrementarase anualmente na mesma porcentaxe en que se incremente a táboa salarial.

Artigo 20º.-Bolsas.

A empresa establece para axuda dos estudios dos fillos dos productores dúas bolsas anuais por un importe de 25.000 ptas. cada unha. Para tal efecto durante o mes de agosto de cada ano, os productores interesados presentarán documentación de méritos escolares do beneficiario para quen se solicite e indefectiblemente as notas obtidas no curso anterior. Para poder beneficiarse delas, as notas terán que acadar un nivel mínimo de aprobado.

Artigo 21º.-Premio de xubilación.

Chegada a idade de xubilación e no momento en que o traballador cese na empresa, percibirá un premio equivalente ó importe de dúas mensualidades do seu último salario en activo, no caso de que levase ó servicio efectivo dela máis de 5 anos e menos de 10. Este premio elevarase á cifra de tres mensualidades no suposto de que os anos ó servicio efectivo dela fosen 10.

Se o traballador falecese antes da súa xubilación cumprindo calquera dos dous prazos de servicio efectivo na empresa que sinala o parágrafo anterior, a indemnización será percibida polo seu cónxuxe, ou no seu defecto polos fillos ou os ascendentes maiores de 70 anos. Nestes casos os importes de indemnización serán de tres mensualidades, se o servicio efectivo do traballador na empresa estivese comprendido entre os 5 e os 10 anos; de 6 mensualidades, entre 10 e 15 anos; de 9 mensualidades, entre os 15 e 20 anos e de 12 mensualidades, de 20 en diante.

Artigo 22º.-Plus de transporte.

Establécese un plus de transporte para o persoal de campo nunha contía de 5.125 pesetas, que se aboarán mensualmente nos doce meses do ano. Este concepto incrementarase anualmente na mesma porcentaxe en que se incremente a táboa salarial.

Este importe entrará en vigor a partir do 31 de outubro de 1997.

Artigo 23º.-Bolsa de Nadal.

Os traballadores percibirán da empresa a bolsa de Nadal en decembro.

Disposicións derradeiras

Artigo 24º.-Lexislación subsidiaria.

En todo o non previsto no presente convenio haberá que aterse ó que dispón a regulamentación de traballo para os locais de espectáculos e deportes, e demais lexislación de xeral aplicación.

Artigo 25º

Con idéntico termo de vixencia do convenio, queda constituída unha comisión paritaria co cometido específico de coñecer e pronunciarse sobre cantas cuestións de interpretación sobre o estipulado nel lle sexan formalmente sometidas. A comisión estará composta por dous membros; cada unha das partes designará un. Os ditos membros designados por cada parte deberán permanecer á comisión negociadora do convenio.

Os pronunciamentos das comisión non privará do dereito ó uso das vías administrativas ou xurisdiccionais.

Artigo 26º

O presente convenio está asinado polo delegado de persoal e polo secretario.

Polo delegado de persoalPola empresa

Táboa salarial 1997

Incremento 2,5%

Instructor de voo 118.543.

Oficial de 3ª 89.190.

Persoal administrativo:

Xerente 114.341.

Oficial 1ª administrativo 98.035.

Persoal campo:

Xardineiro xefe 91.348.

Xardineiro 85.788.

Peón 85.788.

Persoal subalterno:

Conserxe 89.190.

Sereno 85.788.

Persoal limpeza 85.788.

Máster Caddy 85.788.

Persoal bar:

Cociñeiro 85.788.

Camareiro 85.788.

Cadro horario

Sección camareiros Reconquista:

Primeira quenda: de 3 a 10.

Segunda quenda: de 4 a 11.

Os descansos son alternos.

Sección conserxería:

De 4 da tarde a 11 da noite.

Sección limpeza:

Local Reconquista: de 8 a 12 e de 5 a 8 da tarde.

Peinador: de 9 a 12.30 e de 3 a 6.30.

Sección xardinería:

De 8.30 a 12.30 e de 2 a 6 da tarde.

Sección Hangar:

Verán: de 9.30 a 1.30 e de 16 a 20 da tarde.

Inverno: de 9.30 a 1.30 e de 15 a 19 da tarde.

Sección oficina:

De 9 da mañá a 5 da tarde.

Sereno:

De 10 da noite a 7 da mañá.

Máster Caddy:

De 10 a 12.30 e de 2 a 7.30 da tarde.

Persoal bar Peinador:

De 9 da mañá a 7 da tarde.

9411