Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 250 Luns, 29 de decembro de 1997 Páx. 12.504

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE XUSTIZA, INTERIOR E RELACIÓNS LABORAIS

RESOLUCIÓN do 10 de novembro de 1997, da Delegación Provincial de Ourense, pola que se dispón a inscrición e a publicación, no Diario Oficial de Galicia, do convenio colectivo de ámbito provincial para o sector de serradoiros, rematantes e preparados industriais da madeira de Ourense.

Visto o texto do convenio colectivo para o sector de serradorios, rematantes e preparados industriais da madeira (código nº 3200275) de Ourense, con entrada nesta delegación provincial subscrito en representación da parte económica, pola Confederación de Empresarios de Ourense, e, da parte social, polas centrais sindicais, Femca-UGT, CC.OO. e CSI-CSIF, na reunión celebrada o día 10-10-1997, e, de conformidade co disposto no artigo 90.2º y 3º, do Estatuto dos Traballadores, texto refundido aprobado polo Real decreto 1/1995, do 24 de marzo, Real decreto 1040/1981, do 22 de maio, sobre rexistro e depósito de convenios colectivos de traballo e Real decreto 2412/1982, do 24 de xullo, sobre traspaso de funcións e servicios da Administración do Estado á Comunidade Autónoma de Galicia, en materia de traballo. Esta delegación provincial,

ACORDA:

Primeiro.-Ordena-la súa inscrición no rexistro de convenios colectivos desta delegación provincial, con notificación ás representacións económica e social da comisión negociadora.

Segundo.-Ordena-lo seu depósito no Servicio de Relacións Laborais, Unidade de Mediación, Arbitraxe e Conciliación desta delegación.

Terceiro.-Dispoñe-la súa publicación no Diario Oficial de Galicia,

Ourense, 10 de novembro de 1997.

José Lage Lage

Delegado provincial de Ourense

Convenio colectivo provincial de rematantes, serradoiros e preparados industriais da madeira 1997

Artigo 1º.-Ámbito de aplicación.

O presente convenio afectará a tódolos traballadores do sector de rematantes, serradoiros e preparados industriais da madeira e a tódalas empresas deste que se encontren establecidas ou que se establezan na provincia de Ourense. Queda excluído do presente convenio o persoal de alta dirección ou alto consello.

Artigo 2º.-Vixencia, prórroga e denuncia.

O presente convenio colectivo será de aplicación a partir do primeiro de setembro de 1997, con independencia da súa publicación no BOP. A súa duración será dun ano a partir da súa data, é dicir, ata o 31 de agosto de 1998.

O convenio entenderase prorrogado tacitamente de ano en ano sempre que non sexa denunciado por algunha das partes, polo menos, con tres meses de antelación ó termo da súa vixencia mediante comunicación escrita á outra parte, na que se fagan consta-las partes do convenio que se pretende negociar, así como a representación que desempeña a parte denunciante. Así mesmo, entenderase prorrogado durante o tempo que medie entre a data da súa finalización e a entrada en vigor dun novo convenio que o substitúa.

Artigo 3º.-Compensación e absorción.

As melloras do presente convenio poderán ser compensadas e absorbidas ata onde alcance o cómputo anual con aquelas condicións superiores que teñan establecidas as empresas ou as que se establezan por disposición legal, salvo que expresamente se pacte o contrario.

Cando se produza un incremento do salario mínimo interprofesional que supere o salario base estipulado no presente convenio, este pasará a se-lo salario mínimo interprofesional vixente, compensándose e absorbéndose o incremento co plus de asistencia.

Artigo 4º.-Condicións máis beneficiosas.

Tódalas condicións persoais máis beneficiosas consignadas en anteriores convenios ou pactos entre a patronal e os traballadores, serán respectadas individualmente.

Artigo 5º.-Xornada de traballo.

A duración da xornada anual de traballo efectivo no presente convenio colectivo será, no ano 2000, de 1.780 horas. En consecuencia e debido á adaptación prevista no convenio xeral da madeira, as xornadas laborais de traballo ata o ano 2000 serán as seguintes:

1997: 1.792 horas.

1998: 1.788 horas.

1999: 1.784 horas.

2000: 1.780 horas.

Co fin de compensa-la xornada e axustala á correspondente a 1998, os traballadores terán dereito a catro días e medio libres; fíxanse para tal efecto os seguintes: 10 de novembro e 26 de decembro de 1997, e 2 de xaneiro, 20 de marzo e 24 de xullo de 1998, salvo acordo entre empresa e traballadores para a fixación doutros distintos.

Artigo 6º.-Salarios.

Todo o persoal afectado polo presente convenio percibirá as retribucións consignadas na táboa salarial anexa, incrementadas se é o caso, co prezo da antigüidade que corresponda e demais conceptos retributivos.

Artigo 7º.-Antigüidade.

A partir do 30 de setembro de 1996, non se devengarán por este concepto novos dereitos, quedando, polo tanto, suprimido.

Non obstante, os traballadores que xerasen ou fosen xerar antes do 30 de setembro de 1996 novos dereitos e contías en concepto de antigüidade, manterán a cantidade consolidada na dita data. A dita contía quedará reflectida na nómina de cada traballador como complemento persoal, baixo o concepto de antigüidade consolidada, e non será absorbible nin compensable.

Para compensa-la perda económica que supón a desaparición deste concepto, calcularase o equivalente a 8 anos. (Isto é, segundo o criterio da antiga ordenanza laboral, 1 quinquenio máis tres quintas partes doutro quinquenio) das bases e porcentaxes de concepto de antigüidade de cada convenio ou, no seu defecto, das porcentaxes da ordenanza laboral.

A contía resultante dividirase entre cinco.

A cantidade resultante de efectua-la operación anterior será a que se lle adicionará ó importe anual do salario base durante os cinco primeiros anos.

A compensación da antigüidade para 1997, 1998, 1999 e 2000 será de 1.380 pesetas mensuais para tódalas categorías.

En canto ó valor do quinquenio consolidado será de 3.520 pesetas mensuais para tódalas categorías.

Artigo 8º.-Gratificación de asistencia.

Establécese unha gratificación de asistencia que será a seguinte:

Peón: 3.167 ptas./mes.

Axudante: 6.542 ptas./mes.

Oficial de segunda: 8.088 ptas./mes.

Oficial de primeira: 8.368 ptas./mes.

Encargado: 8.650 ptas./mes.

Conductor: 8.088 ptas./mes.

Auxiliar administrativo: 8.088 ptas./mes.

Coa perda, no caso de falta sen xustificar, durante a xornada de traballo do 20% na primeira ausencia; do 40 % na segunda e da totalidade a partir da

terceira. As faltas consideraranse tanto consecutivas como alternas dentro dun mesmo mes.

Artigo 9º.-Axudas de gastos por desprazamentos.

Ós traballadores afectados polo presente convenio que por razóns de traballo teñan que desprazarse fóra do seu centro de traballo habitual, seranlles aboados os gastos que se ocasionen debidamente xustificados.

Artigo 10º.-Gratificacións extraordinarias.

As gratificacións extraordinarias de Nadal e xullo serán de 30 días de salario base máis antigüidade.

Consideraranse gratificacións extraordinarias coa denominación de paga de verán e paga de Nadal, que serán aboadas respectivamente antes do 30 de xuño e 20 de decembro, e se devengarán por semestres naturais e por cada día natural en que se devengase o salario base.

Devengo de pagas:

Paga de verán: do 1 de xaneiro ó 30 de xuño.

Paga de Nadal: do 1 de xullo ó 31 de decembro.

A contía dos ditos complementos será a que se especifique para cada un dos grupos ou niveis nas táboas deste convenio, incrementada coa antigüidade que corresponda.

Ó persoal que ingrese na empresa faráselle efectiva a parte proporcional das gratificacións extraordinarias conforme os criterios anteriores, no momento de realiza-la liquidación dos seus haberes.

Artigo 11º.-Retribución de menores.

O contrato de aprendizaxe que realicen as empresas comprendidas dentro do ámbito funcional do presente convenio terá por obxecto a formación práctica e teórica do traballador contratado. O dito traballador non deberá ter ningún tipo de titulación, xa sexa superior, media, académica ou profesional, relacionada con cada posto de traballo que vaia desempeñar.

O contido do contrato, ó igual cás súas posibles prórrogas, deberá formalizarse por escrito e figurará nel de xeito claro a actividade ou profesión obxecto da aprendizaxe.

En ningún caso se poderán realizar este tipo de contratos naquelas actividades nas que concorran circunstancias tóxicas, penosas, perigosas ou nocturnas. Tamén estará prohibida a realización de horas extraordinarias.

A idade do traballador que teña un contrato destas circunstancias non poderá ser inferior a 16 anos nin superior a 22 anos.

A) A duración máxima será de 3 anos, xa sexan alternos ou continuados, cunha ou varias empresas dentro do ámbito funcional do sector do presente convenio.

B) Non se poderán realizar contratos de duración inferior a 6 meses, e poderase prorrogar ata tres veces por períodos, como mínimo, de 6 meses.

C) Este tipo de contrato realizarase a tempo completo. O 15 % do total da xornada dedicarase á formación teórica. Concretarase no contrato as horas e días dedicados á formación. Así mesmo, especificarase o centro formativo, se é o caso, encargado do ensino teórico.

O ensino teórico, a ser posible, deberá ser previo á formación práctica. O titor deberá velar pola adecuada formación do aprendiz, así como por tódolos riscos profesionais.

O traballo afectivo que preste o traballador na empresa deberá estar relacionado coa especialidade ou obxecto do contrato.

O salario que percibirá o aprendiz será o 75%, 85% e 95% do salario do axudante ou categoría equivalente do presente convenio, durante o primeiro, segundo ou terceiro ano do contrato, respectivamente.

No caso de cesamento na empresa, entregaráselle ó traballador un certificado referente á formación teórica e práctica adquirida no que constará a duración desta.

Artigo 12º.-Horas extraordinarias.

Conforme o disposto no Estatuto dos traballadores, as horas extraordinarias aboaranse cunha recarga do 75% sobre o valor da hora ordinaria.

Artigo 13º.-Vacacións.

O tempo anual de vacacións será de trinta días naturais a salario real ou a parte proporcional que corresponde no caso de non levar traballando o ano requirido para o desfrute pleno deste dereito.

O total de días anuais de vacacións repartirase para os efectos de desfrute con carácter xeral a seguinte maneira: 15 días seguidos para desfrutar no verán.

O resto, para desfrutar de acordo entre empresa e traballadores, atendendo de forma prioritaria as necesidades de producción.

Deberá facerse público cun mínimo de dous meses a data das vacacións.

A retribución que se percibirá por vacacións comprenderá a media da totalidade das retribucións salariais percibidas durante o trimestre natural inmediatamente anterior á data de desfrute das vacacións, agás as horas extraordinarias e as gratificacións extraordinarias.

Os traballadores que cesen durante o transcurso do ano terán dereito a que na liquidación que se lles practique no momento da baixa na empresa, se integre o importe da remuneración correspondente á parte das vacacións devengadas e non desfrutadas.

Pola contra, e nos cesamentos de carácter voluntario, se o traballador xa tivese desfrutadas as súas vacacións, a empresa poderá deducir da liquidación que se lle practique a parte correspondente ós días de exceso desfrutados, en función do tempo de prestación de actividade laboral efectiva durante o ano.

Para os efectos do devengo de vacacións, considerarase como tempo efectivamente traballado o correspondente á incapacidade temporal, sexa cal sexa a causa. Non obstante, dado que o dereito ó desfrute das vacacións caduca co transcurso do ano natural, perderase este se ó seu vencemento o traballador continuase de baixa, aínda que manterá o dereito a percibi-la diferencia entre a retribución de vacacións e a prestación de incapacidade temporal, de ser aquela superior contía. Aplicarase o mesmo criterio para os supostos de cesamentos por finalización de contrato.

Artigo 14º.-Roupa de traballo.

O persoal afectado polo convenio recibirá da empresa as pezas de protección, hixiene e seguridade no traballo tales como luvas, botas ou calzado axeitado e traxes de faena ou roupa de traballo, estas últimas cada seis meses, sendo obrigatorio o seu uso cando o traballo o requira. As ditas pezas serán en todo momento propiedade da empresa e o traballador estará obrigado á súa boa conservación e uso. As empresas poderán facer constar nas ditas pezas o anagrama desta e da actividade.

Artigo 15º.- Revisión médica.

As empresas afectadas polo presente convenio solicitarán unha revisión médica anual para todo o cadro de persoal.

O tempo que o traballador empregue para asistir á dita revisión será aboado pola empresa.

Artigo 16º.-Incapacidade temporal por accidente de traballo.

As empresas afectadas polo presente convenio aboaranlles a aqueles dos seus traballadores que se atopen en situación de incapacidade temporal como consecuencia de accidente laboral acontecido no centro de traballo e durante as horas deste, e durante o tempo que dura a hospitalización, unha compensación económica consistente na diferencia que existe entre as prestacións que o traballador perciba da Seguridade Social e o salario real que lle corresponda segundo a súa categoría profesional.

Artigo 17º.-Póliza de seguros.

As empresas estarán obrigadas a concertar con primas íntegras pola súa conta, no prazo de tres meses a partir da contratación dun traballador, unha póliza de sguros para a cobertura de riscos de fale

cemento ou de incapacidade dos traballadores por accidente de traballo, incluídos os in itinere, que lle garanta ó traballador accidentado ou ós seus habentes causa, no caso de falecemento producido por causa fortuíta, espontánea, exterior e independente:

1.500.000 ptas. en caso de morte.

1.500.000 ptas. en caso de invalidez total.

1.750.000 ptas. en caso de invalidez absoluta.

2.000.000 de ptas. en caso de gran invalidez.

A referida póliza só abranguerá os procesos iniciados a partir da vixencia e validez dela.

Esta compensación é compatible coa pensión ou indemnización que poida causa-lo traballador na Seguridade Social ou montepío. Non obstante, a indemnización á que se fai mención neste artigo considerarase como entregada a conta da indemnización que, se é o caso, puidesen declarar con cargo ás empresas os tribunais de xustiza, unha vez exista sentencia definitiva, sobresemento ou renuncia de accións.

Artigo 18º.-Comisión mixta paritaria.

Para a interpretación, vixilancia e cumprimento do presente convenio constitúese unha comisión mixta paritaria que estará formada polas persoas que compuxeron a mesa negociadora do convenio.

Disposición derradeira

Primeira.-No non previsto no presente convenio colectivo observarase o disposto no Real decreto lexislativo 1/1995, do 24 de marzo, texto refundido da Lei do Estatuto dos traballadores e acordo estatal da madeira, asinado o 21 de marzo de 1996 entre as centrais sindicais UGT, CC.OO. e CONEMAC, como dereito de directa aplicación para todas aquelas empresas e traballadores do correspondente ámbito territorial.

Segunda.-As táboas retributivas para os anos 1998 e 1999 incrementaranse no IPC oficial dos últimos 12 meses precedentes ó 31 de agosto dos anos citados, ós que se lles engadirá ademais, a parte correspondente á compensación por supresión da antigüidade e o rateo da paga de marzo, que desparece como tal.

Para 1997 o incremento salarial será do 1,8%.

Terceira.-O rateo da paga de marzo (10 días) supón para cada traballador a cantidade de 1.705 ptas. mensuais.

Cuarta.-O presente convenio axustarase ó previsto no acordo xeral da madeira mentres non sexa revogado por sentencia firme do Tribunal Supremo ou Tribunal Constitucional.

No suposto de que o mencionado acordo xeral da madeira fose revogado ou declarado nulo polo Tribunal Supremo ou Constitucional, as partes que asinan o presente convenio acordan reunirse para tratar de forma específica e dar unha solución negociada ás cantidades aboadas polas empresas en concepto de compensación da antigüidade que, segundo o mencionado acordo xeral da madeira, debería quedar conxelada no prazo de cinco anos.

Disposicións transitorias

Primeira.-En relación á duración do convenio sinalada no artigo 2 do presente convenio, sinálase que, para efectos do incremento salarial, as partes se reunirán a primeiros de setembro co obxecto de aplica-lo IPC correspondente ó ano anterior e fixa-las táboas salariais dese ano, tendo en conta que para os efectos do incremento salarial, a duración do convenio será de tres anos, é dicir, ata o 31 de agosto de 1999 e nos termos que sinala a disposición adicional primeira do convenio estatal da madeira, data a partir da cal, no caso de ser denunciado o convenio, se reunirán as partes para a negociación do incremento salarial.

Segunda.-Os efectos económicos do presente convenio entrarán en vigor o 1 de setembro de 1997.

Cláusula de sumisión ó AGA

Ante a importancia que poida ter para a resolución pacífica dos conflictos laborais a elaboración dun acordo interprofesional galego sobre procedementos extraxudiciais de solución de conflictos de traballo AGA, asinado entre a Confederación de Empresarios (CEG) e as centrais sindicais UGT, CC.OO. e a CIG, as partes que asinan este convenio, durante a vixencia deste, acordan someterse ás disposicións con

tidas no AGA nos propios termos en que están formuladas.

ANEXO I

Táboa salarial

Peón: 71.657 ptas.

Axudante: 71.657 ptas.

Oficial de segunda: 71.657 ptas.

Oficial de primeira: 71.657 ptas.

Encargado: 71.657 ptas.

Conductor: 71.657 ptas.

Auxiliar administrativo: 71.657 ptas.

10467