Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 251 Martes, 30 de decembro de 1997 Páx. 12.550

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE XUSTIZA, INTERIOR E RELACIÓNS LABORAIS

DECRETO 481/1997, do 12 de decembro, polo que se declara a urxente ocupación, para efectos de expropiación forzosa, pola Deputación Provincial de Lugo, dos bens e dereitos necesarios para a realización das obras do proxecto terreos afectados pola parcela número 8 do campus universitario para a construcción da Facultade de Humanidades e a Escola de Enfermería.

A Deputación Provincial de Lugo, en sesión celebrada o dia 31 de xullo de 1995, acordou solicitar da Xunta de Galicia a declaración de urxente ocupación dos bens e dereitos afectados pola expropiación forzosa ó abeiro do disposto no artigo 52 da Lei de expropiación forzosa. A deputación remitiu a documentación complementaria para a correcta tramitación do expediente con data de entrada no rexistro xeral da Consellería de Xustiza, Interior e Relacións Laborais o día 14 de outubro de 1997 baixo o número 14695.

Os bens nos que se concreta a declaración de urxente ocupación están determinados no expediente que se someteu a información pública.

A Dirección Xeral de Calidade Medioambiental e Urbanismo da Consellería de Política Territorial, Obras Públicas e Vivenda emitiu informe favorable. O dito informe tivo entrada no rexistro xeral da Consellería de Xustiza, Interior e Relacións Laborais o día 28 de novembro de 1997.

Considérase necesaria a declaración de urxente ocupación dos bens e dereitos precisos para a realización das obras do proxecto técnico sinalado porque vista a solicitude de utilización de terreos formulada pola Universidade de Santiago de Compostela, para a construcción dunha Escola Universitaria de Enfermeria e Facultade de Humanidades do Campus de Lugo, na parcela sinalada co nº 8 do plan especial do dito campus, cualificado como reserva docente e tendo en conta que en virtude do disposto no art. 36.1.d) da Lei 7/85, é competencia da deputación provincial, o fomento e a administración dos intereses peculiares da provincia, entre os cales, hai que encadra-lo fomento da educación mediante a construcción de instalacións axeitadas, para que a dita acción administrativa teña a eficacia que dispoñen as leis, a deputación provincial adoputou o seguinte acordo:

Primeiro.-Poñer á disposición da Universidade de Santiago de Compostela o predio nº 8 do Plan Especial do Campus de Lugo, cualificado como reserva docente duns 17.300 m. para que a acepte expresamente se reúne as condicións requiridas, tendo en conta que sería preciso a expropiación da mencionada parcela, de conformidade co establecido no art. 92 do Real decreto 981/86, do 18 de abril.

Segundo.-A finalidade é destina-la parcela nº 8 á construcción dunha Escola Universitaria de Enfermería e da Facultade de Humanidades no Campus de Lugo.

A competencia para a declaración da urxente ocupación correspóndelle ó Consello da Xunta de Galicia segundo o disposto nos artigos 27.2 e 28.2 do Estatuto de autonomía de Galicia.

Na súa virtude, por proposta do conselleiro de Xustiza, Interior e Relacións Laborais e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día doce de decembro de mil novecentos noventa e sete,

DISPOÑO:

Artigo único.-De conformidade co disposto no artigo 52 da Lei de expropiación forzosa, declárase a urxente ocupación, pola Deputación Provincial de Lugo para efectos de expropiación forzosa, dos bens e dereitos concretados no expediente administrativo instruído para o efecto e necesarios para a execución das obras do proxecto de terreos afectados pola parcela nº 8 do campus universitario para a construcción da Facultade de Humanidades e Escola de Enfermeria.

Santiago de Compostela, doce de decembro de mil novecentos noventa e sete.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente

Jesús C. Palmou Lorenzo

Conselleiro de Xustiza, Interior e Relacións Laborais

9459