Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 240 Venres, 12 de decembro de 1997 Páx. 11.983

VI. ANUNCIOS

DA ADMINISTRACIÓN AUTONÓMICA

AUGAS DE GALICIA

RESOLUCIÓN do 26 de novembro de 1997 pola que se fai pública a declaración do impacto ambiental do proxecto básico da presa de Acheiro no concello de Laracha (A Coruña).

En cumprimento do disposto no artigo 5 do Decreto 442/1990, do 13 de setembro, de declaración do impacto ambiental para Galicia, faise público o acordo da Comisión Galega do Medio Ambiente, do 30 de setembro de 1997, polo que se formula a declaración do impacto ambiental do proxecto básico da presa de Acheiro, no concello de Laracha (A Coruña), promovido por Augas de Galicia, Departamento de Xestión do Dominio Público Hidráulico, Consellería de Política Territorial, Obras Públicas e Vivenda da Xunta de Galicia, que se transcribe como anexo a esta resolución.

Santiago de Compostela, 26 de novembro de 1997.

Emilio García Gallego

Presidente de Augas de Galicia

ANEXO

Acordo do 30 de setembro de 1997, da Comisión Galega de Medio Ambiente polo que se formula, declaración do impacto ambiental do proxecto básico da presa de Acheiro, no concello de Laracha ( A Coruña).

O Decreto 442/1990, do 13 de setembro de avaliación do impacto ambiental para Galicia, establece a obriga de formular declaración de impacto ambiental, con carácter previo á resolución administrativa que se adopte para a realización, ou se é o caso, a autorización da obra, instalación ou actividade.

En virtude do establecido no artigo 5, punto 2 do citado decreto, Augas de Galicia, no proceso da súa tramitación e mediante a publicación, no DOG do 25 de marzo de 1997, así como no BOE do 3 de abril de 1997 e no BOP do 18 de abril de 1997, da resolución de Augas de Galicia, pertencente á Consellería de Política Territorial, Obras Públicas e Vivenda, sométese ó trámite de información pública o proxecto básico e estudio de impacto ambiental da presa de Acheiro, concello de Laracha (A Coruña), clave OH.115.339/PRE e anúnciase a apertura do proceso de información pública, por un período de trinta días hábiles, contados a partir da data de publicación.

En aplicación da normativa vixente en materia de presas e encoros, así como do estipulado no Decreto 442/1990, de avaliación do impacto ambiental, os documentos e proxectos técnicos, sometidos a consulta e información pública, foron remitidos á Dirección Xeral de Calidade Medioambiental e Urbanismo, Dirección Xeral de Montes e Medio Ambiente Natural, Dirección Xeral de Patrimonio Cultural, Dirección Xeral de Saúde Pública, Dirección Xeral de Industria e Secretaría Xeral para a Protección Civil e o Medio Ambiente.

Durante o proceso de información pública foron presentadas alegacións, que aparecen recollidas no anexo IV.

Unha vez cumprida a tramitación de información pública sen térense presentado informes desfavorables, Augas de Galicia elaborou o correspondente informe técnico e o documento borrador de declaración de impacto ambiental, que foi remitido á Comisión Galega do Medio Ambiente, para completa-lo expediente de referencia.

A Comisión Galega de Medio Ambiente, no exercicio das competencias que lle concede ó Decreto 442/1990, formula para os únicos efectos ambientais a declaración de impacto ambiental (DIA), do proxecto básico da presa de Acheiro no concello de Laracha (A Coruña), promovido pola Consellería de Política Territorial, Obras Públicas e Vivenda da Xunta de Galicia.

A relación de organismos consultados e o resumo das súas respostas figura no anexo I.

No anexo II faise unha descrición do Proxecto coas distintas alternativas estudiadas.

No anexo III, sinálanse as condicións que establece o programa de vixilancia ambiental.

No anexo IV recóllense as alegacións presentadas, así como a súa valoración.

Declaración de efectos ambientais

Examinada a documentación presentada (proxecto básico, estudio de impacto ambiental, informes ambientais e alegacións), a Comisión Galega de Medio Ambiente considera á vista do informe técnico presentado polo órgano substantivo, que, das dúas alternativas propostas, a consistente en presa de gravidade é a ambientalmente máis favorable e pola presente declaración de impacto ambiental e co obxecto de garanti-la minimización dos efectos ambientais negativos, establece, ademais das medidas incluídas no estudio de impacto ambiental, as seguintes condicións.

1. Protección do solo.

O parque de maquinaria, zona de almacenamento de materiais, planta de formigonado e calquera outra instalación auxiliar que se requira no proceso constructivo da presa, será situada no vaso do encoro.

Os residuos que precisen unha xestión especial polas súas características (aceites, hidrocarburos, restos de pintura..., etc.) deberán ser entregados a xestores autorizados para a súa eliminación.

O solo fértil recollido na zona de obra para o seu posterior emprego nos labores de restauración e integración paisaxística da obra, almacenaranse no vaso do encoro e nas condicións estipuladas no EIA ata que vaia sendo utilizado de modo secuencial nas ditas labores de restauración unha vez as superficies que se van tratar vaian alcanzando o seu estado definitivo.

Xuntarase, en fase de proxecto constructivo, un documento complementario a aquel no que se recollan, de forma suficientemente detallada, as características do Plan viario e de accesos á obra e do plan de tratamento e adecuación ambiental das zonas de préstamos e ubicación de sobrantes, incluíndo materiais non utilizables no proceso constructivo como material forestal, solo fértil..., etc. Este documento deberá ser remitido ó órgano ambiental para a súa aprobación, logo do ó comezo das obras.

2. Protección das augas e leitos.

Prohíbese a realización de calquera tipo de vertido ás augas continentais.

Antes de proceder ó desvío do caudal do Acheiro para acomete-la obra da presa e do caudal do Anllóns para acomete-la conducción de abastecemento a Laracha e Arteixo, avisarase o órgano ambiental, así como o Servicio Provincial da Dirección Xeral de Montes e Medio Ambiente Natural para que se poidan toma-las medidas correctoras que se consideren oportunas.

Se houbese que cruzar algún caudal, independentemente da súa entidade, empregaranse estructuras de paso tipo pórtico, evitando afecta-los leitos fluviais.

As cifras de caudal ecolóxico que se establecen, a partir do informe emitido pola Dirección Xeral de Montes e Medio Ambiente Natural para este proxecto son as seguintes:

-Caudal ecolóxico de novembro a marzo: 140 l/seg.

O resto do ano (abril-outubro) liberarase como caudal ecolóxico o 30% das achegas ó encoro. Dada a inexistencia de datos contrastados ó respecto, instalarase unha estación de medición na cola do encoro co obxecto de garanti-la liberación do 30 % das achegas.

Para a medida do cadual ecolóxico instalarase por parte do promotor, un dispositivo de rexistro e medida que permita a avaliación destes datos de forma sinxela e a conexión del cun sistema informático de adquisicíon de datos, que estará á disposición do órgano competente da Administración.

Previamente á aprobación do proxecto constructivo, o promotor deberá remitir ó órgano ambiental un plan de análises das augas dos ríos Acheiro e Anllóns, no que se indiquen os parámetros físico-químicos e biolóxicos que hai que controlar e a periodicidade das análises, tanto en fase de construcción como de explotación. Este plan estará integrado no programa de medidas correctoras.

O promotor quedará obrigado a notificar calquera vertido que se produza durante as obras ou a explotación do encoro, á Delegación Provincial da Consellería de Sanidade e Servicios Sociais da Coruña, e ós concellos que se subministren augas abaixo.

En todo caso, sempre prevalecerá o interese público sobre calquera outro.

3. Protección da atmosfera.

Controlaranse as emisións de poeira producidas durante as operacións de movemento de terras e transporte de materiais mediante a humidificación das vías. Os valores de emisión deberán manterse en todo momento por debaixo dos límites fixados pola normativa vixente.

O promotor deberá aterse ó disposto na Lei 7/1977, do 11 de agosto, de protección contra a contaminación acústica.

4. Portección das comunidades faunísticas.

Os labores que impliquen a realización de explosións deberán realizarse fóra do período de cría das especies animais.

5. Protección do patrimonio.

Previamente á realización do proxecto constructivo realizarase un estudio arqueolóxico baseado nunha prospección arqueolóxica superficial nun ámbito que englobe a zona de inundación e unha banda de 200 m medida desde o límite externo da zona de inundación. No dito ámbito procederase tamén á identificación dos elementos arquitectónicos de valor histórico, artístico e etnográfico.

Ademais, na fase de obras e, concretamente, na fase de deforestación do vaso do encoro e movemento de terras realizarase un seguimento arqueolóxico, procederase, no caso de que apareza algún xacemento que resultase afectado polas obras, á realización actuacións puntuais sobre eles.

Tódolos traballos se axustarán ás directrices da Dirección Xeral do Patrimonio Cultural da Consellería de Cultura e Comunicación Social.

6. Proxecto de restauración.

Deberá redactarse o proxecto de restauración incluíndo os medios expostos no estudio de impacto ambiental, así como aqueloutros necesarios para dar cumprimento ás medidas expostas na presente declaración, incorporándoas ás correspondentes partidas orzamentarias. Deberá ser redactado e aprobado de forma conxunta co proxecto constructivo.

7. Accesibilidade.

Repoñeranse todos aqueles vieiros que resulten interceptados polo proxecto e restauraranse ás súas condicións orixinais aquelas vías utilizadas na zona de obras para o desprazamento de maquinaria.

8. Seguimento e vixilancia.

Redactarase un programa de vixilancia ambiental para o seguimento e control dos impactos e da eficacia das medidas correctoras establecidas no estudio de efectos ambientais e nas condicións da presente declaración.

O plan deberá sinala-las circunstancias, frecuencias e períodos de emisión dos informes. Tamén deberá orzarse e incorporarse ás partidas orzamentarias correspondentes.

Este plan deberá ser remitido ó órgano ambiental para a súa aprobación previa ó comezo das obras.

9. Documentación adicional.

O órgano substantivo, Consellería de Política Territorial, Obras Públicas e Vivenda, remitirá á Comisión Galega de Medio Ambiente, de forma previa á aprobación do proxecto constructivo, un escrito no que se certifique a incorporación a este da documentación e prescricións adicionais establecidas por esta declaración, así como un informe sobre o seu contido e conclusións.

10. Definición contractual das medidas correctoras.

Tódolos datos e conceptos relacionados coa execución das medidas correctoras recollidas no estudio de efectos ambientais e na presente declaración figurarán xustificados tecnicamente na memoria e anexos do proxecto constructivo, establecendo o seu deseño, situación e dimensións no documento planos, as súas esixencias técnicas no prego de prescricións e a súa definición económica no orzamento do proxecto.

O promotor deberá notificar ó órgano ambiental a data de comezo das obras.

O órgano ambiental da Xunta de Galicia, a Comisión Galega de Medio Ambiente, no desenvolvemento das súas funcións, poderá exercer labores de inspección ambiental e toma-las medidas pertinentes, no caso de observarse anomalía ou incorrecta execución das obras con repercusión ambiental, o que lle comunicará ó órgano substantivo (Augas de Aguas).

Santiago de Compostela, 30 de setembro de 199l7.

José Francisco Alonso Picón

Secretario da Comisión Galega do Medio Ambiente

Visto e prace

José Luis Aboal García-Tunón

Vicepresidente da Comisión Galego do Medio Ambiente

Presidente en funcións

ANEXO I

CONSULTAS SOBRE O IMPACTO AMBIENTAL DO PROXECTO

Relación de organismos consultadosSolicitudeResposta

-D.X. de Saúde Pública18-4-9723-5-97
-D.X. de Montes e Medio Ambiente Natural18-4-9723-5-97
-D.X. do Patrimonio Cultura18-4-9719-5-97
-D.X. de Calidade Medioambiental e Urbanismo18-4-9729-5-97
-D.X. de Industria18-4-9712-5-97

A Dirección Xeral de Saúde Pública emite informe favorable ó proxecto básico, advertindo da necesidade de controlar rigorosamente os vertidos realizados no río Anllóns, de tal forma que a calidade da agua non sexa nunca inferior á capacidade de tratamento das plantas potabilizadoras dos núcleos de Carballo e Ponteceso.

A Dirección Xeral de Calidade Medioambiental e Urbanismo (CPTOPV) emite informe favorable ó proxecto básico, sempre e cuando se cumpran as medidas correctoras establecidas no EIA.

A Dirección Xeral de Montes e Medio Ambiente Natural informa dos réximes de caudais ecolóxicos que hai que establecer na presa de Acheiro e sinala que non se precisa dispositivo de franqueo. As cifras de caudal ecolóxico que establecen son as seguintes:

-Caudal ecolóxico de novembro a marzo: 140 l/seg.

-Caudal ecolóxico de abril a outubro: 80 l/seg.

A Dirección Xeral do Patrimonio Histórico e Documental destaca a inexistencia de informes baseados en traballos de campo relativos ó impacto do proxecto sobre o patrimonio arqueolóxico. Sinala, ademais, que a zona onde se sitúa o proxecto non conta con inventario exhaustivo de xacementos arqueolóxicos polo que non se pode establece-lo impacto do proxecto sobre o patrimonio arqueolóxico sen unha prospección superficial previa.

Sinala tamén que, polo tanto, é conveniente a realización dun estudio específico do impacto da presa sobre o patrimonio histórico, facendo especial fincapé no patrimonio arqueolóxico, onde se establezan as posibles afeccións sobre este patrimonio.

O estudio incluirá unha prospección arqueolóxica levada a cabo por técnicos competentes de acordo cun proxecto presentado e autorizado pola Dirección Xeral de Patrimonio Cultural da Consellería de Cultura e Comunicación Social da Xunta de Galicia de acordo coa Lei 8/1995, de 30 de outubro, do patrimonio cultural de Galicia e do Decreto 62/1989, do 31 de marzo, polo que se regula a actividade arqueolóxica na Comunidade Autónoma galega. O proxecto de prospección arqueolóxica terá que incluír:

-Prospección arqueolóxica intensiva da zona que abranga a conca máxima de captación da presa proxectada. Polo tanto, débese ter en conta que:

-O proxecto deberá incorpora-la prospección arqueolóxica de campo de toda a área afectada polo proxecto de construcción da presa de Acheiro e do

seu contorno inmediato para a catalogación e delimitación dos restos arqueolóxicos localizados.

-O proxecto de obra incorporará, de ser preciso, un programa de actuacións arqueolóxicas compatible co plan de obra de cara á protección e conservación dos xacementos arqueolóxicos en coordinación con esta dirección xeral.

-Os resultados do estudio, xunto cos planos das obras que poidan afectar ós elementos do patrimonio cultural, deberán remitirse a esta Dirección Xeral co fin de establece-las medidas correctoras que se consideren necesarias para a protección do patrimonio.

A Dirección Xeral de Industria informa favorablemente sobre o proxecto básico sempre e cando se cumpran as seguintes condicións:

Fase de obras:

-Débese garantir que non se superan os límites establecidos pola normativa vixente para a inmisión de partículas sólidas.

-Os RTP's que se xeren nesta fase deberán ser tratados de acordo coa normativa que lles sexa de aplicación.

-Deberase realizar un seguimento que garante a conservación da calidade da auga do río Acheiro.

Fase de explotación:

-Os RTP's que se xeren nesta fase deberán ser tratados de acordo coa normativa que lles sexa de aplicación.

ANEXO II

DESCRICIÓN DO PROXECTO

O sistema de abastecemento de auga dos concellos de Laracha e Arteixo é actualmente deficitario. Desde a CPTOPV da Xunta de Galicia exprésase a necesidade de construír un sistema de abastecemento de auga, que se plasma no estudio realizado pola Xunta de Galicia en 1993 Análise da Viabilidade Técnica de Aproveitamentos Hidráulicos para os Abastecementos de Arteixo e Gondomar e no Anteproxecto da Presa de Acheiro.

Neste último anteproxecto, considérase a localización dunha presa sobre o río Acheiro como a mellor alternativa da subministración de auga para as poboacións de Laracha e Arteixo. As demandas estimadas ascenden a 200 l/s en Arteixo (70 l/s consumo doméstico e 130 l/s polígono de Sabón) e en Laracha a demanda urbana é de 50 l/s.

O encoro recibe unha achega anual media de 13.63 hm (432 l/s), sendo capaz de regular un caudal superior á demanda máxima para a zona (250 l/s).

A cerrada da presa do río Acheiro sitúase próxima á confluencia do río Anllóns, do que é afluente pola súa marxe esquerda, regulándose unha área vertente de 17,28 km que practicamente coincide coa conca completa. Cerrada e vaso sitúanse no concello de Laracha.

As características xeolóxicas dos materiais que forman a cerrada e o vaso son similares e relativamente homoxéneas. No fondo da valgada aparecen solos arrastrados e depositados polo río en épocas de enchente, que se clasifican como solos aluviais, con espesor máximo de catro metros e escasa extensión superficial así como solos residuais con espesores máximos detectados de 3 m. Debaixo dos solos aparece un substrato rocoso formado por xistos grises con algunhas intercalacións de cuarcita e gneises alcalinos con xuntas onduladas, rugosas, parcialmente abertas na crista alterada e cerradas no seu estado san. A estructura xeral da cerrada responde á propia do contorno xeolóxico, con xuntas tipo S en dirección ESE-WNW e inclinación cara ó SW e outras de tipo diáclasas con menor frecuencia. Os noiros actuais do vaso son estables, existindo unicamente un pequeno coluvión que podería ser removido durante as fases de roza e primeira enchedura do encoro.

Solucións alternativas

1. Presa de gravidade:

De directriz recta, fixa o limiar da canle de desauguamento de labio fixo (20 m de largo) na cota 154, cunha altura de presa sobre o leito de 27 m e sobre alicerces de 38 m. A cota aproximada da cimentación é a 124. A capacidade do encoro ascende a 4,6 hm. Os noiros da presa son 0,1:1 augas arriba e 0,75:1 augas abaixo. A presa sería de formigón compactado, polo que á hora de defini-la sección tipo dela prevese deixar na parte superior, a partir da cota de coroación do vertedoiro da canle de desauguamento, un tramo con noiro vertical que permita o tránsito da maquinaria de posta en obra deste tipo de estructuras.

A presa ten a coroación na cota de 159 m. A coroación ten unha largura de 6 m, catro metros de vía rodada con dúas beirarrúas dun metro a cada lado e varanda a ámbolos dous lados.

A canle de desauguamento está situada no propio corpo da presa, centrado aproximadamente co eixo do río. A canle de desauguamento é de labio fixo, sen comportas, ten 20 m de largo e a cota de coroación do vertedoiro a 154 m. Para dar continuidade á coroación da presa prevese a realización dunha ponte sobre a canle de desaugue a base de vigas de lousa de formigón pretensado con cantos da orde dun metro para unha luz duns 21 metros.

Deseñouse un perfil do labio do vertedoiro tipo Creager. O labio faise tanxente ó noiro augas abaixo. Despois do acordo parabólico co labio do vertedoiro, un canle de descarga segue o noiro de augas abaixo da presa, e ten uns muros caixeiros de altura variable en función do calado de deseño da canle de desauguamento.

Para disipa-la enerxía creada pola altura da presa, situouse un cunco de amortecemento na zona de augas abaixo co fin de restituí-la auga ó río nas mellores condicións. O cunco ten un largo de 20 m

coa soleira colocada á cota 123,90 m. Ten unha lonxitude de 40 m e un chanzo augas abaixo na cota 128,50 que obriga a saí-la auga como mínimo en réxime crítico. Deste xeito, o resalte hidráulico que disipa a maior parte da enerxía prodúcese sempre dentro do cunco. A canle de desauguamento é capaz de desauga-lo enchente de período de retorno 500 anos cunha sobreelevación de 2,64 m sobre o limiar da canle de desauguamento, o que dá unha cota de máximo encoro extraordinario de 156,04 m.

Para garanti-lo correcto control e auscultación da presa, foi deseñada unha galería perimetral ó longo do contacto presa-alicerce, pero un pouco máis alta có dito contacto para que a galería quede claramente incluída dentro do corpo da presa para evitar posibles liñas de filtración e fisuración. A galería é de sección rectangular de 2,20 m de largo e 2,40 m de altura, para poder utilizala no caso de que a presa se constrúa coa técnica do formigón compactado con rolo.

Desde a galería realizaranse tanto as campañas de inxección como a pantalla de drenaxe que asegure a disminución das subpresións. A pantalla de drenaxe deberá ter unha profundidade mínima en rocha da orde de 25 m para asegura-lo corte da xunta do sistema de xuntas da rocha que presenta unha posición máis favorable ó deslizamento da estructura e, polo tanto, a súa drenaxe.

A media altura sitúase unha galería intermedia, case horizontal, que serve para facilita-la correcta auscultación das xuntas entre bloques, posibles fisuras así como para o control dos movementos da presa cos correspondentes péndulos.

O desvío do río Acheiro durante a construcción da presa realizaríase mediante unha galería de sección idéntica á galería perimetral, pero colocada no sentido do río nun dos bloques centrais da presa. Esta galería de desvío situarase na cota 129 e polo tanto pasará por debaixo da galería perimetral.

O desaugadoiro de fondo estará formado por dous tubos de 800 mm de diámetro colocados á cota 132 aproximadamente. Cada tubo de desaugamento estará controlado por dúas válvulas tipo Bureau, de tal xeito que a primeira actuará como válvula de seguridade, sempre aberta, e a segunda será a verdadeira válvula de regulación. O desaugamento destes dous elementos producirase no propio cunco de amortecemento da canle de desaugue, tendo o tubo de saída unha pequena pendente descendente da orde do 5%, para asegura-la intersección do chorro da auga de saída coa estructura do cunco.

As cotas de toma previstas para deriva-la auga de abastecemento ás poboacións de Laracha e Arteixo son a 150 e a 142. As canalizacións de toma terán un diámetro de 600 mm e estarán reguladas por un dobre xogo de válvulas de bolboreta e comporta. A situada augas arriba actuará como elemento de seguridade, será de comporta tipo Bureau. A situada augas abaixo, de regulación, será bolboreta.

As válvulas estarán aloxadas fóra do corpo da presa, no edificio anexo e unido a este, onde se situará a estación de bombeo que elevará a auga ata os núcleos urbanos de Arteixo e Laracha. Este edificio conterá ademais o centro de transformación de enerxía e control da presa.

2. Presa de dique:

A solución presa de dique, con pantalla impermeable de formigón augas arriba, ten o limiar da canle de desaugue de labio fixo (30 m de largo) na cota 158, a altura da presa é de 28 m. O limiar máis elevado, que na solución anterior se compensa cunha maior lonxitude do vertedoiro, para, en conxunto, conseguir unha sobreelevación da lámina de auga semellante á da solución presa de gravidade. Poderíase alicerzar directamente sobre a capa de rocha subxacente tras acondiciona-la cerrada e reenchelas xuntas parcialmente abertas ata 10 m de profundidade.

A capacidade do encoro ascende a 5.1 hm. A sección tipo da presa ten noiros 1,35:1 augas arriba e 1,5:1 augas abaixo. Os noiros elixidos finalmente augas abaixo son máis inclinados (2:1) utilizándose o material procedente da propia excavación, de forma que o vertedoiro final da presa se atope incluído no propio corpo da presa. O acabado deste noiro previuse con terra vexetal e posterior sementeira de céspede. Os materiais procedentes da canteira aberta na zona de obras non se poderán empregar para forma-lo corpo da presa debido a que na zona do encoro existen unhas lousas con características moi pouco favorables para o uso como dique. Por isto, nesta solución previuse trae-lo material desde unha zona de granitos que existe a uns 10 km da cerrada.

A coroación atópase tamén na cota 162. O largo de coroación da presa é de 8 metros. Ademais en coroación está previsto construír un quebraondas continuo de formigón para dar un abeiro adicional ó corpo da presa fronte a inundacións.

A pantalla impermeable de formigón colocarase sobre unha capa de regulación de formigón poroso. O deseño proposto permite, no caso de fuga de auga, disipala rapidamente polo dique sen producir subpresións na presa. A pantalla terá unha modulación aproximada de 15 m entre xuntas. O apoio da pantalla no alicerce realizarase a través dunha galería perimetral con sección visitable de 2,40 m de altura e 2 m de largura e que se utilizará para facilita-la auscultación e inxecta-la presa adecuadamente en caso de necesidade. Esta galería atópase encaixada en rocha sa para evitar que vire como consecuencia do empuxe do dique e a pantalla.

A ataguía serve para dar cota e permite a posta en carga do túnel de desvío durante unha enchente así como para te-la pantalla o suficientemente alta como para poder instala-la cámara de chaves do desaugadoiro de fondo e das tomas de auga para o abastecemento. A ataguía ten unha sección similar

á da presa de gravidade de formigón pero con noiros máis tendidos co fin de aguantar correctamente o empuxe do dique sen desprazarse ou virar.

Para desvia-lo río e conseguir que a construcción do dique se realice en seco previuse situar unha galería de desaugamento que durante a construcción da presa actúe como desvío do río e que posteriormente sexa a galería onde estean situados os tubos de desaugamento de fondo e de abastecemento. As dimensións da galería están condicionadas por este uso futuro, se ben foi comprobada a súa capacidade de desauga-la enchente de 10 años de período de retorno, escollida como enchente de deseño durante o período de construcción da presa. Para soporta-los esforzos producidos polo dique, a galería ten forma de arco peraltado tipo túnel. O largo da galería permite dispoñer dun corredor de 1,80 m entre canalizacións para facilita-la explotación correcta de tódolos elementos da presa xa que desde esta galería se poderá chegar a calquera deles.

A galería de desaugadoiro de fondo remata na zona de augas arriba na cámara de chaves, na que estarán situadas as válvulas de seguridade das dúas canalizacións do desaugadoiro de fondo e as válvulas de seguridade das dúas tomas de auga para abastecemento, que estarán sempre abertas salvo emerxencias. Ambos tipos de válvulas serán Bureau cunhas dimensións de taboleiro de 1,0 x 0,8 m e 0,8 x 0,6 m respectivamente. As canalizacións que saen destas válvulas terán un diámetro de 800 mm para o desaugadoiro de fondo e 600 mm para as conduccións de abastecemento.

A galería de desaugamento de fondo remata na zona de augas abaixo da caseta de mecanismos, onde se situarán as válvulas Howell-Bunger para regula-lo caudal de saída polo desaugadoiro de fondo e as válvulas de regulación das tomas, que neste caso poderían ser tipo Bureau ou Bolboreta. A propia caseta acollerá a estación de bombeo e o comezo da conducción de abastecemento ós núcleos urbanos de Laracha e Arteixo.

O caudal vertido polo desaugadoiro de fondo repoñerase ó río Acheiro mediante un cunco de amortecemento tipo USBR de 7 m de largo, que asegura a producción do resalte hidráulico correspondente no seu interior, co cal se restitúe a auga ó leito natural sen favorecer posibles problemas de erosión por exceso de velocidade.

A canle de desaugamento que se propón é lateral e sitúase na marxe esquerda co fin de evitar situalo sobre o corpo da presa, o que podería dar lugar a asentos diferenciais que puideran poñer en perigo a estabilidade da estructura. Na canle de desaugamento lateral, a lonxitude de vertedoiro resulta un tanto superior xa que se poden dar condicións de somerxencia que diminúen a capacidade de vertido. Por iso foi colocado un vertedoiro de 30 m de lonxitude tipo Creager con acordo parabólico augas abaixo. O vertedoiro foi situado á cota 158,00 e a partir deste punto existe unha canle con pendente

horizontal que asegura que toda a zona de captación do vertido traballa en réxime lento. A lonxitude da canle de desaugamento foi calculada de xeito que a sobreelevación producida pola enchente de período de retorno de 500 anos sexa igual a 2 m. A cota resultante para o máximo encoro extraordinario é 160 m.

Aproveitando o cambio de sección entre a trapezoidal da zona de captación da auga do vertedoiro e a rectangular da canle de descarga foi deseñado un cambio de pendente que garante a formación do réxime crítico nunha sección determinada e fixa para todo o rango de caudais previstos. A partir deste punto e sempre en réxime rápido comeza a canle de descarga con sección rectangular de 15 m de largo. Por condicionantes topográficos, esta canle ten dous tramos con pendentes diferentes, existindo unha parábola de acordo entre eles.

A canle de descarga remata nun cunco de amortecemento diferente do proposto para o desaugadoiro de fondo, que realiza as funcións de disipa-la enerxía da agua que leva a canle de desauguamento e devolvela ó río en condicións favorables desde o punto de vista enerxético. Este cunco ten tamén un largo de 15 m e presenta un resalte á cota 128,50 na saída augas abaixo co fin de controla-la colocación do resalte hidraúlico dentro do cunco de formigón.

A realización desta solución vese dificultada porque os materiais das canteiras das proximidades da presa son inadecuados para construír unha presa de dique, así como polo sobrecusto que supoñen a canle de desaugamento e os órganos de desaugamento.

No edificio anexo á presa e pegado á mesma situarase a estación de bombeo. Este edificio conterá ademais o centro de transformación de enerxía e o control da presa.

3. Conducción de auga:

O modelo de conducción é idéntico para as dúas solucións de presa. O trazado da conducción de auga desde a presa de Acheiro ata os depósitos de Laracha e Arteixo realízase mediante un bombeo que se situará na caseta de mecanismos á saída da presa.

A conducción que leva a auga da presa de Acheiro ós municipios receptores foi deseñada para o caudal máximo que pode regula-lo encoro (algo superior ós 300 l/s e superior á demanda obxectivo a serguir: 250 l/s). Comeza nun bombeo no corpo da presa dotado de tres bombas con capacidade individual de bombeo de 150 l/s e potencia de 370 kW, unha das cales queda como reserva que alimenta a tubería inicial.

As conduccións de auga desde a presa de Acheiro ata os depósitos de Laracha e Arteixo realízanse en primeiro termo mediante ó mencionado tubo inicial (de función nodular de 600 mm de diámetro) que vai desde a presa ata unha posible arqueta de derivación, cunha lonxitude de 6.080 m. Desde a caseta

de derivación ó depósito de Laracha existirá un tubo (tamén de fundición de 200 mm de diámetro) cunha lonxitude de 360 m. Desde a caseta de derivación parte tamén o tubo de alimentación do depósito de Arteixo (diámetro 500 mm ata o punto alto de Paiosaco e 400 mm a partir dese punto). Ámbolos dous tubos son de fundición nodular e con lonxitudes respectivas de 3.270 m e 8.650 m. Polo tanto, a lonxitude do tubo que se vai instalar ascende a 18.336 m.

O tubo irá na súa totalidade enterramento en foxo e o seu trazado segue no posible camiños e pistas existentes, aínda que no cruzamento do río Anllóns sepárase dos camiños (o cruzamento realízase por debaixo do leito) e na zona de Paiosaco seguese o trazado da C-552.

ANEXO III

PROGRAMA DE VIXILANCIA AMBIENTAL

O Programa de Vixilancia Ambiental debe establece-lo sistema de control que garanta o correcto cumprimento das indicacións e medidas protectoras e correctoras establecidas no estudio de impacto ambiental e na condición 8 da presente declaración. Así, é necesario desenvolve-los seguintes aspectos:

1. Seguimento e control do cumprimento das medidas consideradas no plan de recollida e mantemento dos solos.

2. Seguimento e control, de forma previa ó inicio das obras, do plan viario e de accesos á obra, así como da área ou as zonas destinadas a parque de maquinaria, instalacións auxiliares e almacenamento de materiais propostas polo promotor.

3. Unha vez localizados no proxecto de construcción os puntos destinados a vertedoiros dos residuos, tanto orgánicos como inorgánicos, que se xeren durante o período de construcción, será necesario establecer unha vixilancia para o correcto uso destes; establecendo, do mesmo xeito, as disposicións necesarias para asegurar que non se produzan vertidos incontrolados sobre os leitos dos ríos ou sobre zonas estremeiras da área de obra. Unha vez rematada a obra, procederase ó seu selado e restauración.

4. Localización, de forma previa ó inicio das obras, dos vertedoiros destinados á acollida de solos inadecuados que, unha vez finalizada a obra, deberán ser sometidos a un proceso de restauración; ó igual que cualquera posible canteira que se cree para sufraga-las necesidades de granulado ou outros materiais necesarios para a construcción da nova presa.

5. Seguimento e control da realización e posterior posta en práctica do proxecto de restauración, incluíndose baixo esta epígrafe o cumprimento de tódalas prescricións contidas no dito proxecto, así como a súa correcta execución e a realización dos labores de mantemento, que deberán levarse a cabo posteriormente, cunha periodicidade, polo menos bianual.

6. Control e seguimento arqueolóxico da obra.

7. Desenvolvemento dun plan de control da cantidade e calidade das aguas do Acheiro e Anllóns augas abaixo da presa.

8. Desenvolvemento dun plan de control da evolución das poboacións piscícolas augas abaixo da presa.

O plan deberá sinala-las circunstancias e prazos de emisión dos informes relativos ó seguimento da actuación e a vixilancia do cumprimento das condicións desta declaración.

Sen menoscabo do que determine o plan, remitirase semestralmente un informe técnico ó órgano sustantivo e ó órgano ambiental, no que se reflicte o progreso na aplicación das diversas medidas correctoras impostas. Así mesmo, sinalaranse as posibles incidencias xurdidas durante o período e as accións de control desenvolvidas.

ANEXO IV

ALEGACIÓNS PRESENTADAS. DATA, AUTOR E SÍNTESE DOS SEUS CONTIDOS

DataAleganteSíntese

2-5-1997Asemblea local

BNG Laracha

Rexeitan o proxecto polo seu grande impacto ambiental considerando ademais como utópico que se apliquen medidas correctoras.

9382