Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 245 Venres, 19 de decembro de 1997 Páx. 12.270

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE EDUCACIÓN E ORDENACIÓN UNIVERSITARIA

RESOLUCIÓN do 18 de novembro de 1997, da Dirección Xeral de Ordenación Educativa e de Formación Profesional, pola que se regula o desenvolvemento do módulo de formación en centros de traballo correspondente ós ciclos formativos da formación profesional específica durante o curso 1997-1998.

A Lei orgánica 1/1990, do 3 outubro, de ordenación xeral do sistema educativo, no seu artigo 30 establece que a formación profesional específica comprenderá un conxunto de ciclos formativos cunha organización modular, de duración variable, constituídos por áreas de coñecementos teórico-prácticos en función dos diversos campos profesionais.

No artigo 34.2 establece tamén que o currículo das ensinanzas de FPE incluirá unha fase de formación práctica nos centros de traballo, do cal poderá quedar total ou parcialmente exento quen teña acreditado a experiencia profesional.

O Decreto 239/1995, do 28 de xullo (DOG do 16 de agosto) polo que se establece a ordenación xeral das ensinanzas de formación profesional e as directrices sobre os seus títulos, define a estructura común da ordenación académica dos títulos profesionais e establece as finalidades do módulo de formación en centro de traballo.

No artigo 17 deste decreto establécense os criterios para a avaliación de alumnos que cursan un ciclo formativo e concretamente para o módulo de FCT, indicándose tamén que a superación dun ciclo formativo requirirá a avaliación positiva en todos e cada un dos módulos profesionais que o compoñan.

A Orde do 1 de setembro de 1995 (DOG do 21) regula a avaliación e acreditación académica do alumnado que cursa a formación profesional específica na Comunidade Autónoma de Galicia, dándose instruccións na resolución da Dirección Xeral de Ordenación Educativa e Formación Profesional do 25 de xuño de 1997 (DOG do 29 de xullo de 1997).

O Decreto 346/1996, polo que se establece a estructura orgánica da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, atribúelle as competencias en materia de ordenación educativa de ensinanzas non universitarias á Dirección Xeral de Ordenación Educativa e Formación Profesional.

En virtude da mencionada normativa e da especial natureza deste módulo de formación profesional específica que implica a subscrición dun convenio de colaboración para o desenvolvemento dun programa formativo entre o centro educativo e outras institucións, e que require a concreción dos diversos aspectos que determinan o seu ámbito de aplicación e desenvolvemento, esta dirección xeral,

RESOLVE:

Primeiro.-Definición e finalidades.

O módulo profesional de formación en centros de traballo é un bloque coherente de formación espe

cífica, no que os obxectivos están constituídos por un conxunto de capacidades terminais elementais, que orientan as actividades formativas de referencia que constitúen os contidos que o alumnado debe realizar nun centro de traballo.

A característica máis relevante do módulo de formación en centros de traballo, en diante FCT, é que se desenvolve nun ámbito productivo real, onde o alumnado poderá observar e desempeña-las funcións propias das distintas ocupacións relativas a unha profesión, coñece-la organización dos procesos productivos ou de servicios e as relacións sociolaborais na empresa ou centro de traballo, orientados e asesorados en tódolos momentos polos responsables do seguimento e avaliación das súas actividades.

O módulo profesional da FCT, de acordo co establecido no artigo 7.3 do Decreto 239/1995, está encamiñado de forma específica ó logro das seguintes finalidades:

a) Complementa-la adquisición polo alumnado da competencia profesional conseguida no centro educativo, mediante a realización dun conxunto de actividades de formación previamente identificadas e delimitadas entre as actividades productivas do centro de traballo.

b) Contribuír ó logro do conxunto de finalidades descritas para a formación profesional no artigo 2º do referido decreto.

c) Avalia-los aspectos máis relevantes da competencia profesional adquirida polo alumnado.

Segundo.-Convenios.

Os centros educativos que imparten ciclos formativos de formación profesional específica na Comunidade Autónoma de Galicia, subscribirán convenios con empresas, agrupacións ou asociacións de empresas, institucións ou organismos, que prevexan a realización dun programa formativo que desenvolva adecuadamente o currículo do módulo de FCT, de acordo co perfil profesional que debe acada-lo alumnado segundo establece o real decreto de ensinanzas mínimas de cada título profesional e o currículo correspondente.

1. Os convenios específicos de colaboración para a realización das actividades de formación en centros de traballo deberán formalizarse por escrito segundo o modelo que figura como anexo I desta resolución. Serán asinados polo director do centro e o representante legal da empresa ou institución colaboradora e contará co visto e prace da delegación provincial da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, quen notificará á Inspección Provincial de Traballo a relación de alumnos que en cada

período de tempo estean realizando a FCT nas empresas e institucións.

A estes convenios asinados iranse incorporando ó longo do período de vixencia os sucesivos anexo II -relación de alumnos- e anexo III -programa formativo, de cada grupo de alumnos participante- que contarán coa conformidade da Inspección educativa.

2. A duración destes convenios específicos de colaboración será dun ano a partir do seu asinamento, considerándose prorrogado automaticamente cando ningunha das partes asinantes manifeste o contrario.

3. Os convenios específicos de colaboración poderán ser rescindidos por calquera das partes, mediante denuncia de algunha delas, que será comunicada á outra cunha antelación mínima de quince días e baseada nalgunha das seguintes causas:

a) Cesamento de actividades dalgunha das partes asinantes do convenio.

b) Forza maior que imposibilite o desenvolvemento das actividades programadas.

c) Incumprimento das cláusulas establecidas no convenio específico de colaboración, inadecuación pedagóxica das prácticas formativas ou vulneración das normas que, en relación coa realización das actividades programadas, estean en cada caso vixentes.

d) Mutuo acordo entre o centro docente, adoptado polo director de centro e a empresa ou institución colaboradora.

4. Poderase excluír do convenio un determinado alumno ou grupo de alumnos, por decisión unilateral de calquera das partes asinantes ou conxunta de ámbalas dúas nos seguintes casos:

-Faltas repetidas de asistencia e/ou puntualidade non xustificadas.

-Actitude incorrecta ou falta de aproveitamento, logo de audiencia ó interesado.

5. O centro docente deberá informar á delegación provincial da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria da extinción ou rescisión dos convenios específicos de colaboración en calquera dos casos e esta, pola súa vez, comunicarallo á Inspección Provincial de Traballo.

Terceiro.-Programación da formación en centros de traballo: programa formativo.

1. O desenvolvemento do módulo de FCT esixe a elaboración dun programa formativo. Este consiste no conxunto de actividades formativas, ordenadas no tempo e no espacio, que debe realizar un alumno durante as horas establecidas a tal fin, para a súa realización no centro de traballo. Estas actividades, inspiradas polas unidades de competencia do perfil

do título, serán o complemento final para consegui-la competencia profesional característica do título e proporcionarán as situacións de avaliación necesarias para a acreditación desa competencia.

Salvo en sectores productivos ou de servicios altamente homoxéneos, centros de traballo diferentes requiren programas formativos diferentes como medio para garantir que o módulo profesional que o alumnado desenvolve no centro de traballo sexa cumprible e avaliable.

2. Naquelas zonas ou sectores onde se constate que o posto formativo ofertado por un centro de traballo é insuficiente para conseguir tódalas capacidades terminais da FCT e requira a complementación con outros, o profesor-titor xunto co coordinador de FCT, se fose o caso, realizará a selección de centros de traballo que constitúan o programa formativo, debendo ser un máximo de tres empresas/institucións. Se se precisara realizar a FCT superando o límite de empresas establecido na presente resolución, solicitarase autorización á delegación provincial da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria.

3. Elaboración do programa formativo.

Os elementos de que consta o programa formativo son:

a) Capacidades terminais elementais da FCT establecidas no currículo do ciclo formativo ou, se é o caso, as capacidades terminais do módulo de FCT definidas no documento base do título.

b) Actividades formativas tomadas das de referencia que establece o currículo e, se é o caso, dos criterios de avaliación establecidos no documento base do título, que deben permitir executar ou, se é o caso, completa-la competencia profesional correspondente ó título.

c) Áreas ou departamentos do centro de traballo polos que rotará o alumnado, coa temporalización correspondente.

É especialmente importante que no proceso de elaboración do programa formativo sexan ben identificadas as actividades formativas relacionadas coas capacidades terminais elementais do módulo de FCT e coa competencia profesional que debe evidenciar.

Cuarto.-Períodos de realización das actividades da formación en centros de traballo.

1. O módulo da FCT desenvolverase entre os días 1 de setembro e 30 de xuño. En casos excepcionais poderase ampliar ata o 31 de xullo, logo de autorización da inspección. O número de horas de estadía do alumnado no centro de traballo será o indicado nos decretos dos currículos correspondentes desta Comunidade Autónoma e na Resolución do 25 de xuño de 1997 (DOG do 29 de xullo).

2. Como norma xeral, o módulo de FCT será realizado ó final de cada ciclo formativo, unha vez superada a formación cursada no centro educativo nun só período e de forma ininterrompida.

3. O desenvolvemento das estadías do alumnado no centro de traballo seguirá o horario laboral da entidade colaboradora, salvo que no programa formativo se estableza outro horario, reservando unha xornada cada quincena para a realización no centro educativo de actividades incluídas no punto sétimo 3.b.

4. A realización do módulo de FCT antes de finaliza-la formación no centro educativo, motivado pola dispoñibilidade de postos formativos, estacionalidade, especificidade curricular da familia profesional correspondente ou outras causas, requirirá a autorización expresa da Dirección Xeral de Ordenación Educativa e de Formación Profesional. Os centros remitirán á delegación provincial, xunto coa programación da FCT, solicitude na que se incluirá a xustificación razoada, calendario e horario proposto, sistema e condicións para o seguimento e control titorial. A delegación provincial remitirá a correspondente proposta, xunto co informe da Inspección Educativa, á Dirección Xeral de Ordenación Educativa e de Formación Profesional.

5. A realización das actividades formativas do módulo de FCT en centros de traballo/institucións situadas fora da Comunidade Autónoma de Galicia requirirá, igualmente, a autorización expresa da Dirección Xeral de Ordenación Educativa e de Formación Profesional. Os centros remitirán á delegación provincial solicitude e xustificación da súa necesidade, seguindo o mesmo procedemento do apartado anterior.

Quinto.-Avaliación da formación en centros de traballo.

1. A avaliación da FCT será continua, é dicir, realizarase durante todo o proceso formativo correspondente, tal e como indican o Decreto 239/1995 e a Orde do 1 de setembro de 1995.

2. A avaliación do módulo da FCT ten por obxecto determina-la competencia profesional, entendida esta como a habilidade para realizar roles ou postos de traballo ós niveis requiridos do emprego. Polo tanto, os métodos de avaliación deste módulo deben ser orientados a obter evidencia desa competencia.

3. O profesor-titor do centro educativo establecerá un calendario de visitas ó centro de traballo, cunha periodicidade polo menos quincenal, para efectos de manter entrevistas co responsable do centro de traballo, observar directamente as actividades que o alumnado realiza nel e rexistra-lo seu propio seguimento.

4. Na avaliación deste módulo de FCT colaborará a persoa responsable designada por cada centro de traballo para o seguimento da formación do alumnado durante a estadía nel. Esta colaboración na avaliación expresarase mediante un informe valorativo do responsable do centro de traballo (anexo IV). Se a FCT tivera lugar en varias empresas, recadarase un informe de cada unha delas.

5. Os instrumentos de seguimento e avaliación do módulo de FCT serán:

-O informe valorativo do centro de traballo anexo IV.

-O caderno do alumno.

6. O profesor-titor entregaralle a cada alumno, ó comezo da FCT, o caderno do alumno para a formación en centros de traballo e o programa formativo acordado coa empresa.

7. Cada alumno reflectirá no seu caderno as tarefas que desenvolve na empresa. Farao de forma breve e facilmente identificable, destacando, se é o caso, as dificultades que atopou na realización da actividade, circunstancias que as motivaron e cantas observacións a nivel profesional ou persoal considere oportunas. O caderno do alumno incluirá follas de control de actividades realizadas (anexo V). As follas de actividades do alumno serán supervisadas e asinadas polo profesor-titor durante a xornada quincenal destinada á acción titorial no centro educativo, con tódolos alumnos que estean durante ese período realizando a FCT na empresa.

8. Correspóndelle ó Servicio da Inspección Educativa o seguimento e avaliación das programacións e a análise dos resultados obtidos no desenvolvemento da FCT dos ciclos formativos de cada centro educativo.

Sexto.-Relación alumnado-centro de traballo ou entidade colaboradora.

1. A relación entre o alumnado e o centro de traballo ou entidade colaboradora, como consecuencia do convenio específico de colaboración para a realización das actividades do módulo profesional de formación en centros de traballo, non terá, en ningún caso, natureza xurídica laboral ou funcionarial, de acordo co disposto no artigo 19 do Real decreto 1992/1984, do 31 de outubro (BOE do 9 de novembro). Polo tanto, os alumnos non poderán percibir retribución ningunha do centro de traballo pola súa actividade formativa.

2. A empresa ou entidade colaboradora non poderá cubrir, nin siquera con carácter interino, ningún posto de traballo no cadro de persoal co alumnado que realice actividades formativas na empresa, salvo que

se estableza para tal efecto unha relación laboral de contraprestación económica por servicios contratados. Neste caso, considerarase que o alumno abandona o programa formativo no centro de traballo, debendo comunicar este feito por parte da empresa ou institución colaboradora ó profesor titor do centro educativo, quen será o que llo notifique ó director ou directora do centro educativo e este, pola súa vez, comunicarallo á delegación provincial de Educación. A delegación provincial de Educación deberá comunicar esta continxencia á Inspección Provincial de Traballo.

3. De acordo co disposto no Decreto 2078/1971, do 13 de agosto (BOE do 13 de setembro), polo que se amplía o seguro escolar ós alumnos de formación profesional, o réxime de cobertura por accidentes dos alumnos nos centros de traballo será o establecido pola normativa vixente en materia de seguro escolar e polos estatutos da mutualidade de tal seguro. Todo iso sen prexuízo da póliza que a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria para o seu ámbito de xestión territorial suscribe como seguro adicional para mellorar indemnizacións, cubrir danos a terceiros ou responsabilidade civil.

Sétimo.-Funcións e tarefas na xestión da FCT.

Para o desenvolvemento efectivo do módulo de FCT deberán realizarse as seguintes funcións:

1. O/A director/a do centro educativo:

a) Acreditar ante a delegación provincial a existencia de convenios que garantan a realización da FCT dos alumnos matriculados nos ciclos formativos.

b) Asina-los convenios específicos de colaboración coas empresas e asumi-la responsabilidade da súa execución.

2. O coordinador de formación en centros de traballo: son as establecidas no artigo 80 do Decreto 324/1996, do 26 de xullo.

Ademais elevará anualmente á dirección do centro unha memoria anual, segundo se establece no punto 43 da Orde do 1 de agosto de 1997 (DOG do 2 de setembro).

3. As funcións e competencias do profesor-titor responsable da FCT, son as establecidas no artigo 59.2, do Decreto 324/1996, do 26 de xullo, xa citado, e na instrucción 63 da Orde do 1 de agosto de 1997 e, ademais, as seguintes:

a) Propoñer ó director do centro educativo e ó coordinador de formación en centros de traballo

empresas coas que procede contactar para o desenvolvemento da FCT.

b) Relacionarse polo menos unha vez cada quince días coa persoa responsable designada pola empresa para o seguimento do programa formativo, co fin de contribuír a que este programa se axuste á cualificación que se pretende.

c) Extraer datos e conclusións que realimenten as actividades, con especial atención a aqueles que suxiran a modificación da programación docente, do programa formativo ou que afecten a continuidade do convenio coa empresa, así como proporciona-los datos significativos que lle sexan requiridos para a avaliación global do programa da FCT.

Oitavo.-Programas de garantía social.

O alumnado matriculado nas diferentes modalidades de programas de garantía social poderá realizar prácticas formativas en centros de traballo. A duración será a que se estableza na normativa reguladora destes programas.

En todo o referente á subscrición de convenios con empresas e outros aspectos da relación entre centros educativos e centros de traballo, observarase o disposto na presente resolución, así como aquelas instruccións que se poidan dictar.

Noveno.-Aplicación da presente resolución ós centros privados.

1. Esta resolución será de aplicación ós centros privados situados na Comunidade Autónoma de Galicia.

2. De acordo co artigo 26 da Lei orgánica do dereito á educación, as referencias ó consello escolar do centro contidas na presente resolución entenderanse referidas ós órganos de participación que puideran establecerse nos regulamentos de réxime interior dos centros privados non concertados situados na Comunidade Autónoma de Galicia.

Disposición derradeira

Esta resolución entrará en vigor ó día seguinte da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 18 de novembro de 1997.

José Luis Mira Lema

Director xeral de Ordenación Educativa e de Formación Profesional

Delegados Provinciais da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria

ANEXO I

(REVERSO)

Cláusulas

Primeira.-Os alumnos que figuran no anexo II do presente convenio desenvolverán as actividades formativas programadas (anexo III) nos locais do centro ou centros de traballo da empresa asinante ou, se é o caso, naqueles lugares nos que a empresa desenvolve a súa actividade productiva, sen que isto implique relación laboral ningunha coa empresa.

Segunda.-A empresa comprométese ó cumprimento da programación das actividades formativas que previamente foran acordadas co centro educativo, a realiza-lo seu seguimento e a valoración do progreso dos alumnos e, xunto co titor do centro educativo, á revisión da programación se, unha vez iniciado o período de prácticas e á vista dos resultados, fose necesario.

Terceira.-Cada alumno disporá dun documento de seguimento e avaliación das actividades realizadas, que será supervisado polo responsable da empresa en colaboración co titor do centro educativo. No dito documento figurarán as actividades formativas mais significativas realizadas na empresa, con rexistro de data e dos resultados semanais. Estes resultados semanais reflectiranse nunha ficha de seguimento e avaliación, que cubrirá o responsable na empresa.

Cuarta.-A empresa nomeará un responsable para a coordinación das actividades formativas que se realicen no centro de traballo, que garantirá a orientación e consulta do alumnos, facilitará as relacións co profesor-titor do centro educativo e aportará os informes valorativos que contribúan á avaliación. Para tal fin, facilitará ó profesor-titor do centro educativo o acceso á empresa e as actuacións de valoración e supervisión do proceso.

Quinta.-A empresa ou entidade colaboradora non poderá cubrir, nin sequera con carácter interino, ningún posto de traballo do cadro de persoal co alumno que realice actividades formativas na empresa, salvo que se estableza para o efecto unha relación laboral de contraprestación económica por servicios contratados. Neste caso, considerarase que o alumno abandona o programa formativo no centro de traballo, debendo comunicar este feito a empresa ou institución colaboradora ó director do centro escolar, quen o comunicará á delegación provincial da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria.

Sexta.-Os alumnos non percibirán cantidade ningunha pola realización das actividades formativas na empresa.

Sétima.-O presente convenio poderase extinguir por expiración do tempo convido e poderá ser rescindido por calquera das partes, mediante denuncia dalgunha delas, que será comunicada á outra cunha antelación mínima de quince días e baseada nalgunha das seguintes causas:

a) Cesamento de actividades do centro docente, da empresa ou institución colaboradora.

b) Forza maior que imposibilite o desenvolvemento das actividades programadas.

c) Incumprimento das cláusulas establecidas no convenio específico de colaboración, inadecuación pedagóxica das prácticas formativas ou vulneración das normas que, en relación coa realización das actividades programadas, estean en cada caso vixentes.

d) Mutuo acordo entre o centro docente, adoptado polo director do centro e a empresa ou institución colaboradora.

Igualmente, poderase rescindir para un determinado alumno ou grupo de alumnos, por calquera das partes asinantes, e ser excluído da súa participación no convenio por decisión unilateral do centro, da empresa ou institución colaboradora, ou conxunta de ámbolos dous, nos seguintes casos:

e) Faltas repetidas de asistencia e/ou puntualidade non xustificadas.

f) Actitude incorrecta ou falta de aproveitamento, logo de audiencia ó interesado.

En calquera caso, o centro docente deberá informar á delegación provincial da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria da extinción ou rescisión dos convenios específicos de colaboración en calquera dos casos, e esta, pola súa vez, comunicarallo á Inspección de Traballo Provincial.

Así mesmo, os representantes dos traballadores dos centros de traballo serán informados do contido específico do programa formativo que desenvolverán os alumnos suxeitos ó convenio de colaboración con anterioridade o seu asinamento, actividades, calendario e horario delas, e localización do centro ou centros de traballo onde se realizarán.

Oitava.-Calquera eventualidade de accidente que puidera producirse será tratada a teor do seguro escolar, de acordo coa regulamentación establecida polo Decreto 2078/1971, do 13 de agosto (BOE do 13 de setembro). Todo iso sen prexuízo da póliza que a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria poida subscribir como seguro adicional para mellorar indemnizacións, cubrir danos a terceiros ou responsabilidade civil.

Novena.-En todo momento o alumno irá provisto do DNI.

Décima.-As delegacións provinciais da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria remitirán ás inspeccións de Traballo unha copia do presente convenio, así como as relacións de alumnos que, cada período de tempo, estean realizando prácticas formativas na empresa.

Décimo primeira.-A duración deste convenio é dun ano a partir do seu asinamento, considerándose prorrogado automaticamente cando ningunha das partes asinantes manifeste o contrario.

INFORMACIÓN PARA O ALUMNO (**)

(Corresponde ó anexo IV)

1. Importancia do caderno de prácticas do alumno.

O caderno do alumno é moi importante porque:

a) O alumno non só debe demostra-la súa destreza media senón que é tamén fundamental que saiba a razón pola que unha tarefa se fai dunha determinada maneira e poida describila.

b) O informe escrito das actividades que o alumno reflicte no caderno de prácticas dálle a oportunidade de reconsidera-la formación recibida e o método utilizado para acadar certa competencia ou habilidade.

c) O caderno é logo utilizado polo profesor-titor, o que lle permitirá corrixir e comprobar que non hai ningunha omisión ou erro nas actividades desenvolvidas polo alumno no centro de traballo.

2. Cobertura do caderno de prácticas do alumno.

a) As follas onde o alumno debe consigna-los diferentes aspectos ten como denominación Folla semanal de actividades realizadas.

b) Neste espacio, que figura por xornadas, o alumno deberá cubri-los diferentes apartados, reflectindo os seguintes datos dun xeito resumido e o máis ordenado posible:

1. Indicación das áreas, departamentos ou postos de traballo onde desenvolve as actividades que realiza de xeito que permitan identificar claramente o espacio de realización destas.

2. Data que se corresponde coa xornada obxecto da descrición (debaixo da xornada correspondente).

3. Breve descrición das actividades realizadas en cada xornada e cunha redacción o máis precisa posible.

4. Finalidade, método de traballo, dificultades na realización e as observacións que considere oportuno facer constar tanto con respecto ás actividades como ós diferentes aspectos do seu desenvolvemento, etc.

5. Indicación das orientacións que recibiu para o desenvolvemento das diferentes actividades realizadas en cada xornada.

6. Tempo dedicado ó conxunto de actividades.

9856