Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 242 Martes, 16 de decembro de 1997 Páx. 12.070

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE XUSTIZA, INTERIOR E RELACIÓNS LABORAIS

RESOLUCIÓN do 25 de setembro de 1997, da Delegación Provincial da Coruña, pola que se dispón a inscrición no rexistro e a publicación, no Diario Oficial de Galicia, do convenio colectivo da empresa Industrias del Tablero, S.A. (Intasa).

Visto o expediente do convenio colectivo da empresa Industrias del Tablero, S.A. (Intasa) que tivo entrada nesta delegación provincial o día 15-9-1997, subscrito en representación da parte económica pola empresa, e da parte social polo comité de empresa o día 29-7-1997, de conformidade co disposto no artigo 90.2º y 3º, da Lei 8/1980, do 10 de marzo,

do Estatuto dos traballadores, Real decreto 1040/1981, do 22 de maio, sobre rexistro e depósito de convenios colectivos de traballo e Real decreto 2412/1982, do 24 de xullo, sobre traspaso de funcións e servicios da Administración do Estado á Comunidade Autónoma de Galicia en materia de traballo, esta delegación provincial,

ACORDA:

Primeiro.-Ordena-la súa inscrición no libro rexistro de convenios colectivos de traballo existente nesta delegación provincial, e notificación ás representacións económica e social da comisión negociadora.

Segundo.-Ordena-lo seu deposito no Servicio de Relacións Laborais, Sección de Mediación, Arbitraxe e Conciliación.

Terceiro.-Dispoñe-la súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

A Coruña, 25 de setembro de 1997.

Mª Reyes Carabel Pedreira

Delegada provincial da Coruña

Convenio colectivo da empresa Inustrias del Tablero, S.A. (Intasa)

Artigo 1º.-Ámbito funcional.

As normas do presente convenio regulan a relación laboral entre Industrias del Tablero, S.A. (Intasa) e os traballadores desta abranguidos no ámbito persoal do convenio (artigo 3º).

Artigo 2º.-Ámbito territorial.

Canto se establece neste convenio será de aplicación no centro de traballo que Intasa ten en San Sadurniño, A Fraga s/n.

Artigo 3º. Ámbito persoal.

Este convenio colectivo regula a relación laboral que mantén ou poida manter todo traballador de Intasa con esta, única excepción feita do persoal de dirección, que regulará a súa relación laboral coa empresa a través do seu respectivo contrato de traballo e, se é o caso, pola normativa específica que resulte de aplicación.

Artigo 4º.-Ámbito temporal.

Este convenio ten unha duración de tres anos, entrando en vigor o día do seu asinamento, prolongándose ata o 31 de decembro de 1999 incluído, e retrotraendo os seus efectos económicos ó 1 de xaneiro de 1997 para aqueles traballadores que, na data do asinamento do presente convenio, estivesen de alta na empresa e segundo cada caso.

A denuncia para a rescisión do convenio colectivo deberá facerse cunha antelación mínima dun mes desde a data de remate deste ou de calquera das súas prórrogas, contándose este prazo desde a entrada da denuncia no rexistro da delegación provincial da Consellería de Xustiza, Interior e Relacións Laborais.

Artigo 5º.-Vinculación á totalidade.

As condicións aquí pactadas forman un todo orgánico e indivisible e, para efectos da súa aplicación

práctica, serán consideradas globalmente, e substitúen á totalidade das aplicables na empresa, calquera que sexa a súa natureza ou a orixe da súa existencia.

Artigo 6º.-Compensación e absorción.

As normas contidas no presente convenio son, no seu conxunto, máis beneficiosas para o persoal cás establecidas polas disposicións vixentes. Respectaranse as situacións económicas que, con carácter persoal e en cómputo anual, excedan das fixadas neste convenio.

As disposicións legais que impliquen variación económica nalgúns dos aspectos retributivos unicamente terán eficacia práctica se, globalmente considerados, superan o nivel total deste convenio; en caso contrario, consideraranse absorbidas polas melloras pactadas nel.

Artigo 7º.-Organización.

A dirección e a organización da empresa, así como as decisións sobre políticas, sistemas e procedementos, corresponden á dirección de Intasa, sen prexuízo das competencias que ten legalmente a representación dos traballadores e das consultas e acordos que puidesen articularse con ela.

Ámbalas partes recoñecen que a organización do traballo ten por obxecto alcanzar na empresa un nivel adecuado de productividade, calidade e servicio baseado na óptima utilización de tódolos recursos. Para este obxectivo enténdese necesaria a colaboración de todo o persoal da empresa.

Artigo 8º.-Vacantes.

Os postos vacantes ou de nova creación serán cubertos dándolle prioridade a igualdade de condicións ó persoal do cadro que supere as probas establecidas para o obxecto, para os efectos de promoción profesional dos traballadores. As ditas vacantes serán publicadas no taboleiro de anuncios da empresa e simultaneamente notificadas ó comité de empresa.

A dirección da empresa acordará co traballador de novo ingreso a súa categoría profesional, trala realización das probas de ingreso que considere necesarias para a eficaz contrastación do mercado de traballo.

Artigo 9º.-Forma de contrato.

A admisión de traballadores na empresa realizarase a través do contrato escrito, cando así o esixa a norma legal.

Así mesmo, formalizaranse por escrito as comunicación de prolongación ou ampliación destes e o aviso previo do seu remate, referidos ós contratos temporais, cando a forma legal ou convencional de aplicación así o estableza.

O contrato de traballo deberá formalizarse antes de comeza-la prestación de servicios. Farase constar no contrato de traballo que deba establecerse por escrito, as condicións que se pacten, o grupo profesional ou categoría en que queda encadrado o tra

ballador e o contido mínimo do contrato, así como os demais requisitos formais legalmente esixidos.

Artigo 10º.-Condicións xerais de ingreso.

O ingreso ó traballo poderá realizarse de conformidade con calquera das modalidades reguladas no Estatuto dos traballadores, disposicións de desenvolvemento e no presente convenio colectivo.

A empresa estará obrigada a solicitar dos organismos públicos de emprego os traballadores que necesite, cando así o esixa a lexislación vixente, mediante oferta de emprego.

Artigo 11º.-Probas de aptitude.

A empresa, previamente ó ingreso, poderá realizarlles ós interesados as probas de selección, prácticas e psicotécnicas, que considere necesarias para comprobar se o seu grao de aptitude e a súa preparación son adecuadas á categoría profesional e posto de traballo que vaian desempeñar.

Artigo 12º.-Contrato fixo do cadro de persoal.

Entenderase como contrato de traballo fixo do cadro de persoal o que se concerte entre a empresa e o traballador, para a prestación laboral durante tempo indefinido.

Artigo 13º.-Período de proba.

Agás pacto en contrario, por escrito, todo novo contrato de traballo estará suxeito a período de proba nos seguintes termos.

Persoal técnico titulado superior: seis meses.

Persoal técnico non titulado e de grao medio e persoal de oficio e auxiliar administrativo: dous meses.

Resto do persoal: vinte días.

A suspensión do contrato de traballo, calquera que sexa a súa causa, interromperá o período de proba.

Artigo 14º.-Contratos formativos.

A empresa utilizará estas modalidades de contratación de conformidade coa lexislación vixente, sen prexuízo de que respecto ós contratos formativos, mellorando o disposto na normativa que os regula, resulte de aplicación o que a seguir se establece:

1. Contrato en prácticas.

Este contrato poderá concertarse cos que estivesen en posesión dun título universitario ou de formación profesional de grao medio ou superior, ou títulos oficialmente recoñecidos como equivalentes que habiliten para o exercicio profesional dentro dos catro anos inmediatamente seguintes ó remate dos correspondentes estudios.

O posto de traballo deberá permiti-la obtención da práctica profesional adecuada ó nivel de estudios cursados.

A empresa designará unha persoa que, dentro do seu departamento ou sección, coordine as actividades obxecto da práctica profesional.

A dirección da empresa informaralle ó comité de empresa dos contratos celebrados, facilitando copia do contrato de traballo, de conformidade coa lexislación vixente.

A duración do contrato non poderá ser inferior a seis meses nin exceder de dous anos.

A retribución do traballador contratado en prácticas será do 75%, do salario convenio para un traballador que desempeñe o mesmo ou equivalente posto de traballo.

2. Contrato de formación.

Este contrato terá por obxecto a adquisición da formación técnica e práctica do traballador contratado, necesaria para o desempeño dunha profesión, oficio ou posto de traballo cualificado.

Poderase celebrar con traballadores que carezan da titulación requirida para realizar un contrato en prácticas.

O contido do contrato, o mesmo que as súas posibles prórrogas, deberá formalizarse por escrito, e figurará nel de maneira clara a actividade ou profesión obxecto da formación.

Este contrato poderá celebrarse con traballadores maiores de dezaseis anos e menores de vinteún anos. Non se aplicará o límite máximo de idade cando o contrato sexa concertado cun traballador minusválido.

A duración mínima será de seis meses e a máxima, de dous anos.

Este tipo de contratos realizarase a tempo completo. O 15% do total da xornada dedicarase á formación teórica. Entenderase cumprido o requisito de formación teórica cando o traballador acredite, mediante certificación da Administración pública competente, que realizou un curso de formación profesional ocupacional adecuado ó oficio ou posto de traballo obxecto do contrato. Neste caso, a retribución do traballador incrementarase proporcionalmente ó tempo non dedicado á formación teórica.

O ensino teórico, de ser posible, deberá ser previo á formación práctica ou alternarse esta de forma racional.

No contrato deberá figura-lo nome e categoría profesional do titor ou monitor encargado da formación práctica. O titor deberá velar pola adecuada formación do aprendiz, así como de tódolos riscos profesionais.

A retribución do traballador contratado para a formación será do 85% do salario da categoría máis baixa do grupo profesional ó que corresponde a formación e en proporción ó tempo de traballo efectivo.

En caso de cesamento na empresa, entregaráselle ó traballador un certificado referente á formación teórica e práctica adquirida, no que constará a súa duración.

Artigo 15º.-Contratos a tempo parcial e de relevo.

Entenderase como contrato a tempo parcial o celebrado polo traballador que concerte coa empresa, nas condicións establecidas no presente artigo, unha reducción da xornada de traballo e do seu salario do 50% cando reúna as condicións xerais esixidas

para ter dereito á pensión contributiva da xubilación da Seguridade Social con excepción da idade, que deberá ser inferior a tres anos, como máximo, á esixida. Para poder realizar este contrato, a empresa concertará simultaneamente un contrato de traballo con outro traballador en situación de desemprego e quedará obrigada a manter cuberta, como mínimo, a xornada de traballo substituída ata a data de xubilación prevista no parágrafo seguinte. O contrato de traballo polo que se substitúe a xornada deixada vacante polo traballador que reduce a súa xornada será denominado contrato de relevo.

A execución do contrato de traballo a tempo parcial a que se refire este apartado e a súa retribución, serán compatibles coa pensión que a Seguridade Social lle recoñeza ó traballador ata que cumpra a idade establecida con carácter xeral polo sistema da Seguridade Social para causar dereito á pensión de xubilación, extinguíndose a relación laboral ó alcanza-la referida idade.

Artigo 16º.-Contratos de duración determinada.

Poderán celebrarse contratos de duración determinada nos seguintes supostos:

1) Cando se contrate o traballador para a realización dunha obra ou servicio determinados, con autonomía e substantividade propia dentro da actividade da empresa e a súa execución, aínda que limitada no tempo, sexa en principio de duración incerta.

2) Cando as circunstancias do mercado, acumulación de tarefas ou exceso de pedidos así o esixan, aínda tratándose da actividade normal da empresa. En tales casos, os contratos poderán ter unha duración máxima de seis meses, dentro dun período de doce meses, contados a partir do momento en que se produzan as ditas causas.

3) Cando se trate de substituír a traballadores con dereito a reserva do posto de traballo, sempre que no contrato de traballo se especifique o nome do substituído e a causa da substitución.

Artigo 17º.-Contrato para o fomento da contratación indefinida.

O contrato poderá concertarse con traballadores incluídos nun dos grupos seguintes:

1) Traballadores desempregados nos que concorra algunha das seguintes condicións:

* Mozos desde dezaoito ata vintenove anos de idade, ámbolos dous incluídos.

*Parados de longa duración, que leven, polo menos, un ano inscritos como demandantes de emprego.

*Maiores de corenta e cinco anos de idade.

*Minusválidos.

2) Traballadores que, na data de celebración do novo contrato, estivesen empregados na empresa mediante un contrato de duración determinada ou temporal, incluídos os contratos formativos, existente o día 17 de maio de 1997.

O contrato concertarase por tempo indefinido e formalizarase por escrito, no modelo oficial.

O réxime xurídico do contrato e os dereitos e obrigas que del se deriven rexeranse, con carácter xeral, polo disposto na lei e no presente convenio colectivo.

Artigo 18º.-Garantía de emprego.

A empresa garante que, durante a vixencia deste convenio, non se producirá a suspensión ou rescisión de contrato de traballo ningunha, daqueles contratos de traballo indefinidos á data do asinamento do presente convenio, por calquera das causas sinaladas nos artigos 51 e 52c) da Lei 8/1980, do 10 de marzo, do Estatuto dos traballadores.

Artigo 19º.-Empresas de traballo temporal.

A empresa poderá utiliza-los servicios das empresas de traballo temporal naqueles supostos recollidos pola lei que establece o seu réxime e funcionamento, sempre que se trate de satisfacer necesidades temporais.

O contrato de posta á disposición formularase por escrito, e informarase á representación dos traballadores sobre cada contrato e dos motivos da súa utilización dentro dos 10 días seguintes á súa celebración.

A empresa comprométese a que os traballadores postos ó seu dispor teñan os mesmos dereitos laborais e retributivos que lles corresponden ós seus propios traballadores, sempre que se trate da cobertura de funcións ou substitución de persoal cualificado, non así cando teña por finalidade a realización de labores de limpeza, embalaxe por puntas de producción e, en xeral, labores auxiliares das operacións de producción.

Esta obriga, se é o caso, constará no contrato de posta a disposición celebrado entre a empresa de traballo temporal e Intasa.

Artigo 20º.-Traballador en servicio militar ou civil substitutorio.

Este tempo computarase para efectos de antigüidade. Unha vez rematado o dito período polo traballador, este terá dereito a ocupa-lo mesmo posto desempeñado ó comeza-lo servicio militar ou civil. Durante este período percibirá as pagas extraordinarias establecidas no presente convenio.

A empresa proporcionará traballo ó traballador que o solicite, sempre que este acredite documentalmente a posibilidade de traballar un período ininterrompido de vinteún días como mínimo.

Para o persoal que cumpra este servicio onde estea situada a empresa, este tratará de facilitarlle ó traballador un horario de traballo razoablemente compatible coas súas obrigas, sempre que as condicións do posto de traballo o permitan.

Artigo 21º.-Persoal con capacidade física diminuída.

A empresa queda obrigada a acoplar a outro posto distinto que considere idóneo, a aquel trabalaldor con capacidade física diminuída, derivada dunha lesión permanente non invalidante, como consecuencia dun accidente laboral ou dunha enfermidade profesional sempre que, neste último caso (enfermidade profesional) o dito traballador teña acreditada en Intasa unha antigüidade de, polo menos, seis anos.

Se ó novo posto lle correspondese unha categoría profesional superior á que desempeñe o traballador en cuestión, rexerán para el tódalas condicións do dito posto. Se o novo posto fose de categoría inferior, o traballador acoplado continuará percibindo as retribucións do seu anterior posto de traballo.

Para tódolos efectos anteriores, a dirección de Intasa xa conta coa conformidade do comité de empresa e de tódolos traballadores afectados, se os houbese, para facilitar así o dito acoplamento.

Artigo 22º.-Roupa de traballo.

A empresa dotará ó persoal de fábrica de catro xogos de roupa de traballo no momento da súa incorporación a ela. Os anos seguintes a entrega farase por partes, un xogo de inverno a primeiros de xaneiro e un de verán a primeiros de xuño. Esta roupa será de obrigado uso polo traballador no seu posto de traballo.

Así mesmo, cando no desempeño do posto de traballo a roupa sufrise unha deterioración evidente, será reposta de inmediato.

O tipo de roupa de traballo necesaria para cada posto de traballo será determinado polo responsable de prevención e saúde laboral unha vez oído o comité de seguridade e saúde laboral.

Artigo 23º.-Xornada de traballo, os seus tipos e horarios.

A duración da xornada laboral en Intasa é de 1800 horas anuais de traballo efectivo para 1997 e de 1792 horas anuais de traballo efectivo para 1998 e tamén para 1999.

Non obstante, respectarase a xornada anual resultante do calendario de traballo confeccionado de acordo coa distribución de xornada de cada unha das modalidades de traballo, de resultar inferior á xornada laboral á que fai referencia o parágrafo anterior.

O cadro horario e calendario laboral fixaranse conxuntamente entre a dirección e o comité de empresa dentro do mes seguinte ó da publicación pola Xunta de Galicia do calendario oficial de festivos. Para o ano 2000 e en tanto en canto se asine o V convenio colectivo, o cadro horario e calendario laboral será o vixente no exercicio 1999.

A xornada ten as seguintes modalidades:

1. Xornada partida.

2. Xornada a quendas.

1. Xornada partida.

Efectuarase de luns a venres a razón de oito horas diarias de traballo efectivo co seguinte horario:

*Mañá de 9 a 13.30 horas.

*Tarde de 14.45 a 18.15 horas.

A empresa poderá determinar aqueles apartamentos ou seccións que, desde o luns máis próximo ó un de xuño e por un período ininterrompido de catorce semanas, poderán realizar xornada intensiva.

Así, e segundo a sección, cumpriranse os seguintes horarios:

*Oficinas centrais de 8 a 14.30 horas.

*Fábrica de 7.30 a 14.30 horas.

En caso de desfrute de xornada intensiva, cada empregado afectado prolongará diariamente a súa xornada laboral, ata as 18,30 horas, desde o remate da dita xornada intensiva ata o 31 de decembro, incluído, en 1997, e en 1998 e 1999, ata o 30 de decembro, xa que as xornadas dos días 24 e 31 do dito mes, rematarán ás 13.30 horas, para consegui-la xornada anual de 1792 horas; sendo aquilo como compensación do tempo, deixado de traballar por aquel durante o período de desfrute da xornada intensiva.

Aquel empregado que, por pertencer a unha sección, á cal, desenvolvendo a súa xornada en réxime de xornada partida, non lle fose concedida a xornada intensiva anterior, terá dereito a dous días de permiso retribuído ó ano se o dito empregado traballase efectivamente en xornada partida, durante todo o período de xornada intensiva. Tamén terá dereito a dous días de permiso retribuído aquel traballador que, pertencendo a calquera dos réximes de quenda, pase a traballar efectivamente en réxime de xornada partida, por orde da empresa, durante todo o período de xornada intensiva fixado no parágrafo sexto deste artigo. (As vacacións serán consideradas, única e exclusivamente para estes efectos, como se de traballo efectivo se tratase).

Se, o período de traballo ó que agora se cambia, non abranguese a totalidade do da xornada intensiva, o tempo (dous días) de compensación será proporcional ó tempo efectivo prestado no novo horario (sen ter en conta agora as vacacións, como traballo efectivo), a razón de 2/9 días por cada semana de traballo efectivo en xornada partida.

2. Xornada a quendas.

Esta xornada ten as seguintes variantes, sen prexuízo doutras que, a empresa puidese establecer, seguindo o procedemento legal correspondente.

2.1. Dúas quendas con dous de persoal. 2Q/2P.

A súa xornada será de luns a venres a razón de 7 horas e 40 minutos de traballo efectivo, traballando pola mañá aqueles sábados que fosen necesarios para o cómputo bisemanal de 80 horas de traballo efectivo.

2.2. Dúas quendas con tres de persoal. 2Q/3P.

A súa xornada será de 112 horas efectivas por períodos de tres semanas a razón de 8 horas diarias de traballo efectivo, destinándose o resto ata as 120 horas correspondentes a conta da compensación dos 14 festivos anuais legais traballados.

2.3. Tres quendas con tres de persoal. 3Q/3P.

A súa xornada será de 40 horas semanais de traballo efectivo, de luns a venres a razón de 7 horas e 40 minutos de traballo efectivo, xunto coa mañá do sábado ata completa-lo cómputo de 120 horas trimestrais de traballo efectivo.

2.4. Tres quendas con catro de persoal. 3Q/4P.

Este sistema garante o proceso continuado da producción. Os días de traballo consecutivo non poderán

exceder de 7 e, polo menos, un dos descansos deste período coincidirá en fin de semana.

A xornada diaria será de 7 horas e 40 minutos de traballo efectivo.

Na elaboración do calendario anual de traballo, a empresa poderá incluír como días de traballo, un máximo de 11 festivos, respectando obrigatoriamente o descanso nas festas do 1 de xaneiro, 15 de agosto e 25 de decembro.

2.5. Tres quendas con nove de persoal. 3Q/9P.

Este sistema garante o proceso continuado da producción durante o ano. Os días de traballo consecutivo non excederán de seis, sucedéndose os descansos de cada período de traballo coa alternancia 3-2 (6 días de traballo-3 de descanso, 6 de traballo-2 de descanso e así sucesivamente).

A xornada diaria é de 7 horas 40 minutos de traballo efectivo.

No calendario de 3Q/9P inclúense, ademais dos descansos semanais correspondentes, o descanso diario equivalente, compensatorio e correspondente a cada un dos 14 festivos legais anuais.

2.6. Tres quendas con cinco de persoal. 3Q/5P.

Este sistema garante o proceso continuado da producción durante o ano. Os días de traballo consecutivo non excederán de sete, sucedéndose os descansos de cada período de traballo coa alternancia 7-2, 7-2, 7-10 (7 traballo-2 descanso, 7 traballo-2 descanso, 7 traballo-10 descanso) destes grupos de 10, traballaranse os días necesarios para alcanza-las horas anuais de traballo efectivo establecidas no primeiro parágrafo do presente artigo e garantindo a optimización do sistema. Non obstante, as partes poderá acordar outro calendario distinto para este sistema 3Q/5P.

A xornada diaria é de 7 horas 40 minutos de traballo efectivo.

No calendario de 3Q/5P inclúense, ademais dos descansos semanais correspondentes, o descanso diario equivalente, compensatorio e correspondente a cada un dos 14 festivos legais anuais, así como tamén se inclúen os 30 días de vacacións anuais preceptivas.

2.7. Outras condicións para a xornada a quendas.

Tódolos traballadores en réxime de quenda 2Q/2P, 2Q/3P, 3Q/3P, 3Q/9P e 3Q/5P desfrutarán de vinte minutos de descanso en cada xornada, non computables dentro da súa respectiva xornada de traballo efectivo, e sen que isto implique trastorno ningún no réxime de fabricación. Cando por motivos de necesidade, non puidesen desfruta-lo dito período, este será retribuído como exceso de xornada, segundo o III convenio colectivo.

O período de vinte minutos antes mencionado non significa traballo efectivo; este descanso de bocadillo de vinte minutos desfrutarase do seguinte xeito:

*Quenda de mañá entre as 9 e as 11 horas.

*Quenda de tarde entre as 17 e as 19 horas.

*Quenda de noite entre a 1 e as 3 horas.

Aqueles traballadores que, polo seu calendario de quendas, traballen efectivamente na noite do 24 ou 31 de decembro, terán dereito a dous días de permiso retribuído no calendario do ano seguinte. Así mesmo, aqueles traballadores que, polo seu calendario de quendas, traballen efectivamente na mañá do 25 de decembro ou do 1 de xaneiro, terán dereito a un día de permiso retribuído no mesmo calendario. Estes días serán solicitados individualmente de entre os días de disposición de fábrica (X), cunha antelación mínima dun mes.

Artigo 24º.-Vacacións.

As vacacións anuais fíxanse en 30 días naturais para tódolos traballadores.

O sistema 2Q/3P desfrutará, polo menos, 28 días ininterrompidos das ditas vacacións, dentro do período estival que abrangue os meses de xuño, xullo, agosto e setembro.

O sistema 2Q/3P xa inclúe no seu calendario de traballo dous días dos 30 de vacacións anuais preceptivos.

O sistema 3Q/5P xa inclúe no seu calendario de traballo os 30 días de vacacións anuais preceptivas, que serán sinaladas, para cada equipo, en tres dos períodos de descanso longo (de 10 días), no calendario de quendas de cada exercicio.

O sistema 3Q/9P desfrutará, polo menos, 21 días ininterrompidos de vacacións no período estival abranguido entre os meses de xuño e agosto, ámbolos dous incluídos; non obstante o anterior, a empresa, de acordo co comité de empresa, poderá establecer un período de vacacións estivais, que se desfrutará, menor de 21 días, cando isto se producise, os traballadores directamente afectados terán dereito a un día máis de vacacións sobre os 30 anuais.

Ós sistemas 2Q/2P e 3Q/3P garánteselles que, polo menos, 21 días de vacacións os desfrutarán de forma ininterrompida no período estival que abrangue os meses de xuño, xullo, agosto e setembro, agás aquel equipo da liña de despezamento/recubrimento, que se incorpore ó sistema 2Q/3P da liña de acabado durante o período estival de cinco meses, ó dito equipo de despezamento seralle de aplicación o fixado para a liña de acabado para efectos de vacacións.

Para o resto de seccións o período estival de vacacións abranguerá os meses de xuño, xullo, agosto e setembro.

En tódolos casos anteriores a empresa xa conta coa aprobación do comité de empresa para os efectos legais correspondentes. Non obstante o anterior a

empresa, por propia iniciativa súa e, de acordo co comité de empresa, poderá establecer un período de vacacións estivais, que se desfrutarán, menor de 21 días; cando isto se produza os traballadores directamente afectados terán dereito a un día máis de vacacións.

Se, a pedimento da empresa e por necesidades dela, tiveran que desfrutar tódalas vacacións fóra do período estival respectivo, aqueles serán compensados con 4 días naturais máis de vacacións sobre os 30 fixados.

Naquel caso no que o traballador non puidese inicia-las súas vacacións na data sinalada no calendario, por atoparse en IT sobrevida con anterioridade, aquelas serán desfrutadas dentro do que quede do ano natural; de non conta-la parte de ano que quede con suficientes días, desfrutaranse os que queden ata o 31 de decembro, considerándose, neste último caso cumprido o dereito na súa totalidade e para tódolos efectos. As vacacións desfrutaranse, polo tanto, dentro de cada ano natural.

O calendario de vacacións establecido entre a dirección e o comité de empresa exporase cunha antelación mínima de 2 meses.

Para os sistemas 2Q/2P, 3Q/3P e 3Q/9P, os días de vacacións pendentes de desfrute, se os houber, serán aproveitados en Nadal.

Artigo 25º.-Licencias.

A) Por matrimonio, quince días naturais acumulables a vacacións.

B) Por falecemento de cónxuxe, parella ou fillo, tres días retribuídos ou cinco días retribuídos, se o feito se produciu fóra da Comunidade Autónoma galega e se requíre face-lo desprazamento para o efecto.

C) Por falecemento de pai, sogro, neto, irmán e avó, dous días retribuídos ou catro se o feito se produciu fóra da Comunidade Autónoma galega e se require face-lo desprazamento para o efecto. Se o causante formase parte da mesma unidade familiar á que pertence o traballador de Intasa, este último terá dereito a outro día retribuído ademais dos dous fixados para o primeiro caso deste punto C.

D) Por falecemento de cuñado, avó político, nora ou xenro, un día retribuído. Se o causante formase parte da mesma unidade familiar á que pertence o traballador de Intasa, este último terá dereito a un día retribuído máis.

E) En caso de falecemento de tío carnal, un día sen retribuír.

F) En caso de enfermidade grave de cónxuxe, parella, fillo, pai, irmán, sogro, avó e neto, tres días retribuídos, ampliables a cinco se, con tal motivo, se require face-lo desprazamento fóra da Comunidade Autónoma galega, e un día máis, sen retribuír, se o solicita o traballador.

G) Por enfermidade grave de nora, xenro, cuñado e avó político, dous días retribuídos, ou catro, con tal motivo ten que realiza-lo desprazamento fóra da Comunidade Autónoma galega, e un día máis, sen retribuír, se o solicita o traballador.

H) Por voda de fillo, un día retribuído. Por voda de irmán ou pai, un día sen retribuír.

I) En caso de nacemento de fillo ou adopción, tres días retribuídos, e un máis sen retribuír, se o solicita o traballador.

J) Para asistencia por parte das empregadas a cursos de preparación ó parto, dez horas laborables retribuídas.

K) Para asistencia a consulta médica logo da cita no Sergas, por padecemento do propio traballador de Intasa, un día laborable co seu custo económico por conta do interesado. O dito día laborable non será fraccionable en ningún caso. Cando o traballador requira asistencia médica inmediata, encontrándose en horas de traballo, o custo económico do tempo de ausencia será por conta do traballador.

L) Para cursar estudios aplicarase o que di o artigo 23 do Estatuto dos traballadores e será retribuído o permiso no caso de que a xuízo da dirección da empresa os estudios que curse o traballador sexan de interese para o desempeño do seu posto de traballo.

M) Por cambio de domicilio, un día laborable retribuído e outro sen retribuír se o solicita o traballador.

N) Polo tempo indispensable, para o cumprimento dun deben inescusable de carácter público e persoal. Cando conste nunha norma legal ou convencional un período determinado aplicarase o que esta dispoña en canto á duración da ausencia e á súa compensación económica.

Para o desfrute da licencia correspondente será necesario avisar previamente á empresa cunha antelación mínima de sete días laborables nos casos a que fan referencia os apartados A), H), J), K) e L) así como naqueles outros previsibles.

Toda licencia deberá contar coa debida xustificación documental, fidedigna e suficiente, que achegará o interesado no prazo dos catro días seguintes ó remate da licencia.

Toda licencia comezará a partir do feito causante, computándose, polo tanto, a súa duración, en días naturais.

Artigo 26º.-Excedencias.

A) Excedencia forzosa.

A excedencia forzosa concederase por designación ou elección para un cargo público ou sindical que imposibilite a asistencia ó traballo, e dará lugar ó dereito á conservación do posto de traballo. O reingreso solicitarase dentro do mes seguinte ó cesamento no cargo público ou sindical, perdéndose este dereito se se fai transcorrido este prazo.

B) Excedencia voluntaria.

1. O traballador con, polo menos, unha antigüidade na empresa dun ano terá dereito a que se lle recoñeza a posibilidade de situarse en excedencia voluntaria por un prazo non inferior a dous anos nin superior a cinco. Nos supostos en que o traballador estea suxeito a un contrato de duración temporal, a duración máxima da excedencia voluntaria en ningún caso poderá supera-la da duración do contrato. Este dereito só poderá ser exercido de novo polo mesmo traballador, se é o caso, se transcorreron catro anos desde o remate da anterior excedencia, agás casos excepcionais, en que de mutuo acordo poderá reducirse o dito prazo.

2. Os traballadores terán dereito a un período de excedencia, non superior a tres anos, para atender ó coidado de cada fillo, tanto cando o sexa por natureza como por adopción, contado desde a data de nacemento ou adopción a este. Os sucesivos fillos darán dereito a un período de excedencia que, se é o caso, porán fin ó que se estivese desfrutando. Cando o pai e a nai traballen, só un deles poderá exercer este dereito. Durante o primeiro ano, a partir do inicio da situación de excedencia para coidado de fillos de ata tres anos, terase dereito á reserva do posto de traballo.

3. O traballador excedente conserva tan só un dereito preferente ó reingreso nas vacantes, de igual ou similar categoría á súa, que houbese ou se producise na empresa, e sempre que o soliciten con, polo menos, un mes de antelación ó remate da excedencia.

C) Excedencia especial.

Os traballadores terán así mesmo dereito por unha soa vez a un período de excedencia non superior en ningún caso a seis meses con dereito á reserva do posto de traballo para os supostos de atención persoal ó cónxuxe, pais, fillos ou irmáns, neste caso que formen parte da unidade familiar, en situación de enfermidade ou incapacidade que requira a dita asistencia. Tal situación deberá quedar necesariamente acreditada no momento da solicitude da excedencia. O incumprimento por parte do traballador excedente da condición motivadora supón un incumprimento contractual por parte do traballador que será considerado como falta moi grave.

Dadas as características especiais do presente suposto de excedencia, as partes poderán fixa-las condicións específicas de aplicación dela.

D) Disposicións comúns para as excedencias.

1. Nas excedencias en que concorra a circunstancia de temporalidade do contrato, a duración deste non se verá alterada pola situación de excedencia do traballador, e no caso de chegar ó termo deste durante o transcurso dela, extinguirase o dito contrato logo da súa denuncia avisada no prazo mínimo de quince días, agás pacto en contrario.

2. Durante o período de excedencia, o traballador, en ningún caso, poderá prestar servicios que supoñan unha concorrencia desleal en relación á empresa. Se así o fixese, perdería automaticamente o seu dereito de reingreso.

Artigo 27º.-Xubilación.

Establécese un premio de xubilación ós 65 anos para o persoal que leve como mínimo sete anos na empresa, consistente nunha mensualidade de salario base.

Así mesmo, e para o persoal que se xubile voluntariamente, establécense as seguintes cantidades:

* Ós 60 anos: 200 días de salario real.

* Ós 61 anos: 160 días de salario real.

* Ós 62 anos: 120 días de salario real.

* Ós 63 anos: 80 días de salario real.

* Ós 64 anos: 65 días de salario real.

Estas cantidades aboaranse con independencia da liquidación legal correspondente.

Artigo 28º.-Póliza de seguro.

A empresa garantirá durante a vixencia deste convenio colectivo unha póliza de seguro colectivo, para tódolos seus traballadores, coas seguintes coberturas:

* 500.000 pesetas por morte natural.

* 2.000.000 de pesetas por morte ou invalidez total derivadas de accidente laboral.

Ó vencemento destas pólizas en 1998, as coberturas serán as resultantes de multiplicar cada unha das primas adecuadas por 1,71, así:

* 800.000 pesetas por morte natural.

* 3.300.000 pesetas por morte ou invalidez total derivadas de accidente laboral.

En caso de falecemento dun traballador en accidente de traballo, a dirección de Intasa favorecerá, na medida das súas posibilidades, a contratación dun fillo ou do viúvo.

Artigo 29º.-Plan colectivo de xubilación.

O dito plan nútrese, por unha parte coa achega de diñeiro da empresa, equivalente ó 0,8% do salario base de cada traballador, con contrato fixo do cadro que, fidedignamente se adherise ó dito plan e, por outra parte, cunha achega de diñeiro do traballador, equivalente, como mínimo, ó 0,8% do seu salario base.

Como achegas extraordinarias xa se destinaron en cada caso, as resultantes do montante económico a 30 de novembro de 1996, do extinto fondo social.

Este plan de xubilación foi subscrito con Sudamérica Vida y Pensiones, mediante pólizas nº 8069-PJ e nº 8070-PJ.

Artigo 30º.-Da representación colectiva dos traballadores.

1. Comité de empresa.

O comité de empresa terá dereito a recibi-la información, emitir informes e exerce-lo labor de vixilancia sobre as materias expresamente previstas polas normas legais vixentes. Así mesmo, gozarán das garantías en materias disciplinarias de non discriminación, exercicio de liberdade de expresión e disposición de créditos horarios previstos na lexislación vixente.

2. Eleccións sindicais-candidatos.

Os traballadores que teñan dezaoito anos cumpridos e unha antigüidade mínima de catro meses na empresa, sempre que superasen o período de proba, serán elixibles nas eleccións a representantes dos traballadores tal como se prevé na sección segunda, artigo 69 e seguintes do Estatuto dos traballadores.

3. Crédito horario.

O crédito horario dos representantes dos traballadores que fixa o artigo 68 do Estatuto dos traballadores, será de dezaseis horas da súa xornada laboral.

4. Dereito de reunión.

4.1. Os traballadores da empresa teñen dereito a reunirse en asemblea, que poderá ser convocada polo comité de empresa ou por número de traballadores non inferior ó 33% do cadro de persoal. A asemblea será presidida en todo caso polo comité de empresa, que será responsable do seu normal desenvolvemento, así como da presencia na asemblea de persoas non pertencentes á empresa. Só poderán tratarse nela os asuntos que previamente consten incluídos na orde do día.

4.2. A presidencia da asemblea comunicaralle á dirección da empresa a convocatoria e os nomes das persoas non pertencentes á empresa que vaian asistir á asemblea e acordará con esta as medidas necesarias para evitar perturbacións na actividade laboral normal. Cando, por calquera circunstancia, non se poida reunir simultaneamente todo o cadro de persoal sen prexuízo ou alteracións no normal desenvolvemento da producción, as diversas reunións parciais que teñan que celebrarse consideraranse como unha soa e datadas no día da primeira.

4.3. As asembleas celebraranse fóra das horas de traballo. A celebración da asemblea porase en coñecemento da dirección da empresa cunha antelación mínima de corenta e oito horas, indicando a orde do día, persoas que ocuparán a presidencia e duración previsible.

4.4. Cota sindical.

Por solicitude formulada por escrito á empresa por cada un dos traballadores afiliados ós sindicatos legalmente constituídos, a empresa descontaralles

na nómina mensual ós ditos traballadores o importe da cota sindical correspondente.

O aboamento da cantidade recadada pola empresa farase efectivo, por meses vencidos, ó sindicato correspondente, mediante transferencia á súa conta bancaria.

4.5. Excedencias sindicais.

O persoal con antigüidade de catro meses que exerza ou sexa chamado a exercer un cargo sindical nos órganos de goberno provinciais, autonómicos ou nacionais dunha central sindical que asinase o presente convenio, terá dereito a unha excedencia forzosa polo tempo que dure o cargo que a determina.

Para accede-lo traballador á dita excedencia, deberá xuntar á comunicación escrita á empresa o certificado da central sindical correspondente no que conste o nomeamento do cargo sindical de goberno para o que fose elixido.

O traballador excedente forzoso ten a obriga de comunicarlle á empresa, nun prazo non superior ó mes, a desaparición das circunstancias que motivaron a súa excedencia; no caso de non efectuala no dito prazo perderá o dereito ó reingreso.

O reingreso será automático e obrigatorio e o traballador terá dereito a ocupar unha praza do mesmo grupo ou nivel, lugar e posto de traballo que tivese antes de producirse a excedencia forzosa.

O tempo de excedencia computarase como de permanencia ó servicio da empresa.

Artigo 31º.-Estructura salarial.

A remuneración de cada empregado está constituída pola suma, segundo cada caso, dos seguintes conceptos:

1. Salario base.

2. Gratificacións extraordinarias.

3. Complementos de salario.

3.1. Antigüidade consolidada.

3.2. Pluses.

4. Horas extraordinarias.

5. Devengos non salariais.

5.1. Gastos de viaxe.

5.2. Quebranto de moeda.

1. Salario base.

É o que, para cada categoría profesional, figura no anexo I deste convenio.

2. Gratificacións extraordinarias.

Todo traballador devengará, segundo o seu caso e a súa categoría profesional, as pagas extraordinarias legais de primavera, verán e Nadal, tal e como consta, para 1997, no anexo I deste convenio.

As ditas pagas percibiranse rateadas en cada unha das doce mensualidades do ano.

3. Complementos de salario.

3.1. Antigüidade consolidada.

A tódolos traballadores con contrato fixo do cadro de persoal o 1 de xaneiro de 1997, seralles calculado o novo complemento antigüidade consolidada, tendo en conta os meses naturais que, no día 31 de xullo de 1997, levasen de alta, sen solución de continuidade, en Intasa. En consecuencia, desde o 1 de xaneiro de 1997, ningún traballador de Intasa devengará ningún dereito polo vello concepto de antigüidade.

A dita antigüidade consolidada aboarase mensualmente, segundo corresponda en cada caso, sendo unha cantidade non absorbible, nin compensable, nin actualizable.

O un de xaneiro de cada ano (desde 1997 ata o 2001, ámbolos dous incluídos) engadiráselle ó salario bruto anual de cada traballador a cantidade bruta anual de 17.900 pesetas como compensación definitiva pola mingua económica que supón a desaparición do vello concepto de antigüidade. Para 1997, a dita compensación xa se atopa engadida ó salario base de 1996 e incluída na táboa salarial (anexo I) deste IV convenio.

3.2. Plus de nocturnidade.

Devengarán este plus aqueles empregados que presten os seus servicios entre as 22 h e as 6 h. A súa contía será do 25% do salario base/día por cada xornada de traballo efectivo nese horario.

3.3. Plus de quendas.

Os empregados a quendas devengarán por mes de traballo efectivo a cantidade de 6.300 pesetas mensuais.

3.4. Plus de continuidade.

Consistirá mensualmente en 13.000 pesetas por mes de traballo efectivo e será devengado por aqueles empregados que realicen o seu traballo nun sistema de quendas que cubra polo menos 16 horas diarias, e que inclúa como laborables a totalidade de sábados e domingos do ano a excepción do período de vacacións, en cada caso, desfrutado.

3.5. Plus de festividade.

Consistirá mensualmente en 6.000 pesetas por mes de traballo efectivo e será devengado por aqueles empregados que realicen o seu traballo nun sistema de quendas que inclúa os catorce festivos legais como laborables no calendario de traballo, a excepción do período de vacacións, en cada caso, desfrutado, tendo en conta que estes festivos xa son compensados co seu descanso diario equivalente e que figura no dito calendario.

3.6. Plus de traballo en Nadal.

Consistirá nun único pagamento de 10.700 pesetas e devengarao aquel traballador que, polo seu calendario de quendas, traballe efectivamente durante a noite do 24 ou 31 de decembro.

Aquel traballador que, polo seu calendario de quendas, traballe efectivamente durante a mañá do 25 de decembro ou do 1 de xaneiro, devengará a cantidade de 5.350 pesetas como único pagamento por tal concepto.

3.7. Plus de cumprimento de obxectivos de producción.

É un plus anual para tódolos traballadores e o seu valor será determinado con suxeición ós seguintes condicionantes:

* Para unha producción anual abranguida entre 105.000 m e 133.000 m, o valor económico bruto que se percibirá determinarase e devengarase con suxeición ós seguintes condicionantes:

O dito valor económico oscilará proporcionalmente entre 0 pesetas e 160.000 pesetas, segundo a función:

Y= (5,71428 * m producidos)- 599999.

Así, por exemplo: a unha producción para 1997:

de 110.000 m corresponderíalle un plus de 28.572 ptas/ano.

de 115.000 m corresponderíalle un plus de 57.143 ptas/ano.

de 120.000 m corresponderíalle un plus de 85.715 ptas/ano.

de 125.000 m corresponderíalle un plus de 114.286 ptas/ano.

En todo caso enténdese que os m producidos deberán ser útiles, é dicir, de 1ª ou 2ª calidade. Este plus só se percibirá se a 1ª calidade producida non é inferior ó 96% da totalidade de m útiles.

Estes valores económicos aboaranse na nómina do mes de xaneiro seguinte ó ano de devengo, a todos e cada un dos traballadores en alta na empresa no dito mes de xaneiro e, na parte proporcional, en cada caso, ó tempo traballado efectivo no ano de devengo.

Non obstante, o 30 de xuño de cada ano, a empresa adiantará como anticipo a conta dos emolumentos que por este concepto puidesen corresponder segundo o exposto anteriormente neste artigo, unha cantidade de diñeiro segundo a seguinte fórmula:

1/3 (total m útiles o 30 de xuño x 11,5)

Anticipo PCO =

6

No caso de que a producción real no 31 de decembro non implique, segundo o exposto anteriormente, devengo deste plus e se anticipase cantidade de diñeiro segundo o determinado no parágrafo anterior, o dito anticipo será detraído da seguinte anualidade por este mesmo concepto (PCO).

No caso de novas instalacións na liña de producción ou modificacións das actuais, que signifiquen aumento da capacidade de producción, o eixe de abscisas da función agora acordada, verase desprazado na diferencia entre a nova capacidade de producción e 118.000 m.

3.8. Complemento de IT.

Durante a situación de IT derivada de enfermidade común que requira polo menos 24 horas de hospitalización, durante a situación de IT derivada de accidente laboral ou enfermidade profesional, así como nos casos de licencia por maternidade, o empregado devengará o 100% do seu salario bruto.

3.9. Pluses.

Para os efectos dos pluses 3.2., 3.3. 3.4. e 3.5 enténdese por mes de traballo efectivo tamén as vacacións anuais desfrutadas.

4. Horas extraordinarias.

Serán horas extraordinarias todas aquelas horas de traballo efectivo que se realicen por riba da xornada anual establecida no artigo 14º do presente convenio.

As horas extraordinarias clasifícanse en:

4.1. Horas extraordinarias ordinarias (de realización voluntaria).

As horas extraordinarias ordinarias compensaranse unicamente con idéntico tempo de descanso ó traballado (1h x 1 h).

4.2. Horas extraordinarias estructurais e de forza maior (de realización obrigatoria).

Son as necesarias para cubrir ausencias de persoal, ante acumulación de tarefas ou exceso de pedidos, prevención de riscos ou reparación de avarías, sinistros, etc. entre outros supostos.

As horas extraordinarias estructurais só poderán ter unha destas tres modalidades compensatorias.

1) A compensación única económica que en cada caso corresponda, segundo o valor que, para toda a vixencia deste convenio, figura no anexo II. (1 h extra - valor 1,2. Anexo II).

2) A compensación económica que, en cada caso corresponda, segundo o valor, que, para toda a vixencia deste convenio, figura no anexo II, xunto con idéntico tempo de descanso ó traballado (1 h extra = valor 1. Anexo II + 1 hora de descanso).

3) A compensación única en tempo de descanso, equivalente ó dobre do tempo traballado (1 h extra = 2 horas de descanso).

Unicamente poderá elixir modalidade compensatoria os traballadores do sistema 3T/5P que teñan libres

días de disposición de fábrica (X) podendo facelo entre as modalidades 2) e 3).

5. Devengos non salariais.

5.1. Gastos de viaxe.

O persoal que viaxe fóra da localidade na que está instalada a empresa, por causas de servicio a ela, terá dereito a unha compensación económica polos gastos de manutención, aloxamento e quilometraxe, cando, para tal fin e neste último caso, utilice o seu vehículo particular e todo iso logo de xustificación.

5.2. Quebranto de moeda.

Aqueles empregados que efectúen pagamentos ou cobramentos en metálico por conta da empresa percibirán por este concepto a cantidade de 2.650 pesetas mensuais.

6. Norma xeral sobre retribucións.

As retribucións recollidas no presente convenio son brutas e, en consecuencia, tanto as cargas fiscais como as de Seguridade Social a conta do traballador, serán satisfeitas por el e descontadas en nómina.

As retribucións do persoal serán aboadas por períodos mensuais de 30 días, vencidos.

A empresa poderá utilizar calquera dos modelos de recibo de salarios autorizados polo Ministerio de Traballo e Seguridade Social.

Artigo 32º.-Incremento salarial.

Os conceptos abranguidos no artigo 31º anterior son os vixentes para 1997, unha vez corrixidos os antigos na porcentaxe correspondente.

Para 1998 tódolos conceptos económicos do artigo 31º anterior, a excepción do apartado 4, se verán incrementados en IPC previsto para 1998 máis 0,5, se ben, no caso de que o IPC o 31 de decembro de 1998 superase o previsto, a dita estructura salarial, verase revisada desde o 1 de xaneiro de 1998 no seguinte incremento.

RS=IPC real-IPC previsto.

Para 1999 tódolos conceptos económicos do artigo 31º anterior, a excepción do apartado 4, se verán incrementados en IPC previsto para 1999 máis 0,4, se ben, no caso de que o IPC o 31 de decembro de 1999 superase o previsto, a dita estructura salarial verase revisada desde o 1 de xaneiro de 1999 no seguinte incremento.

RS= IPC real-IPC previsto.

Artigo 33º.-Réxime disciplinario.

* Faltas e sancións.

Considerarase falta laboral toda a acción ou omisión, da que resulte responsable o traballador, que se produza con ocasión ou como consecuencia da relación laboral e que constitúa un incumprimento grave e culpable das súas obrigas. As faltas graduaranse atendendo á súa importancia, trascendencia, voluntariedade e malicia na súa comisión, en: leves, graves e moi graves.

* Faltas leves.

1. Ata dúas faltas de puntualidade na asistencia ó traballo, sen causa xustificada, no período dun mes ou trinta días naturais.

2. Non cursar no momento oportuno a comunicación correspondente, cando se falte ó traballo por motivo xustificado, agás que se probe a imposibilidade de facelo.

3. O abandono ou ausencia do posto de traballo, sen previo aviso ou autorización, aínda que sexa por breve tempo. Se como consecuencia disto se causase algún prexuízo á empresa ou fose causa de accidente ós compañeiros de traballo, será considerada como grave ou moi grave.

4. Pequenos descoidos na conservación do material, maquinaria, ferramentas e instalacións, agás que isto repercuta na boa marcha do servicio, neste caso poderá ser considerada como grave ou moi grave.

5. Non informar á empresa dos cambios de domicilio.

6. As discusións sobre asuntos estraños ó traballo dentro das dependencias da empresa ou durante calquera acto de servicio. Se se produce con notorio escándalo poden ser consideradas como graves ou moi graves.

7. A inobservancia das normas en materia de seguridade e hixiene no traballo ou saúde laboral que non leven consigo risco grave para o traballador nin para os seus compañeiros de traballo ou terceiras persoas, xa que de dárense estas circunstancias será considerada como grave ou moi grave segundo os casos.

* Faltas graves.

1. A embriaguez ocasional.

2. Cambiar, mirar ou revolve-los armarios ou efectos persoais dos compañeiros de traballo, sen a debida autorización dos interesados.

3. Non atende-lo público coa corrección e dilixencia debidas.

4. Alegar motivos falsos para a obtención de licencias ou permisos.

5. Permanecer en zonas ou lugares distintos daqueles nos que debe realiza-lo seu traballo habitual sen causa que o xustifique ou sen estar autorizado para iso.

6. Máis de dúas faltas inxustificadas de puntualidade na asistencia ó traballo, durante un mes ou trinta días naturais.

7. Faltar ó traballo un día no mes sen causa xustificada.

8. Non comunicar coa dilixencia debida as alteracións familiares que poidan afecta-los procesos administrativos ou prestacións sociais. Se mediase algunha malicia será considerada como moi grave.

9. Simula-la presencia doutro traballador na empresa mediante calquera forma.

10. A neglixencia no traballo que afecte á boa marcha deste.

11. A imprudencia no traballo, que se implicase risco de accidente para o traballador ou outros, ou ben perigo de avaría na maquinaria, ferramentas ou instalacións, poderá ser considerada moi grave.

12. A asistencia reiterada ó traballo en estado de embriaguez ou toxicomanía.

13. A reincidencia en falta leve dentro dun trimestre, cando haxa sanción por escrito da empresa.

14. Non advertir e instruír adecuadamente a outros traballadores sobre os que teña algunha relación de autoridade ou mando do risco do traballo que se vai executar e do posible modo de evitalo.

15. Transmitir ou permiti-lo tránsito por lugares ou zonas perigosas levando útiles de ignición, así como por lugares expostos ó risco de incendio.

16. A falta de sixilo profesional divulgando datos, informes ou antecedentes que poidan producir prexuízo de calquera tipo á empresa.

17. Calquera falsidade ou inexactitude deliberada nos partes ou documentos de traballo, ou a negativa á súa formalización, así como proporcionar falsa información á dirección da empresa, ou ós seus superiores en relación co traballo.

18. A inxustificada delegación de funcións ou traballos en persoal de inferior rango laboral ou non cualificado para a súa realización.

19. A aceptación de dádivas ou regalos por dispensar trato de favor no servicio.

20. A diminución voluntaria do rendemento do traballo normal.

21. Non informar coa debida dilixencia ós seus xefes, ó empresario, a quen o represente de calquera anomalía que observe nas instalacións e demais utensilios, ferramentas, maquinaria e materiais.

22. Descoidos de importancia na conservación, limpeza ou utilización de materiais, máquinas, ferramentas e instalacións que o traballador utilice.

23. Usa-lo teléfono da empresa para asuntos particulares, sen autorización.

* Faltas moi graves.

1. A desobediencia continuada ou persistente no traballo.

2. A fraude, a deslealdade, ou o abuso de confianza nas xestións encomendadas, así como o furto ou roubo tanto á empresa como ós compañeiros de traballo ou a terceira persoa, dentro das instalacións da empresa ou durante o desenvolvemento da súa actividade profesional.

3. Realizar, sen o oportuno permiso, traballos particulares durante a xornada de traballo, así como empregar ferramentas, utensilios ou materiais para uso propio.

4. Maliciosamente, facer desaparecer, inutilizar, esnaquizar ou causar desperfectos en materiais, ferramentas, utensilios, aparellos, instalacións, vehículos, edificios, útiles e mesmo documentos da empresa.

5. A condena por sentencia firme por delictos de roubo, furto, violación ou abusos sexuais, así como calquera outro delicto que puidese implicar desconfianza da empresa respecto ó seu autor, aínda cando estes fosen cometidos fóra da empresa.

6. A embriaguez ou toxicomanía habitual durante o traballo que repercuta negativamente no traballo.

7. Viola-lo segredo da correspondencia ou de documentos reservados da empresa.

8. Revelar a elementos estraños á empresa datos desta de obrigada reserva.

9. Dedicarse a actividades profesionais, por conta propia, en empresas de competencia, sen a oportuna e expresa autorización.

10. Os malos tratos de palabra ou obra ou faltas graves de respecto e consideración ós superiores, compañeiros ou subordinados.

11. A imprudencia, neglixencia ou incumprimento das normas ou ordes sobre seguridade e hixiene no traballo, cando por iso se produza grave risco para os traballadores ou danos para as instalacións.

12. Causar accidentes graves por neglixencia, descoido ou imprudencia inescusables ou serio perigo para as empresas.

13. A non utilización de medios ou materiais de prevención de riscos de accidentes de traballo facilitados pola empresa.

14. Abandona-lo posto de traballo en cargo de responsabilidade ou cando con iso causase un prexuízo grave no proceso productivo, deterioración importante das cousas ou serio perigo para as persoas.

15. A diminución voluntaria e continuada no rendemento normal ou pactado.

16. A reincidencia en faltas graves, aínda que sexa de distinta natureza, dentro dun período de seis meses, sempre que fose obxecto de sanción por escrito.

17. A falta de asistencia ó traballo non xustificada por máis de tres días, no mes ou de trinta días naturais.

18. A comisión de erros repetidos e intencionados que poidan orixinar prexuízos á empresa.

19. A emisión maliciosa, ou por neglixencia inescusable, de informes erróneos ou a sabendas de que non son exactos.

20. A simulación de suposto de incapacidade temporal ou accidente.

* Graduación das sancións.

As sancións que poderán impoñe-las empresas en cada caso, graduaranse atendendo á gravidade da falta cometida e poderán se-las seguintes.

Por faltas leves.

Amoestación verbal.

Amoestación escrita.

Por faltas graves.

Suspensión de emprego e soldo de un a vinte días.

Por faltas moi graves.

Suspensión de emprego e soldo de vinteún a noventa días.

Despedimento.

Para a aplicación e graduación das sancións que anteceden, terase en conta.

A) O maior ou menor grao de responsabilidade do que comete a falta.

B) A súa categoría profesional.

C) A repercusión do feito nos demais traballadores e na empresa.

Previamente á imposición de sancións por faltas graves ou moi graves ós traballadores que desempeñen a condición de representante legal ou sindical, seralles instruído expediente contradictorio por parte da empresa, no que serán oídos, á parte do interesado, os restantes membros da representación legal ou sindical a que este pertencese, se os houber.

A obriga de instruí-lo expediente contradictorio aludido anteriormente esténdese ata o ano seguinte ó cesamento no cargo representantivo.

Naqueles supostos nos que a empresa pretenda impoñerlles unha sanción ós traballadores afiliados a un sindicato deberá, con carácter previo á imposición de tal medida, dar audiencia ós delegados sindicais, se os houber.

Artigo 34º.-Comisión paritaria de interpretación e aplicación do convenio.

Cantas dúbidas e diverxencias poidan xurdir entre as partes obrigadas así como as cuestións de interpretación ou aplicación das estipulacións contidas no presente convenio e os seus anexos, serán sometidas obrigatoriamente e como trámite previo ó seu coñecemento polo organismo xudicial ou administrativo competente, a unha comisión paritaria, que estará formada polos membros seguintes de entre os que integraron a comisión negociadora deste convenio.

Representación social: tres membros, de entre os que asinan este convenio nomeados no seu momento polo comité de empresa.

Representación económica: Roberto Tojeiro Peleteiro, Manuel Souto López e José A. Núñez Centeno.

ANEXO I

TÁBOA SALARIAL 1997

Categoría

Salario

base día

Gratif.

Extr. día

Total bruto

ptas./día

Respble. Mtto. eléctrico10.6402.12812.768

Respble. Mtto. mecánico10.6402.12812.768

Categoría

Salario

base día

Gratif.

Extr. día

Total bruto

ptas./día

Xefe taller eléctrico6.8091.3628.171

Xefe equipo4.9969995.996

Oficial 1ª Mtto.4.7389485.685

Oficial 2ª Mtto.4.3158635.178

Oficial 3ª Mtto.3.8027604.562

Axudante Mtto.3.5027004.202

Xefe quenda4.9969995.996

Xefe almacén Pdto. Termdo.7.7501.5509.301

Xefe parque madeira4.9969995.996

Encargado sección4.9969995.996

Oficial 1ª producción4.1268254.951

Oficial 2ª producción3.9127824.694

Oficial 3ª producción3.6687344.401

Axudante producción3.3476694.017

Conductor Volvo3.9127824.694

Responsable laboratorio10.3402.06312.377

Analista laboratorio4.1268254.951

Auxiliar analista3.7357474.482

Xefe almacén recambio5.8681.1747.042

Almaceneiro4.3148635.177

Delineante4.7389485.685

Basculeiro4.3148635.177

Conductor-ordenanza4.3148635.177

Responsable contabilidade6.5751.3157.890

Responsable tesourería6.5751.3157.890

Técnico administración8.1961.6399.836

Oficial administrativo «A»7.1301.4268.556

Oficial administrativo «B»5.8681.1747.042

Tesoureiro5.8681.1747.042

Auxiliar administrativo3.8517704.622

Telefonista4.1268254.951

Responsable informática10.6402.12812.768

ANEXO II

VALORES ECONÓMICOS HORAS EXTRAS

Categoría

Valor ptas.

hora extra x 1

Valor ptas.

hora extra x 1,2

Respble. Mtto. eléctrico2.2002.640

Respble. Mtto. mecánico2.2002.640

Xefe taller eléctrico2.0002.400

Xefe equipo1.6001.920

Oficial 1ª Mtto.1.3001.560

Oficial 2ª Mtto.1.2001.440

Oficial 3ª Mtto.1.0001.200

Axudante Mtto.800960

Xefe quenda1.8002.160

Xefe almacén Pdto. Termdo.1.6001.920

Xefe parque madeira1.1001.320

Encargado sección1.3001.560

Oficial 1ª producción1.1001.320

Categoría

Valor ptas.

hora extra x 1

Valor ptas.

hora extra x 1,2

Oficial 2ª producción1.0001.200

Oficial 3ª producción1.0001.200

Axudante producción800960

Conductor Volvo9001.080

Responsable laboratorio2.2002.640

Analista laboratorio9001.080

Auxiliar analista750900

Xefe almacén recambio1.3001.560

Almaceneiro1.0001.200

Delineante1.0001.200

Basculeiro1.0501.260

Conductor-ordenanza1.0001.200

Responsable contabilidade1.4001.680

Responsable tesourería1.4001.680

Técnico administración1.7002.040

Oficial administrativo «A»1.7002.040

Oficial administrativo «B»1.2001.440

Tesoureiro1.2001.440

Auxiliar administrativo800960

Telefonista9001.080

Responsable informática2.1002.520

8149