Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 241 Luns, 15 de decembro de 1997 Páx. 12.042

IV. OPOSICIÓNS E CONCURSOS

UNIVERSIDADE DE SANTIAGO DE COMPOSTELA

RESOLUCIÓN do 13 de novembro de 1997 pola que se convocan probas selectivas para ingreso na escala de axudantes de arquivos, bibliotecas e museos (sección bibliotecas e sección arquivos) desta universidade.

En cumprimento do disposto nos estatutos desta universidade, aprobados polo Decreto 204/1985, do 19 de setembro, da Xunta de Galicia, e co fin de atende-las necesidades de persoal de administración e servicios,

Este rectorado, no uso das atribucións conferidas polo artigo 18 da Lei de reforma universitaria en relación co artigo 3.2º e) da mesma norma, así como nos estatutos desta universidade, acorda convocar probas selectivas para ingreso na escala de axudantes de arquivos, bibliotecas e museos (sección bibliotecas e sección arquivos) da Universidade de Santiago de Compostela, con suxeición ás seguintes,

BASES DA CONVOCATORIA

1. Normas xerais.

1.1. Convócanse probas selectivas para cubrir 8 prazas na escala de axudantes de arquivos, bibliotecas e museos da Universidade de Santiago de Compostela polo sistema xeral de acceso libre, coa seguinte distribución:

Sección de bibliotecas: 5 prazas.

Sección arquivos: 3 prazas.

1.2. As prazas convocadas terán o seu destino nas localidades de Santiago de Compostela e Lugo.

1.3. Á realización destas probas selectivas seralle de aplicación a Lei 30/1984, do 2 de agosto, de medidas para a reforma da función pública, modificada pola Lei 23/1988, do 28 de xullo, o Real decreto 364/1995, do 10 de marzo, polo que se aproba o Regulamento xeral de ingreso do persoal ó servicio da Administración

xeral do Estado e de provisión de postos de traballo e promoción profesional dos funcionarios civís da Administración xeral do Estado, a Lei 4/1988, do 26 de maio, da función pública de Galicia, modificada polas Leis 4/1991, 3/1995, do 10 de abril, o Decreto 95/1991, do 20 de marzo, os estatutos da Universidade de Santiago de Compostela e as bases desta convocatoria.

1.4. A adxudicación das prazas efectuarase de acordo coa puntuación final obtida.

1.5. O procedemento de selección será o de concurso-oposición. No que se refire ás probas e valoración axustarase ó que se especifica no anexo I.

1.6. O inicio dos exercicios non comezará antes do mes de febreiro de 1998.

1.7. O programa que rexerá para a fase de oposición é o que figura no anexo II desta convocatoria.

2. Requisitos dos candidatos.

2.1. Para seren admitidos á realización das probas selectivas os/as aspirantes deberán reuni-los seguintes requisitos:

a) Ser español ou ostentar a condición de nacionalidade dun Estado membro da Comunidade Europea.

b) Ter cumpridos os 18 anos.

c) Estar en posesión do título de diplomado universitario, arquitecto técnico, enxeñeiro técnico ou equivalente.

d) Non padecer enfermidade nin estar afectado por limitación física ou psíquica que sexa incompatible co desempeño das correspondentes funcións.

e) Non estar separado mediante expediente disciplinario do servicio de calquera Administración pública nin estar inhabilitado para o desempeño de funcións públicas.

2.2. Tódolos requisitos enumerados nos apartados anteriores deberán posuirse no día da finalización do prazo de presentación de solicitudes e manterse ata a data da toma de posesión como funcionario.

3. Solicitudes.

3.1. Os/as que desexen tomar parte nestas probas selectivas deberán facelo constar en instancia que se axustará ó modelo que figura como anexo IV desta convocatoria. A instancia deberá ir acompañada da seguinte documentación:

a) Fotocopia do DNI.

b) Certificación acreditativa dos servicios prestados fóra da Universidade de Santiago de Compostela, expedida pola unidade de persoal do organismo onde prestaron os servicios. Se os servicios foron prestados na Universidade de Santiago de Compostela, a certificación expedirase de oficio e engadirase á solicitude do/a aspirante.

3.2. As solicitudes dirixiranse ó rector da Universidade de Santiago de Compostela, no prazo de 20 días naturais contados a partir do seguinte ó da publicación do anuncio desta convocatoria no Boletín Oficial del Estado.

3.3. A presentación de solicitudes farase no Rexistro Xeral da Universidade de Santiago de Compostela, sito

no Pazo de San Xerome, praza do Obradoiro, Santiago de Compostela; no Rexistro do Campus de Lugo, sito na Vicexerencia, Augas Férreas, polígono de Fingoi, Lugo; ou nas restantes formas previstas no artigo 38 da Lei 30/1992, do 26 de novembro.

3.4. Os dereitos de exame serán de 3.500 pesetas, que se ingresarán en Caixa Galicia na conta Oposicións número: 2091-0388-90-3110000646. Para realiza-lo ingreso deberá utilizarse por triplicado o modelo de solicitude que figura no anexo IV.

3.5. Os aspirantes con minusvalideces poderán indicalo na solicitude, utilizando para isto o recadro número 4, así como solicita-la adaptación de tempo e medios para a realización dos exercicios para o que utilizarán o recadro número 6.

4. Admisión de aspirantes.

4.1. Rematado o prazo de presentación de solicitudes, o rectorado da Universidade de Santiago de Compostela publicará no taboleiro de anuncios do rectorado resolución pola que se aproba a lista provisional de aspirantes admitidos e excluídos, na que constará o nome e apelidos dos excluídos o número de DNI, así como a causa que motivou a exclusión. Para emenda-lo defecto que teña motivado a súa exclusión ou omisión da relación de admitidos e excluídos, os/as aspirantes disporán dun prazo de 10 días hábiles, contados a partir do seguinte á publicación da citada resolución.

4.2. Os/as aspirantes que, dentro do prazo sinalado, non emenden a exclusión ou aleguen a omisión, xustificando o dereito a seren incluídos na relación de admitidos, serán definitivamente excluídos da realización das probas.

4.3. Unicamente procederá a devolución dos dereitos de exame ós/ás aspirantes que sexan excluídos definitivamente destas probas selectivas e para tal efecto o reintegro realizarase de oficio, para o que terán que facer consta-la entidade bancaria e o número de conta no recadro que para tal efecto figura na solicitude. No caso de que estes datos non figuren, entenderase que renuncian á devolución dos dereitos de exame.

5. Tribunal cualificador.

5.1. O tribunal cualificador destas probas é o que figura como anexo III a esta convocatoria e terá a categoría segunda das recollidas no Real decreto 236/1988, do 4 de marzo (BOE do 19 de marzo) e o Decreto 299/1990, do 24 de maio (DOG do 1 de xuño).

5.2. Os/as membros do tribunal deberán absterse de intervir, notificandollo ó rector da universidade, cando concorran neles circunstancias das previstas nos artigos 28 e 29 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, ou se realizasen tarefas de preparación de aspirantes a probas selectivas nos cinco anos anteriores á publicación desta convocatoria.

O presidente poderá solicitar dos membros do tribunal declaración escrita expresa de non estar incurso nas circunstancias previstas nos ditos artigos.

Así mesmo, os/as aspirantes poderán recursar ós/ás membros do tribunal cando concorran algunha das circunstancias antes reflectidas.

5.3. Con anterioridade á iniciación das probas selectivas, a autoridade convocante publicará no Diario Oficial de Galicia resolución pola que nomean os novos membros do tribunal que vaian substituí-los que perdesen a súa condición por algunha das causas previstas na base 5.2.

5.4. Logo da convocatoria do presidente, constituirase o tribunal, coa asistencia da maioría absoluta dos seus membros, titulares ou suplentes. Na dita sesión, o tribunal acordará tódalas decisións que lle correspondan de acordo co correcto desenvolvemento das probas selectivas.

5.5. A partir da súa constitución, o tribunal, para actuar validamente, requirirá a presencia da maioría absoluta dos seus membros, titulares ou suplentes.

5.6. Dentro da fase de oposición o tribunal resolverá tódalas dúbidas que puidesen xurdir na aplicación destas normas, así como o que se deberá facer nos casos non previstos.

O procedemento de actuación do tribunal axustarase en todo momento ó disposto na Lei 30/1992, do 26 de novembro.

5.7. O tribunal poderá dispoñe-la incorporación ós seus traballos de asesores especialistas para as probas correspondentes ós exercicios que coide pertinentes, limitandose os ditos asesores a presta-la súa colaboración nas súas especialidades técnicas.

5.8. O tribunal adoptará os medios para que os/as aspirantes con minusvalideces gocen de similares condicións para a realización dos exercicios que o resto dos/as participantes. Neste sentido, establecerase para as persoas con minusvalideces que o soliciten na forma prevista na base 3.5 as adaptacións posibles en tempos e medios para a realización dos exercicios.

5.9. O presidente do tribunal adoptará as medias oportunas para garantir que os exercicios escritos sexan corrixidos sen que se coñeza a identidade dos/as aspirantes. O tribunal excluirá aqueles/as opositores que consignen o seu nome nas follas de exame, trazos, marcas ou signos que permitan coñece-la súa identidade.

5.10. Para os efectos de comunicacións e demais incidencias, o tribunal terá a súa sede no rectorado da Universidade de Santiago de Compostela.

5.11. En ningún caso o tribunal poderá aprobar nin declarar que superaron as probas selectivas un número superior de aspirantes ó de prazas convocadas. Calquera proposta de aprobados que contraveña o establecido será nula de pleno dereito.

6. Desenvolvemento dos exercicios.

6.1. A orde de actuación dos opositores iniciarase alfabeticamente polo primeiro da letra H, de conformidade co establecido na Resolución do 16 de maio de 1997 da Dirección Xeral da Función Pública.

6.2. En calquera momento os/as aspirantes poderán ser requeridos polo tribunal coa finalidade de acreditaren a súa identidade.

6.3. Os/as aspirantes serán convocados para cada exercicio en único chamamento, sendo excluídos da oposición os/as que non comparezan, agás nos casos

de forza maior, debidamente xustificados e considerados polo tribunal.

6.4. O día, hora e lugar de realización do primeiro exercicio faranse públicos na resolución que aprobe a relación definitiva de aspirantes admitidos e excluídos.

6.5. A publicación dos sucesivos anuncios de celebración do segundo e restantes exercicios será efectuada polo tribunal nos locais onde se efectuase o primeiro, así como na sede do tribunal, e por calquera outro medio que se xulgue conveniente para facilita-la súa máxima divulgación, con vintecatro horas, polo menos, de antelación á sinalada para a súa iniciación.

6.6. En calquera momento do proceso selectivo, se o tribunal tivese coñecemento de que algún dos/as aspirantes carece dos requisitos esixidos pola presente convocatoria, logo de audiencia ó/á interesado/a, deberá propoñe-la súa exclusión ó rector da universidade, comunicándolle, así mesmo, as inexactitudes ou falsidades formuladas polo/a aspirante na solicitude de admisión ás probas selectivas para os efectos procedentes.

Contra a exclusión do aspirante poderá interporse recurso perante a mesma autoridade indicada no parágrafo anterior, no prazo dun mes contado a partir da notificación da súa exclusión.

7. Lista de aprobados.

7.1. Concluído cada un dos exercicios da fase de oposición o tribunal cualificador fará públicos, no lugar ou lugares de celebración dos respectivos exercicios e naqueloutros que coide oportunos as relacións de aspirantes que teñan superado cada un deles, con indicación da puntuación obtida e do documento nacional de identidade.

7.2. A lista coa valoración de méritos da fase de concurso farase pública unha vez celebrado o último exercicio da fase de oposición.

7.3. A cualificación final realizarase de acordo co previsto no anexo I da presente convocatoria.

7.4. O tribunal fará pública a lista de aspirantes que, segundo a orde da puntuación acadada por cada un deles, fosen seleccionados, a cal en ningún caso poderá contar con número de candidatos/as superior ó das prazas convocadas.

7.5. Finalizado o proceso selectivo, o tribunal elevaralle ó rector a relación definitiva de aspirantes aprobados por orde de puntuación, na que constarán as cualificacións obtidas en cada unha das fases: oposición e concurso.

8. Presentación de documentos.

8.1. No prazo de 20 días naturais a partir do día seguinte a aquel no que se fixesen públicas as relacións definitivas de aprobados no rectorado da universidade, os/as aspirantes que figuren nelas deberán presentar no Servicio de PAS (Casa da Balconada, Rúa Nova, 6 de Santiago de Compostela) a petición de destino logo da oferta destes, acompañada dos seguintes documentos:

a) Fotocopia compulsada do DNI.

b) Fotocopia compulsada do título.

c) Declaración xurada ou promesa de non ter sido separados, mediante expediente disciplinario, do servicio de ningunha administración pública nin estar inhabilitados para o exercicio de funcións públicas.

d) Certificado médico oficial acreditativo de non padecer enfermidade nin estar afectado por limitación física ou psíquica que sexa incompatible co desempeño das correspondentes funcións.

8.2. Ante a imposibilidade, debidamente xustificada, de presenta-los documentos expresados na base anterior, poderá acreditarse que se reúnen as condicións esixidas na convocatoria mediante calquera medio de proba admitido en dereito.

8.3. Quen tivese a condición de funcionario/a de carreira estará exento/a de xustificar documentalmente as condicións e demais requisitos xa probados para obte-lo seu anterior nomeamento, debendo presentar certificación do Rexistro Central de Persoal ou do ministerio ou organismo do que dependese, para acreditar tal condición.

8.4. Quen dentro do prazo fixado, e salvo o caso de forza maior, non presentase a documentación ou do seu exame se deducise que carece dalgún dos requisitos sinalados na base 2, non poderá ser nomeado funcionario/a de carreira e quedarán anuladas as súas actuacións, sen prexuizo da responsabilidade en que incorrese por falsidade na solicitude inicial.

9. Nomeamento de funcionarios/as de carreira.

9.1. Concluído o proceso selectivo, os/as candidatos/as que o superasen serán nomeados/as funcionarios/as de carreira con especificación do destino adxudicado, mediante resolución do rectorado da universidade que se publicará no Diario Oficial de Galicia.

9.2. A toma de posesión destes aspirantes efectuarase no prazo de un mes, contado desde a data de publicación do seu nomeamento no Diario Oficial de Galicia.

10. Norma derradeira.

A presente convocatoria e cantos actos administrativos se deriven dela e da actuación do tribunal poderán ser impugnados, nos casos e nas formas establecidas pola Lei 30/1992, de 26 de novembro, podendo interporse contra a presente resolución recurso contencioso-administrativo no prazo de dous meses, conforme o disposto no artigo 58 da Lei da xurisdicción contencioso-administrativa, comunicando previamente a súa interposición neste rectorado, segundo o artigo 110.3 da Lei 30/1992, do 26 de novembro.

Santiago de Compostela, 13 de novembro de 1997.

Darío Villanueva Prieto

Rector da Universidade de Santiago de Compostela

ANEXO I

DENOMINACION DAS PRAZAS: AXUDANTES DE ARQUIVOS, BIBLIOTECAS E MUSEOS (SECCIÓN BIBLIOTECAS E SECCIÓN ARQUIVOS)

Sección bibliotecas: exercicios e valoración

O procedemento de selección será o de concurso-oposición, que consta das seguintes fases:

1. Fase de oposición, constará dos seguintes exercicios:

Primeiro exercicio, de carácter eliminatorio: consistirá no desenvolvemento por escrito de tres temas elixidos polo opositor de entre seis seleccionados por sorteo ante o tribunal, un de cada un dos grupos de programa que figura no anexo II. O tempo máximo para a realización deste exercicio será de 4 horas. O exercicio deberá ser lido polos aspirantes en sesión pública ante o tribunal, valorandose a formación xeral, a claridade e orde de ideas, a aportación persoal do aspirante e a facilidade da expresión escrita.

A cualificación deste exercicio será de 0 a 10 puntos, sendo eliminados os aspirantes que non obteñan un mínimo de 5 puntos.

Segundo exercicio, terá carácter eliminatorio e consistirá na realización por escrito dun resumo analítico (ata 300 palabras) dun texto con sentido completo, relativo a bibliotecas, nun idioma estranxeiro: inglés, francés ou alemán, á elección do opositor, que o terá que facer constar no impreso de solicitude que figura como anexo IV.

A realización deste exercicio poderá facerse coa axuda de diccionarios das linguas e vocabularios técnicos aportados polos aspirantes.

O tempo máximo para a realización do exercicio será de dúas horas e media.

A cualificación do exercicio será de apto ou non apto, sendo excluídos aqueles aspirantes que fosen valorados como non aptos. Soamente se valoraran coa puntuación de 5 puntos ós declarados aptos.

Terceiro exercicio, de carácter eliminatorio, consistirá no seguinte:

-Catalogación de tres obras modernas en calquera soporte e calquera lingua viva occidental que se realizará de acordo coas vixentes reglas de catalogación (Madrid, Ministerio de Cultura) en formato Ibermarc.

-Os encabezamentos de materia redactaranse de acordo con algunha das listas de encabezamentos existentes, preferentemente os da Universidade de Sevilla, a Library of Congress Subject Headngs e o Repertoire des Vedettes Matière de L'Uiversité Laval. En calquera caso, os aspirantes indicarán o repertorio utilizado.

-CDU.

Proporcionaranselles ós/ás aspirantes fotocopias dos impresos orixinais, que recollerán a información necesaria para a realización da catalogación. Os impresos orixinais poderán consultarse na mesa do tribunal.

Os opositores poderán utiliza-lo material de apoio que consideren conveniente (reglas, repertorios, diccionarios, etc.).

O tempo para a realización deste exercicio será dun máximo de dúas horas.

A cualificación deste exercicio será de 0 a 10 puntos, sendo eliminados os aspirantes que non obteñan un mínimo de 5 puntos.

Cuarto exercicio (obrigatorio e non eliminatorio): constará de dúas probas.

-Primeira proba: consistirá na traducción, sen diccionario, dun texto do castelán para o galego, elixido por sorteo de entre tres propostos polo tribunal.

-Segunda proba: consistirá na traducción, sen diccionario, dun texto do galego para o castelán, elixido por sorteo de entre tres propostos polo tribunal.

O tempo máximo para a realización deste exercicio será duna hora.

Este exercicio cualificarase de 0 a 10 puntos, sendo necesario obter un mínimo de 4,5 puntos para puntuar este exercicio.

Sección arquivos: exercicios e valoración

O procedemento de selección será o de concurso-oposición, que consta das seguintes fases:

2. Fase de oposición, constará dos seguintes exercicios:

Primeiro exercicio, de carácter eliminatorio: consistirá no desenvolvemento por escrito de tres temas elixidos polo opositor de entre seis seleccionados por sorteo ante o tribunal, un de cada un dos grupos de programa que figura no anexo II. O tempo máximo para a realización deste exercicio será de 4 horas. O exercicio deberá ser lido polos aspirantes en sesión pública ante o tribunal, valorándose a formación xeral, a claridade e orde de ideas, a aportación persoal do aspirante e a facilidade da expresión escrita.

A cualificación deste exercicio será de 0 a 10 puntos, sendo eliminados os aspirantes que non obteñan un mínimo de 5 puntos.

Segundo exercicio, de carácter eliminatorio: consistirá na realización por escrito dun resumo analítico, de ata 300 palabras, dun texto con sentido completo, relativo a arquivos, nun idioma estranxeiro: ingles, francés ou alemán a elección do opositor, que terá que indicalo no impreso de solicitude que figura como anexo IV.

A realización deste exercicio poderá facerse coa axuda de diccionarios das linguas e vocabularios técnicos aportados polos aspirantes.

O tempo máximo de duración deste exercicio será de dúas horas e media.

A cualificación deste exercicio será de 0 a 10 puntos, sendo eliminados os aspirantes que non obteñan un mínimo de 5 puntos.

Terceiro exercicio, de carácter eliminatorio: consistirá na elaboración de fichas catalográficas de dous documentos comprendidos entre os séculos XVI-XVII e un expediente dos séculos XVIII-XX. Os opositores traballarán sobre fotocopias, e poderán consulta-los orixinais na mesa do tribunal.

O tempo de realización deste exercicio será de 3 horas.

A cualificación deste exercicio será de 0 a 10 puntos, sendo eliminados os aspirantes que non obteñan un mínimo de 5 puntos.

Cuarto exercicio, obrigatorio pero non eliminatorio: constará de dúas probas:

-Primeira proba: consistirá na traducción, sen diccionario, dun texto do castelán para o galego, elixido por sorteo de entre tres propostos polo tribunal.

-Segunda proba: consistira na traducción, sen diccionario, dun texto do galego para o castelán, elixido por sorteo de entre tres propostos polo tribunal.

O tempo máximo de realización deste exercicio será dunha hora.

A cualificación deste exercicio será de 0 a 10 puntos, sendo necesario obter un mínimo de 4,5 puntos para puntuar neste exercicio.

Fase de concurso: igual para as dúas seccións

2. Fase de concurso: para os/as aspirantes que superen a fase de oposición a valoración de méritos farase da seguinte forma:

2.1. Antigüidade: máximo 6 puntos.

Por cada mes de servicios prestados nas universidades públicas en funcións análogas: 0,042 puntos.

Por cada mes de servicios prestados en calquera Administración pública en funcións análogas ás da praza convocada: 0,021 puntos.

3. Puntuación final: para os efectos de determina-la orde de puntuación dos/as aspirantes aprobados/as, sumaranse ás puntuacións obtidas na fase de oposición as obtidas na fase de concurso.

ANEXO II

DENOMINACIÓN DAS PRAZAS: AXUDANTES DE ARQUIVOS, BIBLIOTECAS E MUSEOS, (SECCION BIBLIOTECAS E SECCIÓN ARQUIVOS)

Temario para (sección bibliotecas) grupo B

I. Biblioteconomía e documentación.

Tema 1. Concepto e función dos servicios bibliotecarios. Clases de bibliotecas.

Tema 2. Bibliotecas nacionais. Concepto e función.

Tema 3. Bibliotecas públicas. Concepto e función.

Tema 4. Bibliotecas universitarias. Situación das bibliotecas universitarias en España.

Tema 5. As bibliotecas de Galicia. A biblioteca universitaria de Santiago de Compostela: situación actual.

Tema 6. Instalación e equipamento das bibliotecas universitarias.

Tema 7. Os documentos e as súas clases.

Tema 8. Desenvolvemento das coleccións, con especial referencia á xestión das adquisicións e dos diversos soportes da información.

Tema 9. Xestión dos fondos bibliotecarios: a súa preparación para o uso público.

Tema 10. Xestión dos fondos bibliotecarios: modalidades de acceso, sistemas de organización.

Tema 11. O catálogo na biblioteca universitaria: concepto, fins e problemas de elaboración. Os OPACs. A xestión de autoridades.

Tema 12. Indización e clasificación dos documentos. Análise documental e linguaxes documentais.

Tema 13. Servicios ós lectores: información bibliográfica, difusión da información e formación dos usuarios.

Tema 14. Servicios ós lectores: o acceso ó documento: consulta, préstamo, préstamo interbibliotecario e fotodocumentación.

Tema 15. A cooperación bibliotecaria. Sistemas e redes. Redes de bibliotecas universitarias e de investigación.

Tema 16. Xestión automatizada das bibliotecas universitarias.

Tema 17. Novas tecnoloxías de almacenamento e transmisión de datos.

II. Bibliografía e historia do libro e das bibliotecas.

Tema 1. Definición e obxectivos da bibliografía. Estado actual. O programa CBU-MARC.

Tema 2. A normalización da identificación bibliográfica. ISBD, ISBN, ISSN e outros identificadores.

Tema 3. Concepto e principais Bibliografías de Bibliografías. Bibliografías xerais e das distintas tipoloxías de documentos.

Tema 4. Concepto e principais bibliografías nacionais. Bibliografía nacional española. Fontes bibliográficas para o estudio da cultura galega.

Tema 5. Fontes bibliográficas nas áreas de ciencias sociais e humanidades e distintas formas de acceso.

Tema 6. Fontes bibliográficas nas áreas de ciencia e tecnolosía e distintas formas de acceso.

Tema 7. O libro e as bibliotecas ata a invención da imprenta.

Tema 8. O libro e as bibliotecas desde a invención da imprenta ata o século XVIII inclusive.

Tema 9. O libro e as bibliotecas dos séculos XIX e XX.

Tema 10. A ilustración e encadernación do libro: evolución histórica.

Tema 11. Historia das bibliotecas universitarias.

Tema 12. Historia da Biblioteca Universitaria de Santiago de Compostela.

Tema 13. A industria editorial e da información na actualidade, con especial referencia á edición electrónica e ós seus problemas.

III. Organización administrativa.

Tema 1. A Constitución española de 1978: estructura e contido. Os dereitos e deberes dos españois.

Tema 2. A organización territorial do Estado español. As Comunidades Autónomas. O Estatuto de Autonomía de Galicia.

Tema 3. O funcionario público. Concepto e clases. Situacións, deberes e dereitos.

Tema 4. A organización administrativa na área de educación e investigación, estatal e autonómica de Galicia.

Tema 5. A organización administrativa na área das bibliotecas en relación ó libro, bibliotecas, patrimonio, arquivos e museos. A Consellería de Cultura e Comunicación Social da Xunta de Galicia.

Tema 6. A Lei de bibliotecas de Galicia.

Tema 7. Lexislación sobre o patrimonio artístico, bibliográfico e documental.

Tema 8. Organizacións internacionais no campo das bibliotecas.

Tema 9. A Universidade de Santiago de Compostela. Os seus estatutos.

Tema 10. As normas provisionales da Biblioteca Universitaria de Santiago de Compostela.

Temario para (sección arquivos) grupo B

Arquivística.

Tema 1. Concepto de arquivo e de arquivística. Tipos de arquivos.

Tema 2. Concepto de documento. A súa evolución histórica.

Tema 3. Principios xerais de organización de fondos: Sistemas de clasificación e ordenación de documentos.

Tema 4. O proceso documental. Ingresos, transferencias, selección e eliminación de documentos.

Tema 5. Descrición de fondos: guías, inventarios, catálogos e índices. Elementos de descrición.

Tema 6. O arquivo como centro de conservación: edificio, depósitos e instalacións. Medidas de prevención e conservación.

Tema 7. Etapas dun proceso de restauración de documentos. Medios e procedementos.

Tema 8. A reprografía. Principais sistemas.

Tema 9. A informática aplicada ós arquivos.

Tema 10. Os arquivos históricos xerais. Función e fondos.

Tema 11. Os arquivos das reais chancelerías. Os arquivos históricos rexionais. Función e fondos.

Tema 12. Os arquivos familiares e de empresa.

Tema 13. Os arquivos universitarios: producción e xestión documental. O Arquivo Histórico Universitario da Universidade de Santiago de Compostela.

II. Historia das institucións e fontes documentais.

Tema 1. Monarquía, estado medieval e institucións feudais.

Tema 2. A chancelería castelano-leonesa. Organización, tipoloxía diplomática e sistemas de escritura.

Tema 3. A chancelería catalano-aragonesa e navarra. Organización, tipoloxía diplomática e sistemas de escritura.

Tema 4. As Cortes españolas. Orixe e desenvolvemento histórico.

Tema 5. O monacato e o clero regular en España.

Tema 6. O municipio e a organización municipal.

Tema 7. As universidades. Orixe, creación e desenvolvemento.

Tema 8. A institución notarial.

Tema 9. A administración de xustiza na Idade Moderna e Contemporánea.

Tema 10. A facenda pública e o sistema fiscal nas Idades Moderna e Contemporánea.

Tema 11. A administración e o réxime polisinodial na España do Antigo Réxime: Consellos, Xuntas e Secretarías.

Tema 12. A administración central na Idade Contemporánea.

Tema 13. Fontes documentais e bibliografía para o estudio da administración na idade Moderna e Contemporánea.

Tema 14. Fontes documentais e bibliografía para o estudio da administración de xustiza e a fe pública.

Tema 15. Fontes documentais e bibliografía para o estudio do municipio.

Tema 16. Fontes documentais e bibliografía para o estudio das institucións eclesiásticas.

Tema 17. Fontes documentais para o estudio da historia e institucións de Galicia.

III. Organización administrativa.

Tema 1. A Constitución española de 1978: estructura e contido. Os dereitos e deberes dos españois.

Tema 2. A organización territorial do Estado español. As comunidades autónomas. O Estatuto de autonomía de Galicia.

Tema 3. O funcionario público. Concepto e clases. Situacións, deberes e dereitos.

Tema 4. O Ministerio de Educación e Cultura. As universidades. A Consellería de Educación e Ordenación Universitaria da Xunta de Galicia. A Dirección Xeral de Ordenación Universitaria e Política Ciéntífica.

Tema 5. O Ministerio de Cultura. A súa estructura en relación ó libro, bibliotecas, patrimonio artístico, arquivos e museos. A Consellería de Cultura e Xuventude da Xunta de Galicia. A súa estructura en relación ó libro, bibliotecas, patrimonio artístico, arquivos e museos.

Tema 6. Sistema español de arquivos.

Tema 7. O sistema de arquivos de Galicia. Os seus arquivos. Funcións e fondos.

Tema 8. Lexislación sobre o patrimonio artístico, bibliográfico e documental.

Tema 9. Organismos internacionais de arquivos.

Tema 10. A Universidade de Santiago de Compostela. Os seus estatutos

ANEXO III

DENOMINACIóN DA PRAZA: AXUDANTES DE ARQUIVOS, BIBLIOTECAS E MUSEOS (SECCIÓN BIBLIOTECAS E SECCION ARQUIVOS)

Tribunal titular.

Presidente:

-José Manuel Rivera Otero, vicerrector de Extensión Cultural e Servicios á Comunidade Universitaria da Universidade de Santiago de Compostela.

Vocais:

-Mª José Justo Martín, directora do Arquivo Histórico da Universidade de Santiago de Compostela.

-Clara Isabel Pérez Zalama, subdirectora do Arquivo Histórico da Universidade de Santiago de Compostela.

-Mª Virtudes Pardo Gómez, subdirectora de Coordenación da Biblioteca Universitaria de Santiago de Compostela.

-Consuelo Tacón Sanjuás, axudante de arquivo da Universidade de Santiago de Compostela, en representación da xunta de persoal de PAS Funcionario desta Universidade.

-Xosé Anxo Doval Rey, axudante de Biblioteca da Universidade de Santiago de Compostela, en representación da xunta de pesoal de PAS funcionario.

Secretario:

-Xosé Ramón Lema Bendaña, xefe do Negociado de Mantemento de Fondos da Biblioteca Xeral da Universidade de Santiago de Compostela, que actuará con voz pero sen voto.

* Tribunal suplente.

Presidente:

-Luis Concheiro Carro, vicerrector de Relacións Exteriores e Proxección Universitaria da Universidade de Santiago de Compostela.

Vocais:

-Severiano Hernández Vicente, director do Arquivo da Universidade de Salamanca.

-Marina García Pita, xefa do Servicio de Arquivos da Consellería de Cultura.

-Pilar González Nóvoa, subdirectora técnica da Biblioteca Universitaria de Santiago de Compostela.

-Mª del Mar García Miraz, axudante de arquivo do Arquivo do Reino de Galicia, en representación da Xunta de Persoal de PAS funcionario da Universidade de Santiago de Compostela.

-Isidoro Castaño Ballesteros, axudante de biblioteca da Universidade de Santiago de Compostela, en representación da xunta de persoal de Pas funcionario da Universidade de Santiago de Compostela.

Secretario:

-Almudena Quintáns López, xefa do Negociado de Información da Biblioteca Xeral da Universidade de Santiago de Compostela, que actuará con voz pero sen voto.

O tribunal poderá dispoñe-la incorporación con carácter temporal doutros funcionarios/as públicos para colaboraren no desenvolvemento do proceso selectivo, tal e como se prevé no artigo 12.4 do Real decreto 364/1995, do 10 de marzo.

8965